Guía de procedementos e servizos

VI406I

Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 02/06/2025 00:00 - 15/10/2025 23:59

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Sobre o procedemento

O acceso ao Fondo de Cooperación polos concellos da Comunidade Autónoma para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción.

Todos os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)

Dirección Técnica de Axudas e Vivenda

Servizo de Acceso á Vivenda

Área Central s/n Polígono de Fontiñas

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981-957887

Email: planificacion.igvs@xunta.gal

Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

02/06/2025 00:00 - 15/10/2025 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará unha vez transcorridos cinco días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 15 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, para o caso de que o devandito esgotamento se tivese producido con anterioridade á dita data.

1. Ningún concello poderá presentar unha ou varias solicitudes de disposición de fondos que, individual ou conxuntamente, excedan o 40 % do total do importe con que está dotado o Fondo de cooperación. Non se admitirán aquelas solicitudes que superen o dito límite.

2. O prazo para a reposición das cantidades percibidas con cargo ao Fondo de cooperación será o establecido na resolución de aprobación do financiamento, sen que poida exceder de oito anos, contados desde o día seguinte ao da data da formalización do correspondente convenio.

3. A reposición das cantidades correspondentes a cada anualidade deberá realizarse antes do último día hábil do mes de setembro de cada ano.

4. O importe que debe repoñer o concello en cada anualidade non poderá ser inferior ao 10 % do importe total transferido.

Solicitudes

1. Os concellos que desexen acceder ao Fondo de cooperación deberán dirixir unha solicitude á Dirección Xeral do IGVS, segundo o formulario que figura como anexo I a esta resolución.

2. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta convocatoria, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. Os concellos interesados deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar o acceso ao Fondo de cooperación, no cal se indique a actuación obxecto de financiamento, o importe solicitado, unha proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, o importe para satisfacer con cargo ás distintas anualidades e a designación da persoa habilitada para realizar os trámites ante a Administración.

b) Memoria descritiva da actuación para a que se solicita o financiamento, asinada polo correspondente responsable municipal, co seguinte contido mínimo:

– No suposto das actuacións previstas nas letras a) e b) do punto primeiro do ordinal sexto, a memoria deberá detallar o orzamento total da actuación, desagregado por capítulos de obra, o seu prazo de execución, a clasificación e cualificación urbanística do solo, a viabilidade urbanística da actuación, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento sinalados. A memoria incluirá, así mesmo, documentación gráfica representativa da actuación, número de vivendas da promoción, cadro de superficies útiles de cada unha delas e dos seus anexos como fotografías, infografías ou montaxes dixitais, nas cales se poida apreciar o estado inicial e final do inmoble, logo da actuación.

– No suposto da actuación prevista na letra c) do punto primeiro do ordinal sexto, a memoria deberá detallar o prezo do solo que se pretende adquirir, a data prevista para a súa adquisición, así como toda a información que permita constatar que a actuación constitúe un dos supostos de financiamento previstos no ordinal cuarto. A memoria incluirá, así mesmo, unha reportaxe fotográfica do solo que se pretende adquirir.

c) Documento administrativo acreditativo da dispoñibilidade do solo, no suposto de actuacións de promoción de vivendas protexida de nova construción.

d) Xustificación da Intervención municipal da proposta do prazo de reposición da cantidade solicitada, de acordo co principio de sustentabilidade financeira.

e) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de permitir a compensación e retención das achegas vencidas e non ingresadas con cargo ao Fondo de Cooperación Local, para o caso de que non se reintegren as cantidades nos prazos previstos na resolución e no posterior convenio de financiamento.

f) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de incluír nos orzamentos dos exercicios seguintes, con cargo aos ingresos correntes, os importes das anualidades previstas na resolución e no posterior convenio de financiamento.

g) Compromiso asinado polo órgano municipal competente de non compensar as amortizacións pendentes coas contías que, por calquera outro concepto, puidese deberlles a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou entidades públicas instrumentais pertencentes ao seu sector público.

h) Reportaxe fotográfica da actuación realizada no momento de presentar a solicitude e certificado do órgano municipal competente en que se indique que nesa data as actuacións non están rematadas, con indicación da súa porcentaxe de execución, no suposto de que as actuacións estean iniciadas con carácter previo á presentación da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Se algún dos concellos interesados presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Os concellos interesados responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas polo concello interesado, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que as persoas ou entidades interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas ou entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia (DOG nº 141 do 24 de xullo de 2012).

    • Resolución do 20 de maio de 2025 pola que se regula o Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción, e se convoca o acceso ao dito fondo para a anualidade 2025 (DOG nº 98 do 23 de maio de 2025).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

VI402B

Programa avais para a adquisición de vivenda

Tramitar en liña

Prazo aberto: 13/03/2026 09:00 - 30/10/2026 14:00

VI406A

Subvencións do programa de infravivenda.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 23/01/2026 09:00 - 03/07/2026 14:00

VI409B

Cambio de réxime de alugamento a compravenda e de compravenda a alugamento de vivendas protexidas de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

VI409C

Autorización de amortización anticipada total de vivenda protexida de promoción pública.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano