Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
BS632I
Concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Política Social e Igualdade
Establecer as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2025-2029, e proceder á súa convocatoria, polo procedemento de asignación de concertos.
Persoas dependentes con discapacidade intelectual.
Xunta de Galicia
Consellería de Política Social e Igualdade
Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Subdirección Xeral de Recursos e Equipamentos de Apoio á Discapacidade
Servizo de Contratación e Xestión Económica
Avda Fernando de Casas Novoa, nº 35
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546987
Email: xestion.politicasocial@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
04/03/2025 00:00 - 03/04/2025 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. De acordo co previsto no artigo 30 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades prestadoras de servizos sociais, de acordo co establecido no artigo 4 do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e inspección de servizos sociais en Galicia que, na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, cumpran os seguintes requisitos:
a) Estar debidamente inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Comunidade Autónoma de Galicia (en diante, RUEPSS).
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social impostas pola lexislación vixente.
c) Contar coa solvencia económica e financeira, e técnica ou profesional, segundo o establecido na base sétima desta convocatoria.
d) Contar coa oportuna autorización administrativa do centro en que se vaian prestar os servizos obxecto de concerto, de acordo co disposto no Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
e) Acreditar a titularidade do centro en que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.
f) Estar en condicións de acreditar o cumprimento da normativa que, con carácter xeral ou específico, lles sexa aplicable, tanto pola natureza xurídica da entidade como polo tipo de servizo obxecto do concerto social.
g) Contar cunha experiencia mínima dun ano na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto.
h) Contar cun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
Os requisitos das alíneas a), b) e d) serán comprobados de oficio polo órgano competente para a formalización do concerto social, agás que a entidade se opoña ou non autorice a súa consulta.
2. Non poderán acollerse ao réxime de concerto social as entidades que estean nalgún dos supostos de prohibición para concertar a que se refire o artigo 7 do Decreto de concertos sociais.
Forma, lugar e presentación de solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidas da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
3. Presentarase unha única solicitude por entidade, e poderá referirse a un ou a todos os lotes, e incluirá a totalidade de prazas e servizos que integran cada lote, indicando o centro en que prestarán os servizos.
4. A presentación da solicitude supón a aceptación incondicional da entidade solicitante da totalidade do contido desta convocatoria, sen excepción ou reserva ningunha.
5. No anexo II constan as seguintes declaracións responsables:
a) Que, de acordo co artigo 38 do Decreto de concertos sociais, en relación con outras axudas concedidas ou solicitadas, a entidade non solicitou outras axudas para o financiamento dos servizos ou prestacións obxecto deste concerto.
b) Que a entidade non está incursa en ningunha causa de prohibición para concertar, segundo o disposto na base 8 do Decreto de concertos sociais.
c) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
d) Que a entidade participante acepta a totalidade das condicións establecidas nesta convocatoria e no prego técnico.
Documentación complementaria.
1. As entidades solicitantes deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
a) Documentación xustificativa da solvencia económica e financeira de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.
b) Documentación xustificativa da solvencia técnica ou profesional de acordo cos medios establecidos na base décima desta convocatoria.
c) Acreditación da titularidade do centro no que se vai prestar o servizo obxecto de concerto ou a súa dispoñibilidade mediante calquera título xurídico válido por un período non inferior ao da vixencia deste, así como a autorización da entidade ou persoa titular do centro onde se prestan os servizos.
d) Documentación acreditativa da experiencia mínima na atención ao colectivo destinatario do obxecto do concerto exixida na base oitava da convocatoria. No caso de que esta experiencia derive de instrumentos xurídicos asinados coa Xunta de Galicia, acreditarase de oficio. Neste caso a entidade presentará unha relación dos servizos prestados á Xunta de Galicia.
e) Póliza dun seguro de responsabilidade civil cunha cobertura non inferior a 150.000 euros para garantir a obriga de indemnizar as persoas usuarias polos danos que se lles poidan ocasionar como consecuencia da execución do concerto.
f) Declaración responsable sobre a exención do imposto sobre o valor engadido, de ser o caso.
g) A documentación que acredite os criterios de selección e preferencia recollidos na base décimo sétima desta concertación.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada e requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de maneira presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI/NIE da persoa representante.
c) Inscrición no RUEPSS da entidade solicitante.
d) Inscrición no RUEPSS do centro cuxas prazas se ofertan.
f) Certificado de que a entidade solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para tal efecto no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia (DOG nº 245 do 18 de decembro de 2008)
-
Decreto 229/2020, do 17 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de concertos sociais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 3 do 7 de xaneiro de 2021).
-
Resolución do 24 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e a ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2025-2029, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 42 do 3 de marzo de 2025).
-
Resolución do 30 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a Resolución do 11 de abril de 2025 pola que se asigna o concerto social para a reserva e a ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2025-2029 (DOG nº 88 do 9 de maio de 2025).
-
Resolución do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade, pola que se publica a resolución pola que se revisan os módulos económicos fixados na Resolución do 24 de febreiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de asignación do concerto social para a reserva e a ocupación de prazas en servizos de atención residencial para persoas dependentes con discapacidade intelectual para o período 2025-2029, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 239 do 11 de decembro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano
Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.
Aberto todo o ano