Guía de procedementos e servizos

MT975Z

Axudas para fomentar a sostibilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas debidamente autorizados no litoral de Galicia

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2026 - Prazo aberto: 03/02/2026 12:00 - 04/05/2026 23:59

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Sobre o procedemento

A concesión de axudas para fomentar a sostibilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas vinculados ao servizo do uso e desfrute do dominio público marítimo terrestre, debidamente autorizados no litoral de Galicia. A súa finalidade é contribuír para que os ditos establecementos evolucionen a instalacións sostibles e adaptadas ás contornas naturais nas que desenvolven a súa actividade.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas traballadoras autónomas de alta no RETA, en calquera outro réxime especial por conta propia de Seguridade Social ou nunha mutualidade de colexio profesional.

b) As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersoais e as comunidades de bens.

Xunta de Galicia

Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático

Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático

Subdirección Xeral do Litoral

Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 012

Email: litoral.medioambiente@xunta.gal

Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

03/02/2026 12:00 - 04/05/2026 23:59

Segundo a orde do 20 de febreiro do 2026 pola que se modifica a Orde do 21 de xaneiro de 2026 ampliase o prazo de solicitudes quedando redactado como segue :

O prazo de presentación das solicitudes será de tres (3) meses, que contarán a partir das 12.00 horas no 7º día hábil seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

1. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Só caberá presentar unha solicitude por establecemento. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

b) A persoa solicitante debe ter a plena dispoñibilidade de explotación dun establecemento expendedor de comidas e bebidas debidamente autorizado no litoral de Galicia (dominio público marítimo terrestre ou a súa servidume de protección).

De seren necesarias para levar a cabo o proxecto para a cal se solicita a subvención, deberase contar coas autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais que resulten preceptivas, tanto das entidades locais como por parte doutros organismos ou administracións públicas.

2. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, coa excepción do requisito previsto na letra b do punto anterior, que se acreditará na fase de xustificación da subvención, constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (código de procedemento MT975Z).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Se a dita incidencia (presentación presencial da solicitude) fose detectada unha vez rematado o prazo fixado nas bases reguladoras para a presentación das solicitudes, o órgano competente para a instrución do procedemento ditará directamente unha resolución desestimatoria por atoparse esta presentación fóra de prazo.

2. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Para os efectos da concesión das axudas, terase en conta a orde cronolóxica de entrada das solicitudes, validamente presentadas, na sede electrónica da Xunta de Galicia ata que se esgote o orzamento da convocatoria. Considerarase data de presentación válida aquela en que o expediente sexa presentado completo e consten nel a solicitude e toda a documentación complementaria exixida na presente orde.

Manterán a condición de validamente presentadas aquelas solicitudes respecto das cales a Administración requira unha mera aclaración en relación coa documentación presentada, sempre que, inicialmente, se achegase toda a exixida nas bases reguladoras.

Así mesmo, considerarase esgotado o orzamento cando se efectúe o rexistro da última solicitude de axuda que totalice o importe total do crédito desta convocatoria. Nese caso, e sempre antes da data máxima sinalada neste artigo , poderán seguirse rexistrando solicitudes para a súa incorporación, por rigorosa orde de entrada e de acordo cos criterios fixados no parágrafo anterior, nunha lista de reserva, para os efectos previstos no artigo 23.

O órgano concedente anunciará o esgotamento do crédito no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, de acordo co establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O esgotamento do crédito comportará a inadmisión de todas aquelas solicitudes que se instrúan con posterioridade, do mesmo xeito que se inadmitirán todos aqueles expedientes que non teñan entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as solicitudes presentadas fóra do prazo e de forma distinta do que se establece nesta orde.

4. A presentación da solicitude leva consigo a aceptación, por parte de quen a formule, dos termos desta convocatoria.

5. Do mesmo xeito, a presentación da solicitude implica a sinatura da declaración responsable asinada electronicamente pola persoa representante, incluída no anexo I desta orde, na cal se deberá facer constar:

a) O conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que a persoa solicitante non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

c) Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

d) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que cumprirá a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, cando proceda.

f) Que se compromete a cumprir as obrigas e os requisitos que se sinalan nas bases reguladoras.

g) Que as actuacións para as cales se solicita subvención teñen a consideración de gastos subvencionables e non estaban iniciadas con anterioridade á publicación da convocatoria destas axudas.

h) Que, no caso de que sexa preceptivo, se compromete, de non contar con elas, a solicitar as autorizacións ou licenzas urbanísticas ou sectoriais tanto municipais como doutros organismos ou administracións públicas que resulten preceptivas para a execución da actuación prevista.

6. Para a resolución de dúbidas sobre esta convocatoria a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: litoral.medioambiente@xunta.gal

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar co anexo I de solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria xustificativa do proxecto (anexo II), en que se deberá acreditar o encaixe das actuacións propostas nalgunha das liñas establecidas no artigo 3 desta orde. Deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento, que coincidirá co orzamento consignado por actuación no anexo I de solicitude,

b) Reportaxe fotográfica explicativa das actuacións propostas.

c) Nas solicitudes de subvención para obras, ademais, deberá achegarse un documento co nivel de proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:

1º. Memoria explicativa que defina co detalle suficiente as características e o alcance das actuacións obxecto da subvención. A memoria non poderá superar as 10 páxinas.

2º. Medicións e orzamento das actuacións, que inclúa unha relación valorada das diferentes partidas de obra, ordenadas por capítulos, coas medicións das unidades que se van executar e os prezos unitarios. Incluirase tamén un resumo do orzamento de execución material por capítulos, con aplicación das porcentaxes de gastos xerais, beneficio industrial e impostos que proceda en cada caso. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global (partidas alzadas ou similares).

3º. Planos a escala e detalle suficientes para definir adecuadamente as actuacións.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, segundo o indicado no artigo 7 para a presentación das solicitudes.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños límite establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial (gravado nun soporte físico tipo CD, DVD ou dispositivo extraíble) dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1. DNI/NIE da persoa solicitante.

2. NIF da entidade solicitante.

3. DNI/NIE da persoa representante.

4. NIF da entidade representante

5. Certificado de estar ao día no pagamento das abrigas tributarias coa AEAT.

6. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

7. Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

8. Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

9. Consulta de concesións ampliado

10. Consulta de axudas do Estado

11. Consulta de axudas e subvencións de minimis ampliado

No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG nº 214 do 5 de novembro de 1999).

    • Ley 9/2007, de 13 de junio, de subvenciones de Galicia (DOG nº 121 del 25 de junio de 2007).

    • Decreto 11/2009, de 8 de enero, por el que se aprueba el Reglamento de la Ley 9/2007, de 13 de junio, de subvenciones de Galicia (DOG nº 20 del 29 de enero de 2009).

    • Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2026).

    • Extracto da Orde do 21 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 15 do 23 de xaneiro de 2026).

    • Orde do 20 de febreiro de 2026 pola que se modifica a Orde do 21 de xaneiro de 2026, pola que se establecen as bases reguladoras da primeira convocatoria para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas para fomentar a sustentabilidade dos establecementos expendedores de comidas e bebidas no litoral de Galicia, e se convocan, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026 (DOG nº 38 do 26 de febreiro de 2026).

  • Ámbito Estatal
    • Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276 do 18 de novembro de 2003).

    • Real Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, Xeral de Subvencións (BOE nº 176 do 25 de xullo de 2006).

    • Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administraciones Públicas (BOE nº 236 de 2 de outubro de 2015).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

AU113A

Autorización de obras ou traballos no dominio público hidráulico ou zona de policía de leitos.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU113C

Actuacións menores no dominio público hidráulico e zona de policía

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU114A

Autorización de verteduras de augas residuais (tramitación ordinaria).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

AU208A

Concesión de augas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano