Guía de procedementos e servizos

IN230B

Declaración de iniciativa empresarial prioritaria.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 09/02/2023 00:00 - 17/01/2024 23:59

Consellería de Economía e Industria

Sobre o procedemento

Establecer o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Poderán presentar a solicitude as empresas promotoras de proxectos que cumpran co establecido no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético

Servizo de Seguimento e Oficina Técnica

Complexo Administrativo San Lázaro, s/n

15707  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881995968

Email: proxectos.industria@xunta.gal

Secretaría Xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético
Requisitos e documentación

A. Proxectos encadrados no artigo 42.1:

Poderán ser declarados polo Consello da Xunta de Galicia como iniciativas empresariais prioritarias aquelas que cumpran, cando menos, dous dos seguintes requisitos:

a) Que supoñan un volume de investimento mínimo en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, dun millón de euros, incluíndo aqueles proxectos de xeración eléctrica a partir de fontes renovables nos cales o destino final da enerxía eléctrica producida sexa o autoconsumo da industria galega.

b) Que supoñan unha creación de emprego mínimo de 25 postos de traballo directos, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa, non sendo de aplicación para os proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica.

c) Instrumentos de mobilización, recuperación, posta en produción e aproveitamento sustentable de terras agrarias e forestais, así como plans ou actuacións integrais de desenvolvemento rural.

d) Que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos ou que se integren no financiamento «Instrumento temporal de recuperación europea NextGenerationEU».

B. Proxectos encadrados no artigo 42.2:

Para o caso dos proxectos de produción de electricidade obtida da enerxía eólica, que non estean asociados ao autoconsumo industrial, sempre que conten cun permiso de acceso e conexión firme e vixente, poderán ser consideradas como iniciativas empresariais prioritarias:

a) Proxectos que xustifiquen un compromiso industrial asociado á implantación do proxecto eólico que supoña a creación ou consolidación dun volume mínimo de 25 postos de traballo directos en Galicia, baixo a modalidade de contrato indefinido e computados a xornada completa.

b) Proxectos que xustifiquen a totalidade dos compromisos industriais derivados da Orde do 29 de marzo de 2010.

c) Proxectos que supoñan un volume de investimento, tendo en conta o valor medio anual en función da tecnoloxía de mercado, superior a 20 millóns de euros e que conten con infraestruturas de evacuación autorizadas ou executadas e en funcionamento que permitan a vertedura á rede de transporte ou distribución da enerxía eléctrica xerada.

d) Proxectos con infraestruturas de evacuación en tramitación ou xa autorizadas cuxos promotores subscriban un acordo directo de compravenda de enerxía a longo prazo e a prezo competitivo cunha empresa con centro de traballo con actividade industrial no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, vinculado aos devanditos proxectos e ao centro de traballo determinado de que se trate, e garantindo polo menos o 50 % da súa produción de enerxía.

e) Proxectos que teñan un impacto no territorio ao se comprometeren os promotores a que, durante a vida útil do parque desde a autorización de explotación, unha porcentaxe do 2,5 % dos beneficios anuais do parque repercuta directamente nos concellos en cuxo termo municipal se pretende situar o parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

A. Proxectos encadrados no artigo 42.1:

a) A descrición do proxecto de implantación ou de ampliación da instalación industrial, incluíndo a regulamentación detallada do uso pormenorizado, volume, características técnicas e funcionais e condicións de deseño e adaptación ao ambiente.

b) Unha memoria que deberá conter:

1º. A acreditación do cumprimento de, polo menos, dous dos requisitos establecidos no artigo 42.1 da Lei 5/2017, do 19 de outubro.

2º. A viabilidade económico-financeira da actuación: detalle dos investimentos, o plan de negocio, unha previsión da conta de resultados e balances de situación durante, polo menos, os seguintes cinco exercicios, o estado dos fluxos de efectivo ou análise alternativa dos fluxos de caixa previstos durante o mesmo período e a análise de rendibilidade do proxecto.

3º. A descrición das posibles afeccións ambientais, así como a identificación dos trámites administrativos necesarios para a implantación do proxecto.

4º. O cronograma previsto de implantación do proxecto.

B. Proxectos encadrados no artigo 42.2:

a) A descrición do proxecto de produción de electricidade obtida da enerxía eólica, non asociado ao autoconsumo industrial, e que conte cun permiso de acceso e conexión firme e vixente.

b) Unha memoria que deberá conter:

1º. A identificación e xustificación da modalidade en que se encadra o proxecto, dentro das indicadas no artigo 42.2 da Lei 5/2017, do 19 de outubro.

2º. A descrición das posibles afeccións ambientais, así como a identificación dos trámites administrativos necesarios para a implantación do proxecto.

3º. O cronograma previsto de implantación do proxecto.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario da solicitude e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 27 do 8 de febreiro de 2023).

    • Corrección de erros. Resolución do 27 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Industria, pola que se establece o modelo normalizado de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria, ao abeiro dos artigos 42 e 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG nº 33 do 16 de febreiro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

FA701A

Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA701B

Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF504E

Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN201B

Obtención/renovación do obradoiro artesán

Tramitar en liña

Aberto todo o ano