Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU403A
Subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades promotoras de congresos, seminarios, convencións ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións que fomenten e promocionen a actividade congresual e que se desenvolvan no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Para estes efectos, só serán subvencionables aqueles eventos en que os participantes pernoiten, polo menos, unha noite na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. As actuacións subvencionables con cargo a estas axudas poderán ser cofinanciadas a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), caso en que deberán cumprirse as obrigas específicas e demais disposicións que se establecen ao respecto nestas bases reguladoras.
Gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos subvencionables os derivados daqueles programas ou actividades que promovan o intercambio e a difusión de saberes mediante a organización de congresos, seminarios, convencións ou calquera outro evento relativo a calquera área de coñecemento que se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. En calquera caso, para os efectos previstos nestas bases, son gastos subvencionables os que respondan á natureza e obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de abril de 2021 ata o 31 de outubro de 2022, en concreto terán a consideración de gastos subvencionables:
– Gastos de secretaría técnica do evento: coordinación do evento, convocatoria e rexistro de asistentes, protocolo.
– Gastos directos dos conferenciantes, tales como viaxes, axudas de custo, manutención, aloxamento e transporte interno.
– Gastos de sede e equipamento como: alugueiros de locais, salóns, carpas e similares; sede de congresistas e poñentes; iluminación, megafonía e servizos audiovisuais; rotulación exterior e interior do evento, paneis e carteis indicativos. Así mesmo, considérase gasto aquel que vén motivado pola adecuación das medidas hixiénico-sanitarias á normativa vixente no momento de celebración do evento, así como, de ser o caso, das probas analíticas correspondentes aos participantes (PCR, antíxenos, serolóxicos..).
– Gastos de persoal ao servizo do evento como: servizo de azafatas, tradución simultánea, presentadores/condutores para o evento, contratacións artísticas, guías turísticos ou similares.
– Gastos de produción e comunicación como: imaxe e creatividade do evento e as súas adaptacións, web do evento, plataformas dixitais ou virtuais para a súa difusión e/ou emisión, apps específicas para o evento, material promocional en calquera soporte, publicidade, memorias e similares.
– Servizos operativos propios do evento: traslados asistentes, almorzos de traballo...
Calquera outro gasto relativo ás actividades e servizos incluídos no programa do evento: as actividades complementarias, así como os servizos de protocolo e atención aos participantes (programa social, cóctel benvida, cea de gala ou similares) non poderá supoñer un gasto maior do 15 % do total do orzamento subvencionable. Porén, non resultarán subvencionables os agasallos ou obsequios aos participantes nin aos conferenciantes.
3. Non serán gastos subvencionables aqueles gastos ordinarios de funcionamento da entidade non relacionados directamente co desenvolvemento dos congresos, seminarios e convencións que se celebren en Galicia, así como os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O IVE só será subvencionable cando non sexa susceptible de recuperación ou compensación pola entidade beneficiaria da subvención, de conformidade co disposto no artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. A Axencia Turismo de Galicia facilitará material promocional de Galicia ás entidades organizadoras, e que resulten beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases, que así o soliciten, para o que deberán cubrir o anexo VII, e ata esgotamento de existencias.
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións as seguintes entidades:
a) As universidades ou organismos públicos de investigación, a través dos seus centros, institutos, departamentos, seccións u outras unidades de investigación.
b) As sociedades científicas legalmente constituídas, colexios profesionais e outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, dotadas de personalidade xurídica propia, agás as entidades locais.
c) As empresas ou sociedades privadas que organicen especificamente congresos, reunións, xornadas técnicas, eventos, presentacións, incentivos, etc.
2. Para os efectos desta convocatoria, enténdese por promotor a entidade que promove o evento, deseñándoo, conceptualizándoo e creándoo, mentres que o organizador é a entidade que executa, organiza e xestiona directamente o evento (OPC, axencia organizadora, etc.).
