ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

Chave365

Chave365 é o sistema que permite aos cidadáns maiores de idade e aos/ás menores emancipados/as identificarse e asinar documentos na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de usar certificados dixitais nin DNI electrónico. Con Chave365, a persoa usuaria identifícase co seu NIF e clave persoal e asina electronicamente cun código, único para cada operación, que recibe no seu teléfono móbil.

Alta de usuario

Para empregar Chave365, o cidadán ten que darse antes de alta. Pode facelo por dúas vías:

  • De maneira electrónica a través desta sede, mediante o procedemento de alta en Chave365. Neste caso a alta é inmediata. Para solicitala necesita ter instalado no navegador un certificado electrónico válido para ese mesmo NIF, ou o DNI electrónico.
  • De maneira presencial, dirixíndose a calquera dos órganos ou unidades administrativas da Xunta de Galicia que realicen as funcións de rexistro de usuarios Chave365, que pode consultar nesta relación. Debe acudir persoalmente e acreditar a súa identidade mostrando o documento de identificación válido e vixente: DNI ou NIE orixinais, válidos e vixentes. Para as persoas estranxeiras, a identificación farase mediante:
    • a) TIE (tarxeta de identificación de persoas estranxeiras)
    • b) Tarxeta vermella (asilo), certificado de rexistro de cidadáns da UE ou documento oficial de concesión do NIE xunto co seu pasaporte).
    Pode solicitar cita previa aquí.

Antes de empregar Chave365 por primeira vez, debe cambiar obrigatoriamente a clave de acceso provisional (ou contrasinal) recibido por SMS por unha elixida por vostede. Consulte aquí como modificar a clave. Por razóns de seguridade, é necesario actualizar o contrasinal polo menos unha vez ao ano.

Se non recibe a mensaxe SMS coa clave de acceso en poucos minutos, póñase en contacto co servizo de atención cidadá 012 para confirmar que se enviou. En caso de que fose enviada pero non recibida, deberá contactar co seu provedor de telefonía e/ou revisar a configuración do seu terminal.

A validez do usuario de Chave365 é de catro anos desde a alta. Nos 60 días anteriores á caducidade do usuario de Chave365, será necesario solicitar a renovación a través do procedemento de alta. Consulte aquí cando e como renovar o seu usuario de Chave365.

Renovación de usuario

O usuario de Chave365 ten unha validez de 4 anos desde a súa alta no sistema. Transcorrido ese período, prodúcese a súa caducidade. Para evitar que isto aconteza, deberá solicitar a renovación do seu usuario dentro dos 60 días anteriores á caducidade. Esta renovación pode facela:

Lembre que, tras a súa solicitude, recibirá un SMS no seu teléfono informándolle que o seu usuario foi renovado correctamente.

Se non solicitou a renovación e o seu usuario caducou entón xa foi dado de baixa de forma automática no sistema de Chave365. No caso de que necesite empregar novamente Chave365 deberá darse de alta de novo no servizo.

Consulte aquí cando e como renovar o seu usuario.

Modificación de datos e baixa en Chave365

Para modificar os datos persoais asociados ao seu usuario de Chave365, debe empregar o formulario do procedemento de modificación dos datos que constan en Chave365. Se quere darse de baixa do sistema, pode facelo a través do procedemento de baixa en Chave365.

A modificación de datos e a baixa tamén se poden facer de maneira presencial nos órganos ou unidades administrativas da Xunta de Galicia que realicen as funcións de rexistro de usuarios Chave365.

Bloqueo da clave

Pode solicitar o desbloqueo da clave concertada chamando ao 012.

Onde xestionar presencialmente Chave365

Consulte a relación de órganos ou unidades administrativas da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia que realizan as funcións de rexistro de usuarios de Chave365.

Posibilidade de rexenerar as claves de forma non presencial

A través da Orde do 22 de xuño de 2020, acordouse adaptar o procedemento de xestión das claves concertadas á situación da nova normalidade derivada da emerxencia sanitaria provocada pola COVID-19 e procedeuse a habilitar mecanismos non presenciais de rexeneración das claves de acceso en caso de que se produzan bloqueos ou a súa caducidade.

A tal fin, e no caso de ser necesario, os/as cidadáns poderán empregar o asistente en liña de eServizos (de forma preferente) https://www.xunta.gal/eservizos/soporte-tecnico/asistente-en-lina ou o servizo de atención telefónica no 012.