Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
IG300D
Declaración de iniciativa empresarial prioritaria.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Economía e Industria
Esta resolución ten por obxecto aprobar e dar publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento administrativo IG300D), para a súa tramitación por medios electrónicos, para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Economía e Industria
Instituto Galego de Promoción Económica - Igape
Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 900815151
Email: informa@igape.es
Prazo de presentación: PECHADO
18/06/2020 00:00 - 15/12/2021 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto durante a vixencia da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.
Poderán presentar a solicitude as persoas interesadas que presenten proxectos que cumpran os seguintes requisitos establecidos no artigo 42 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:
1. Deberán achegar á Comunidade Autónoma de Galicia un valor engadido nas áreas de innovación, vertebración territorial, competitividade, internacionalización, protección ambiental, igualdade no ámbito laboral ou conciliación.
2. Deberán cumprir, polo menos, dous dos seguintes requisitos en materia de investimento e creación de emprego:
a) Que supoñan a xeración de vinte e cinco ou máis postos de traballo directo baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa.
b) Que impliquen a realización dun investimento en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, por importe igual ou superior a un millón de euros (1.000.000 €).
c) Que sexan proxectos tractores ou que complementen cadeas de valor ou que pertenzan a sectores considerados estratéxicos.
Presentación da solicitude e documentación complementaria
1. Para presentar a solicitude, a persoa interesada deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de declaración de iniciativa empresarial prioritaria.
Neste formulario inclúense os compromisos da persoa interesada de implantar e manter o proxecto durante un período mínimo de 5 anos desde o inicio da actividade económica ou a ampliación da existente.
A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) que se obterá de modo obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
Será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou aquelas en que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación informática) non serán tramitadas, e concederáselles aos solicitantes un prazo de 10 días hábiles para a súa emenda; transcorrido este, considerarse que desisten da súa petición, logo de resolución de arquivamento.
2. No caso de presentala de maneira presencial, o Igape requirirá o solicitante para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación da solicitude poderá empregarse calquera dos certificados validados pola plataforma @firma da Administración xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación: http://administracionelectronica.gob.es/PAe/aFirma-Anexo-PSC.
4. A solicitude deberá presentarse xunto coa seguinte documentación complementaria, de acordo co establecido no artigo 43 da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia:
1º. Informe detallado da iniciativa proxectada, que deberá conter unha descrición dos seguintes aspectos:
a) Acreditación do valor engadido nas áreas de innovación, vertebración territorial, competitividade, internacionalización, protección ambiental, igualdade no ámbito laboral ou conciliación que achegará a iniciativa á Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Acreditación do cumprimento de, polo menos, dous dos seguintes parámetros:
a. Compromiso de creación de vinte e cinco ou máis postos de traballo directos baixo a modalidade de contrato indefinido a xornada completa.
b. Descrición detallada do investimento en activos fixos, excluídos os inmobiliarios, por importe igual ou superior a un millón de euros (1.000.000 €).
c. Xustificación da súa consideración como proxecto tractor ou que complementa cadeas de valor ou que pertence a un sector considerado estratéxico.
c) Temporalización do proxecto.
2º. Documentación acreditativa das medidas que se instaurarán.
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. O solicitante responsabilizarase da veracidade dos documentos que presente. A achega das copias dixitalizadas implica a autorización para que a Administración acceda e trate a información persoal contida en tales documentos. Excepcionalmente, o Igape poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
5. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude: todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo ao enderezo da internet http://www.tramita.igape.es.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) DNI/ NIE da persoa solicitante.
b) DNI/ NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
d) NIF da entidade representante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio (anexo I) e presentar os documentos.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 9 de xuño de 2020 pola que se aproba e se dá publicidade do modelo de solicitude para a declaración dun proxecto empresarial como iniciativa empresarial prioritaria das previstas no título IV da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia. (DOG nº 118 do 17 de xuño de 2020).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Modificación da Inscrición no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Actividade comercial portuaria de subministro de combustible a buques, e outras instalacións fixas e móbiles, mediante medios móbiles terrestres.
Aberto todo o ano
Avais do Igape.
Aberto todo o ano