As figuras de promotor e organizador poden recaer na mesma entidade ou ser entidades diferentes. No suposto de que sexan entidades diferentes, só o promotor poderá solicitar a subvención como entidade beneficiaria desta. Neste caso, a entidade organizadora poderá actuar en representación da entidade promotora, xuntando a documentación exixida no artigo 6.1.c).
Obrigas das persoas beneficiarias.
1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o desfrute da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control, así mesmo deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que sexan solicitadas polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
h) Igualmente, a persoa beneficiaria deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021. De ser o caso, na páxina web deberá inserir un banner cunha ligazón á páxina de promoción turística de Galicia. Nos folletos e noutras publicacións deberá incluír na contraportada a marca turística de Galicia e a marca Xacobeo 2021, seguindo as indicacións dos manuais de identidade corporativa das citadas marcas previstas nas páxinas web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-galicia e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021.
i) A facilitar datos, de forma periódica ou logo de requirimento da Administración turística galega, sobre a asistencia ao congreso, xornada, seminarios ou convencións.
j) Subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia, das obrigas previstas no título I da citada lei.
k) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.
– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.
– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.
– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
2. Cando a actuación estea cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, son tamén obrigas das persoas beneficiarias das subvencións:
a) Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública.
b) Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deban efectuar os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.
d) Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.
e) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.
f) Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal se solicita a axuda.
g) Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.
h) Segundo o establecido no artigo 15, ordinal 3º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medio audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo VIII destas bases, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidos no anexo XII, número 2, do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.
i) Facilitar a recolla de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable, e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546360/ 981546364
Email: fomento.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
18/02/2021 00:00 - 12/04/2021 23:59
Segundo a Resolución do 11 de marzo de 2021 (DOG nº 49 do 12 de marzo de 2021), amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 12 de abril de 2021.
a) Estar constituídas de conformidade coa normativa vixente, e ao día das súas obrigas tributarias (facenda estatal e autonómica) e de Seguridade Social.
b) Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
c) Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Forma e lugar de presentación das solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Proxecto para o que se solicita a subvención suficientemente detallado.
b) Orzamento desagregado por partidas no cal se especificará o importe da execución do proxecto ou actuación para o que se solicita a subvención, con indicación do IVE para cada partida, así como o seu carácter repercutible ou compensable para a entidade beneficiaria da subvención, de conformidade co anexo III.
c) No caso de que unha empresa organizadora profesional de congresos (organizador) ou similar actúe en nome en representación da entidade responsable final do evento (promotor) é preciso achegar o contrato de servizos entre esta e a institución que promove o congreso, evento ou reunión. Esta circunstancia terase en conta á hora de identificar claramente solicitantes de servizos e destinatarios titulares de correspondentes gastos facturables.
d) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 12 e a documentación acreditativa correspondente.
e) Se é o caso, anexo VII.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
– Consulta de concesións de subvencións e axudas.
– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.
– Consulta de concesións pola regra de minimis.
No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).
-
Extracto da Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 32 do 17 de febreiro de 2021).
-
Resolución do 11 de marzo de 2021 pola que se modifica a Resolución do 3 de febreiro do 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 49 do 12 de marzo de 2021).
-
Extracto da Resolución do 11 de marzo de 2021 pola que se modifica a Resolución do 3 de febreiro do 2021, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 49 do 12 de marzo de 2021).
-
Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se modifican os prazos de execución e xustificación previstos para as anualidades de 2021 e 2022 na Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades organizadoras de congresos, seminarios, convencións, incentivos ou calquera outro evento relativo ao turismo de reunións en Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, que serán susceptibles de financiamento no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (DOG nº 209 do 29 de outubro de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Para realizar este trámite presencialmente debes imprimir o seguinte modelo e presentalo nunha oficina.
Utiliza a opción "DESCARGAR PDF IMPRESIÓN" para imprimilo.
Podes cubrir o formulario en liña e imprimilo unha vez cuberto. Poderás gardar os avances e continuar noutro momento utilizando as opcions "Gardar" e "Recuperar".
Aberto todo o ano
Aprobación de centros e institutos de investigación do sistema universitario de Galicia
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano