Guía de procedementos e servizos

IG300H

Obradoiros multidisciplinares de dixitalizacion, sostibilidade e loxistica avanzada

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 07/02/2025 09:00 - 07/03/2025 14:00

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Os obradoiros concíbense como espazos de encontro entre empresas (para definición de empresa atenderase ao establecido no artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014) para explorar solucións tecnolóxicas e vías de colaboración que dean lugar a proxectos de implementación de ferramentas colaborativas sectoriais nos eidos da dixitalización, a innovación, a sustentabilidade ou a loxística avanzada, susceptibles de optar ás axudas establecidas noutras convocatorias do Igape ou outras administracións galegas ou estatais, ou ben oportunidades de hibridación intersectorial.

As temáticas formuladas en cada obradoiro deberán responder a un ou varios destes eidos: dixitalización empresarial ou transformación dixital, sustentabilidade en calquera das súas vertentes, economía circular, redución de pegadas de carbono ou hidrícas, biodiversidade, etc. ou tamén dirixidos á mellora da función loxística nas empresas, con obxectivos de avanzar na loxística avanzada e sustentable.

Estes espazos de encontro (obradoiros) terán carácter eminentemente presencial, aínda que poderá complementarse con outras actividades non presenciais que contribúan ao mellor fin do obradoiro.

Tendo en conta as tendencias e aprendizaxe provocada pola pandemia, aclárase que se considerará que un encontro ten «carácter presencial» cando as persoas participantes se atopen simultaneamente no mesmo lugar, ou ben cando empreguen unha ferramenta de presenza virtual que asegure a súa interacción simultánea desde distintos lugares, como pode ser unha videoconferencia grupal.

Cada espazo de encontro poderá estar articulado a través de unha ou varias reunións, ademais doutras actuacións de contacto entre os membros do grupo que poidan ser necesarias. Estas reunións terán que documentarse en vídeo ou por escrito acompañada de fotografías.

En cada espazo de encontro (obradoiro) deberán participar persoas dun mínimo de 6 empresas distintas, considerando o total das sesións celebradas. Considerarase que cada reunión está validamente constituída para os efectos destas axudas se asisten persoas de 2/3 das empresas participantes no correspondente espazo de encontro (obradoiro); para determinar ese número mínimo de asistentes á reunión, aplicarase a fracción de 2/3 ao número de empresas participantes tidas en conta para baremar o proxecto (un máximo de 10), redondeando ao número enteiro máis próximo. A cada reunión poderán asistir diferentes persoas por cada empresa.

Poderán ser beneficiarios os organismos intermedios de carácter empresarial de Galicia. Entenderanse como tales para os efectos destas axudas:

a) Entidades con personalidade xurídica propia, sen ánimo de lucro, con domicilio social ou centro de traballo en Galicia, que pertenzan a unha das seguintes categorías: asociacións empresariais, fundacións empresariais ou universidade-empresa, clústeres empresariais ou hubs de innovación dixital ao abeiro da Estratexia galega de HID.

b) Centros tecnolóxicos e centros de apoio á innovación tecnolóxica domiciliados en Galicia e que estean inscritos no rexistro establecido para o efecto polo Ministerio de Ciencia e Innovación (Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro, polo que se regulan os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de ámbito estatal e se crea o rexistro de tales centros, BOE nº 20, do 23 de xaneiro de 2009).

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Admtvo. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 881 99 55 00

Email: informa@igape.es

www.igape.gal

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Requisitos e documentación

Non poderán ter a condición de persoas beneficiarias:

a) As entidades que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.

b) As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada lei.

Presentación das solicitudes

1. Para presentar a solicitude, a persoa solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o cal solicita a subvención, a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios.

2. No devandito formulario, a persoa representante deberá realizar as seguintes declaracións relativas á persoa solicitante:

a) Que non solicitou ningunha outra axuda para a mesma actuación.

b) Que os provedores non están asociados nin vinculados coa persoa solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores. Enténdese que existe vinculación cando se dean as circunstancias previstas no artigo 27.7 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e no artigo 43.2 do decreto que desenvolve a citada lei. Así mesmo, tomarase en consideración a definición de empresas asociadas ou de empresas vinculadas establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) 651/2014.

c) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Presentarase unha solicitude por cada obradoiro dirixida a algunha das temáticas definidas no artigo 1. No caso de que un obradoiro conteña unha mestura de temáticas, as persoas solicitantes deberán clasificalo dentro dalgunha delas en función da que considere principal ou máis salientable. Cada organismo intermedio poderá presentar un máximo de catro proxectos na mesma convocatoria. No caso de que algún organismo intermedio presente máis de catro proxectos, serán unicamente considerados os catro primeiros, por estrita orde de entrada.

4. A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

5. Para poder presentar a solicitude por medios electrónicos, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que a persoa asinante da solicitude teña a representación legal da persoa solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade da persoa solicitante.

b) A oficina virtual do Igape acepta todos os certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran na seguinte relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha única persoa solicitante. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa solicitante (por exemplo, solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada, etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todas as persoas asinantes autorizan unha delas para presentar a solicitude. Este documento deberá ser asinado electronicamente por cada unha das persoas autorizantes.

Unha vez asinado o formulario de solicitude mediante certificación dixital da persoa presentadora, e transferido este ao Igape, anotarase entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo en que quedará constancia do feito da presentación.

As persoas solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da presentación na oficina virtual do Igape (https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria descritiva do proxecto, que deberá conter mención explícita aos criterios de selección aplicables.

b) Documentación acreditativa da experiencia do organismo intermedio na xestión de proxectos colaborativos, de acordo co establecido no artigo 4.4.4.

c) De ser o caso, desagregación mensual do custo de persoal do organismo intermedio implicado na execución do proxecto: actividade que se vai realizar, categoría profesional, salario bruto, Seguridade Social da empresa, porcentaxe de dedicación.

d) As tres ofertas que, se é o caso, en aplicación do artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 3.4 destas bases reguladoras.

e) Estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

f) Acreditación da representación con que se actúa.

g) No caso de que o importe do IVE supoña un custo real soportado polo beneficiario, deberase presentar un certificado relativo á situación do beneficiario con respecto ao IVE ou, de ser o caso, unha declaración responsable da entidade, asinada polo representante legal, en que xustifique que o IVE supón un gasto real e os artigos da lexislación aplicable que dan soporte a esa xustificación. No caso de que o réxime do IVE sexa a pro rata, a declaración deberá indicar a pro rata definitiva do último exercicio pechado, e será responsabilidade do beneficiario realizar os axustes correspondentes na liquidación das obrigas fiscais.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa representante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día das obrigas tributarias coa AEAT.

e) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas. 

h) Consulta de concesións doutras subvencións e axudas. 

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociación da Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario (anexo I) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 16 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada para o ano 2025, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 16 de decembro de 2024 pola que se da publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sostibilidade e loxística avanzada para o ano 2025, e se convocan en réxime de concorrencia competitiva (DOG nº 7 do 13 de xaneiro de 2025).

    • Resolución do 31 de xaneiro de 2025 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba os novos prazos de presentación de solicitudes das bases reguladoras de determinadas axudas do Igape publicadas no Diario Oficial de Galicia número 7, do 13 de xaneiro de 2025, e número 8, do 14 de xaneiro de 2025 (DOG nº 23 do 4 de febreiro de 2025).

    • Resolución do 14 de outubro de 2025 pola que se dá publicidade á resolución de concesión dos obradoiros multidisciplinares de dixitalización, innovación, sustentabilidade e loxística avanzada para o ano 2025 (DOG nº 203 do 21 de outubro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano