Guía de procedementos e servizos

IN500B

Axudas dirixidas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación dos produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal de galega e do contract.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 14/02/2026 00:00 - 13/03/2026 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Establecer as bases que regulan as axudas dirixidas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde na contorna laboral da industria forestal galega e do contract e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2026.

1. Poderán ser persoas beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal e do contract radicadas en Galicia que utilicen a madeira e os seus derivados, a resina, a cortiza ou outros produtos de orixe forestal (exceptuando os produtos alimentarios) como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

2. Para a liña 3 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro que teñan base asociativa e presten os ditos servizos ou sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Así mesmo e exclusivamente no caso de investimentos vinculados á dixitalización da industria forestal e á rastrexabilidade dos produtos forestais, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) que desenvolvan a súa actividade en Galicia e se dediquen á compravenda de madeira en rolo, á realización de aproveitamentos forestais, á xestión forestal, as que presten servizos de transporte de mercadorías por estrada, así como as empresas de servizos de enxeñaría, deseño, consultoría tecnolóxica e asistencia técnica directamente relacionados con estas actividades.

3. Para a liña 4 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que se dediquen á compravenda de madeira en rolo e á realización de aproveitamentos forestais.

4. Para a liña 6 establecida no artigo 4, tamén poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.

5.Para efectos da consideración de pequena e mediana empresa (incluídas as persoas autónomas), tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede os 43 millóns de euros.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Axencia Galega da Industria Forestal

Avda Fernando de Casas Novoa, 38

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881995476

Email: xera.cei@xunta.gal

Axencia Galega da Industria Forestal
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

14/02/2026 00:00 - 13/03/2026 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para acadar a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou ben, deberán estar dadas de alta nalgún código da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE) ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria.

Non poderán acadar a condición de persoa beneficiaria:

a) Aquelas solicitantes nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Aquelas solicitantes que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, número 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As empresas solicitantes deberán declarar na súa solicitude que non se atopan en situación de crise conforme a normativa comunitaria. A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere procedentes para a súa verificación e requiriralle á solicitante, se for necesario, os documentos oportunos para a verificación do requisito.

c) Aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

d) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas solicitantes deberán achegar na súa solicitude a acreditación do nivel de cumprimento mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Toda a información sobre este procedemento está dispoñible na Guía de procedementos e servizos no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

3. Só se poderá presentar unha solicitude por persoa solicitante, nos termos establecidos no artigo 3.2.

4. No formulario de solicitude (anexo I) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

b) Declaración responsable da persoa solicitante de todas as axudas suxeitas ao réxime de minimis percibidas nos tres anos previos.

c) Declaración responsable respecto da subvencionabilidade do imposto sobre o valor engadido.

d) Declaración responsable de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

f) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Declaración responsable de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Declaración responsable de que a empresa non está en crise, de acordo coa definición do artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

j) Declaración responsable de que a empresa non está suxeita a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

k) Declaración responsable de que a empresa non está inmersa nun proceso de concurso de acredores.

l) Declaración responsable de que a empresa cumpre coa normativa ambiental vixente.

m) Declaración responsable de que se desenvolverán en Galicia as actividades do proxecto para o cal se solicita a axuda.

n) Declaración responsable de que ningún dos provedores están asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorre neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Anexo III: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, no caso de muller xerente ou directiva, persoa xerente menor de 55 anos ou descendente en activo na empresa.

b) Anexo IV: memoria do proxecto que se vai realizar e das características da persoa solicitante para que solicita baremación. Só serán considerados aqueles criterios de baremación debidamente consignados no anexo mediante as seguintes declaracións responsables (aplícanse):

– Declaración responsable de que é ou pertence a unha asociación, organización ou fundación representativa ou relacionada coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolva a súa actividade en Galicia, con indicación do nome da dita entidade.

De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en condición de acreditar que pertence a unha asociación mediante estatutos ou certificado de estar asociado e ao día de pagamento de cotas.

– Declaración responsable, co número de actividades formativas realizadas por persoas traballadoras da entidade solicitante desde o 1 de xaneiro do ano que resulte de restar tres ao ano de publicación da convocatoria ata a data de publicación desta, de que cumpren cos criterios establecidos no artigo 8.1.2º.

De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante informe oficial da Seguridade Social da vida laboral da entidade solicitante, título, diploma acreditativo ou certificado de asistencia con detalle do contido, data de realización e duración da actividade formativa.

– Declaración responsable de que a entidade solicitante conta cunha muller que desempeñe funcións de dirección ou xerencia, na data de publicación da convocatoria, con indicación do nome, apelidos e DNI ou NIE da dita persoa.

De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante escrituras sociais de constitución ou modificación posteriores ou contrato de traballo, e non será posible acreditar as funcións directivas ou de xerencia mediante a presentación dun poder notarial.

