Guía de procedementos e servizos

IN607E

Axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e á mellora de infraestruturas de investigación e de ensaio e experimentación.

Procedemento dirixido a: Asociaciones y ong

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 21/08/2025 00:00 - 13/10/2025 23:59

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Sobre o procedemento

Concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación para o fortalecemento dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio a investimentos para a creación e mellora de infraestruturas de investigación e de apoio á experimentación.

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas os centros tecnolóxicos e os centros de apoio á innovación tecnolóxica de Galicia inscritos no Rexistro Estatal de Centros, regulado polo Real decreto 2093/2008, do 19 de decembro.

2. Consonte o establecido no artigo 2.83 e 26 do Regulamento (UE) nº 651/2014, ademais das actividades non económicas ligadas ás súas actividades primarias como organismo de investigación e de difusión de coñecemento, cando aqueles centros leven a cabo tamén actividades económicas (oferta de produtos ou servizos nun determinado mercado), o financiamento, os custos e os ingresos de ambos os tipos de actividades deberán contabilizarse por separado, sobre a base de principios de contabilidade de custos aplicados con coherencia e xustificables obxectivamente.

Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere o centro.

3. Non poderán acceder á condición de centros beneficiarios aqueles en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, estean suxeitos a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, ou estean en crise, tal e como se define no anexo II desta resolución.

A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requirirá ao centro, se fose necesario, os documentos oportunos.

Xunta de Galicia

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Axencia Galega de Innovación (GAIN)

Rúa Airas Nunes s/n

15702  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541677/ 981957303

Email: axudas.gain@xunta.gal

Axencia Galega de Innovación (GAIN)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

21/08/2025 00:00 - 13/10/2025 23:59

Segundo a Resolución do 23 de setembro de 2025 amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 13 de outubro de 2025.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 29 de setembro de 2025, debendo cumprirse o prazo mínimo dun mes.

1. Requisitos comúns aos dous tipos de infraestruturas.

a) Deberán orientarse á xeración de capacidades dos centros nos ámbitos estratéxicos da RIS3 galega 2021-2027 (anexo V) para mellorar a súa excelencia e as actividades de transferencia e apoio, especialmente cara ás pemes, nestes ámbitos definidos no anexo II desta resolución.

b) Deberá potenciarse un uso eficiente dos recursos, evitando solapamentos con infraestruturas xa existentes en Galicia e fomentando posibles sinerxías entre elas.

c) As infraestruturas deberán ser económica e financeiramente viables e orientarse á obtención de resultados en termos de excelencia e/ou transferencia.

A través da memoria e o plan de explotación que debe achegarse coa solicitude, a Axencia Galega de Innovación valorará esta viabilidade. Comprobarase a sustentabilidade financeira das infraestruturas e estimarase o impacto potencial das infraestruturas solicitadas no ecosistema galego de innovación. O plan de explotación deberá estar adaptado ao tipo de infraestruturas que se solicitan segundo sexan de investigación ou tecnolóxicas.

d) O acceso ás infraestruturas deberá estar aberto e concederse de xeito transparente e non discriminatorio.

e) O prezo que se cobre polo funcionamento ou a utilización das infraestruturas deberá corresponder co prezo de mercado.

f) As infraestruturas apoiadas deben cumprir os requisitos relativos ao efecto incentivador. A solicitude de axuda debe presentarse antes do inicio da actividade e a axuda debe cambiar o comportamento do centro, de tal maneira que emprenda actividades complementarias que non realizaría, ou que, sen a axuda, realizaría dunha maneira limitada ou diferente. A axuda debe xerar un aumento substancial do alcance das actividades ou, grazas a ela, un aumento substancial do importe total investido ou do ritmo de execución.

Entenderase que a actividade comezou co primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes da infraestrutura solicitada, ou outro compromiso que faga o investimento irreversible se este ten unha data anterior ao inicio da actividade. Considerarase que existe un compromiso en firme no caso da existencia dun contrato asinado entre ambas as partes, ou a existencia dun pedido para calquera dos investimentos solicitados.

Para estes efectos, a compra dos terreos e determinados traballos preparatorios, como a obtención de permisos e a realización de estudos previos de viabilidade, non se consideran inicio dos traballos.

g) As actuacións poderán executarse ata o 30 de setembro do ano 2028.

h) Os investimentos deben realizarse na Comunidade Autónoma de Galicia e os diferentes equipamentos que se adquiran deben incorporarse a un centro de traballo permanente e legalmente constituído nesta comunidade autónoma.

i) O orzamento subvencionable de cada solicitude no que poden estar integradas máis dunha unidade non pode ser inferior a 450.000 € nin superior a 8.000.000 de €, imposto sobre o valor engadido (IVE) non incluído.

j)Todas as infraestruturas financiadas deben respectar o principio de non causar un prexuízo significativo ao ambiente (principio DNSH, polas súas siglas en inglés, Do no significant harm), en cumprimento do artigo 9.4 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados (en diante, Regulamento (UE) nº 2021/1060).

k) Nos proxectos de infraestruturas que teñan unha vida útil de cinco anos como mínimo, acreditarase a realización da análise da defensa contra o cambio climático exixida no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, de acordo coa Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia (dispoñible no enderezo

https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027/proteccion-de-infraestruturas-fronte-ao-cambio-climatico). Nos proxectos en que resulte preceptiva pode integrarse na avaliación de impacto ambiental.

l) As infraestruturas financiadas ao abeiro destas bases reguladoras deben respectar o cumprimento dos principios horizontais recollidos no artigo 9 do Regulamento (UE) nº 2021/1060, en especial, os relativos á materia medioambiental, de igualdade e de accesibilidade a persoas con discapacidade que poidan resultar de aplicación.

2. Requisitos específicos para as infraestruturas de investigación.

As infraestruturas de investigación deben dedicarse a proxectos de investigación aplicada e orientaranse ao desenvolvemento de actividades de I+D independentes do centro, ou en colaboración con empresas, na procura da mellora da súa excelencia nun contexto internacional.

Poderán desenvolver actividades económicas e non económicas, de acordo coa definición que figura no anexo II desta resolución, pero é imprescindible que o financiamento, os custos e os ingresos de cada tipo de actividade se consignen de xeito separado, sobre a base de principios de contabilidade de custos aplicados con coherencia e xustificables obxectivamente. Na solicitude será preciso incluír a porcentaxe que se dedicará a cada tipo de actividade.

Ademais, consonte o establecido no artigo 26.7 do Regulamento (UE) nº 651/2014, a Axencia Galega de Innovación creará un mecanismo de supervisión e recuperación para garantir que non exceda a intensidade de axuda aplicable como resultado dun aumento de proporción das actividades económicas en relación coa situación prevista no momento de conceder a axuda.

As infraestruturas de investigación centraranse en TRLs (Technology Readiness Levels/niveis de madurez da tecnoloxía) propios da investigación industrial e/ou o desenvolvemento experimental.

3. Requisitos específicos para as infraestruturas tecnolóxicas.

As infraestruturas de ensaio e experimentación ou tecnolóxicas estarán enfocadas ás actividades de transferencia do centro prestando servizos innovadores de ensaio e experimentación para apoiar ao tecido empresarial, especialmente ás pemes, na posta no mercado das súas innovacións. Estas infraestruturas permitirán articular espazos de experimentación e contornas de probas controladas, tanto desde un enfoque tecnolóxico: testbeds, como tamén socio-tecnolóxico a través de living labs.

Utilizaranse predominantemente para actividades económicas, non sendo preciso levar un control do financiamento, custos e ingresos no caso de utilizarse tamén para actividades de tipo non económico, como si é preciso no caso das infraestruturas de investigación.

As infraestruturas tecnolóxicas estarán orientadas a TRL (Technology Readiness Levels/Niveis de madurez da tecnoloxía) máis altos que as infraestruturas de investigación, ao destinarse a actividades de ensaio e experimentación de novos produtos, procesos ou servizos.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

Os centros solicitantes presentarán o anexo I (solicitude) e xunto co resto dos anexos dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), se algún dos centros interesados presenta a súa solicitude de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Documentación xurídico-administrativa:

1º. Poder da persoa representante que presenta a solicitude verificado por letrado/a da Xunta de Galicia no caso de non estar inscrito no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia (REAG) que sirva como acreditación válida do asinante da solicitude de que actúa como representante da empresa. Entenderase acreditada a representación, sen necesidade de achegar documentación adicional, se a sinatura da solicitude se realizou cun certificado de representante de persoa xurídica de quen teña poder xeral de representación da empresa ante a Administración, de acordo co artigo 34.1 do Real decreto 2023/2021, do 30 de marzo.

2º. Anexo de declaración de información relativa á condición de peme (anexo VII). A Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para verificar a condición de pequena, mediana ou gran empresa, que é un criterio determinante da intensidade da axuda no caso de infraestruturas tecnolóxicas segundo o artigo 8, e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

3º. Anexo de declaración responsable do cumprimento do principio DNSH (anexo VIII).

b) Documentación técnica:

1º. Memoria técnica segundo o índice recollido no anexo III (letra arial 11 puntos, en formato pdf e cunha extensión máxima 50 páxinas) que xustifique o carácter estratéxico dos investimentos solicitados.

2º. Plan de explotación a 5 anos, como mínimo, desde a data de posta en funcionamento da infraestrutura, segundo o índice recollido no anexo IV. A través do Plan de explotación xustificarase a viabilidade e a sustentabilidade financeira da infraestrutura solicitada, na medida en que o centro conta coa capacidade necesaria para cubrir os custos de funcionamento e mantemento desta.

No caso de que nunha mesma solicitude se inclúan investimentos dunha unidade de investigación e tamén dunha unidade tecnolóxica, isto deberá especificarse de xeito claro e terse en conta tanto na memoria como no plan de explotación.

– Indicadores: no plan de explotación deberán incluírse tamén un conxunto de indicadores orientados á valoración do resultado e do potencial impacto tecnolóxico, económico e social da infraestrutura solicitada, tanto a nivel do centro como do Ecosistema Galego de innovación. Os indicadores deben adaptarse ás especificidades da infraestrutura solicitada. Para cada indicador, sempre que sexa posible, será preciso estimar un valor inicial no ano 2025 e para cada anualidade ata o 2030.

No anexo IV, xunto cos indicadores obrigatorios porque están ligados ao cofinanciamento da Unión Europea ou aos criterios de valoración, recóllese tamén, a modo de exemplo, unha relación de indicadores xerais aplicables a todo tipo de infraestrutura. Poderá seleccionarse algún destes indicadores ou outros de tipo xeral, pero sempre deberán completarse con indicadores específicos relacionados cos obxectivos concretos da infraestrutura solicitada.

Os indicadores do Plan de explotación formarán parte do seguimento da axuda. Estes indicadores poderanse utilizar como fonte para a avaliación do impacto desta convocatoria de axudas e tamén do conxunto de apoios concedidos pola Axencia Galega de Innovación aos centros tecnolóxicos e de apoio á innovación. O obxectivo desta avaliación é poder acadar unha valoración global da eficacia e eficiencia das actuais liñas de apoio aos centros tecnolóxicos.

– Difusión e comunicación: no Plan de explotación incluirase ademais unha proposta para a difusión e a comunicación dos investimentos solicitados da que formará parte a realización dunha xornada ou xornadas de demostración dirixidas ao Ecosistema Galego de Innovación.

