Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
VI402B
Programa "Avais para a adquisición de vivenda".
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que na data de presentar a correspondente solicitude teñan menos de trinta e seis anos ou, sen límite de idade cando se trate da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
Con carácter xeral ás persoas que na data de presentar a correspondente solicitude teñan menos de trinta e seis anos.
O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
Xunta de Galicia
Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas
Secretaría Xeral de Vivenda e Urbanismo
Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS)
Dirección Técnica de Axudas e Vivenda
Servizo de Axudas á Rehabilitación
Area central - Polígono de Fontiñas
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981957886
Email: avaismocidade.igvs@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
01/04/2025 00:00 - 31/10/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes comezará o día 1 de abril de 2025 e rematará o 31 de outubro de 2025 e, en todo caso, no momento do esgotamento do importe máximo de avais que se concedan no ano 2025, que se fixa en cinco millóns de euros. O dito esgotamento, en caso de producirse antes do 31 de outubro de 2025, farase público no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da persoa titular do IGVS.
1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.
c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.
Para estes efectos, partirase da contía da base impoñible xeral e do aforro, reguladas nos artigos 48 e 49, respectivamente, da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas (en diante, IRPF), correspondentes aos datos fiscais da/das persoa/s solicitante/s, relativos ao período impositivo que se determine na correspondente convocatoria.
Para os efectos da determinación do IPREM, computaranse os ingresos derivados da percepción pola/s persoa/s adquirinte/s das rendas que en virtude da normativa reguladora do IRPF estean exentas da declaración. Os citados ingresos compleméntanse cos resultantes da base impoñible na consulta da declaración do IRPF, tendo a consideración de ingresos percibidos pola/s persoa/s adquirinte/s.
No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, o requisito dos ingresos será o que se determine na correspondente normativa reguladora.
2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a vivenda para a cal se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de presentación da solicitude.
c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:
– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.
No suposto de vivendas protexidas de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado, o prezo máximo será o previsto na cualificación definitiva.
3. Non se outorgará a garantía cando a vivenda que se pretende adquirir non vaia constituír a primeira vivenda en propiedade da/das persoa/s adquirente/s. Tampouco se outorgará o aval cando a/as persoa/s adquirente/s sexan propietarios/as ou usufrutuarios/as dunha vivenda en territorio español. Exceptuarase este requisito nos seguintes casos:
a) Cando o dereito recaese unicamente sobre unha parte alícuota da vivenda e se adquirise por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.
b) Cando non se dispoña da vivenda por causa de separación ou divorcio, situacións catastróficas ou situacións de violencia de xénero ou ameaza/vítima de terrorismo.
c) Cando a vivenda resulta inaccesible por situacións sobrevidas de dependencia ou discapacidade da/das persoa/s adquirente/s da vivenda ou dalgún dos membros da súa unidade de convivencia, cun grao de discapacidade recoñecido oficialmente igual ou superior ao 33 %.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, que se incorpora como anexo III a esta resolución.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presentan a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emenden a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa presentada a emenda.
Para a presentación electrónica poderán empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A solicitude, debidamente cuberta, deberá dirixirse á Dirección Xeral do IGVS.
3. Nos supostos de adquisición da propiedade da vivenda por máis dunha persoa, deberá presentarse unha única solicitude, na cal se identificarán a todas as que pretenden actuar como compradoras.
4. No formulario de solicitude a persoa solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:
a) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, non solicitou ou obtivo ningunha axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha axuda, deberá indicar cales e a súa contía.
b) Compromiso de comunicar calquera axuda que lle sexa concedida a ela ou a calquera das persoas adquirentes para a mesma finalidade.
c) Declaración de que a vivenda que se pretende adquirir vai ser a súa primeira vivenda en propiedade, así como, de ser o caso, das demais persoas que adquiran a vivenda.
d) Compromiso de que a vivenda vai constituír a súa residencia habitual e permanente e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
e) Declaración responsable de que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda por máis dunha persoa, son propietarias e/ou usufrutuarias dunha vivenda situada en España, agás os supostos exceptuados no punto tres do ordinal sétimo.
f) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) De ser o caso, documentación acreditativa da representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante. A representación deberá acreditarse a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón: https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados
b) Informe favorable da entidade financeira de autorización da operación de financiamento hipotecario, para o suposto de que á/ás persoa/s solicitante/s se lle/lles conceda o aval.
c) Anexo IV, de comprobación de datos das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
d) Anexo V, de declaración responsable da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, no caso de non estar obrigadas a presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas, xunto coa seguinte documentación:
– Certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas nas cales estivese de alta no devandito exercicio.
– Certificado de pensións ou prestacións periódicas, emitido polo correspondente organismo oficial, no caso de non ser outorgadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (en diante, INSS).
– Certificados bancarios de rendementos do capital mobiliario.
e) No caso de que a/as persoa/s adquirente/s sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en España e non poidan dispoñer dela:
– Convenio regulador de separación ou divorcio ou sentenza que acredite a dita circunstancia, de ser o caso.
– Documentación que acredite que a/as persoa/s adquirente/s non poden habitar a vivenda por calquera outra causa allea á súa vontade, de ser o caso.
– Informe técnico que xustifique a inaccesibilidade da vivenda por razón da discapacidade da persoa titular e/ou dalgún membro da súa unidade de convivencia, de ser o caso.
f) No caso de que a persoa solicitante ou as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, sexan propietarias ou usufrutuarias da parte alícuota dunha vivenda en España, documentación acreditativa de que foi adquirida por herdanza ou mediante transmisión mortis causa sen testamento.
g) No suposto de vivenda inaccesible por razóns de discapacidade dalgún membro da unidade de convivencia, o correspondente certificado de discapacidade, no suposto de tratarse dun documento non expedido pola Xunta de Galicia.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
3. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
Forma de presentación da documentación complementaria.
1. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. No caso de ser presentada de forma presencial, requiriráselle á persoa interesada para que proceda a súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a/as persoa/s interesada/s se opoña/n á súa consulta:
a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante e, de ser o caso, da súa persoa representante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
b) Número de identificación fiscal da entidade representante, de ser o caso.
c) Certificado da renda expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
d) Certificación de titularidade de bens inmobles da Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda, onde conste que nin a persoa solicitante nin as demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa, teñen en propiedade e/ou en usufruto outra vivenda en territorio español.
e) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes, de ser o caso.
2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos, cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Consulta das prestacións do Rexistro de Prestacións Sociais Públicas, incapacidade temporal e maternidade do INSS, da persoa solicitante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
b) Certificado das percepcións da renda de integración social de Galicia da consellería competente en materia de política social, da persoa solicitante, así como das demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
c) Certificado dos importes das prestacións de desemprego percibidos pola persoa solicitante, así como polas demais persoas adquirentes, no suposto de compravenda da vivenda por máis dunha persoa.
d) Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras da persoa solicitante e das demais persoas adquirentes.
e) Certificado acreditativo da discapacidade das persoas adquirentes e/ou calquera das persoas integrantes da súa unidade de convivencia, no caso de que este documento deba ser expedido pola Xunta de Galicia, de ser o caso.
3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Comprobación de datos das demais persoas adquirentes (Anexo IV)
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Lei 4/2024, de 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025 (DOG nº 251 do 31 de decembro de 2024).
-
Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (DOG nº 54 do 19 de marzo de 2025).
-
Resolución do 23 de abril de 2025 pola que se modifica a Resolución do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (DOG nº 83 do 2 de maio de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición/modificación do certificado de edificios de nova construción no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Inscrición/modificación do certificado de edificios existentes no rexistro de certificados de eficiencia enerxética de edificios.
Aberto todo o ano
Programa de axuda ás actuacións de mellora da eficiencia enerxética en vivendas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 08/07/2025 23:59
Fondo de cooperación cos concellos para o apoio ao financiamento da promoción de vivenda protexida de nova construción
Prazo aberto: 02/06/2025 00:00 - 15/10/2025 23:59