Guía de procedementos e servizos

VI435D

Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 25/06/2024 00:00 - 31/10/2024 23:59

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Sobre o procedemento

A concesión das subvencións do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia, que comprende as dúas modalidades que se describen a continuación:

- Modalidade A: Promoción de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian a destinar ao alugueiro ou ceder en uso por un prazo de, polo menos, vinte anos.

Este prazo computarase desde a primeira ocupación do edificio ou, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, dende a data da súa cualificación definitiva.

- Modalidade B: Promoción de vivendas protexidas de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que se vaian destinar ao alugueiro por un prazo de, polo menos, quince anos. Este prazo computarase desde a data da cualificación definitiva.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As persoas físicas maiores de idade que posúan a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.

b) As administracións públicas, os organismos públicos e demais entidades de dereito público e privado, así como as empresas públicas, privadas e público-privadas.

c) As fundacións, as empresas de economía social e as súas asociacións, cooperativas incluídas as de autopromoción ou autoconstrución, as organizacións non gobernamentais e as asociacións declaradas de utilidade pública, entidades sen ánimo de lucro e aquelas a que se refire a disposición adicional quinta da Lei 7/1985, do 2 de abril.

2. As persoas beneficiarias deberán estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias destas axudas aquelas persoas que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. En cada convocatoria das axudas deste programa especificaranse as persoas beneficiarias de entre as sinaladas no punto 1 deste ordinal.

No ano 2024 poderán beneficiarse destas axudas as entidades privadas, salvo as que non teñan ánimo de lucro e as empresas promotoras de vivendas e outras modalidades residenciais tipo cohousing, vivendas interxeneracionais ou similares, de nova construción ou procedentes da rehabilitación, que cumpran os requisitos previstos nas bases reguladoras e nesta convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña

Rua Vicente Ferrer, nº 2

15701  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 981184800

Email: igvs.coruna@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo

Avda. Ramón Ferreiro, nº 28

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294645

Email: igvs.lugo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense

Rúa Sáenz díez, nº 1

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386269

Email: igvs.ourense@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra

Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra

Rúa Alcalde Hevia, nº 7

36071  Pontevedra  (Pontevedra)

Teléfono: 986805259

Dirección Técnica de Axudas e Vivenda
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

25/06/2024 00:00 - 31/10/2024 23:59

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará o primeiro día hábil seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2024. Non obstante o anterior, se antes da finalización do dito prazo se esgotase o crédito orzamentario previsto nesta convocatoria, terase por rematado o prazo de presentación de solicitudes nesa data. O dito esgotamento será publicado no Diario Oficial de Galicia mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. O prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no Diario Oficial de Galicia.

Requisitos das vivendas e das promocións.

1. As vivendas que se promovan con cargo a calquera das dúas modalidades previstas neste programa deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Destinarse ao alugueiro accesible ou á cesión de uso polo prazo indicado, segundo a súa modalidade, no ordinal primeiro, e deberá constar esta vinculación de destino, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade. No suposto de que se trate de vivendas protexidas, con independencia da modalidade da que se trate, A ou B, deberán destinarse ao alugueiro, conforme o establecido na súa cualificación.

b) Deberán cumprir a normativa de habitabilidade de vivendas de Galicia.

c) Deberán situarse en localidades que teñan inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cando menos cinco unidades de convivencia por cada vivenda para a cal se solicita financiamento.

2. As promocións de nova construción ou procedentes da rehabilitación de edificios que se acollan ás axudas deste programa deberán cumprir coas normativa de accesibilidade e ter unha cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

3. Estas axudas poderán solicitarse para a totalidade das vivendas dunha mesma promoción ou para unha parte delas, ben que, en todo caso, será requisito necesario para obter a axuda que a promoción teña un mínimo de cinco vivendas que cumpran as condicións deste programa.

Requisitos das persoas arrendatarias e cesionarias das vivendas e dos contratos de alugueiro ou de cesión.

1. As vivendas financiadas con cargo á modalidade A, salvo que se trate de vivendas protexidas, so poderán ser alugadas ou cedidas en uso a persoas cuxas rendas anuais, incluíndo as de todas as persoas que constitúan a súa unidade de convivencia, non superen cinco veces o IPREM no momento da formalización do contrato de alugueiro ou de cesión de que se trate. Para tal fin, o cómputo de ingresos e o IPREM de referencia será o correspondente ao último exercicio vencido na data de subscrición do contrato.

2. As vivendas financiadas con cargo á modalidade B, así como as da modalidade A, para o suposto de que se trate de vivendas protexidas, só poderán ser alugadas a persoas que cumpran os requisitos de acceso e co procedemento previsto pola normativa de aplicación, en función do réxime previsto na súa cualificación.

3. Os contratos que deberán conter as cláusulas relativas ás obrigas que resulten da concesión destas axudas segundo o disposto na resolución e, de ser o caso, no Real decreto 42/2022, do 18 de xaneiro.

4. Os contratos de alugueiro das vivendas financiadas con cargo á modalidade A, cando non se trate de vivendas protexidas, deberán someterse á lexislación de arrendamentos urbanos para uso de vivenda.

5. Os contratos da modalidade B e os da modalidade A, cando se trate de vivendas protexidas, deberán cumprir a normativa reguladora das vivendas protexidas.

Solicitudes.

1. A solicitude realizarase mediante a presentación do formulario que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde se vai realizar a promoción. As persoas interesadas deberán presentar unha solicitude para cada unha das promocións que queiran financiar con cargo a este programa.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración responsable de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e a súa contía.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que lle sexa concedida para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

d) Declaración responsable de que se está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Compromiso de destinar todas as vivendas que se financien con cargo a este programa ao alugamento ou a cesión en uso durante un prazo mínimo de quince ou vinte anos, en función da modalidade de axuda, e de facer constar esta circunstancia en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Documento acreditativo da dispoñibilidade do solo ou do inmoble que se rehabilitará, segundo sexa o caso.

c) Reportaxe fotográfica do estado actual da actuación, no suposto de actuacións de rehabilitación.

d) Infografía da actuación que se vai executar.

e) Memoria-programa da actuación, en galego e, no suposto da modalidade A, tamén en castelán, co seguinte contido mínimo:

– Certificación urbanística do solo ou edificio, de ser o caso, que habilite a execución da promoción.

– Número de vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos e prezo de alugueiro ou cesión en uso, con indicación do número de vivendas para as cales se solicita a axuda.

– Descrición dos espazos comúns e de interrelación, de ser o caso.

– Orzamento detallado da actuación para a cal se solicita a subvención.

– Programación temporal e pormenorizada da actuación, conforme os prazos establecidos nestas bases.

– Análise da viabilidade económica da actuación.

f) Certificado de eficiencia enerxética de proxecto que acredite a cualificación enerxética mínima A, tanto en emisións de CO2 como en consumo de enerxía primaria non renovable.

g) No caso de obras iniciadas con anterioridade á data da publicación no DOG da correspondente resolución de convocatoria, certificado emitido polo/a técnico/a director/a das obras que acredite a data de inicio das obras, así como as obras pendentes de finalización.

h) Licenza municipal de obras ou solicitude de licenza, no caso de non dispoñer dela.

i) No caso de solicitudes presentadas por fundacións de interese galego, certificado da persoa responsable en que se acredite que a fundación ten presentadas as contas ao protectorado do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, os cales serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Forma de presentación da documentación complementaria.

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) da persoa solicitante, así como da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, se é o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Número de identificación fiscal (en diante, NIF) da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.

d) Número de identificación fiscal (NIF) da persoa ou entidade representante da persoa solicitante, de ser o caso.

e) Certificado da Axencia Estatal de Administración Tributaria (en diante, AEAT) acreditativa de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias, correspondente á persoa solicitante.

f) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, correspondente á persoa solicitante.

g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente á persoa solicitante.

h) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas da persoa solicitante.

i) Consulta de concesións de subvencións e axudas da persoa solicitante.

j) Remisión ao Consello de Contas das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao da correspondente convocatoria, no caso de que a persoa solicitante sexa un concello.

k) Certificado da renda expedido pola AEAT da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, que se consultará cando se acheguen os correspondentes contratos.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando as persoas arrendatarias ou cesionarias en uso da vivenda e as persoas das súas unidades de convivencia fagan constar no anexo IV que lles é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade expedido pola Xunta de Galicia da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

b) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do Instituto Nacional da Seguridade Social, da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

c) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia (Risga) da persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda ou, se é o caso, así como das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

d) Consulta das prestacións de desemprego percibidos pola persoa física arrendataria ou cesionaria do uso da vivenda e, de ser o caso, das persoas integrantes da súa unidade de convivencia.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberá indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (DOG nº 121 do 24 de xuño de 2024).

    • Extracto da Resolución do 14 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas para a promoción de vivenda en alugueiro accesible da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria, con financiamento plurianual, para o ano 2024 (DOG nº 121 do 24 de xuño de 2024).

  • Ámbito Estatal
    • Real Decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025 (BOE nº 16 do 19 de xaneiro de 2022).

    • Real Decreto 903/2022, do 25 de outubro, polo que se modifican o Real Decreto 42/2022, do 18 de xaneiro, polo que se regula o Bono Aluguer Novo e o Plan Estatal para o acceso á vivenda 2022-2025, así como o Real Decreto 106/2018, do 9 de marzo, polo que se regula o Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, e o Real Decreto 853/2021, do 5 de outubro, polo que se regulan os programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (BOE nº 257 do 26 de outubro de 2022).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN413C

Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

IN413D

Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.

Aberto todo o ano

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

VI409C

Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano