Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
VI408E - Subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.
Esta resolución ten por obxecto convocar, a través dun procedemento de concorrencia non competitiva, subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, así como de rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago.
Actuacións subvencionables.
Serán subvencionables as actuacións previstas no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago que conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade e non fosen subvencionadas con anterioridade.
Poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño e, ademais, conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade.
No suposto de actuacións promovidas por comunidades de persoas propietarias, só poderán ser beneficiarias as persoas físicas titulares das vivendas ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións. Estas persoas serán beneficiarias en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.
Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, serán obrigas das persoas beneficiarias:
1. Facilitar toda a información que requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.
2. Subministrar ao IGVS, logo de requirimento para o efecto, de conformidade co artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas no título I da citada lei.
3. Permitir ao IGVS a realización de todas as inspeccións ou comprobacións que considere oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados ou o destino da subvención concedida.
Será requisito para poder ser persoa beneficiaria da subvención estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente, circunstancia que se acreditará do seguinte modo:
– No caso de destinarse a uso propio, mediante certificado de empadroamento que acredite o destino da vivenda rehabilitada a domicilio habitual e permanente desde o día seguinte ao da data da notificación da cualificación definitiva e cunha duración mínima de cinco anos. Non obstante, no caso de que a cualificación definitiva se tivese notificado nun prazo inferior aos cinco anos, acreditarase o destino da vivenda a domicilio habitual e permanente desde esa data e ata a data da solicitude da subvención, sen prexuízo de ter que destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente durante o citado prazo de cinco anos.
– No caso de destinarse a alugamento, mediante un contrato de arrendamento cunha duración mínima de cinco anos e que deberá estar formalizado entre o día seguinte ao da notificación da cualificación definitiva e o da publicación da convocatoria de subvención.
No suposto de vivendas con cédula de rehabilitación de calidade ou actuacións promovidas por comunidades de propietarios/as, o requisito de estar dedicando a vivenda a domicilio habitual e permanente polas persoas propietarias ou inquilinas, no caso de alugamento, exixirase desde a data da solicitude da subvención.
No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine as vivendas ao alugamento, a obriga de residencia habitual e permanente limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.
Para o caso de actuacións con destino a uso propio, exixirase que os ingresos ponderados da unidade de convivencia da persoa beneficiaria non excedan os seguintes límites:
a) 3,5 veces o índice público de renda de efectos múltiples (en diante, IPREM), no caso de expedientes no ámbito rural iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación das disposicións transitorias segunda e cuarta do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
b) 6,5 veces o IPREM, no caso de expedientes no ámbito histórico ou dos Camiños de Santiago iniciados ao abeiro do Decreto 157/2006, do 7 de setembro, que continuaron a súa tramitación en aplicación da disposición transitoria segunda do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.
Para o caso de actuacións con destino ao alugamento, exixirase que os ingresos ponderados das unidades de convivencia das persoas que residan na vivenda non excedan 4,5 veces o IPREM.
En ningún caso poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas persoas que as solicitasen nas convocatorias dos últimos catro anos, agás que desistisen expresamente das súas solicitudes, as presentasen fóra do prazo ou, téndoa solicitado dentro de prazo, a data da cualificación definitiva exceda o límite establecido no seu día na correspondente convocatoria.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de A Coruña
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo da Coruña
R/ Vicente Ferrer, 2
15071 Coruña, A (Coruña, A)
Teléfono: 981184824
Fax: 981184860
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Lugo
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Lugo
Avda. Ramón Ferreiro nº 28
27071 Lugo (Lugo)
Teléfono: 982294600
Fax: 982294624
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Ourense
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Ourense
R/ Antonio Sáenz Díez, 1
32071 Ourense (Ourense)
Teléfono: 988386273
Fax: 988386235
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Departamento Territorial da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas de Pontevedra
Área Provincial do Instituto Galego de Vivenda e Solo de Pontevedra
R/ Alcalde Hevia, 7
36071 Pontevedra (Pontevedra)
Teléfono: 986805610
Fax: 986805663
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago (DOG nº 58 do 23 de marzo de 2011).
Resolución do 1 de xuño de 2017 pola que se convocan subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago (DOG nº 112 do 14 de xuño de 2017).
Resolución do 31 de xaneiro de 2018 pola que se dá publicidade á relación das persoas ou entidades beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro das convocatorias realizadas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo no ano 2017 (DOG nº 31 do 13 de febreiro de 2018).
Prazo de presentación: PECHADO
15/06/2017 00:00 - 14/07/2017 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
-
As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
-
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe en nome da persoa solicitante.
-
b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante co contido establecido no número 5.2º desta resolución, para o suposto de dedicar a vivenda a uso propio e ter denegado a súa consulta.
-
c) Contrato de arrendamento, no caso de que a vivenda se destine ao alugamento.
-
d) No caso de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma e que non destine a vivenda ao alugamento, declaración responsable de dedicar a vivenda a residencia, polo menos, durante 15 días ao ano, acompañada de documentación xustificativa, tal como copia das facturas dos consumos de auga, luz ou calquera outra documentación a nome da persoa solicitante.
-
-
e) Certificado de discapacidade, para o caso de ter denegado a súa consulta ou de non ser expedido pola Xunta de Galicia.
-
f) Anexo II, de xustificación do gasto realizado, á cal se xuntará a seguinte documentación:
-
1) Memoria xustificativa do cumprimento das condicións impostas para a concesión da subvención, con indicación das actuacións realizadas.
-
2) Memoria económica xustificativa do custo das actuacións realizadas, que conterá a relación clasificada de gastos polas actuacións realizadas, coas correspondentes facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, onde consten a identificación do acredor, o seu importe e a súa data de emisión, así como os extractos ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados polo solicitante que xustifiquen o seu pagamento.
-
3) Con carácter excepcional, xustificación do pagamento mediante recibo do provedor para gastos por importes inferiores a 1.000 €.
-
-
g) Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a vivendas con expedientes iniciados co Decreto 157/2006, do 7 de setembro, documentación que acredite o cumprimento dos límites de ingresos familiares establecidos no número 5.3 desta resolución. Para tal efecto, deberase presentar:
-
1) Anexo III de comprobación de datos e de declaración responsable da composición da unidade de convivencia. Para o suposto de ter denegado a consulta dos datos de ingresos, identidade e, se for o caso, de discapacidade, deberase presentar a copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF) correspondente ao exercicio vencido inmediatamente anterior á data de solicitude e o certificado das rendas expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria (en diante, AEAT) relativo ao conxunto dos membros da unidade de convivencia. Igualmente, no suposto ter denegado a consulta, presentarase copia do documento nacional de identidade (en diante, DNI) ou do número de identificación de estranxeiro (en diante, NIE), e, de ser o caso, certificado de discapacidade. No caso de non estar obrigado/a a presentar a declaración do IRPF, deberase presentar o modelo de devolución e copia da notificación-liquidación emitido pola AEAT. No suposto de que non se achegue o citado modelo, deberase xuntar unha declaración responsable de todos os ingresos obtidos, acompañada, de ser o caso, do certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio, certificado de pensións, prestacións periódicas, certificado do Servizo Público de Emprego e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.
-
2) No suposto de poboación galega residente no exterior da Comunidade Autónoma, deberanse xustificar os ingresos familiares mediante a achega dunha copia da declaración do IRPF presentada en España, para o caso de denegar a consulta. No suposto de non ter presentado declaración do IRPF en España, presentarase copia da declaración similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada pola agregadoría laboral correspondente ou pola delegación consular de España no seu país de residencia.
-
-
h) Anexo IV, no caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións con destino a alugamento, para acreditar a identidade, o grao de discapacidade, de ser o caso, así como o cumprimento do límite de ingresos familiares, establecidos no punto 5.4º.
-
A solicitude realizarase mediante a presentación do modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución. Deberá dirixirse á área provincial do IGVS onde estea situada a vivenda.
-
A solicitude presentarase preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. Tamén se poderán presentar as solicitudes presencialmente por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
-
Para a presentación electrónica da solicitude poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
-
No modelo de solicitude realizaranse as seguintes declaracións:
-
a) Declaración de non ter solicitado nin obtido o solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales.
-
b) Compromiso de comunicar calquera outra axuda que sexa solicitada ou concedida ao solicitante ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia para a mesma finalidade.
-
c) Declaración de non estar incurso/a en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
-
d) Declaración de estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento.
-
e) Declaración de que todos os datos da solicitude son correctos.
-
-
Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo foron presentados. Presumirase que o acceso a estes documentos é autorizado polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
-
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, a área provincial do IGVS poderá requirir a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos contidos a que se refire o documento.
-
A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Tamén poderán presentala en formato papel por calquera dos medios establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.
-
Para o caso de que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
-
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, o IGVS poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o seu cotexo coa copia electrónica presentada.
-
A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados para facilitar a realización de trámites administrativos despois da presentación das solicitudes. Estes modelos presentaranse por medios electrónicos accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Non obstante, as persoas interesadas tamén poderán presentalos presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución: Tres meses
Sentido do silencio: Negativo
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Procedementos e servizos relacionados
Cualificación definitiva para participar no Programa de rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago ou da ARI do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Cualificación provisional para participar no programa de rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da ARI da Ribeira Sacra
Cualificación definitiva para participar no Programa de rexeneración e renovación urbana e rural no ámbito da Ari da Ribeira Sacra.
Cualificación provisional para participar no Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación e de renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e na ARI da Ribeira Sacra.
Cualificación definitiva para participar no Programa de axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra.
Axudas ás actuacións de rehabilitación ou renovación nas ARI dos Camiños de Santiago, do Parque Nacional das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra.