Guía de procedementos e servizos

BS212A

Axudas para a posta en marcha de casas do maior

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 12/02/2022 00:00 - 11/03/2022 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

Sobre o procedemento

1. Esta orde ten como obxectivo o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións destinadas, para os anos 2022 e 2023, a persoas físicas ou cooperativas de traballo asociado, para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento desde o ano 2019.

2. As subvencións destinaranse á consecución das seguintes finalidades:

a) A posta en marcha de casas do maior destinadas á atención de mulleres e homes maiores de 60 anos de idade, en situación de dependencia moderada e severa, grao I e grao II, respectivamente, e para persoas maiores sen dependencia, como recurso de promoción da autonomía persoal, mediante o seu establecemento nos concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores ou naqueles concellos en que, existindo un único destes recursos de atención diúrna a persoas maiores, se presentase ante a Consellería de Política Social a solicitude do seu cesamento total e permanente de actividade.

Para efectos desta orde, considerarase que no concello existen recursos de atención diúrna cando, de acordo cos datos que figuran no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, adscrito á Consellería de Política Social, conten con centros de día ou centros de día de alzhéimer con permiso de actividades.

Accións e gastos subvencionables.

1. Serán subvencionables, ao abeiro desta convocatoria, para a posta en marcha de novos proxectos e para a continuidade das casas do maior os gastos para a prestación da atención individualizada dos maiores de 60 anos, en situación de dependencia graos I e II, e das persoas sen dependencia, como recurso de prevención da dependencia e promoción da autonomía persoal, nas condicións previstas no artigo 3.

2. Así mesmo, para a posta en marcha de novos proxectos serán subvencionables os gastos destinados á adaptación e/ou obras de reforma do inmoble destinado a servir de casa do maior, así como o seu equipamento e dotación material nos termos previstos no artigo 4.1.c). O mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos poderán ser de segunda man, sempre que estean en perfecto estado de uso e conste unha declaración de quen os vende sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria, e que o prezo non sexa superior ao valor de mercado e ao custo dos bens novos similares, estes requisitos do prezo acreditaranse mediante certificación de taxación independente.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. Así mesmo, deberán estar pagados con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido para o ano 2022.

Estes gastos, para teren o carácter de subvencionables, deberán ser necesarios.

Os gastos previstos deberán ser especificados na solicitude.

Os gastos periciais para a realización do proxecto serán subvencionables se están directamente relacionados coa actividade e son indispensables para a súa adecuada preparación ou execución.

En ningún caso serán considerados gastos subvencionables os xuros debedores das contas bancarias, os xuros, recargas e sancións administrativas e penais, os gastos de procedementos xudiciais nin os impostos indirectos, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

3. Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE

e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servizo ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

Poderán ser beneficiarias das axudas para poñer en marcha un proxecto de casa do maior (procedemento BS212A) as persoas físicas que se establezan como empresarios autónomos ou que constitúan cooperativas de traballo asociado.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria

Subdirección Xeral de Recursos Residenciais e Atención Diúrna de Maiores

San Caetano s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981542906

Email: dxmaioresediscapacidade.politicasocial@xunta.gal

Dirección Xeral de Persoas con Discapacidade
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

12/02/2022 00:00 - 11/03/2022 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

a) Estar en posesión ou contar, polo menos, cunha persoa socia que o estea, no caso de cooperativas de traballo asociado, de calquera das titulacións que se recollen a continuación, ou equivalentes, ou da formación ou experiencia seguinte:

1º. Grao en Medicina.

2º. Grao en Enfermaría.

3º. Título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría, establecido polo Real decreto 546/1995, do 7 de abril, polo que se establece o título de técnico en Coidados Auxiliares de Enfermaría e as correspondentes ensinanzas mínimas, ou os títulos equivalentes de técnico auxiliar de Clínica, técnico auxiliar de Psiquiatría e técnico auxiliar de Enfermaría, que se establecen no Real decreto 777/1998, do 30 de abril, polo que se desenvolven determinados aspectos da ordenación da formación profesional no ámbito do sistema educativo ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

4º. Título de técnico en Atención a Persoas en Situación de Dependencia, regulado polo Real decreto 1593/2011, do 4 de novembro, polo que se establece o título de técnico de Atención a Persoas en Situación de Dependencia e se fixan as súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente de técnico de Atención Sociosanitaria ou, se for o caso, calquera outro título que se publique cos mesmos efectos profesionais.

5º. Título de técnico superior en Integración Social, establecido polo Real decreto 1074/2012, do 13 de xullo, polo que se establece o título de técnico superior en Integración Social e se fixan a súas ensinanzas mínimas, ou o título equivalente para aqueles profesionais que á data de publicación da presente convocatoria, se atopen traballando na categoría profesional de asistente persoal ou auxiliar de axuda a domicilio.

6º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, polo que se establecen dous certificados de profesionalidade da familia profesional Servizos socioculturais e á comunidade, que se engaden no Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

7º. O Certificado de profesionalidade de atención sociosanitaria a persoas no domicilio, regulado polo Real decreto 1379/2008, do 1 de agosto, ou o equivalente Certificado de profesionalidade da ocupación de auxiliar de axuda a domicilio, ou, se for o caso, calquera outro certificado que se publique cos mesmos efectos profesionais.

8º. Diploma que acredite a realización de cursos de formación integral e/ou complementaria para futuros profesionais da casa do maior. O curso terá unha duración de 30 horas e será impartido pola Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.

9º. Habilitación para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, regulada pola Orde do 19 de novembro de 2018 pola que se regula o procedemento de obtención das habilitacións para profesionais pertencentes ás categorías de persoal coidador, xerocultor, auxiliar de axuda no fogar e asistente/a persoal nos centros e servizos sociais do Sistema para a autonomía e atención á dependencia, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (códigos de procedemento BS800A e BS800B).

b) Residir en concellos que non dispoñan de recursos de atención diúrna a persoas maiores, nos cales se promova o establecemento da casa do maior, ou telo feito nos cinco anos anteriores á posta en marcha do proxecto.

c) Contar cun inmoble en condicións de accesibilidade nunha das poboacións mencionadas na letra anterior, ou dispoñer del con anterioridade á posta en marcha da casa do maior.

O inmoble deberá contar coas condicións arquitectónicas, de deseño e construción que garantan o cumprimento das normas en vigor, especialmente o Código técnico da edificación e as súas exixencias básicas. Estará dotado dos seguintes recursos:

1º. Instalación de auga corrente. Os centros dispoñen de auga corrente procedente da rede de abastecemento público ou de calquera outra fonte que cumpra a normativa técnico-sanitaria vixente.

2º. Sistema de calefacción que cubra todas as estancias dedicadas ao desenvolvemento da actividade subvencionada e conte coa protección de elementos calefactores precisa para evitar as queimaduras por contacto ou outros riscos para a integridade dos maiores.

3º. As estancias deberán dispoñer de ventilación e iluminación natural.

Exceptúanse destes requisitos os cuartos de baño, nos cales a ventilación pode ser natural ou forzada.

4º. Unha zona para a preparación, almacenamento e conservación de alimentos, dotada cos elementos necesarios para prestar o servizo de manutención.

5º. Unha zona de comedor habilitada para o efecto.

6º. Unha zona diferenciada para o descanso e a hixiene:

6º.1. Contará cunha sala de estar para a realización de actividades individuais ou grupais, que posibilite a convivencia e a participación social. A súa superficie nunca será inferior a 12,5 metros cadrados e deberá dispoñer de iluminación e ventilación natural.

6º.2. Contará, como mínimo, con dous servizos hixiénicos diferenciados, un para cada sexo, que contarán cunha dotación mínima de lavabo e inodoro. Un dos servizos hixiénicos deberá contar cunha ducha. Deberán estar dotados de axudas técnicas en paredes e sanitarios, así como timbre de chamada con conexión ás zonas comúns. O chan será antiesvaradizo e de doada limpeza, e as portas terán un dispositivo fácil de peche e apertura.

Ambas as zonas deberán estar situadas preferiblemente na planta baixa ou no 1º con fácil acceso ao exterior, e ser accesibles.

7º. Barras, axudas e timbre.

8º. As zonas de acceso adecuaranse tanto ao transporte adaptado como ás persoas usuarias de andador e cadeiras de rodas.

9º. Un mobiliario e equipamento que permita a cobertura das necesidades e características específicas das persoas maiores usuarias.

10º. Dispoñer dun plan de actuación coas persoas maiores para atender eventuais emerxencias que se poidan producir na casa do maior.

d) Acreditar unha revisión médica anual. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta revisión médica deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolvan o proxecto.

e) Dispoñer dun certificado de manipulador de alimentos.

No caso de posta en marcha de dúas casas do maior nun mesmo inmoble, poderán compartir acceso de entrada, a zona de preparación de alimentos e os servizos hixiénicos diferenciados.

En relación coas persoas beneficiarias das axudas para poñer en marcha unha casa do maior, os requisitos establecidos na letra a) do número 1, coa excepción do ordinal 8º, así como o certificado médico acreditativo do estado de saúde, deberanse cumprir na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

En canto ao requisito do número 1.a) 8º, a persoa promotora do proxecto deberase comprometer á súa realización nun prazo máximo de seis (6) meses desde a entrada en vigor desta orde, mediante a emisión dunha declaración responsable nos termos previstos no artigo 10.

O resto dos requisitos previstos no número 1 deberanse acreditar no prazo de catro meses desde a recepción da resolución de concesión.

Todos os requisitos previstos no número 1 se deberán manter durante o período de permanencia da actividade.

Respecto das cooperativas de traballo asociado, de non estaren constituídas no momento de presentación da solicitude, deberán ter iniciado os trámites para a súa constitución con anterioridade á súa presentación. Neste caso, deberán achegar coa solicitude a documentación acreditativa correspondente: estatutos, solicitude de cualificación previa destes ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

As persoas solicitantes deberán acreditar, mediante declaración responsable, que non están incursas en ningunha das causas de prohibición previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obteren a condición de beneficiarias.

Solicitudes.

1. As solicitudes de subvencións reguladas nos dous procedementos BS212A e BS212B desta orde presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario dispoñible en cada un dos procedementos na sede electrónica da Xunta de Galicia

https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, o órgano responsable da tramitación requirirá as persoas interesadas para que, nun prazo de dez días hábiles a partir do día seguinte ao da notificación do requirimento, emenden a falta ou presenten os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fan, se considerará que desisten da súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos previstos polo artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas nas axudas para a posta en marcha de novos proxectos (procedemento BS212A) deberán achegar coa solicitude (anexo I-A) a seguinte documentación:

a) De ser o caso, copia da documentación acreditativa de estar en posesión de calquera das titulacións ou das formacións recollidas no artigo 4.1.a), ordinais 6º, 7º e 9º. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.

En relación co curso de formación a que fai referencia o artigo 4.1.a), ordinal 8º, a persoa interesada non estará obrigada a achegar documento acreditativo da súa realización e a Administración poderao comprobar en calquera momento.

No caso de que aínda non se realizarase o curso de formación integral e/ou complementaria, a persoa promotora deberá presentar unha declaración responsable en que se comprometa á súa realización, nos termos previstos no anexo I-A.

b) Certificado ou informe médico oficial acreditativo das condicións de saúde. No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.

c) Documentación acreditativa da constitución da cooperativa ou, no caso de ter iniciado os trámites para a súa constitución, que comprenderá os estatutos, solicitude da súa cualificación previa ou solicitude de inscrición no Rexistro de Sociedades Cooperativas.

d) Memoria descritiva en que se recolla a localización xeográfica do proxecto e o número potencial de persoas maiores usuarias e se xustifique a súa necesidade e oportunidade, apoiada na análise do contorno e nos datos oficiais de poboación publicados polo Instituto Galego de Estatística dos últimos tres anos.

e) Proposta metodolóxica básica, asinada pola/s persoa/s que desenvolverá/n o proxecto, que permita coñecer os aspectos xerais de funcionamento e organización da casa, así como os elementos esenciais do desenvolvemento da actividade e que, en todo caso, deberá comprender como contido o ingreso, a acollida e o período de adaptación, a participación das familias, as relacións coa comunidade, a alimentación, a hixiene, os hábitos de autonomía persoal e a programación xeral dunha xornada. A proposta metodolóxica incluirá protocolos básicos de actuación con persoas maiores, co protocolo de caídas, de hixiene persoal, da atención e coidados, das suxestións e reclamacións.

f) Descrición do equipamento e dos materiais que se empregarán no desenvolvemento do proxecto, que comprenderá as características e a composición de todos os elementos recollidos na letra c) do artigo 4.1. Incluiranse o mobiliario, electrodomésticos e materiais didácticos ou de estimulación cognitiva que se vaian empregar no desenvolvemento do proxecto e indicarase se son ou non de nova adquisición.

g) Memoria descritiva do inmoble, cos planos a escala e acoutados do estado actual do inmoble acompañados de fotografías de todas as estancias, coa proposta das adaptacións e/ou obras de reforma que se realizarán, de ser o caso, en cada unha delas. De realizar obras, planos a escala representativos do estado reformado.

No caso de que nun mesmo inmoble se pretenda a instalación de dúas casas do maior, de conformidade co artigo 4.1, deberán quedar claramente diferenciados os espazos destinados a cada unha das casas, delimitando os espazos propios dos espazos compartidos.

h) Orzamento desagregado dos gastos de investimento segundo o establecido no anexo II.

i) Documentación acreditativa de ser vítima de violencia de xénero e certificado de discapacidade no caso de que sexa emitido por outras administracións distintas da Xunta de Galicia, de ser o caso, para efectos da valoración dos criterios establecidos no artigo 14.

Respecto da demanda de emprego, considerarase interrompida se se traballou durante un período acumulado de 90 días ou máis nos 365 anteriores á data de solicitude.

No caso de cooperativas de traballo asociado, esta documentación deberá estar referida á/ás persoa/s socia/s que desenvolverán o proxecto.

j) Anexo III-A cuberto cos datos da persoa que se vaia encargar do desenvolvemento do proxecto, no suposto de tratarse de cooperativas de traballo asociado.

k) Documentación acreditativa da dispoñibilidade do inmoble durante o período subvencionado, como a escritura de propiedade, o contrato de arrendamento ou o documento de cesión.

l) Certificado de manipulador de alimentos.

m) Informe dos servizos técnicos municipais de que o inmoble proposto conta coas condicións de habitabilidade necesarias para o seu uso como vivenda. No suposto de inmobles non destinados a vivenda, o informe anterior substituirase pola documentación técnica elaborada por profesional con titulación habilitante que, co alcance e definición requiridos polo Código técnico da edificación (CTE), acredite o cumprimento da normativa que sexa de aplicación. No caso de ter que realizar obras de adaptación ou reforma, o informe terá que acreditar as condicións referidas con posterioridade á súa realización.

n) Fotografías das adaptacións realizadas.

ñ) Datos de identificación da persoa que se encargará de substituír a persoa responsable do desenvolvemento do proxecto nos supostos de ausencia, enfermidade ou emerxencia, así como copia da documentación recollida no artigo 4.1.a).

o) Alta no Censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Función Pública, de ser o caso.

p) Plan de actuación en caso de emerxencia.

q) Xustificante de contratar unha póliza de seguro por un importe mínimo de 15.000 euros, que garanta a cobertura das continxencias de responsabilidade civil, danos a terceiras persoas e accidentes que se poidan xerar por feitos ou circunstancias ocorridos como consecuencia da súa estadía nel ou das actividades propias que se realicen no exterior.

r) Alta na Seguridade Social no réxime especial de autómonos.

2. A documentación prevista nas letras k) a r) do número 1 poderase presentar ben no momento da solicitude co anexo I, ben no prazo de catro meses desde a publicación da resolución de concesión, xunto co anexo IV.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) da persoa solicitante da posta en marcha do proxecto, da persoa representante e da que está a desenvolver o proxecto no caso de cooperativas de traballo asociado, e número de identificación fiscal (NIF), no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, da persoa ou entidade solicitante e da persoa que estea a desenvolver ou que vai desenvolver o proxecto, segundo o procedemento.

c) Inhabilitacións vixentes para obter subvencións da persoa solicitante que estea a desenvolver ou que vaia desenvolver o proxecto, rexistradas na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) no período solicitado, segundo o procedemento.

d) Concesións das axudas a que aplica a regra de minimis vixentes da persoa solicitante que estea a desenvolver ou que vaia desenvolver o proxecto, rexistrados na Base de datos nacional de subvencións (BDNS), segundo o procedemento.

e) Alta no imposto de actividades económicas, respecto da persoa solicitante e da persoa que vai desenvolver o proxecto.

2. Ademais dos datos sinalados no número primeiro, de xeito específico para a solicitude de axudas para a posta en marcha de novos proxectos (procedemento BS212A) consultaranse os seguintes datos:

a) Títulos oficiais universitarios e títulos oficiais non universitarios, mencionados no artigo 4.1.a) a persoa solicitante ou da que vaia desenvolver o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

b) Empadroamento da persoa solicitante ou da que vai desenvolver o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

c) Certificación acreditativa da inscrición ininterrompida na oficina de emprego como demandante de emprego, durante doce (12) meses ou máis, da persoa solicitante ou da persoa que vai desenvolver o proxecto no suposto de cooperativas de traballo asociado, se for o caso.

d) Certificado do grao de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia, se for o caso, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente, para os efectos da valoración dos criterios recollidos no artigo 30 con respecto á persoa solicitante ou á persoa que vai desenvolver o proxecto, no suposto de cooperativas de traballo asociado.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2022).

    • Extracto da Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 29 do 11 de febreiro de 2022).

    • Resolución do 8 de xullo de 2022, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, pola que se publica a Resolución do 7 de xullo de 2022 de concesión das axudas para a posta en marcha de casas do maior convocadas mediante a Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e para a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 140 do 22 de xullo de 2022).

    • Resolución do 5 de agosto de 2022, da Dirección Xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, pola que se publica a Resolución do 5 de agosto de 2022 de corrección de erros da Resolución do 7 de xullo de 2022 de concesión das axudas para a posta en marcha de casas do maior, convocadas pola Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e para a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 156 do 18 de agosto de 2022).

    • Orde do 18 de setembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 26 de xaneiro de 2022 pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a posta en marcha de casas do maior e a continuidade de casas do maior en funcionamento, para os anos 2022 e 2023, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 182 do 25 de setembro de 2023).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

BS210A

Recoñecemento da situación de dependencia e da discapacidade

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS213T

Concerto social para a execución de programas de acollemento residencial dirixido a nenos, nenas e adolescentes con medida de protección e problemas de saúde mental, no centro de menores Casa da Quintán en Pontecaldelas

Tramitar en liña

Prazo aberto: 06/12/2025 00:00 - 05/01/2026 23:59

BS307A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de escolas de tempo libre.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS314A

Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .

Tramitar en liña

Aberto todo o ano