– Declaración responsable de que a entidade conta con xerencia desempeñada por unha persoa de idade inferior a 55 anos ou con descendente en activo na empresa na data de publicación da convocatoria, con indicación do nome, apelidos e DNI ou NIE da dita persoa.

De ser requirido, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar este criterio mediante escrituras sociais de constitución (ou modificacións posteriores, de ser o caso) ou contrato de traballo, e non será posible acreditar as funcións directivas ou de xerencia mediante a presentación dun poder notarial, ou tamén o libro de familia e documentación de vinculación do traballador coa empresa (contrato de traballo, persoa autónoma colaboradora).

– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, cun plan de igualdade voluntario segundo o disposto no artigo 45 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de homes e mulleres, con indicación da data de solicitude de inscrición deste no Rexcon (Rexistro Administrativo de Acordos e Convenios Colectivos de Galicia).

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de acreditar a solicitude de inscrición no Rexcon.

– Declaración responsable de que conta con instalacións fixas ou que presenta un proxecto de instalacións fabrís fixas nas parroquias comprendidas na zona demarcada do organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al. (nemátodo do piñeiro), con indicación do concello e nome da parroquia.

– Declaración responsable de que a solicitude de axuda inclúe a execución de investimentos en tecnoloxías necesarias para a realización de tratamentos térmicos da madeira.

– Declaración responsable de que a solicitude de axuda inclúe, cando menos, a execución dun investimento nunha liña de serrado cunha capacidade de transformación superior a 20.000 m3 de madeira en rolo de entrada para serrado ao ano, de acordo coa definición de operacións previas á transformación industrial da madeira do Regulamento (UE) nº 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar documentación acreditativa da capacidade de transformación.

– Declaración responsable de que conta con certificado de cadea de custodia (PEFC ou FSC) na data de publicación da convocatoria, con indicación do número de certificado.

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente emitido pola entidade de certificación forestal.

– Declaración responsable de que conta, na data de publicación da convocatoria, con certificado de sistema de xestión da calidade ou de sistema de xestión ambiental, con indicación do nome do sistema e a data de expedición do certificado.

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado vixente.

– Declaración responsable de dispor, na data de publicación da convocatoria, de marcación CE obrigatoria ou voluntaria para algún dos produtos de madeira para a construción que fabrique, con indicación do documento de avaliación europeo (DEE) ou norma harmonizada e o sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación (EVCP).

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar certificado de constancia das prestacións do produto, certificado de conformidade do control de produción en fábrica, informe do produto tipo ou xustificación de ter implantado e vixente un sistema de control de produción en fábrica, segundo proceda en función do sistema de avaliación e verificación da constancia de prestacións de aplicación.

– Declaración responsable de que, na data de publicación da convocatoria, é unha empresa cualificada para o uso da marca de garantía Pino de Galicia, con indicación da data de expedición do certificado de cualificación.

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición da marca de garantía Pino de Galicia.

– Declaración responsable de que, na data de publicación da convocatoria, emprega a plataforma blockchain da Xunta de Galicia denominada Fortra (https://fortra.xunta.gal/) para garantir a rastrexabilidade dos produtos.

– Declaración responsable de dispor, na data de publicación da convocatoria, de certificado ISO 45001 (Xestión da seguridade e saúde no traballo-SST), con indicación da data de expedición do certificado de cualificación.

De ser requirida, a entidade solicitante deberá estar en disposición de presentar copia do certificado que acredite a disposición do certificado ISO 45001.

– Declaración responsable de que o proxecto para o cal se solicita a axuda se desenvolverá no termo municipal dos concellos que contan coa condición de concellos emprendedores, ao abeiro do título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, con indicación da provincia e nome do concello.

A Axencia Galega da Industria Forestal poderá requirir ás persoas solicitantes documentación xustificativa que avale o declarado.

c) Memoria asinada pola persoa solicitante ou representante onde se describa a actividade da empresa (incluíndo as características da materia prima empregada, área e forma de abastecemento desta, do proceso de transformación, dos produtos elaborados e da forma de venda, canles e mercados de comercialización) e onde se expoña o proxecto que se vai realizar, con detalle para cada unha das liñas, dos investimentos que se van executar, con xustificación da súa conveniencia (incluíndo argumentos vinculados a aspectos como custos de produción, seguridade laboral, fidelización do mercado, incremento da produtividade, mellora do servizo, xestión empresarial, obtención de novos produtos ou produtos valorizados, capacidade de produción, impacto ambiental, melloras ambientais, etc.) e xustificación do orzamento seleccionado (só no caso de que non recaia na oferta más vantaxosa, segundo se establece no punto 4 do artigo 12).

d) Documentación xustificativa de acreditación da representación da empresa, no caso de que a solicitude non estea asinada por representante legal.

e) Escrituras sociais de constitución e modificacións posteriores e declaración do imposto de sociedades (modelo 200) do último exercicio pechado, no caso dunha sociedade, certificación da situación no censo de actividades económicas, no caso de persoas autónomas e estatutos sociais, no caso de asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.

f) Documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos previos da solicitante:

i. Declaración da condición de peme da solicitante e das empresas vinculadas ou asociadas con esta, segundo os anexos II.1. Declaración relativa á condición de peme (cando o solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas), II.2. Declaración relativa á condición de peme (para persoas xurídicas) e II.3. Declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica.

Deberán estar cubertos todos os datos que sexan procedentes segundo o tipo de solicitante. Os datos económicos e de persoal serán referidos aos do último exercicio económico pechado.

A Axencia Galega da Industria Forestal utilizará os medios que considere oportunos para a verificación da condición de peme e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

ii. No caso de que acredite por outra vía distinta ao Resfor a realización de actividades obxecto de subvención na data de publicación da convocatoria: documentación acreditativa.

iii. Para subvencións de importe superior a 30.000,00 euros e cando as persoas solicitantes sexan suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004, acreditación do nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004 mediante os medios de proba establecidos no artigo 13.3.bis da Lei 38/2003.

g) Documentación relativa aos investimentos:

i. Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, de conformidade co disposto no artigo 12 destas bases.

ii. Documentación xustificativa da viabilidade económica do proxecto mediante algunha das seguintes circunstancias, segundo o indicado no artigo 3.3:

– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento dun mínimo do 70 % do seu importe ou comunicación bancaria de estar en disposición de conceder o financiamento.

– Certificación bancaria de dispoñibilidade líquida en conta por importe do investimento.

– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (na declaración do IVE do último exercicio pechado na data de publicación da convocatoria –modelo 390 ou modelo 303 do último mes do ano, segundo proceda–).

iii. No caso de investimentos en maquinaria fixa e instalacións:

– Para investimentos en maquinaria fixa ou instalacións: plano de planta coa distribución de edificacións, maquinaria e instalacións, onde veñan reflectidos os investimentos que se van realizar.

– No caso de instalacións que así o requiran: copia da presentación no concello da solicitude de licenza de obra ou comunicación previa, segundo proceda.

– Acreditación da presentación no concello da comunicación previa do inicio de actividade ou apertura do establecemento establecida no artigo 24 da Lei 9/2013, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, con toda a documentación requirida, ou licenza de actividade para as solicitudes de licenza tramitadas antes da entrada en vigor da devandita lei.

2. Para que unha solicitude sexa válida, debe achegarse a seguinte documentación mínima:

a) Anexo I-Solicitude de axuda, debidamente cuberto.

b) Anexo IV-Memoria dos investimentos que se van realizar, debidamente cuberto.

c) Contratos, orzamentos ou facturas pro forma (segundo sexa o caso) dos investimentos previstos de tres provedores distintos, segundo o disposto no punto 1.g).i do presente artigo.

As solicitudes que non conten co contido mínimo indicado anteriormente non serán admitidas a trámite.

3. A documentación achegarase en formato «.pdf» e será obrigatorio para a súa presentación seguir a estrutura especificada e nomear cada arquivo segundo a nomenclatura establecida no anexo XIV, coa instrución respecto á nomenclatura da documentación presentada na fase de solicitude.

4. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

7. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón deste.

8. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

9. Unha vez rematado o prazo de presentación das solicitudes recollido na respectiva convocatoria de axudas e ata que se debe a resolución no procedemento, non se admitirán modificacións relativas aos proxectos solicitados nin dos elementos que serán obxecto de baremación, sen prexuízo do dereito de desistencia.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificados de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesourería Xeral da Seguridade Social e coa Facenda da Xunta de Galicia.

d) Consulta de concesións ampliado.

e) Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado.

f) Consultas de axudas do Estado.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Consulta do Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor).

i) NIF da entidade solicitante.

j) Imposto de actividades económicas (IAE).

k) Comprobación de datos de terceiras persoas (anexo III): DNI/NIE da muller xerente ou directiva, DNI/NIE da persoa xerente menor de 55 anos, DNI/NIE do descendente da persoa xerente en activo na empresa.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, de ser o caso, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

2. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

3. No caso de que a persoa solicitante deba presentar estes certificados na fase de emenda, logo de que a consulta polo órgano xestor non obtivese resultado favorable, a data de expedición dos certificados pola Administración correspondente deberá ser posterior á data de consulta polo órgano xestor, o que se comunicará no requirimento de emenda da documentación.

Trámites administrativos posteriores

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan, por anticipado de gasto para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2026).

    • Extracto da Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan, por anticipado de gasto para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas á valorización, segunda transformación e ecoinnovación de produtos forestais e á dixitalización e mellora da seguridade e saúde no contorno laboral da industria forestal galega e do contract (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG534D

Novacións de débedas co Igape

Prazo aberto: 26/01/2026 09:00 - 30/12/2026 14:00