Guía de procedementos e servizos

IG300F

Axudas á implantación de solucións avanzadas para o desenvolvemento da economía circular na Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciadas no marco do Programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 01/02/2023 08:00 - 28/02/2023 14:00

Consellería de Economía e Industria

1. Estas axudas van destinadas á posta en marcha de proxectos para o desenvolvemento da economía circular cuxa finalidade sexa o desenvolvemento e a implantación de solucións avanzadas para a produción, transporte e distribución de materias primas, compoñentes, semielaborados e produtos finais, que acaden reducións e aforros na utilización de recursos naturais, auga e enerxía e diminucións na xeración de refugallos, subprodutos ou desperdicios, coa tendencia de converter os refugallos en recursos de uso noutros procesos produtivos.

Os proxectos poderán ser de dúas modalidades:

a) Proxectos colectivos de simbiose industrial nos cales un grupo de empresas (cun mínimo de tres empresas independentes, opcionalmente coordinadas por un organismo intermedio colaborador) aborda un proxecto de economía circular para mellorar o uso dos recursos e reducir os impactos ambientais de maneira conxunta. A simbiose industrial facilita o intercambio de enerxía, materiais, auga e subprodutos para pechar os ciclos de materiais e enerxía, maximizar o uso de residuos e minimizar o uso de materia prima.

b) Proxectos individuais nos cales unha peme aborda a implantación dun sistema de economía circular, parcial ou integral, especificamente deseñado ou desenvolvido para o seu ámbito de actividade.

2. Os proxectos propostos, tanto na modalidade a) como na b), débense dirixir a un ou varios dos seguintes obxectivos:

1. Redución do consumo de recursos no proceso produtivo:

– Redución do consumo de recursos naturais, materias primas e semielaborados.

– Mellora da eficiencia enerxética (sistemas de control e optimización intelixente de consumos, excluído todo o relacionado con fontes, xeradores ou produción enerxética).

– Monitorización e control de procesos.

– Medición, monitorización e redución da pegada de carbono e pegada hídrica.

2. Reducir a xeración de residuos no proceso produtivo, a perigosidade destes e/ou facilitar a súa reutilización, valorización e/ou reciclaxe:

– Redución e/ou reutilización de residuos e subprodutos.

– Clasificación e/ou valorización de residuos e subprodutos.

– Deseño e desenvolvemento de envases e embalaxes ecoeficientes.

– Ecodeseño: para a redución, reutilización e reciclaxe.

3. Análise do ciclo de vida do produto:

– Incorporación de criterios de sustentabilidade nas compras.

– Análise de ciclo de vida e implantación de estratexias de deseño sustentable baseadas no principio «berce a berce».

4. Identificación e implementación de novas oportunidades de negocio que persigan a reutilización e reparación dos produtos.

5. Servitización: redución do consumo de recursos co cambio de enfoque á prestación de servizos.

6. Reacondicionamento, remanufactura e reparación avanzada.

7. Creación de cadeas de valor máis curtas.

No anexo V destas bases reguladoras recóllense as definicións dos conceptos básicos que se utilizan para definir estes obxectivos.

Os proxectos da modalidade a) terán preferencia sobre os da modalidade b). O Igape poderá reclasificar os proxectos entre modalidades no caso de que a clasificación proposta pola empresa non sexa correcta.

3. Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables para a empresa solicitante e, ademais das obrigas derivadas da tramitación administrativa das solicitudes, constitúen requisitos de admisión das solicitudes para proceder á súa valoración os seguintes:

– Adecuación do proxecto aos obxectivos da convocatoria.

– Requisitos de personalidade física ou xurídica e actividade económica dos solicitantes para seren beneficiarios.

– Contía total dos investimentos subvencionables superior aos importes mínimos fixados.

Só serán admitidos os proxectos que reúnan todos os requisitos anteriores e procederase á súa valoración competitiva conxunta.

4. O gasto subvencionable mínimo dos proxectos deberá ser de 12.000 € para os proxectos individuais e de 10.000 € por participante para os proxectos colectivos.

5. O importe máximo de subvención será de 200.000 € para proxectos colectivos e de 75.000 € para proxectos individuais.

6. En cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (DOUE 30.06.2021 L 231), polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e á Política de Visados (en diante, RDC), todos os proxectos financiados ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm).

