Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
CT501B
Subvencións do Programa Bono Emancípate
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Axuda económica a través do Bono emancípate destinada ás persoas mozas traballadoras que aluguen ou adquiran en propiedade unha vivenda, para contribuír a sufragar os gastos derivados da súa emancipación nunha vivenda distinta da das súas persoas proxenitoras, que non sexan os do prezo de adquisición ou da renda de alugueiro, como son os derivados dunha mudanza, a adquisición de mobiliario e artigos de decoración en xeral, electrodomésticos, enxoval de cociña e baño, téxtil de fogar e gastos de xestoría ou notaría.
1. Poderán beneficiarse desta axuda as persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
1.1. Ter menos de 36 anos de idade no momento de solicitar a axuda.
1.2. Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que sexa de aplicación. No caso das persoas estranxeiras non comunitarias deberán acharse en situación de estancia ou residencia regular en España.
1.3. Dispoñer de, polo menos, unha fonte regular de ingresos na data da solicitude.
Para estes efectos, entenderase que teñen unha fonte regular de ingresos quen estea traballando por conta propia ou allea, o persoal investigador en formación e as persoas perceptoras dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, sempre que poidan acreditar unha vida laboral de, polo menos, tres meses de antigüidade, nos seis meses inmediatamente anteriores ao momento da solicitude, ou unha duración prevista da fonte de ingresos de, polo menos, seis meses, contados desde o día da súa solicitude.
No caso de dispoñer de máis dunha fonte regular de ingresos, as rendas computables serán a suma das rendas derivadas das ditas fontes.
1.4.
• Para o caso de persoas solicitantes con unidade de convivencia, que a suma dos ingresos anuais das persoas que a compoñen sexan iguais ou inferiores a catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). Este límite será de cinco veces o IPREM cando na composición da unidade de convivencia haxa persoas cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de seis veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
Para o caso da modalidade de alugamento, só se terán en conta as rendas anuais da persoa solicitante no caso de que concorran os seguintes dous requisitos:
a) Que no momento de solicitar a axuda ningunha das persoas que conviva na vivenda teña entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade ou ben que todas elas teñan menos de 36 anos de idade.
b) Que todas elas subscriban o contrato de alugamento.
• Para o caso de persoas solicitantes sen unidade de convivencia, que a suma dos seus ingresos anuais sexa igual ou inferior a tres veces o IPREM. Este límite será de catro veces o IPREM cando a persoa solicitante conte cunha discapacidade inferior ao 33 %, e de cinco veces o IPREM cando o grao de discapacidade recoñecido sexa igual ou superior ao 33 %.
1.5. Ser titular na Comunidade Autónoma de Galicia, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda formalizado, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, que teña unha duración mínima dun ano, ou ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda, con posterioridade ao 31 de maio de 2024, que estea construída e que conte con licenza de primeira ocupación no momento da presentación da solicitude, e xa sexa nova ou usada, ou ser adquirente ou adxudicataria, en primeira transmisión, dunha vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral ou especial.
1.6. Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean empadroadas na vivenda arrendada ou adquirida no momento de presentación da correspondente solicitude.
1.7. Non se poderá conceder a axuda cando a persoa solicitante ou algunha das que compoñen a unidade de convivencia se atope nalgunha das situacións que a seguir se indican:
a) Ser persoa propietaria ou usufrutuaria dalgunha vivenda en España distinta da que é obxecto da solicitude. Para estes efectos, non se considerará que se é persoa propietaria ou usufrutuaria dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota dela e se obtivese por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito quen, sendo titular dunha vivenda, acredite a súa non dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa titular ou algunha outra persoa da súa unidade de convivencia.
b) Ter parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa arrendadora ou vendedora da vivenda.
c) Ser socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
2. As persoas beneficiarias e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia deberán atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
4. Só se poderá obter unha axuda por cada vivenda alugada ou adquirida, e cada beneficiario só poderá selo por relación a unha vivenda alugada ou adquirida, sen que poida obterse a axuda por ambas as modalidades aínda en vivendas diferentes. Porén, no caso de que formulen cadansúa solicitude máis dunha persoa integrante da unidade de convivencia e para a mesma vivenda, distribuirase entre elas a contía da axuda prevista no artigo 7 a partes iguais, sempre que cumpran cos requisitos establecidos na convocatoria e consten todas como titulares do correspondente contrato de alugamento ou de compravenda como persoas arrendatarias ou adquirentes, respectivamente. Para estes casos, o crédito dispoñible en cadansúa tarxeta virtual será o correspondente á contía asignada a cada unha delas, sen que a suma das partes poida superar en ningún caso o importe total da axuda que corresponda segundo o caso.
Xunta de Galicia
Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
Dirección Xeral de Xuventude
Instituto da Xuventude de Galicia
Edif. administrativo San Lázaro s/n, planta 0
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881999025/ 981544840/ 981544926/ 981544866
Email: bonoemancipate.xuventude@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
06/02/2025 00:00 - 30/04/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será desde o día 6 de febreiro de 2025 ata o día 30 de abril de 2025, ambos incluídos, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible, caso en que se observará o disposto no artigo 3.2.desta orde.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.
c) Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
d) Declaración responsable de que está ao día no pagamento da renda de alugamento da vivenda alugada ou do prezo de adquisición da vivenda adquirida.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida é propietaria e/ou usufrutuaria dunha vivenda situada en España distinta da que é obxecto da solicitude, agás nos supostos exceptuados no número 1.7 do artigo 5 desta orde.
f) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante, nin ningunha outra persoa que integra a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida ten parentesco por consanguinidade, adopción ou afinidade, ata o segundo grao, coa persoa arrendadora ou vendedora.
g) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante, nin ningunha outra persoa que integra a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida é socia ou partícipe da persoa física ou xurídica que actúe como arrendadora ou vendedora.
h) Para o caso de solicitantes que teñan formalizado unha escritura pública de compravenda, compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente por un prazo de, polo menos, cinco anos, contados desde a data da formalización da escritura pública de compravenda.
i) Para o caso de solicitantes que teñan subscrito un contrato de alugamento, declaración responsable de que ningunha das persoas que convive na vivenda ten entre si parentesco en primeiro grao de consanguinidade, no caso de que na vivenda convivan, ademais da persoa solicitante, outra/s persoa/s e todas elas subscriban o contrato de arrendamento.
j) Declaración responsable de que non está incursa nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
k) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
3. Na solicitude deberá figurar, con carácter obrigatorio, un teléfono móbil para os efectos de activar a tarxeta. A activación será efectiva unicamente desde o número de móbil que se faga constar na solicitude.
Documentación complementaria.
1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Contrato de alugamento de vivenda formalizado con posterioridade ao 31 de maio de 2024 nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, que teña unha duración, como mínimo, dun ano, ou escritura pública de compravenda formalizada con posterioridade ao 31 de maio de 2024. No caso de que no contrato de alugamento ou na escritura pública de compravenda non figure a referencia catastral da vivenda, esta deberá consignarse no campo habilitado na epígrafe «datos específicos» do anexo I.
c) Certificado ou volante de empadroamento colectivo en que conste a data da solicitude, as persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto de alugamento ou compravenda. Para estes efectos, recoñeceranse os certificados expedidos nos tres meses anteriores á data de presentación da solicitude.
No caso de que na vivenda resida unicamente a persoa solicitante, o certificado de empadroamento deberá facer constar expresamente esta circunstancia.
d) Documentación xustificativa da fonte regular de ingresos da persoa solicitante. Para estes efectos, poderán achegarse:
– Contrato de traballo por conta allea, de ser o caso.
– Contrato de persoal investigador en formación, de ser o caso.
– Certificado acreditativo da percepción dunha prestación social pública de carácter periódico, contributiva ou asistencial, de ser o caso.
– Calquera outra documentación que xustifique algunha das fontes regulares de ingresos nos termos destas bases reguladoras.
e) No caso de que a persoa solicitante ou as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España distinta da que é obxecto da solicitude e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a persoa solicitante e/ou algunha outra persoa integrante da súa unidade de convivencia na vivenda arrendada non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou algunha outra persoa que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida, de ser o caso.
f) No caso de que a persoa solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España distinta da que é obxecto da solicitude, documentación acreditativa de que foi obtida por transmisión mortis causa sen testamento.
g) Anexo II, de declaración responsable das persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda e comprobación dos datos necesarios para a tramitación do procedemento, no caso de que na vivenda residan outras persoas distintas da persoa solicitante.
h) Anexo III, de declaración responsable de ingresos obtidos pola persoa solicitante e/ou polas persoas integrantes da súa unidade de convivencia na vivenda obxecto do contrato de alugamento ou escritura pública de compravenda, no caso de non ter presentado a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en adiante, INSS) relativo ao exercicio económico previsto nesta convocatoria.
– Certificados bancarios de rendementos de capital mobiliario.
i) Para o caso de unidades de convivencia que conten con algún membro con discapacidade, o correspondente certificado de discapacidade, de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
4. Cando se acheguen coa solicitude documentos en idioma distinto do galego ou castelán presentarán tamén a tradución dos ditos documentos a calquera destes dous idiomas, de acordo coa normativa que sexa de aplicación.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
Forma de presentación da documentación complementaria.
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.
Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade (en adiante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en adiante, NIE) da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
b) Número de identificación fiscal (en adiante, NIF) da entidade representante, de ser o caso.
c) Consulta de vida laboral dos últimos doce meses da persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
e) Certificado de estar ao día da súas obrigas coa Seguridade Social da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma, correspondente á persoa solicitante e ás que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
g) Certificado da renda expedido pola AEAT, da persoa solicitante e das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
h) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro, onde conste que nin a persoa solicitante nin as persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida teñan en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en España.
i) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que integran a súa unidade de convivencia na vivenda arrendada ou adquirida.
j) Consulta de concesións de subvencións e axudas da Intervención Xeral do Estado da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
b) Certificado das prestacións da renda de integración social de Galicia da persoa solicitante, así como das persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos nun período pola persoa solicitante, así como polas persoas que teñan o seu domicilio habitual e permanente na vivenda arrendada ou adquirida.
d) Permiso de residencia legal de persoas estranxeiras.
e) Certificado acreditativo da discapacidade da persoa solicitante ou do membro da unidade de convivencia, segundo o caso, expedido pola Xunta de Galicia
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Declaración complementaria (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2025).
-
Extracto da Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2025).
-
Corrección de erros. Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 22 do 3 de febreiro de 2025).
-
Orde do 22 de outubro de 2025 pola que se publica o incremento do crédito previsto na Orde do 3 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas económicas a través do Bono Emancípate, no ano 2025, e se procede á súa convocatoria (DOG nº 208 do 28 de outubro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Prazas en residencias xuvenís para persoas estudantes colaboradoras bolseiras
Prazo aberto: 23/10/2025 00:00 - 24/11/2025 23:59
Prazas en residencias xuvenís para persoas traballadoras
Prazo aberto: 23/10/2025 00:00 - 24/11/2025 23:59
Inclusión no censo de entidades xuvenís.
Aberto todo o ano
Expedición de títulos de ensinanzas impartidas nas escolas de tempo libre.
Aberto todo o ano