Guía de procedementos e servizos

IF318A

Axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 02/01/2019 00:00 - 04/02/2019 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

1. O obxecto desta orde é fixar as bases reguladoras polas que se rexerá o outorgamento de subvencións da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para facilitar a realización de cursos de interese público para o colectivo do transporte en Galicia (procedemento IF318A), ofertados ás entidades colaboradoras da Administración que se integran no Comité Galego de Transportes por Estrada, regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro.

2. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2019.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

O importe outorgado destinarase a realizar a totalidade dos cursos do plan formativo. Non obstante, se as demandas formativas o aconsellasen, poderá destinarse a impartir outros cursos relacionados coas materias contidas no plan, ou a incrementar o número de edicións dos xa incluídos nel, sempre que non se supere o importe global outorgado e a contía individual de cada curso non supere os límites máximos establecidos na guía de referencia, coa rebaixa que, se é o caso, a entidade solicitante se comprometese a aplicar.

Igualmente, no caso de que a contía global da axuda outorgada non cubra o custo de todo o plan formativo, a entidade beneficiaria poderá aplicala a realizar aqueles cursos ou seminarios incluídos nel que resulten de maior interese para o alumnado.

En todo caso, os cursos que se van realizar, así como os posibles cambios que os afecten, deberán serlles comunicados á Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte nos termos do artigo 21.2 desta orde.

Poderán ser beneficiarias das axudas, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde, as asociacións profesionais de transportistas ou de empresarios de actividades auxiliares ou complementarias do transporte, ou as federacións destas, que teñan xustificado ante a Dirección Xeral de Mobilidade, con anterioridade á data de publicación desta orde, a súa representatividade no marco do sector profesional, para os efectos do regulado polo Decreto 251/1998, do 10 de setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, participen ou non, de xeito efectivo, no referido órgano de representación.

Obrigas das entidades beneficiarias.

1. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde asumen as obrigas recollidas con carácter xeral na normativa de subvencións, e, especificamente, as seguintes:

a) Obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

b) Obriga de permitir que a Dirección Xeral de Mobilidade realice as comprobacións e inspeccións que considere oportunas, ben de xeito directo, ben mediante equipos ou persoal externo designado e acreditado para o efecto, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como de facer o seguimento e control das axudas concedidas.

c) Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

2. As entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a facer constar na publicidade e difusión dos cursos ou seminarios a lenda: «Curso/seminario/xornada (segundo proceda) subvencionado pola Dirección Xeral de Mobilidade, da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galicia».

3. Igualmente, as entidades beneficiarias das axudas estarán obrigadas a pór á disposición da Dirección Xeral de Mobilidade un mínimo dun 15 % das prazas dispoñibles para cada curso (cun mínimo de tres prazas por curso), destinadas preferentemente ao persoal dos corpos e forzas de seguridade do Estado, das unidades adscritas a esta comunidade autónoma e das policías locais, que faga funcións de colaboración en materia de transporte; estas prazas non se computarán para os efectos de cálculo do número máximo de asistentes por curso, nin se acumularán ás prazas dispoñibles en caso de non se cubrir por esta Administración.

4. Nos supostos en que os cursos ou seminarios subvencionados non sexan gratuítos para os asistentes, a entidade organizadora unicamente poderá percibir daqueles a cantidade correspondente á parte do custo non subvencionado, e deberá constar documentalmente este feito.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Mobilidade

Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995053 / 881995077

Fax: 981544351

Email: formacion.transportes@xunta.es

http://civ.xunta.gal/mobilidade

Dirección Xeral de Mobilidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

02/01/2019 00:00 - 04/02/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 2 de xaneiro de 2019 e rematará o 4 de febreiro de 2019.

- As entidades referidas terán que ter acreditada unha representatividade que lles outorgue, ou poida outorgar, cando menos, un vinte e cinco por cento dos dereitos de voto correspondentes ao ámbito provincial en que desenvolvan a súa actividade ou, alternativamente, un quince por cento, no ámbito do conxunto da Comunidade Autónoma.

- As entidades indicadas non deberán, no momento de presentar a solicitude, estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación.

    • a) Acta de constitución da entidade solicitante.

    • b) Estatutos da entidade solicitante.

    • c) De non constar nos documentos anteriores poder que acredite a capacidade para actuar en nome da entidade da persoa que asina a solicitude.

    • d) Descrición detallada dos cursos integrados no plan formativo para o cal se pide a axuda. Esta descrición deberá facerse nun documento electrónico en formato Microsoft Excel ou compatible, o cal deberá axustarse á estrutura e ao contido do modelo que, para tal efecto, a Dirección Xeral de Mobilidade poñerá á disposición das entidades interesadas na súa páxina web institucional (http://civ.xunta.gal/mobilidade).

Así mesmo, para elaborar este documento deberá terse en conta o previsto na guía de referencia, de acordo co que establece o artigo 2 desta orde. O custo do plan formativo será o resultado de sumar os importes que especifica a dita guía para cada curso solicitado, minorados, de ser o caso, na porcentaxe de rebaixa que a entidade solicitante se comprometa a aplicar.

  • e) De considerarse oportuno, poderán achegarse cantos documentos se considere que poden contribuír a unha mellor descrición do plan formativo e, especificamente, a valoración dos aspectos indicados no artigo 13 desta orde.

Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE en vigor da persoa representante.

  • b) Número de identificación fiscal (NIF) da entidade solicitante.

  • c) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

  • d) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA).

  • e) Certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TGSS).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

  • Na solicitude de axuda incorporarase unha declaración responsable referente aos seguintes aspectos:

    • a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse ás axudas reguladas nesta orde, así como das obrigas e compromisos que nela se establecen.

    • b) Autenticidade dos datos facilitados.

    • c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspeccións que para o efecto esta Administración considere oportunas, e realice tanto mediante os seus propios medios, como mediante a colaboración de servizos externos.

    • d) Non estar incurso en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

    • e) Axudas solicitadas e/ou concedidas por outras administracións públicas para o mesmo proxecto, con indicación das contías, ou, de ser o caso, indicación de que non recibiu ningunha.

    • f) Autenticidade e coincidencia cos orixinais da documentación anexada coa solicitude, e posta á disposición da Administración dos ditos orixinais en caso de que se lle requira.

  • A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/requirimentos-tecnicos).

  • Non será preciso anexar a documentación referida nas letras a), b) e c) do punto 1 se esta xa figura completa e debidamente actualizada no poder da Dirección Xeral de Mobilidade, para os efectos da renovación da composición do Comité Galego de Transporte por Estrada ou de calquera outro procedemento, e así se indica expresamente na solicitude.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Catro meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2019 (tramitación anticipada) (DOG nº 239 do 17 de decembro de 2018).

    • Extracto da Orde do 26 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, e se convocan para 2019 (tramitación anticipada) (DOG nº 239 do 17 de decembro de 2018).

    • Resolución do 17 de febreiro de 2020 pola que se publican as subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 26 de novembro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para conceder axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia para o ano 2019. (DOG nº 40 do 28 de febreiro de 2020).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IF301S

Autorización para a prestación de servizos regulares permanentes de viaxeiros por estrada mediante a utilización dun mesmo vehículo (solapamento).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302A

Concentración de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302B

Transmisión de contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF302C

Adscrición de vehículos a contratos de xestión de servizos públicos de transporte regular de viaxeiros por estrada.

Aberto todo o ano