Guía de procedementos e servizos

PE201B

Axudas destinadas a pemes do sector transformador

Procedemento dirixido a: Cidadáns, Empresas e profesionais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 09/01/2025 00:00 - 10/02/2025 23:59

Consellería do Mar

Regular a convocatoria para o ano 2025, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas destinadas á realización de investimentos para pemes do sector transformador dos produtos da pesca e acuicultura que contribúan a fomentar unha pesca e acuicultura que contribúan á seguridade alimentaria na Unión Europea, fomentando unha pesca e acuicultura sotibles dende unha perspectiva medioambiental, socialmente responsable, baseada no coñecemento e competitiva.

Poderán ser persoas beneficiarias as persoas físicas, xurídicas, pluralidade de persoas físicas, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens.

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Subdirección Xeral de Competitividade da Cadea Mar-Industria

Servizo de Innovación Tecnolóxica das Industrias

San Caetano, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546295

Fax: 981546288

Email: sxmar.cmrm@xunta.es

http://www.xunta.gal/mar

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar da Coruña

Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Coruña

Rúa Ramón y Cajal, nº 1 - 5º andar

15006  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981182010

Fax: 981182027

Email: spait.mar.coruna@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar de Celeiro

Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (Celeiro)

Avda. Ramón Canosa, s/n - Celeiro

27863  Viveiro  (Lugo)

Teléfono: 982555035

Fax: 982555007

Email: pesca.mar.celeiro@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería do Mar

Departamento Territorial da Consellería do Mar de Vigo

Servizo de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica (Vigo)

Rúa Concepción Arenal, nº 8

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817129

Fax: 986817118

Email: xefatura.territorial.mar.vigo@xunta.gal

Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica

Prazo de presentación: PECHADO

09/01/2025 00:00 - 10/02/2025 23:59

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

1. Ser unha peme do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura ou ser unha entidade asociativa do sector transformador dos produtos pesqueiros e acuícolas, legalmente constituídas e inscritas no correspondente rexistro, e que cumpran o requisito de ser peme.

Para os efectos desta orde, terase en conta a definición de peme da Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, segundo a cal son microempresas, pequenas e medianas empresas (peme) as empresas con menos de 250 empregados e cun volume de negocios anual igual ou inferior a 50 millóns de euros ou un balance xeral anual igual ou inferior a 43 millóns de euros, e á Guía do usuario sobre definición do concepto de peme, publicada pola Oficina de Publicacións da Unión Europea no 2020.

As empresas deberán cumprir os criterios de independencia, segundo o indicado na mencionada recomendación. Así mesmo, para o cálculo dos efectivos (número de persoas ocupadas) e dos importes financeiros, terase en conta o indicado nela.

2. Non ter pendente de pagamento ningunha obriga por reintegro de subvencións.

3. Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.

4 Non incorrer en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que impida obter a condición de beneficiario da axuda.

5. Non encontrarse nalgún dos supostos establecidos no número 1, letras a) e b), e o número 3 do artigo 11 do Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello, de 7 de xullo de 2021:

– Ter cometido infraccións graves conforme o artigo 42 do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello ou ao artigo 90 do Regulamento (CE) nº 1224/2009, ou conforme outros actos lexislativos adoptados polo Parlamento Europeo no marco da PPC .

– Estar ou ter estado nos últimos 24 meses involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR (pesca ilegal non declarada e non regulamentada) ou involucradas na explotación, xestión ou propiedade dos buques que estean ou estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, ao abeiro do Regulamento (CE) nº 1005/2008 do Consello, do 29 de setembro de 2008, polo que se establece un sistema comunitario para previr, desalentar e eliminar a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.

– No marco do FEMP ou FEMPA, ter sido declarado culpable de cometer fraude, segundo a definición do artigo 3 da Directiva (UE) 2017/1371.

6. Ter capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

7. Estar en posesión das preceptivas concesións, autorizacións, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos ou ter presentadas as solicitudes destas. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias dos presentados para a obtención dos permisos.

8. Antes de que se dite a proposta de resolución de concesión, deben estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

9. Coa solicitude (anexo I), xuntarase unha declaración responsable por parte do solicitante, do seu representante ou apoderado do cumprimento dos requisitos establecidos nos puntos 2 a 6 deste artigo.

Requisitos específicos das persoas beneficiarias

Sen prexuízo do anterior, a persoa beneficiaria deberá cumprir os seguintes requisitos:

a) Os investimentos teranse que realizar nun centro localizado en Galicia.

b) As pemes do sector de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura deberán figurar de alta na Axencia Estatal de Administración Tributaria dentro das epígrafes relacionadas coa transformación de produtos procedentes da pesca, marisqueo ou acuicultura.

c) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, deberán acreditar e cumprir, nos termos dispostos nesta letra, os prazos de pagamento que se establecen na citada lei para obter a condición de beneficiarias. Calquera financiamento que permita a cobranza anticipada da empresa provedora considerarase válida para os efectos do cumprimento desta epígrafe, coa condición de que o seu custo corra a cargo do cliente e se faga sen posibilidade de recurso ao provedor, no caso de falta de pagamento.

A acreditación do nivel de cumprimento establecido realizarase polos seguintes medios de proba:

1. As persoas físicas e xurídicas que, de acordo coa normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, mediante certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen alcanzar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamentos previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Poderán tamén acreditar a dita circunstancia por algún dos medios de proba previstos no seguinte punto e con suxeición á súa regulación.

2. As persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada, acreditarán o nivel de cumprimento mediante:

1º. Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamento descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se alcanza o nivel de cumprimento dos prazos de pagamentos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, determinado neste punto, con base na información requirida pola disposición adicional terceira da Lei 15/2010, do 5 de xullo, de modificación da Lei 3/2004, do 29 de decembro.

Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

2º. No caso de que non sexa posible emitir o certificado a que se refire o número anterior, presentarase «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostra representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, do 29 de decembro, ou no caso de que se detecten, estas non impidan alcanzar o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.

A documentación acreditativa do nivel de cumprimento dos prazos legais de pagamento presentarase xunto coa solicitude da axuda. Con todo, se a certificación da persoa auditora ou o informe de procedementos acordados non se pode obter antes da terminación do prazo establecido para a súa presentación, achegarase xustificante de solicitar o devandito medio de acreditación e, unha vez obtido, presentarase inmediatamente e, en todo caso, antes da resolución de concesión.

Para os efectos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

d) No caso de que o solicitante conte cunha certificación de non inicio anticipada, os investimentos non poderán estar finalizados nin completamente pagados antes de que se acredite, unha vez presentada a solicitude, a non finalización deles por parte dos servizos da Consellería do Mar.

Forma de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade do artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións publicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Para os efectos de presentación da solicitude, os interesados poderán actuar por medio de representantes. A acreditación da representación deberá realizarse mediante a presentación da correspondente autorización e aceptación utilizando o anexo VIII da presente orde.

3. No caso de empresas que soliciten axudas para investimentos en varios centros de transformación, deberán presentar unha solicitude por cada centro. Estas solicitudes serán tramitadas como expedientes distintos.

Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

– Anexo II da declaración de non inicio do investimento, de ser o caso.

– Anexo III do formulario do investimento.

– Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas, se é o caso.

– Anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens, se é o caso.

– Anexo V, de relación de ofertas solicitadas e elixidas, se é o caso.

– Anexo VI.1, de declaración de peme cando o solicitante é unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas.

– Anexo VI.2 de declaración de peme para persoas xurídicas, unha comunidade de bens ou unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica.

– Anexo VI.3 de declaración de persoa física partícipe na persoa xurídica, só para as persoas físicas relacionadas no punto 2 do anexo VI.2 que cumpran o seu requisito específico.

– Anexo VII. Declaración responsable de aplicación da normativa en materia de accesibilidade para persoas con discapacidade.

– Anexo VIII. Nomeamento de representante para os efectos de presentación da solicitude.

Ademais, as persoas interesadas deberán achegar:

i) Se o solicitante é unha persoa física:

a) Declaración da renda da persoa solicitante dos exercicios 2022 e 2023 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

b) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades no caso de que iniciase a actividade durante o exercicio 2024.

ii) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

a) Certificación rexistral dos estatutos sociais, da escritura de constitución e do representante legal da persoa xurídica, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde.

b) Poder verificado da persoa representante legal, no caso de que tal poder non figure na certificación rexistral.

c) Certificación do Rexistro Mercantil, ou do rexistro que corresponda, das contas anuais individuais depositadas no exercicio económico 2023, incluíndo informe de auditoría do exercicio 2023, se é o caso, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde.

d) Imposto de sociedades do exercicio económico 2023 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

e) Certificación do Rexistro Mercantil, ou do rexistro que corresponda, das contas anuais consolidadas do exercicio 2023, tanto se foron depositadas pola persoa solicitante como aquelas contas en que a persoa solicitante estea incluída, emitida con posterioridade á data de publicación da presente orde, incluíndo o informe de auditoría do exercicio 2023, de ser o caso.

f) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de empresas que se constitúan durante o exercicio 2024.

g) Escritura de constitución da sociedade inscrita no Rexistro Mercantil, no caso de empresas que se constitúan durante o exercicio 2024.

h) Certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

No caso de que o solicitante sexa unha asociación:

– Certificación emitida polo rexistro correspondente en que figure a inscrición do acordo de constitución da asociación, os estatutos vixentes e a identidade das persoas titulares da xunta directiva ou do órgano de representación.

– Contas anuais do exercicio económico 2023 aprobadas pola asemblea xeral, incluído o informe de auditoría do exercicio 2023, de ser o caso. Se as contas anuais foron depositadas nun rexistro de asociacións, deberá presentar a certificación actualizada emitida polo dito rexistro en que figuren estas contas anuais depositadas , incluído o informe de auditoría, de ser o caso.

– Imposto de sociedades do exercicio económico 2023 no que conste o seu envío telemático ou a súa presentación, de ser o caso.

– Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de asociacións que se constitúan durante o exercicio 2024.

iii) Se os solicitantes son unha pluralidade de persoas físicas, poderán ser formuladas nunha única solicitude, por medio de representante legalmente habilitado; na súa falta, con que figure en primeiro termo. Para os efectos do ingreso da subvención, a conta bancaria sinalada no anexo I deberá estar a nome de todas as persoas solicitantes.

a) Declaración da renda de cada persoa solicitante dos exercicios económicos 2022-2023 en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

b) Documento de constitución da comunidade de bens, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, se é o caso.

c) No caso dunha comunidade de bens ou dunha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica que estean en réxime de atribución de rendas, deberán presentar o modelo 184 de declaración informativa de entidades en réxime de atribución de rendas, exercicios económicos 2022 e 2023, nos que conste o seu envío telemático ou a súa presentación.

d) Plan empresarial para o desenvolvemento das súas actividades, no caso de que iniciase a actividade durante o exercicio 2024.

e) Anexo IV.1 de pluralidade de persoas físicas ou anexo IV.2 de agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica ou comunidades de bens.

f) Acordo de nomeamento de representante ou apoderado para os efectos da solicitude da axuda, asinado por todos.

g) No caso de comunidades de bens, agrupacións ou entidades sen personalidade xurídica: certificado acreditativo de carecer de antecedentes penais obtido a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes , que deberá conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEMP ou FEMPA. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitarase ao interesado que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

Outra documentación complementaria.

iv) As liquidacións trimestrais ou mensuais do IVE dispoñibles do exercicio 2024, en que conste o seu envío telemático ou a súa presentación por parte de cada persoa solicitante, se é o caso.

v) Certificado da declaración censual de alta en obrigas tributarias de cada persoa solicitante, de data posterior á da publicación da orde.

vi) Informe de riscos, expedido pola Central de Información de Riscos do Banco de España, de cada persoa solicitante, con data posterior á da publicación desta orde, asinado electronicamente ou debidamente asinado e selado.

vii) Plan de financiamento do proxecto:

Informe en que se indique a forma en que se vai financiar o proxecto, con especificación para cada anualidade do importe que se financiará con recurso propios, alleos ou con ambos tipos de financiamento. Segundo o tipo de financiamento elixido, deberá especificar se financia a través de conta corrente, de aforro, prazos, ampliación de capital, préstamo bancario, póliza de crédito, préstamo formalizado con socios ou outro tipo de financiamento. Tamén deberá indicar a entidade bancaria e o importe destinado a financiar o proxecto.

Documentación xustificativa do tipo de financiamento:

Recursos propios:

– Certificados bancarios emitidos con posterioridade á data de publicación da presente orde, nun modelo oficial da entidade, debidamente asinados e selados ou asinados electronicamente, das contas da persoa solicitante onde consten o/s titular/es delas, o tipo de conta (corrente, aforro, a prazos etc.; as contas de crédito considéranse recursos alleos) e os fondos dispoñibles para realizar o investimento. No caso de que o tipo de conta non sexa unha conta corrente ou conta de aforro, deberá indicar a dispoñibilidade destas ou, no caso contrario, o prazo de vencemento.

Non se admitirá a dispoñibilidade de fondos propios en contas bancarias en que figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirá a dispoñibilidade de fondos propios en contas bancarias en que figure como titular algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Ampliación de capital: escritura notarial de ampliación de capital en diñeiro, a súa correspondente inscrición no Rexistro Mercantil e o/s certificado/s bancario/s do/s desembolso/s deste, emitido/s con posterioridade á data de publicación da presente orde.

–Noutros casos, achegar a documentación financeira correspondente.

Recursos alleos:

– Préstamos formalizados con entidades de crédito: póliza de préstamo vixente debidamente intervida por notario.

Non se admitirán préstamos en que figure como prestameiro algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirán préstamos en que figure como prestameira algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Pólizas de crédito formalizadas con entidades de crédito: póliza de crédito vixente (última renovación), debidamente intervida por notario, e certificado bancario emitido con posterioridade á data de publicación da presente orde nun modelo oficial da entidade, debidamente asinado e selado ou asinado electronicamente, onde identifique o número da póliza de crédito a que fai referencia, o límite da póliza, o importe dispoñible e disposto.

Non se admitirán pólizas de crédito en que figure como titular algunha persoa que non teña a condición de solicitante.

No caso de pluralidade de persoas solicitantes, non se admitirán pólizas de crédito nas cales figure como titular algunha persoa que non teña unha participación na axuda declarada no anexo IV.1 ou no anexo IV.2.

– Préstamos formalizados con socios: contrato de préstamo entre socios, debidamente asinado por prestamista e prestameiro, certificado/s bancario/s do/dos desembolso/s destes emitido/s con posterioridade á data de publicación da presente orde, e a liquidación definitiva do imposto correspondente no organismo competente, de ser o caso.

Noutros casos, achegarase a documentación financeira correspondente (non se admitirán préstamos de entidades provedoras).

viii) Cando o importe do investimento supere a contía de 40.000 euros, no caso de execución de obras, ou de 15.000 euros, no caso de subministración de bens ou prestación de servizos, a persoa beneficiaria deberá achegar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores e deberá cubrir o anexo V desta orde. A elección entre as ofertas presentadas realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

ix) Facturas pro forma do investimento que se vai realizar, con descrición detallada e pormenorizada de cada un dos investimentos, instalacións, equipamentos e sistemas que os integran, con achega, de ser o caso, dos planos, esbozos ou vistas 3D necesarias para a súa correcta definición.

x) Se a realización do investimento require autorización, concesión, permisos ou licenzas para levar a cabo os investimentos previstos, deberá achegar o documento que acredita estar na súa posesión ou solicitude desta, sen prexuízo da achega destes, segundo establece o artigo 24.5 desta orde reguladora. En todo caso, os documentos presentados para a solicitude da subvención deberán ser copias fidedignas dos presentados para a obtención dos permisos.

xi) Se a realización do investimento require planos ou proxecto técnico, este/s deberá/rán achegarse e estar asinado/s por técnico competente.

xii) Se a realización do investimento contribúe á eficiencia enerxética, ten efectos positivos na mitigación do cambio climático e na neutralidade climática, informe técnico que xustifique as melloras obtidas en función da tipoloxía do proxecto (porcentaxe de aforro de consumo de enerxía, porcentaxe de redución de enerxía non renovable, porcentaxe de redución de emisións gases de efecto invernadoiro e captación de CO2 ou gases de efecto invernadoiro (fanerógamas)) comparando a situación anterior e posterior á realización do investimento.

xiii) Se o proxecto está suxeito a avaliación previa de impacto ambiental ordinaria ou simplificada, declaración de impacto ambiental ou o informe de impacto ambiental, así como autorización do seu órgano substantivo que incorpore as súas determinacións e condicións.

xiv) Documentación que demostre que a titularidade da instalación onde se van desenvolver os investimentos é do solicitante da axuda, que virá dada pola nota simple do rexistro da propiedade da instalación. En caso de que a instalación estea alugada á empresa solicitante ou en cesión de uso, xuntarase contrato de alugamento ou de cesión de uso elevado a escritura pública notarial.

xv) Para subvencións de importe superior a 30.000 euros, as persoas físicas e xurídicas, distintas das entidades de dereito público, con ánimo de lucro, suxeitas á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, co fin de comprobar o requisito establecido no artigo 6.d) da presente orde, presentarán:

1. Persoas físicas e xurídicas que, de acordo con a normativa contable, poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

– Declaración responsable (anexo I), en que afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na citada Lei 3/2004, do 29 de decembro.

2. Persoas xurídicas que, de acordo coa normativa contable, non poden presentar conta de perdas e ganancias abreviada:

– Certificación emitida por auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

– Ou «Informe de procedementos acordados», elaborado por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas.

xvi) Factura da certificación ou informe de procedementos acordados do auditor mencionado no punto anterior. Se o gasto unitario da factura supera os 15.000 €, deberá achegar, como mínimo, dúas ofertas máis de diferentes provedores. A elección realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía e a elección deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante ou NIF da entidade representante nomeada para os efectos da presentación da solicitude.

c) DNI/NIE da persoa representante legal da persoa xurídica, de ser o caso.

d) NIF da persoa xurídica solicitante, da comunidade de bens ou sociedade civil, agrupación ou entidade sen personalidade xurídica, segundo corresponda.

e) Consulta de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

g) Consulta de estar ao día no cumprimento das súas obrigas coa Facenda da Xunta de Galicia.

h) Consulta de acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións emitido pola Consellería de Facenda e Administración Pública (Atriga).

i) Informe sobre sancións graves das persoas solicitantes de axudas cofinanciadas co FEMPA, de conformidade co artigo 11.1 a) do Regulamento FEMPA, emitido polo Servizo Técnico Xurídico da Consellería do Mar.

j) Consulta de non estar en concurso de acredores, artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, obtido a través do Rexistro Público Concursal do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes.

k) Informe acreditativo de non ter cometido infracción grave da política pesqueira común, do Regulamento (UE) nº 1005/2008 do Consello, polo que se establece un sistema contra a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada, e do Regulamento (UE) nº 1224/2009 do Consello, polo que se establece un réxime comunitario de control emitido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

l) Consulta de inexistencia de antecedentes penais cando o solicitante sexa unha persoa física ou unha pluralidade de persoas físicas. No caso de que o solicitante sexa unha agrupación ou entidade sen personalidade xurídica ou comunidade de bens, consulta de inexistencia de antecedentes penais dos seus integrantes. Os certificados deberán ser obtidos a través do Rexistro Central de Penados e Rebeldes do Ministerio da Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, e deberán conter a totalidade de antecedentes penais non cancelados, para os efectos de verificar que non foi declarado culpable de cometer fraude no marco do FEP ou FEMP. Se da información anterior non se entende acreditada a ausencia de antecedentes penais, solicitaráselle á interesada que achegue certificado que acredite a totalidade de antecedentes penais ou a ausencia deles.

m) Consulta no Sistema nacional de publicación de subvencións do Ministerio de Facenda e Función Pública, de non ter sido declarado culpable de cometer fraude, no marco do FEMP ou FEMPA.

n) Consulta de non estar nin ter estado nos últimos 24 meses involucrado na explotación, xestión ou propiedade dos buques incluídos na lista comunitaria dos buques INDNR ou de buques que nin estean nin estivesen nos últimos 12 meses enarborando o pavillón de países considerados terceiros países non cooperantes, obtido do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

ñ) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

o) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, anexo IV.1, anexo IV.2 ou anexo VIII) e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica de Galicia.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 4 do 8 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Orde do 12 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento, tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e se convocan para o ano 2025 (DOG nº 4 do 8 de xaneiro de 2025).

  • Ámbito Europeo
    • Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello do 24 de xuño de 2021, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para ditos Fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de Apoio Financeiro á Xestión de Fronteiras e a Política de Visados.

    • Regulamento (UE) nº 2021/1139 do Parlamento Europeo e do Consello do 7 de xullo de 2021, polo que se establece o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, e polo que se se modifica o Regulamento (UE) 2017/1004

Outros procedementos relacionados

IF501A

Autorización temporal de uso de posto de atracada, en portos dependentes da comunidade autónoma de Galicia, outorgada por Portos de Galicia, para barcos con base no porto.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF502A

Práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo dos portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE113E

Axudas destinadas aos familiares dos profesionais do mar falecidos no exercicio da súa actividade.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/01/2025 00:00 - 15/12/2025 23:59

PE209P

Axudas para proxectos colectivos que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal para garantir unha actividade económica, social e ambientalmente sustentable.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 30/04/2025 00:00 - 29/05/2025 23:59