Nos eventos que se celebren deberá poñerse de manifesto o apoio da Unión Europea e da Axencia Galega de Innovación, mencionando expresamente estes apoios e amosando os logotipos de ambas as entidades en todos os materiais empregados. Todas as actividades do plan deberán respectar o disposto nos artigos 47, 50 e no anexo IX do Regulamento (UE) nº 2021/1060 e as orientacións recollidas no documento de uso do emblema europeo https://commission.europa.eu/system/files/2021-05/eu-emblem-rules_es.pdf

3º. Descrición das ofertas presentadas segundo o modelo do anexo VI e copia destas, de acordo co establecido no artigo 11 destas bases reguladoras, no caso de contar xa con elas.

4º. No caso de investimento en obra civil e edificacións, deberán achegar os seguintes planos:

– Localización dentro do termo municipal.

– Plano xeral acoutado das instalacións, no cal se diferencie a situación inicial da posterior ao investimento.

– Planos de distribución en planta, nos cales se aprecien os espazos da nova construción ou das reformas e a instalación dos novos bens de equipamento.

Ademais, tamén será preciso achegar:

– Documentación acreditativa da propiedade ou do dereito de superficie, concesión administrativa ou dereito de explotación, cunha vixencia mínima de 5 anos contado desde a data prevista de posta en explotación da infraestrutura, dos terreos en que se localizarán as novas edificacións ou dos bens inmobles que serán obxecto de reforma.

5º. Documentación que acredite a defensa contra o cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto de infraestrutura, desde a planificación inicial, de acordo co establecido no artigo 73.2.j) do Regulamento (UE) 2021/1060, tendo en conta as orientacións técnicas sobre a defensa contra o cambio climático das infraestruturas para o período 2021-2027 (Comunicación da Comisión 2021/C 373/01, DOUE do 16 de setembro de 2021) e a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia. Dispoñible no enderezo https://www.conselleriadefacenda.gal/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2021-2027/proteccion-de-infraestruturas-fronte-ao-cambio-climatico

Con todo, se a entidade solicitante non dispón aínda en fase de solicitude dun proxecto suficientemente definido que permita integrar a dita análise nesta fase inicial, poderá presentar a dita documentación na fase de xustificación, en que o promotor deberá acreditar esta documentación e verificación da defensa da infraestrutura fronte ao cambio climático en todas as fases do ciclo do proxecto.

6º. Anexo de criterios de valoración comparativos (anexo XI).

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polo centro solicitante ante calquera Administración. Nestes casos será preciso que o centro indique en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos, que deberán ser recadados electronicamente a través das redes corporativas ou dunha consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa do centro.

De forma excepcional, se non se puidesen recadar os citados documentos, poderá solicitarse novamente a súa achega por parte do centro.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algún dos centros solicitantes presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Os centros responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polo centro, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que o/a interesado/a se opoña á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día nas seguintes obrigas: Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante do centro solicitante. No caso de que o centro solicitante estea representado por unha persoa xurídica comprobarase o NIF desta.

d) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

e) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que os centros interesados se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) segundo corresponda, e achegar os ditos documentos.

Cando o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso do centro interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar aos centros interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes.

Todos os trámites administrativos que os centros deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá do centro dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e a mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 158 do 20 de agosto de 2025).

    • Extracto da Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e a mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europa no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 158 do 20 de agosto de 2025).

    • Resolución do 23 de setembro de 2025 pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes ao abeiro da Resolución do 31 de xullo de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fortalecemento e a ampliación das capacidades dos centros tecnolóxicos galegos mediante o apoio á creación e á mellora de infraestruturas tecnolóxicas e de investigación cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 186 do 26 de setembro de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN603A

Rexistro de instalacións con equipos de presión.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605A

Inscrición/modificación no Rexistro de ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN605B

Excepcionalidade para refuxios ou espazos libres en ascensores.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN608B

Rexistro de posta en servizo de guindastre torre para obras ou outras aplicacións.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano