Guía de procedementos e servizos

TU501B

Subvencións a entidades locais para o apoio ás inversións para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 20/01/2018 00:00 - 19/02/2018 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

Sobre o procedemento

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos no medio rural cara á consolidación da oferta turística nas zonas rurais a través da posta en valor da súa riqueza histórica, cultural, patrimonial e paisaxística.

O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva

Son subvencionables as seguintes accións:

a) Actuacións de embelecemento dos accesos aos recursos turísticos da entidade solicitante, que poderán incluír:

– Recuperación e tratamento paisaxístico do contorno dos recursos turísticos

– Iluminación ornamental dos recursos turísticos, xa sexa primeira instalación ou mellora, ampliación ou substitución da existente. Non será subvencionable a iluminación urbana da entidade local.

– Recuperación de miradoiros paisaxísticos, sendeiros, rutas....

– Adecuación de espazos destinados ao estacionamento de vehículos dos visitantes, nos que a súa finalidade sexa reducir o impacto negativo que estes producen.

b) Actuacións de embelecemento dos bens declarados de interese cultural ou cun procedemento de declaración xa iniciado, así como as que afecten o seu contorno de protección que poderán consistir en:

– Embelecemento de vías.

– Soterramento de contedores de residuos.

– Eliminación de cableado aéreo e antenas de comunicacións.

c) Actuacións de posta en valor turístico dos recursos que poderán incluír as seguintes:

– Rehabilitación ou restauración para a súa dedicación a usos turísticos distintos do aloxamento de persoas.

– Recuperación de elementos de interese etnográfico ou da arquitectura tradicional.

d) Actuacións de mellora da accesibilidade dos recursos turísticos:

– Eliminación de barreiras arquitectónicas no acceso aos bens, recursos e rutas turísticas.

– Facilitar o acceso das persoas con algún tipo de discapacidade sensorial á información turística dos recursos, mediante a adaptación das páxinas web, sinalización en linguaxe braille ou calquera outra de análoga natureza.

En todo caso, deberá cumprirse a normativa vixente en materia de accesibilidade e eliminación de barreiras arquitectónicas.

Só serán subvencionables as obras que utilicen materiais construtivos que permitan a integración harmónica e respectuosa coa contorna na que se atopa o recurso. Neste sentido deberá evitarse o uso de asfalto ou de formigón cando visualmente non se acomoden esteticamente co medio.

e) Sinalización dos recursos turísticos.

A sinalización poderá comprender tanto a primeira instalación como a substitución da existente nos camiños e nas estradas das redes locais, provinciais e autonómica, así como nos cascos urbanos cando esta se atope deteriorada ou obsoleta nos seus contidos e/ou imaxe.

So será subvencionable a sinalización turística, que é a referida exclusivamente aos recursos e servizos turísticos.

Os paneis interpretativos deberán utilizar materiais resistentes ás inclemencias meteorolóxicas, ao vandalismo e deberán harmonizar co contorno no que se instalen.

Os materias e características da sinalización deberán cumprir o disposto no manual oficial de sinalización turística da Xunta de Galicia, Decreto 85/2012, do 16 de febreiro (DOG núm. 47, do 7 de marzo), os correspondentes manuais de homologación de sendeiros conforme a normativa da Federación Galega de Montañismo e de acordo coa sinalización deseñada pola Axencia Turismo de Galicia para os Centros BTT.

En todo caso, de ser necesarias para levar a cabo a actuación para a que se solicita subvención, deberá contarse coas autorizacións das administracións sectoriais correspondentes (patrimonio, estradas, ambiente....). De non contar coas referidas autorizacións, deberá achegarse coa solicitude de subvención a súa petición ás administracións competentes.

Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os requisitos establecidos nestas bases, as entidades locais que desenvolvan actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, que se relacionan:

a) Concellos.

b) Mancomunidades e consorcios locais constituídos de acordo coa Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia. Estas entidades supramunicipais deberán ter atribuídas competencias en materia de turismo.

c) Agrupacións de concellos, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Neste caso deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención a aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Competitividade

Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial

Estrada Santiago-Noia, Km. 3, A Barcia

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546360

Axencia Turismo de Galicia
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

20/01/2018 00:00 - 19/02/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

1.Non poderán participar nesta convocatoria as setes grandes cidades galegas: A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela, e as entidades locais de carácter supramunicipal nas que estean integradas.

2. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forme parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

3. Os requisitos para ser beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da entidade.

5. So poderá solicitarse unha axuda por concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Os concellos pertencentes a entidades locais supramunicipais ou agrupacións que soliciten axudas como integrantes destas, poderán pola súa vez solicitar unha axuda para unha actuación diferente de maneira independente.

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes, poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

3. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.

4. As entidades interesadas achegarán a seguinte documentación:

a) Solicitude segundo o modelo do anexo II subscrita polo órgano competente do concello, mancomunidade, consorcio ou agrupación.

Respecto das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións de concellos, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada un dos concellos que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

b) Acreditación da titularidade do inmoble ou de calquera título de disposición válido en dereito que garanta a súa permanencia durante un período que permita cumprir os prazos establecidos.

c) Certificación da secretaría da entidade local, que deberá ser un documento único no que se recollerán os seguintes extremos:

– O acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación das solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

– Remisión das contas da entidade local ao consello de Contas de Galicia. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

– Acreditación de que as obras non estaban iniciadas na data do 1 de xaneiro de 2018.

– Acreditación da poboación da entidade local de acordo cos últimos datos do padrón de habitantes na data da publicación da convocatoria.

No caso de agrupacións de concellos, certificación emitida pola secretaría do concello representante, na cal se faga constar con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou nas certificacións emitidas polas secretarías dos concellos integrantes da agrupación:

– Que todos os concellos integrantes da agrupación adoptaron o acordo polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos que se pretenden executar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nesta resolución, así como o compromiso de financiar o importe da actividade que non resulte subvencionado ao abeiro desta convocatoria ata o importe total da execución prevista segundo a documentación achegada coa solicitude.

– O nomeamento da persoa titular da alcaldía como representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a e perceptor/a da subvención.

– Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do concello ao Consello de Contas de Galicia. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas de Galicia se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta da referencia expresa ao contido determinado nos números anteriores, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas, determinará a inadmisión da solicitude.

– O instrumento xurídico que regule a agrupación, no que consten os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que vaia aplicar cada un deles e a designación da persoa titular da alcaldía que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

– Acreditación de que as obras non estaban iniciadas na data do 1 de xaneiro de 2018.

– Acreditación da poboación da agrupación de acordo cos últimos datos do padrón de habitantes na data de publicación da convocatoria.

d) Memoria detallada asinada por técnico competente que permita unha definición exacta da intervención que se vai realizar que deberá incluír:

– Planos de localización do investimento.

– Planos do estado actual.

– Planos do proxecto que se vai levar a cabo.

– Relación exhaustiva (indicando calidades) dos materiais e acabamentos propostos.

– Relación detallada dos mobles e equipamentos (débese indicar calidades, localización e número) que se van instalar.

– Reportaxe fotográfica do inmoble, exteriores, interiores e da contorna.

– Orzamento detallado, agrupado por partidas dos gastos necesarios para a execución do proxecto.

e) No caso de que a solicitude comporte a realización de obras, tres ofertas como mínimo de diferentes provedores de acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, agás que polas especiais características dos gastos non existan no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten. Cando o beneficiario teña a obriga de solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores deberá xustificar nunha memoria a elección da oferta cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

En todo caso é de obrigado cumprimento por parte da entidade beneficiaria o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

No caso de que a execución do proxecto se tramite a través dun expediente de contratación, sinalarase expresamente.

f) No caso de ser necesarias para levar a cabo a actuación para a que se solicita subvención, autorizacións das administracións sectoriais correspondentes (patrimonio, estradas, ambiente....).

De non contar coas referidas autorizacións, deberán xuntar a petición do/dos correspondente/s permisos ás administracións competentes.

Todo isto, sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.

No caso de que algún dos documentos que vaia presentar a parte da entidade solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos ou en formatos non admitidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá ao interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaráselle que, se non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Despois de presentar

Prazo de resolución: Cinco meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 14 do 19 de xaneiro de 2018).

    • Correción de erros. Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 19 do 26 de xaneiro de 2018).

    • Resolución do 12 de marzo de 2018 pola que se fai pública a ampliación do crédito existente para a concesión das axudas previstas na Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018, publicada no Diario Oficial de Galicia número 14, do 19 de xaneiro (DOG nº 54 do, 16 de marzo de 2018).

    • Resolución do 23 de agosto de 2018 pola que se amplía o prazo de presentación da documentación xustificativa establecido na Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 164 do 29 de agosto de 2018).

    • Resolución do 19 de setembro de 2018 pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 4 de xaneiro de 2018 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades locais para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 186 do 28 de setembro de 2018).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

PR477A

Autorización para espectáculos públicos e actividades recreativas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU400A

Declaración de municipio turístico.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU401A

Declaración de festa de interese turístico de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TU503K

Subvencións para a adquisición de bicicletas e patinetes eléctricos, así como para a dotación de estacións de reparación e puntos de recarga, no territorio das Rutas do Viño de Galicia.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 15/12/2025 09:00 - 16/02/2026 20:00