Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
AU301D
Subvencións para a realización de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións
Poderán ser entidades beneficiarias destas subvencións os concellos e as entidades locais menores responsables de sistemas de saneamento que teñan unha poboación total igual ou inferior a 50.000 habitantes.
Xunta de Galicia
Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático
Augas de Galicia
Dirección de Augas de Galicia
Subdirección Xeral de Réxime Xurídico
Praza Camilo Díaz Baliño, 7 e 9
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541632
Email: xuridico.augas@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
06/03/2026 09:00 - 07/09/2026 14:00
O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 6 de marzo de 2026 e rematará ás 14.00 horas do día 7 de setembro de 2026.
1. Para poder obter a condición de entidades beneficiarias, todos os concellos e entidades locais menores solicitantes deberán:
a) Cumprir os requisitos recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, e non ter pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.
2. Ningún concello ou entidade local menor poderá presentar máis dunha solicitude. O incumprimento deste punto dará lugar á inadmisión das solicitudes presentadas en segundo ou sucesivo lugar.
3. As solicitudes e os trámites posteriores deberán estar asinados pola persoa titular da alcaldía-presidencia ou pola persoa en quen estea delegada a competencia no momento da dita sinatura. Esta circunstancia deberá acreditarse.
Solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda. Se a emenda deste concreto defecto (presentación presencial da solicitude) se realiza unha vez transcorrido o prazo indicado na convocatoria da subvención para a presentación de solicitudes, o órgano competente ditará unha resolución en que se desestimará a solicitude por presentarse fóra do prazo, de acordo co artigo 23 en relación co artigo 20.2, letra g), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario, que figura como anexo I desta resolución, declárase o seguinte:
a) Que o concello ou a entidade local menor que solicita a subvención acepta as condicións e os demais requisitos exixidos na resolución de convocatoria.
b) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.
c) O conxunto de todas as subvencións ou axudas das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou conceptos financiados ao abeiro da resolución de convocatoria, e o compromiso de comunicar de contado cantas subvencións ou axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración, con indicación do importe e da súa procedencia, se é o caso.
d) Que a conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 foi remitida ao Consello de Contas de Galicia antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes que regula esta resolución.
e) Que o concello ou a entidade local menor solicitante está ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento en período executivo ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e, nomeadamente, con Augas de Galicia.
f) Que o concello ou a entidade local menor solicitante cumpre os requisitos que se recollen nos artigos 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para poder obter a condición de entidade beneficiaria.
g) O carácter recuperable ou non do imposto sobre o valor engadido (IVE) por parte do concello ou da entidade local menor, de acordo co disposto na Lei 37/1992, do 28 de decembro, do imposto sobre o valor engadido.
h) Que o concello ou entidade local menor está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
3. Todo isto sen prexuízo das comprobacións que se poidan realizar desde Augas de Galicia e que poden comprender a solicitude da documentación que se considere necesaria para a tramitación do procedemento.
Documentación complementaria
1. Os concellos e as entidades locais menores solicitantes deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:
a) Copia da auditoría das redes de saneamento para a detección de infiltracións aprobada e redactada co contido mínimo a que se refire o artigo 5 da presente resolución de convocatoria.
b) Resolución do órgano competente do concello ou da entidade local menor pola que se aproba a auditoría das redes de saneamento. No caso de que a aprobación a realice a persoa titular da alcaldía, deberá recollerse na resolución que se dará conta ao pleno ou á xunta veciñal da aprobación da dita auditoría.
c) Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos, cantidades e o seu prezo unitario para a realización da auditoría das redes de saneamento para a detección de infiltracións.
d) Conta xustificativa que recolla o previsto nos artigos 8 e 10 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.
e) Os tres orzamentos que, en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, debe ter solicitado a entidade beneficiaria, de ser o caso.
O citado artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, establece que cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa beneficiaria deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servicio ou entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
En todo caso, esta documentación só será exixible no suposto de que o importe dos gastos totais pola realización da auditoría de saneamento supere os 15.000,00 euros, de acordo co disposto no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, no suposto de contratos de servizos.
A falta de presentación da documentación indicada será obxecto de requirimento de emenda e aplicarase o previsto no artigo 17.2 desta resolución para o suposto de que non se atenda ao requirimento, sen prexuízo do disposto no artigo 13 desta resolución sobre a comprobación de datos.
2. Augas de Galicia poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. O tamaño máximo previsto para a presentación electrónica de documentos é de 2GB por presentación.
7. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto 5 de este artigo. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
O procedemento que hai que seguir para presentar documentación de gran tamaño pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia a través da seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/axuda/preguntas-frecuentes?content=pregunta-frecuente_0068.xml
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento, unha vez presentada a solicitude de subvención, poderán consultarse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
d) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas fronte á Seguridade Social que deba emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) Certificacións sobre o cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
f) Certificación sobre o cumprimento de obrigas derivadas da xestión dos tributos en materia de augas que deba emitir Augas de Galicia.
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Consulta de concesións ampliado.
i) Consulta de axudas do Estado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. Para a comprobación do cumprimento da obriga de remisión ao Consello de Contas de Galicia da conta xeral da entidade local correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, Augas de Galicia terá en conta os datos públicos que consten na páxina web oficial do Consello de Contas de Galicia, salvo que o solicitante achegue xunto coa súa solicitude outra documentación distinta que acredite o cumprimento da dita obriga.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar despois da presentación da solicitude deberán ser efectuados de maneira electrónica accedendo á Carpeta cidadá do concello ou da entidade local menor interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Comunicación de desistencia da solicitude/Aceptación ou renuncia á subvención (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 10 de febreiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 37 do 25 de febreiro de 2026).
-
Extracto da Resolución do 10 de febreiro de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de subvencións aos concellos e ás entidades locais menores, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas ao financiamento de auditorías das redes de saneamento para a detección de infiltracións, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 37 do 25 de febreiro de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de datos para cuantificación de perdas en redes de abastecemento.
Aberto todo o ano
Colaboración técnica e financeira en materia de infraestruturas hidráulicas.
Aberto todo o ano
Asunción de explotación de instalación de depuración de augas residuais urbanas.
Aberto todo o ano
Subvencións destinadas á renovación e/ou instalación de ata un máximo de dous sistemas de depuración autónomos en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo aberto: 23/02/2026 09:00 - 23/03/2026 14:00