Conceptos subvencionables

1. Poderanse subvencionar os seguintes tipos de conceptos:

a) Activos materiais e inmateriais (que para seren subvencionables se deben contabilizar nunha conta contable do grupo 2):

i. Sensores, equipamentos e sistemas para a medición, monitorización, seguimento e control de parámetros produtivos e ambientais.

ii. Hardware e software intelixente para proceso da información cando sirva ao aforro de insumos e de consumo de recursos hidrícos ou enerxéticos ou ben para a redución da produción de refugallos, así como os gastos de desenvolvemento do dito software. En ningún caso serán subvencionables os gastos de mantemento ou o canon dixital.

iii. Nova maquinaria e bens de equipamento, unicamente no caso de que se trate de equipamentos destinados á reutilización ou reciclaxe in situ de refugallos producidos nos procesos da empresa.

b) Servizos de consultoría externa de carácter tecnolóxico, de deseño de procesos ou produtos máis eficientes, ou organizativo (que para seren subvencionables se deben contabilizar nunha conta contable do grupo 6): asistencia técnica, ecodeseño, reenxeñaría de procesos. As colaboracións externas subvencionables deberán contribuír aos obxectivos específicos do proxecto e, polo tanto, non consistirán en actividades permanentes ou periódicas nin estarán relacionadas cos gastos de explotación normais da empresa, como son os servizos rutineiros de asesoría fiscal, os servizos xurídicos periódicos ou os de publicidade, servizos de mantemento nin calquera outro non vinculado directamente co obxecto da economía circular, previsto no proxecto.

Os conceptos subvencionables poderanse reclasificar de oficio atendendo á súa descrición.

Non se aprobarán proxectos que non propoñan chegar a resultados, como estudos de viabilidade ou deseño de solucións illadamente do seu desenvolvemento e implantación na empresa solicitante.

Así mesmo, non serán subvencionables aquelas colaboracións externas en que non se indiquen con claridade o resultado que se pretende obter, os entregables previstos e como se integrará ese traballo no resultado final global do proxecto.

O importe subvencionable das colaboracións externas non poderá superar o 60 % do importe total subvencionable.

Nos proxectos da modalidade do artigo 1.a), se se opta por contar cun organismo intermedio, serán subvencionables os gastos de coordinación do proxecto ata un máximo de 1.000 €/empresa (IVE excluído) participante no proxecto. Ese importe considerarase gasto subvencionable de consultoría externa e dividirase entre todas as pemes participantes.

2. As pemes beneficiarias de subvención a investimentos deberán achegar una contribución financeira a estes, exenta de calquera tipo de apoio público, de polo menos un 25 % do importe subvencionable, xa sexa mediante os seus recursos propios ou mediante financiamento externo.

3. Os investimentos e gastos subvencionables non poderán ter comezado antes da presentación da solicitude de axuda no Igape. Ningún dos importes alegados sobre os cales se solicita subvención poderán ser incorridos con carácter previo a esta presentación; de ser así, o proxecto desa peme sería non subvencionable. Para tal efecto, o solicitante deberá achegar unha declaración expresa, incluída no formulario electrónico de solicitude de axuda o que se refire o artigo 6 destas bases. Considérase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto, entendéndose por proxecto calquera dos investimentos comprendidos na solicitude da axuda. Neste sentido, considérase que existe compromiso en firme no caso da existencia dun contrato ou oferta asinado entre as partes, ou da existencia dun pedido, para calquera dos elementos subvencionables.

Para estes efectos, determinados traballos preparatorios, como a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

4. O período de execución dos gastos e investimentos subvencionados denomínase prazo de execución do proxecto e abranguerá desde a data de presentación da solicitude ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data para a execución dos proxectos, establecida na resolución de convocatoria.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes do remate do prazo de execución do proxecto, neste momento debera constar o vencemento e pagamento de todas as cantidades aprazadas e efectuados todos os pagamentos por calquera concepto.

6. Os bens e servizos subvencionados deberán ser adquiridos a terceiros.

7. Cando o importe dos investimentos ou gastos subvencionables supere as contías establecidas na Lei 9/2017, de 8 de novembro, de contratos do sector público para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 € no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á súa contratación, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os subministren.

As tres ofertas ou orzamentos de provedores deberán reunir, como mínimo, os seguintes requisitos:

a) Comparabilidade: deberanse referir á mesma tipoloxía de elemento obxecto de investimento, con prestacións similares, e conter conceptos análogos e comparables e co detalle suficiente para a súa comparación.

b) Non vinculación: os provedores das tres ofertas non poderán ser vinculados entre si nin coa empresa solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

c) Identificación do ofertante e do destinatario: deberán conter a razón social, o domicilio e o número ou código de identificación fiscal. Excepcionalmente, poderanse admitir ofertas ou orzamentos en que se omita algún dos elementos identificativos do emisor ou do destinatario cando, ao criterio dos servizos técnicos do Igape, se considere que están clara e inequivocamente identificados o ofertante e o destinatario.

d) Data e validez: todas as ofertas deberán mostrar unha data de emisión e un prazo de validez. As ofertas non poderán ter un prazo de validez vencido na data de presentación da solicitude.

Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).

