Guía de procedementos e servizos

MR400B

Inscrición no rexistro da artesanía alimentaria.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Aberto todo o ano

Consellería do Medio Rural

Para o inicio da actividade, ademais do cumprimento dos requisitos e compromisos asociados á empresa artesanal alimentaria deste procedemento MR400B, a responsabilidade e a dirección do proceso de produción deberán recaer nunha persoa ou varias persoas artesás alimentarias, cuxa intervención na execución do traballo será directa e persoal.

Estas persoas deberán ter presentado unha declaración responsable de que cumpren o requisito de experiencia e, de ser o caso, formación complementaria, prevista no artigo 7 do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria (procedemento MR400A).

O obxecto deste decreto é a regulación e o fomento da artesanía alimentaria na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco establecido no capítulo III do título III da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega.

Neste decreto inclúense os seguintes procedementos: declaración responsable do cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria (MR400A), inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria (MR400B), modificación da inscrición no rexistro (MR400C) e baixa no dito rexistro (MR400D).

O presente decreto é de aplicación á produción e elaboración con destino ao mercado de alimentos artesanais, tanto de orixe agraria como da pesca, do marisqueo ou da acuicultura.

As empresas artesanais alimentarias.

Xunta de Galicia

Consellería do Medio Rural

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Avenida do Camiño Francés, nº 10

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 881997279

Email: agacal.certificacion@xunta.gal

Axencia Galega Da Calidade Alimentaria (AGACAL)

Para o inicio da actividade, ademais do cumprimento dos requisitos e compromisos asociados á empresa artesanal alimentaria deste procedemento MR400B, a responsabilidade e a dirección do proceso de produción deberán recaer nunha persoa ou varias persoas artesás alimentarias, cuxa intervención na execución do traballo será directa e persoal.

Estas persoas deberán ter presentado unha declaración responsable de que cumpren o requisito de experiencia e, de ser o caso, formación complementaria, prevista no artigo 7 do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria (procedemento MR400A).

Prazo de presentación: ABERTO

O presente decreto entrará en vigor aos seis meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Requisitos xerais das empresas artesanais alimentarias

1. Todas as empresas artesanais alimentarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Os seus procesos de elaboración deberán ser manuais, admitíndose non obstante un certo grao de mecanización en operacións parciais e, en todo caso, deberase orixinar un produto final individualizado. As normas técnicas que se aproben para cada tipo de produto establecerán o grao de mecanización admisible nas operacións parciais.

b) A responsabilidade e a dirección do proceso de produción deberán recaer nunha persoa ou varias persoas artesás alimentarias, cuxa intervención na execución do traballo será directa e persoal.

c) As empresas artesanais suxeitaranse aos límites de volume de produción dos seus produtos artesanais que se concreten na norma técnica.

2. As empresas alimentarias que realicen a súa actividade de xeito periódico por seren industrias de temporada tamén poderán ter a consideración de empresas artesanais alimentarias.

3. As empresas artesanais alimentarias deberán estar inscritas no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos, sen prexuízo do establecido no número 5 do artigo 10 deste decreto para as explotacións agrarias galegas elaboradoras de produtos caseiros. No caso de operadores doutros Estados da Unión, deberán acreditar a inscrición naqueles rexistros a que obriguen as autoridades sanitarias correspondentes do seu país.

4. No caso de que unha mesma empresa teña unha parte da súa produción que sexa artesanal e outra que non cumpra os requisitos para ter tal consideración, os procesos produtivos dos produtos artesanais desenvolveranse de forma separada e diferenciada. Así mesmo, a empresa deberá dispoñer dunha rastrexabilidade dos produtos artesanais e das súas materias primas diferenciada do resto dos produtos que produza ou elabore. Estas exixencias deberán ser desenvolvidas a través da norma técnica correspondente, se é o caso.

Flexibilización dos requisitos hixiénico-sanitarios nas microempresas artesanais alimentarias e nas explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros

As microempresas artesanais alimentarias e as explotacións agrarias elaboradoras de produtos caseiros deberán cumprir os requisitos hixiénico-sanitarios na elaboración, produción e transformación artesanal de conformidade coa normativa vixente en materia de saúde pública, seguindo os criterios de flexibilización que resulten de aplicación a este tipo de producións e que se especificarán, de ser o caso, na norma técnica que se elabore para cada produto ou grupo de produtos, consonte o previsto no Regulamento (CE) nº 852/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo á hixiene dos produtos alimenticios; no Regulamento (CE) nº 853/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas de hixiene dos produtos de orixe animal; no Regulamento (CE) nº 854/2004, do 29 de abril de 2004, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se establecen normas específicas para a organización de controis oficiais dos produtos de orixe animal destinados ao mercado, e no Regulamento (UE) nº 2017/625, do 15 de marzo, polo que se derroga, entre outros, o Regulamento (CE) nº 854/2004, do 29 de abril de 2004, e que será aplicable a partir do 14 de decembro de 2019, segundo o previsto no seu artigo 167.1.

Requisitos específicos das explotacións agrarias produtoras de produtos artesanais caseiros

1. Os produtos artesáns caseiros só poderán ser producidos e elaborados por explotacións agrarias que, ademais de cumpriren os requisitos establecidos nos artigos 8 e 9, cumpran os requisitos específicos sinalados neste artigo.

2. As explotacións agrarias elaboradoras de produtos artesáns caseiros radicadas en España deberán ter a condición de explotacións agrarias prioritarias, polo que deberán cumprir, cando sexan explotacións familiares ou outras cuxa persoa titular sexa persoa física, os requisitos que se establecen no artigo 4 da Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización das explotacións agrarias; e, cando sexan explotacións asociativas, os que se establecen no artigo 5 da citada lei. As explotacións radicadas noutros Estados membros deberán cumprir os requisitos de dimensión económica mínima e máxima que se recollen nos ditos artigos para as explotacións cuxo titular é, respectivamente, persoa física ou xurídica.

3. A comercialización dos produtos artesáns caseiros realizarase en circuítos curtos, polo que só se permitirá a venda directa pola persoa produtora ou a venda cun único intermediario no mercado local, conforme a definición deste recollida na letra l) do artigo 3. Para estes efectos, non se considerarán intermediarias as entidades asociativas de produtoras e produtores, baixo a fórmula xurídica que sexa, constituídas ou que se constitúan para a comercialización en común de produtos artesáns caseiros.

4. As explotacións agrarias a que se refire este artigo identificarán os seus produtos de acordo co establecido no artigo 31, indicando a súa condición de produto artesán caseiro. Ademais, indicarán na súa etiquetaxe o código de identificación da explotación, o enderezo desta e o nome da persoa titular, sen prexuízo doutras indicacións a que obrigue a normativa xeral vixente.

5. As explotacións agrarias produtoras de produtos artesanais caseiros radicadas en Galicia inscribiranse no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos (Regasa), sen prexuízo doutras obrigas que, en función da actividade desenvolvida, sexa preciso cumprir.

Requisitos para a elaboración de produtos artesáns de montaña

Para a elaboración de produtos artesáns de montaña, consonte o disposto no artigo 3.f) deste decreto, as empresas artesanais alimentarias deberán cumprir as especificacións que se establecen nos artigos 1 a 6 do Regulamento delegado (UE) nº 665/2014 da Comisión, do 11 de marzo, que completa o Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que atinxe ás condicións de uso do termo de calidade facultativo «produto de montaña», sen prexuízo do cumprimento dos demais requisitos que exixe este decreto.

Autocontrol e rastrexabilidade nas empresas artesanais

1. Será responsabilidade da empresa artesanal establecer autocontrois sobre as materias primas, os procesos e os produtos, de xeito que permitan garantir á persoa consumidora as axeitadas condicións hixiénico-sanitarias da produción. A empresa artesanal alimentaria tamén deberá implementar procedementos de xestión que posibiliten a rastrexabilidade na cadea produtiva e nos produtos que manexa, con clara distinción entre os produtos artesanais e os que non teñan tal carácter, no caso de que teña distintas liñas de produción.

2. En relación co establecido no número 1, as empresas artesanais deberán levar, sen prexuízo do que se estableza na normativa xeral, unha contabilidade específica e diferenciada para os produtos a que se refire este decreto, cun rexistro de entradas e saídas, todo isto co fin de que o órgano de control poida identificar e comprobar os seguintes aspectos:

a) As persoas físicas ou xurídicas que actúen como provedoras das materias primas, dos aditivos e os coadxuvantes tecnolóxicos que utilice a empresa, así como dos restantes materiais que conforman o produto terminado.

b) A natureza e as cantidades de todas as materias ou materiais adquiridos ou de produción propia, e a utilización que se fixer deles.

c) A natureza e as cantidades de produtos terminados almacenados.

d) A data de produción ou elaboración e o tempo de curación, maduración ou crianza, segundo o caso.

e) As persoas físicas ou xurídicas que actúen como clientes, exceptuadas as consumidoras e consumidores finais, de calquera dos produtos artesáns.

f) Outros datos que, de ser o caso, se especifiquen na norma técnica correspondente ou noutras normas que desenvolvan este decreto.

3. Os datos da contabilidade específica deberán estar xustificados documentalmente. As contas deberán demostrar o equilibrio entre as entradas e as saídas. O peche do exercicio corresponderá co final do ano natural ou co final da campaña do produto, se esta non coincide co fin do ano natural.

Outras obrigas das empresas artesanais

1. Os produtos terminados deberán estar en todo momento identificados cos datos que permitan garantir a súa rastrexabilidade. Será responsabilidade da empresa artesanal eliminar calquera referencia á artesanía alimentaria naqueles produtos elaborados por ela que non cumpran os requisitos deste decreto. Se o produto xa fose posto en circulación, a empresa deberá adoptar as medidas pertinentes para a súa retirada do mercado e informar destas medidas a Agacal.

2. As empresas artesanais están obrigadas a comunicar á Agacal as sancións polas infraccións graves ou moi graves en materia de sanidade, protección das persoas consumidoras ou defensa da calidade alimentaria. Esta comunicación farase no prazo dun mes desde que a resolución sancionadora adquira firmeza en vía administrativa.

3. As empresas artesanais deberán permitir o acceso do persoal da Agacal ou, de ser o caso, da entidade independente de control, a todas as partes do establecemento, así como ás contas e documentos xustificantes pertinentes, facilitándolles toda a información que se considere necesaria para a correcta realización da inspección.

4. As empresas artesanais aboarán á Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) os custos derivados dos controis que realice de acordo coas tarifas que se establezan.

  • Inscrición en rexistros oficiais. Primeira inscrición. Modificacións da primeira inscrición. ( 30.02.00)

Pode realizar o pago destas taxas na sede electrónica como un dos pasos da tramitación en liña.

1. As empresas alimentarias deberán presentar unha declaración responsable para a inscrición no rexistro como empresa artesanal alimentaria.

2. A declaración responsable a que se refire o número 1 anterior dirixirase á Agacal e nela manifestarase expresamente:

a) Que desempeña a súa actividade consonte as condicións técnicas da produción artesanal reguladas no artigo 6 deste decreto e de acordo coas normas técnicas en vigor para cada produto ou grupo de produtos.

b) Que cumpre os requisitos xerais para poder ser considerada como empresa artesanal alimentaria previstos no artigo 8 deste decreto.

c) Que non superará os límites de volume de produción dos seus produtos artesanais que se concreten na norma técnica correspondente.

d) Que está inscrita no Rexistro Xeral Sanitario de Empresas Alimentarias e Alimentos ou, no caso de que se trate dunha explotación agraria galega produtora de produtos caseiros, no Rexistro Galego Sanitario de Empresas e Establecementos (Regasa). No caso de operadores doutros Estados da Unión, esta manifestación referirase a aqueles rexistros a que obriguen as autoridades sanitarias do seu país.

e) Que figura no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia coa condición de explotación prioritaria, no caso de que se trate dunha explotación agraria galega produtora de produtos caseiros.

f) Que se compromete formalmente ante a consellería competente en materia de agricultura ao cumprimento das condicións previstas neste decreto e, en particular, ás obrigas reguladas nos artigos 26 e 27.

3. Ademais, na declaración responsable deberase especificar, de ser o caso:

a) Se cumpre os requisitos específicos para ser considerada como unha microempresa artesanal alimentaria, consonte o previsto nas letras g) e h) do artigo 3 deste decreto.

b) Se cumpre os requisitos específicos para ser considerada como explotación agraria produtora de produtos artesanais caseiros consonte o previsto no artigo 10 deste decreto.

c) Se cumpre os requisitos específicos para elaborar produtos artesáns de montaña, consonte o previsto no artigo 11 deste decreto.

4. As empresas artesanais alimentarias aboarán as taxas que se establezan para a inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria, cuxo pagamento deberán acreditar coa presentación da declaración responsable para a dita inscrición.

5. A presentación da declaración responsable do cumprimento dos requisitos establecidos neste decreto e o pagamento da taxa establecida no número 4 habilitan desde o momento da dita presentación para o exercicio da actividade como empresa artesanal alimentaria, sen prexuízo das facultades de comprobación, control e inspección que ten atribuída a Agacal.

6. A declaración responsable a que se refire este artigo presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) que figura como anexo III deste decreto.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa declaración presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da declaración aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación da declaración responsable poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa declaración responsable o xustificante do ingreso da taxa de inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria (código da taxa 300200, inscrición en rexistros oficiais).

2. Sen prexuízo do establecido no número 3 do artigo 17, unha vez presentada a declaración responsable poderá requirirse a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa que inclúa a información relevante sobre os seguintes aspectos:

1º. Produtos que se pretenden elaborar de xeito artesanal, con indicación das súas características e formas de presentación, así como as cantidades anuais de produción estimada.

2º. Materias primas que se van empregar, con indicación da súa procedencia e características de calidade, así como información sobre o seu manexo e sobre as cantidades de consumo anual estimadas. Tamén se especificarán as características e as cantidades dos aditivos e coadxuvantes artificiais que, de ser o caso, se vaian empregar. No caso dos produtos que se pretendan comercializar como «produtos artesáns de montaña», as materias primas deben proceder de zonas cualificadas como «de montaña»

3º. Procesos produtivos que se van empregar, con especificación das operacións que se farán manualmente e as que se mecanizarán e con indicación das características de cada unha das máquinas e equipamentos que se vaian utilizar. Especificaranse tamén os aspectos relacionados coas medidas conducentes a reducir o impacto ambiental (depuración de augas, eliminación de residuos, reciclaxe, etc.).

4º. Sistemática da rastrexabilidade que se vai implantar para o seguimento e control dos procesos produtivos conforme o que se establece no artigo 26 deste decreto. No caso de que nas mesmas instalacións se elaboren produtos que non vaian ser identificados como artesanais, indicarase o procedemento para garantir que os procesos produtivos se desenvolverán de maneira diferenciada e que non exista risco de confusión.

5º. Especificación da forma de dirección do proceso de produción, con indicación da persoa ou persoas artesás responsables desta.

6º. Marca ou marcas comerciais que se van utilizar e bosquexos das etiquetas. No caso de que a empresa comercialice produtos similares sen a cualificación de artesanais, deberá achegarse tamén a información sobre as marcas e etiquetas relativa a eles.

7º. Especificación dos principais canales de venda e da área xeográfica onde se comercializará o produto ou produtos. No caso dos produtos artesanais caseiros, a comercialización deberá ser no mercado local, directamente ao consumidor final ou cun único intermediario.

b) Plano de situación e planos ou bosquexos cotados da planta dos locais de elaboración, nos cales se recollerá a distribución da maquinaria e equipamentos utilizados.

3. Se a persoa que presenta a declaración responsable prevista no artigo 15 manifesta que quere inscribirse como microempresa artesanal alimentaria, ademais do indicado no devandito artigo, unha vez presentada a declaración responsable poderá esixírselle que presente a documentación que acredite que dispón de tal consideración de microempresa, consonte as definicións que se regulan nas letras g) e h) do artigo 3 deste decreto. Esta documentación será a seguinte:

a) Informe de vida laboral da empresa.

b) Imposto de sociedades no caso de que a titularidade da empresa recaia nunha persoa xurídica.

4. No caso de que a persoa que presenta a declaración responsable queira inscribirse como explotación agraria produtora de produtos artesanais caseiros, ademais do indicado no artigo 15, unha vez presentada a declaración responsable poderá esixírselle que presente unha memoria en que se especifiquen as características da explotación, na cal se incluirá:

a) O código da explotación da cal é titular, que terá a condición de explotación agraria prioritaria.

b) Os datos de situación, superficie, principais cultivos e número de cabezas de gando con que conta.

c) As producións anuais estimadas daqueles produtos que van ser utilizados como materias primas para a elaboración de produtos artesanais caseiros.

5. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

7. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación das inscricións no rexistro (código de procedemento MR400B), así como para a súa modificación (MR400C) e a baixa (MR400D) que se regulan nos artigos 20 e 21, respectivamente, consultarase automaticamente o DNI/NIE das persoas interesadas e, de ser o caso, o daquelas persoas ou entidades que as representen. No caso de que a entidade declarante ou comunicante, ou a representante, non sexa persoa física, consultarase o seu NIF. A mesma consulta se fará no caso do procedemento a que se refire o artigo 12 relativo á obtención da condición de persoa artesá (MR400A).

Ademais, para o procedemento de inscrición no Rexistro da Artesanía Alimentaria, no caso de explotacións agrarias produtoras de produtos artesáns caseiros consultarase o código da explotación agraria e a súa inscrición no Rexistro de Explotacións Agrarias Prioritarias. Por último, se a declarante é persoa física e quere ter a consideración de microempresa artesanal alimentaria, consultarase a declaración do imposto da renda das persoas físicas do último exercicio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a algunha destas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado nos formularios de inicio normalizados e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Para calquera dos procedementos regulados neste decreto, a sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria. (DOG nº 27 do 10 de febreiro de 2020).

    • Corrección de erros. Decreto 174/2019, do 19 de decembro, polo que se regula a artesanía alimentaria (DOG nº 53 do 17 de marzo de 2020).

    • Orde do 16 de febreiro de 2022 pola que se aproban diversas normas técnicas e os distintivos identificadores da artesanía alimentaria (DOG nº 44 do 4 de marzo de 2022).

    • Orde do 11 de abril de 2025 pola que se modifica o anexo I do Decreto 174/2019, do 19 de decembro, e se aproban diversas normas técnicas da artesanía alimentaria (DOG nº 76 do 22 de abril de 2025).

Outros procedementos relacionados

MR203B

Carné de usuario profesional de produtos fitosanitarios.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR348A

Declaración responsable para a prestación de servizos como entidade identificadora.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR360C

Declaración para a realización de determinadas prácticas enolóxicas R(CE) 606/2009.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR400A

Cumprimento das condicións como persoa artesá alimentaria.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano