Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU985F
Programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos
Procedemento dirixido a: Cidadáns
Presidencia da Xunta de Galicia
Incentivar a demanda interna, isto é, de persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia, de servizos turísticos prestados na dita comunidade autónoma en períodos de estacionalidade, buscando, con isto, prolongar a actividade e dinamizar a economía e o emprego turístico.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Secretaría de Coordinación Económica e Administrativa
Área de Apoio Xurídico e Lexislativo
A Barcia. Estrada Santiago-Noia, km 3
15896 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546358/ 981546420
Email: xuridico.turismo@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
29/06/2024 00:00 - 02/12/2024 23:59
O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de decembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Data de descarga dos bonos.
Os bonos estarán dispoñibles para a súa descarga polas persoas usuarias desde as 9.00 horas do día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024 e a súa validez estenderase desde o 10 de setembro ata o 25 de decembro de 2024 (ambos incluídos).
Mediante resolución da Axencia de Turismo de Galicia poderase modificar a devandita data se razóns organizativas así o aconsellan, do cal se dará a oportuna publicidade.
Requisitos dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes para a adhesión ao programa.
Poderán adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos:
- Os establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia: establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
- As axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.
En ambos os dous casos deberán estar dadas de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e ter coñecemento do código que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro.
Alta dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes para a adhesión ao programa.
1. Os establecementos de aloxamento turístico e as axencias de viaxes que desexen adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos deberán rexistrarse na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:
- Nome e apelidos/razón social.
- NIF.
- Nome, apelidos e DNI/NIE da persoa representante.
- Denominación do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.
- Código do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.
- Enderezo do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.
- Número de teléfono móbil.
- Correo electrónico.
- IBAN da conta bancaria.
- Páxina web do establecemento turístico de aloxamento ou axencia de viaxes.
2. Poderán adherirse ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos:
- Os establecementos de aloxamento turístico da Comunidade Autónoma de Galicia: establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos.
- As axencias de viaxes que teñan un centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que desenvolvan as súas actividades dentro do sector turístico vinculado a Galicia e presten os servizos, actividades ou produtos vinculados a este programa na Comunidade Autónoma de Galicia.
En ambos os dous casos deberán estar dados de alta no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) no momento da publicación desta convocatoria e ter coñecemento do código que se lles proporcionou no momento da alta no citado rexistro.
3. A alta e o uso da aplicación polas persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), e á Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, do cal que serán informadas convenientemente.
4. As persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes deberán asinar dixitalmente a declaración responsable, manifestando o cumprimento das condicións establecidas e a veracidade dos datos indicados, sen prexuízo de cantas outras formalidades estean obrigadas a cumprir. A Axencia de Turismo de Galicia poderá comprobar ou, se é o caso, solicitar en calquera momento os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
5. Non se admitirán nin se terán en conta as solicitudes presentadas por establecementos que non cumpran coas anteriores condicións nin coa forma establecida nesta resolución.
6. A denominación e a localización dos establecementos de aloxamento turístico e das axencias de viaxes adheridos ao programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos farase pública na web www.bonoturismo.gal
7. As persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes adheridos ao programa recibirán cunha periodicidade semanal, na conta bancaria indicada para tal efecto, a cantidade equivalente aos bonos trocados no seu establecemento, agás no suposto previsto no artigo 19 destas bases reguladoras.
Comprobación de datos das persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes.
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente os datos das persoas titulares dos establecementos e axencias de viaxes incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña motivadamente á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade solicitante.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Presentación da solicitude dos bonos.
1. Para a solicitude e a obtención dos bonos, cada persoa usuaria deberá darse de alta na web www.bonoturismo.gal indicando a seguinte información:
a) Nome e apelidos.
b) Maioría de idade.
c) DNI ou NIE.
d) Localidade de residencia (código postal).
e) Número de teléfono móbil.
f) Correo electrónico.
2. O uso da páxina web e a descarga dos bonos polas persoas usuarias suporá a aceptación das condicións do seu uso e da política de privacidade conforme o Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos) e a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, da que serán informadas convenientemente.
3. As persoas usuarias deberán declarar responsablemente a veracidade dos datos indicados. A Axencia de Turismo de Galicia poderá solicitar, en calquera momento, os documentos acreditativos dos mencionados requisitos.
4. Así mesmo, as persoas usuarias deberán declarar responsablemente que están ao día do cumprimento das obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria e coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.
Características do bono turístico.
1. O bono turístico do programa #DescubreGaliciaenOutono terá formato dixital a través dun código QR, ten carácter persoal e intransferible, e exixe prepagamento, é dicir, o bono está cofinanciado entre a persoa solicitante e a Administración.
2. Cada bono terá a consideración de bono desconto para gastos realizados nos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes adheridos.
3. O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor do gasto, e poderá imputarse a un ou varios gastos de aloxamento.
4. As contías enténdense co IVE incluído.
5. O período de descarga dos bonos será desde o día 4 de xullo ata o 16 de decembro de 2024, ambos incluídos, salvo esgotamento previo do seu saldo.
O período de uso a partir do cal se poderán trocar os bonos descargados comezará o 10 de setembro de 2024.
Rematado o período de validez, o bono non trocado caducará. A caducidade do bono leva consigo a perda da totalidade do saldo remanente non consumido e non se poderá instar a súa devolución.
6. Cada persoa poderá solicitar e obter ata dous bonos.
Sistema de funcionamento dos bonos.
1. A entidade colaboradora validará que a solicitude se realice consonte os requisitos e da forma establecida nesta convocatoria.
2. Tras a devandita validación, e verificada a achega do cofinanciamento por parte da persoa solicitante, esta estará habilitada para a descarga do bono correspondente. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha App que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).
3. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonoturismo.gal e, nese momento, entenderase concedida a axuda.
4. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, as persoas titulares de establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que descargar no seu móbil a App de bonos turísticos.
5. No momento de aboar o gasto correspondente ao aloxamento, as persoas titulares dos establecementos de aloxamento turístico e de axencias de viaxes terán que introducir na App o importe e o concepto do gasto. Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR para obter o desconto e deberán pagar, se o saldo do bono non fose suficiente, en efectivo ou con tarxeta, ata chegar ao importe final do gasto realizado.
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes (DOG nº 125 do 28 de xuño de 2024).
-
Extracto da Resolución do 27 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do programa #DescubreGaliciaenOutono a través dos bonos turísticos, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos establecementos de aloxamento turístico e axencias de viaxes (DOG nº 125 do 28 de xuño de 2024).
-
Outros procedementos relacionados
Tarxeta de identidade marítima náutica de lecer.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición de sala de bingo.
Aberto todo o ano