Con carácter xeral, para cada elemento será subvencionable o importe correspondente á oferta de menor prezo de entre as comparables. Excepcionalmente, cando a solicitante non escolla a oferta de menor prezo, poderase considerar subvencionable o importe da oferta elixida cando acredite que se trata da oferta economicamente máis vantaxosa tras a valoración de diferentes criterios técnicos adicionais ao prezo.

En ningún caso o custo de adquisición dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

8. O investimento terá que incluírse no activo da empresa e manterse no centro de traballo en Galicia durante os tres (3) anos seguintes ao remate do prazo de execución do proxecto. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

9. No caso de investimento en activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) consideraranse activos amortizables; 3) adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador. Esta cuestión acreditarase coa declaración expresa do beneficiario no formulario de solicitude de cobramento.

10. Os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e entenderase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos números 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

11. En ningún caso o importe de adquisición dos investimentos ou os gastos subvencionables poderán ser superiores ao valor de mercado.

12. Non se considerará o IVE como gasto subvencionable.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (pemes), segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías), calquera que sexa a súa forma xurídica, incluíndo os empresarios autónomos, e que teñan un centro de traballo en Galicia no cal se vaia realizar o proxecto.

2. As pemes poderán solicitar axudas á tipoloxía de proxectos individuais descritos no artigo 1.b).

3. Para poderen solicitar as axudas á tipoloxía de proxectos colectivos descritos no artigo 1.a), os interesados deberán previamente constituír unha agrupación das previstas no artigo 8.3 da Lei 9/2007. A dita agrupación terá que estar constituída, polo menos, por tres pemes con centro de traballo en Galicia. Deberanse facer constar expresamente nun documento os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, nomearase un representante único da agrupación (en diante, o líder), único interlocutor coa Administración ata a resolución de concesión. Unha vez concedidas as axudas individuais a cada peme, cada unha delas será independente para a tramitación da xustificación e liquidación da súa axuda. No caso de que o proxecto das pemes estea coordinado por un organismo intermedio, este non formará parte da agrupación.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Identificación de cada un dos seus integrantes por razón social, NIF, e nome e DNI do representante legal.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela.

c) Recoñecemento dos compromisos asumidos por cada un dos integrantes da agrupación en canto ás características do proxecto que se presenta descrito no formulario electrónico de solicitude de axuda e á execución individual dos investimentos e gastos de cada peme participante.

d) Acordos de confidencialidade.

e) Xestión da agrupación e plan de continxencias ante posibles dificultades.

f) Autorización ao Igape para recadar os datos doutras administracións que sexan necesarios para a tramitación da solicitude, que se cubrirá no anexo III das bases reguladoras.

g) Declaración de vinculación entre empresas integrantes da asociación, cando esta exista.

h) Sinatura de todos os integrantes.

A agrupación de empresas non se poderá disolver ata que transcorrese o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

No caso de que exista vinculación entre algunhas empresas da agrupación, as empresas vinculadas contarán coma unha única para efectos da avaliación do proxecto. Se todas elas están vinculadas, avaliaríase o proxecto como varias solicitudes individuais.

4. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que sexan prestadoras dos mesmos ou similares servizos ou subministradoras dos mesmos ou similares equipamentos para os cales solicitan a axuda.

b) As agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade (agás empresarios autónomos) que careza de personalidade xurídica propia, aínda que realice actividade empresarial.

c) As empresas en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007.

d) As que entren dentro da categoría de empresas en crise, ao abeiro da definición do artigo 2.18 do Regulamento xeral de exención (Regulamento CE 651/2014).

e) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

f) As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 euros, cando os solicitantes sexan unicamente suxeitos incluídos no ámbito de aplicación da citada Lei 3/2004.

Esta circunstancia acreditarana as sociedades que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, de conformidade co previsto no artigo 26 do Regulamento desta lei.

Para as sociedades que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada establécese a necesidade de acreditar o cumprimento dos prazos legais de pagamento mediante certificación, emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, que atenderá ao prazo efectivo dos pagamentos da empresa cliente con independencia de calquera financiamento para o cobramento anticipado da empresa provedora.

5. Os/as solicitantes da axuda cubrirán no formulario electrónico de solicitude unha declaración responsable de non encontrarse en ningunha situación que as exclúa de seren beneficiarias conforme este artigo. O Igape realizará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no número 18 do artigo 2 do Regulamento 651/2014 para considerar unha empresa en crise.

Xunta de Galicia

Consellería de Economía e Industria

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Complexo Admtvo. San Lázaro, s/n

15707  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815151

Fax: 881995500

Email: informa@igape.es

https://www.igape.gal/

Instituto Galego de Promoción Económica - Igape

Outros procedementos relacionados

FA300A

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300B

Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300C

Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA300D

Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano