Guía de procedementos e servizos

AU300D

Subvencións destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Próxima apertura: 20/05/2026 09:00 - 22/06/2026 14:00

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

Concesión de subvencións para a execución de actuacións que permitan reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos que teñan unha poboación total inferior a 20.000 habitantes e as entidades locais menores, e que sexan responsables de sistemas de saneamento.

Para os efectos do cómputo do número de habitantes, observarase o previsto na disposición adicional primeira desta resolución.

No caso concreto das entidades locais menores poderán ter a condición de entidades beneficiarias sempre que sexan titulares da rede de saneamento sobre a que se pretenda actuar ou teñan delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

2. Non poderán concorrer nesta convocatoria os concellos e as entidades locais menores cando a actuación subvencionable se refira ao mesmo ámbito territorial e obxecto. Neste caso, só poderá presentar a solicitude a entidade que teña as competencias en materia de saneamento por atribución legal ou por delegación formal.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Augas de Galicia

Dirección de Augas de Galicia

Subdirección Xeral de Réxime Xurídico

Praza Camilo Díaz Baliño, 7 e 9

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541632

Email: xuridico.augas@xunta.gal

Augas de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

20/05/2026 09:00 - 22/06/2026 14:00

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 20 de maio de 2026  e rematará ás 14.00 horas do día 22 de xuño de 2026.

1. Para poder obter a condición de beneficiarios, todos os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter realizada e aprobada unha auditoría municipal das redes de saneamento para a detección de infiltracións con anterioridade á data de publicación desta resolución.

b) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

c) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social e coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

d) Ter remitido a conta xeral do concello ou entidade local menor solicitante correspondente ao exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas antes da data de presentación da solicitude da subvención que regula esta resolución.

2. Ningunha entidade local poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar a inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades locais interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados electronicamente pola persoa titular da presidencia ou da secretaría da entidade solicitante ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da dita sinatura.

2. Os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán marcar no recadro correspondente do dito anexo se solicitan ou non a concesión dun anticipo do 50 % do importe da subvención no caso de resultar beneficiarios, segundo o previsto no artigo 23 desta resolución.

3. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, a persoa representante da entidade local declara o seguinte:

a) Que o concello ou entidade local menor solicitante acepta as condicións e demais requisitos exixidos nesta resolución de convocatoria.

b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para este mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro desta resolución, e o compromiso de comunicar de inmediato cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.

d) Que a conta xeral do concello ou entidade local menor solicitante correspondente ao exercicio orzamentario 2024 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.

e) Que o concello ou entidade local menor solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria, fronte á Seguridade Social e non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.

f) Que o concello ou a entidade local menor solicitante cumpre os requisitos que para poder obter a condición de beneficiario se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que o concello ou a entidade local menor cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda, así como a normativa ambiental autonómica e a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.

h) No suposto de que o proxecto subvencionado se defina segundo o establecido no artigo 5.3.b) da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, ou inclúa actuacións que se leven a cabo en superficie da Rede Natura 2000 ou outros espazos naturais protexidos, o concello ou a entidade local menor cumprirá coa normativa vixente neste eido e facilitará, de ser o caso, a documentación xustificativa que así o acredite.

Neste suposto, Augas de Galicia poderá facer as comprobacións precisas para acreditar o seu cumprimento e a entidade local beneficiaria deberá estar en posesión da documentacións xustificativa pertinente.

i) Que o concello ou a entidade local menor disporá de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a subvención.

j) Que o concello ou a entidade local menor conservará os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, durante un prazo mínimo de cinco anos contados a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á entidade beneficiaria, segundo se exixe no artigo 82 do Regulamento (UE) nº 2021/1060.

k) Que o concello ou a entidade local menor manterá un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas con gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

l) Que o concello ou a entidade local menor está en disposición de executar as obras e que conta cos permisos, licenzas, autorizacións e demais requisitos legais necesarios para a execución das actuacións subvencionables. No caso de non contar con estes permisos no momento da solicitude, o concello ou entidade local menor solicitante comprométese a xestionalos e a obtelos antes do inicio das actuacións, sendo responsable de calquera incumprimento ou sanción derivada da falta destes.

m) Que o concello ou entidade local menor asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.

n) Que o concello ou entidade local menor se compromete a evitar os impactos negativos significativos no ambiente na execución das actuacións, respectando o principio de «non causar prexuízo significativo» (principio do no significant harm-DNSH), no sentido establecido no artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e nos termos previstos no artigo 21.6 desta resolución.

Para garantir o cumprimento deste principio na execución das actuacións, cando proceda segundo a natureza desta, os concellos e entidades locais menores beneficiarios deben cumprir as seguintes condicións específicas na execución do proxecto:

1) Polo menos o 70 % (en peso) dos residuos de construción e demolición non perigosos (excluído o material natural mencionado na categoría 17 05 04 na Lista europea de residuos establecida pola Decisión 2000/532/EC) xerados na execución do contrato prepararase para a súa reciclaxe e recuperación doutros materiais, incluídas as operacións de recheo utilizando residuos para substituír outros materiais, de acordo coa xerarquía de residuos e o Protocolo de xestión de residuos de construción e demolición da UE.

2) Para a execución da actuación non se utilizará amianto nin substancias moi preocupantes identificadas a partir da lista de substancias suxeitas a autorización que figura no anexo XIV do Regulamento (CE) nº 1907/2006.

ñ) Que o concello ou entidade local menor solicitante está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

o) Que o concello ou entidade local menor solicitante facilitará toda a información hidrolóxica xerada e, en especial, a relativa ás condicións das verteduras de augas residuais, así como calquera outra información que lle poida solicitar o organismo outorgante da subvención, en particular, aqueles datos que se consideren relevantes en relación co logro dos indicadores de realización e resultados tidos en conta nesta resolución para a execución dos proxectos.

p) Que o concello ou entidade local menor solicitante ten as competencias en materia de saneamento por atribución legal ou por delegación formal vixente.

Documentación complementaria

1. Os concellos e entidades locais menores interesados deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Un documento técnico no cal se describirá con suficiente grao de detalle a actuación para a que se solicita a subvención. No suposto de que a actuación solicitada teña por obxecto a execución dunha obra, o dito documento, que estará asinado por un técnico competente, terá o seguinte contido mínimo:

1º. Unha portada onde se indique expresamente o título da actuación, a entidade solicitante, a súa poboación referida ao 1 de xaneiro de 2025, o prazo de execución das obras, o orzamento para coñecemento da Administración, o nome do técnico competente que asina o documento, a súa titulación e a data de redacción.

2º. Unha memoria descritiva onde se explique con claridade, e en apartados independentes, polo menos as seguintes cuestións: a problemática existente e a solución técnica adoptada, unha descrición das obras e as súas principais características, a adscrición das obras na auditoría municipal de saneamento aprobada polo concello, o orzamento das obras e o prazo de execución.

3º. Unha memoria xustificativa con, polo menos, os seguintes anexos: estudo de seguridade e saúde ou estudo básico de seguridade e saúde; estudo de xestión dos residuos de construción e demolición; coordinación con outros organismos e servizos; estudo fotográfico; plan de obra; xustificación de prezos e anexos de cálculos hidráulicos ou estruturais.

No caso de que non se consideren necesarios, xustificarase este aspecto no anexo correspondente.

4º. Planos (de conxunto e de detalle) que definan perfectamente a obra, coa precisión e o detalle suficiente para que se poida executar na súa totalidade. Deberán incluír polo menos os seguintes tipos: planos de situación xeral suficientemente descritivos para que permitan localizar as obras no territorio; plantas xerais que representen os principais elementos que forman parte da actuación; planos de detalle cun grao de desenvolvemento e escala suficiente para a súa compresión e execución.

5º. Prego de prescricións técnicas. Terase en conta o disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, sobre regras para o establecemento de prescricións técnicas xerais e particulares.

6º. Orzamento, incluíndo medicións, os cadros de prezos, os orzamentos parciais de cada capítulo, o orzamento de execución material como suma dos diferentes orzamentos parciais, o orzamento base de licitación de acordo coa normativa vixente e o orzamento para coñecemento da Administración.

b) Un documento económico da subvención que se solicita. Indicará xustificadamente:

1º. O importe total do investimento, incluíndo, cando proceda, o orzamento das obras e/ou instalación de equipamentos e, de ser o caso, os gastos asociados a elas: honorarios de redacción do documento técnico, honorarios de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial e honorarios na dirección dos traballos.

2º. O importe subvencionable, entendido como a parte do orzamento total do investimento que se solicita con cargo á subvención.

c) Copia da auditoría municipal das redes de saneamento para a redución de infiltracións aprobada pola entidade local con anterioridade á publicación desta resolución.

d) Resolución do órgano competente da entidade local pola que se aprobou a auditoría municipal de saneamento.

e) No caso de que a entidade solicitante sexa unha entidade local menor, certificación da Secretaría da entidade en que se faga constar que a entidade local menor é titular da rede de saneamento sobre a que se pretende actuar ou de que ten delegadas as competencias municipais en materia de saneamento.

f) Informe sobre a realización do análise do climate proofing conforme as orientacións técnicas da Comisión Europea e a Guía de Galicia para a súa aplicación e de acordo coa obriga recollida no artigo 21.7 desta resolución.

A falta de presentación da documentación indicada no apartado 1 poderá ser obxecto de requirimento de emenda, aplicándose o previsto no artigo 17.2 desta resolución para o suposto de que non se atenda ao requirimento.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante a consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de forma electrónica. En todo caso, non se admitirá a presentación da documentación mediante ningún tipo de enlace.

Se algunha das entidades locais interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2 GB por presentación.

5. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

O procedemento a seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento, unha vez presentada a solicitude de subvención, poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente do formulario de solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades locais interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas da conta xeral das entidades locais correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán efectuarse de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (DOG nº 85 do 08 de Maio de 2026).

    • Extracto da Resolución do 24 de abril de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas á execución de actuacións para reducir as infiltracións nas redes de saneamento municipais en concellos e entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas nun 70 % pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 con carácter plurianual (DOG nº 85 do 08 de Maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU230W

Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231A

Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU231B

Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU301C

Subvencións aos concellos e ás entidades locais menores destinadas ao financiamento de auditorías de abastecemento encamiñadas á elaboración de plans de actuacións para minimizar as perdas de auga.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/03/2026 09:00 - 31/07/2026 14:00