Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU983A
Subvencións á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a promoción do turismo.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o fomento da cooperación entre pequenos operadores para colaborar na organización de procesos de traballo conxuntos e compartir recursos para o desenvolvemento e a promoción do turismo.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
3. Os proxectos subvencionables consistirán no deseño, creación e promoción de produtos turísticos de Galicia. Enténdese por produtos turísticos os bens ou servizos turísticos ofertados ao público mediante contraprestación económica. As propostas deberán ser concretas e definidas en todos os elementos que compoñan o produto e o seu plan de promoción.
Para o caso de que o produto turístico se configure como paquete turístico, a súa comercialización requirirá a intermediación dunha axencia de viaxes, que pode formar parte da agrupación ou actuar como un provedor externo.
As actividades deberán ser realizadas ou promovidas no ámbito rural de Galicia, entendido como tal o ámbito de aplicación do PDR de Galicia.
A definición de zona rural realizarase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) en cada territorio. No caso de Galicia, só teñen a consideración de zonas urbanas os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da Comunidade Autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela).
A delimitación destas zonas onde se debe realizar ou promover a actividade está definida a nivel de parroquia en función da densidade da poboación (só serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader).
4. Os produtos turísticos deberán ter carácter innovador e poderán axustarse a algunha das liñas temáticas seguintes:
a) Produtos cabeceira de marca de Galicia.
Os produtos cabeceira de marca de Galicia, que poden ser consultados na páxina web oficial de Turismo de Galicia, na epígrafe denominada «experiencias» http://www.turismo.xunta.gal.
– Camiño de Santiago.
– Bosques de Galicia (natureza).
– Mananciais de Galicia (termalismo).
– Paseando entre viñedos (enogastronomía).
– Turismo mariñeiro.
– Ruta das Camelias (xardíns de Galicia).
– Faros e praias salvaxes.
– Patrimonio oculto.
– Santuarios máxicos.
b) Produtos destinados á creación de oferta de turismo familiar
c) Produtos destinados á creación de oferta para o turismo sénior.
d) Produtos destinados á xeración dunha oferta distintiva que se acomode ao concepto «que facer en Galicia cando chove».
e) Produtos innovadores e de descubrimento de novos nichos de mercado.
f) Creación de rutas turísticas innovadoras
g) Produtos construídos baixo a idea da «cultura celta de Galicia».
h) Produtos baseados na creación de fins de semana, pontes ou outros períodos temporais de carácter temático.
i) Produtos que se desenvolvan e valoricen turisticamente os núcleos históricos de Galicia.
Gastos subvencionables.
1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante con posterioridade á presentación da solicitude de axuda, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.
2. Serán gastos subvencionables os custos derivados dos seguintes investimentos de carácter inmaterial.
a) Os gastos de deseño e creación de produtos turísticos, folletos, paquetes turísticos e gastos en promoción, publicidade e difusión das actividades (material publicitario, merchandising, asistencia a feiras, encontros, publicidade en medios de comunicación tradicionais, internet e revistas especializadas).
b) Viaxes de promoción e familiarización do destino Galicia, en relación cos paquetes e servizos turísticos obxecto desta orde de subvencións (gastos de xestión, aloxamentos, manutención, transportes, entrega de materiais promocionais…).
c) Desenvolvemento das TIC na xestión, promoción e difusión da oferta turística.
d) Material inventariable: adquisición de equipamentos estritamente necesarios para a realización da actuación e posta en marcha dos novos produtos propostos (bicicletas, parques infantís, material deportivo, educativo, equipamento de oficina, envases e packaging, etc.).
e) Material funxible: adquisición de materiais funxibles ou compoñentes precisos para a execución do proxecto, debidamente xustificados.
f) Prestación de servizos por parte de monitores especializados para desenvolver as actividades propostas.
g) Asistencias técnicas de apoio ao deseño, creación e promoción de produtos turísticos.
3. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias nin os derivados de recargas e sancións administrativas e penais.
De conformidade co disposto no PDR de Galicia 2014-2020, o IVE non será subvencionable excepto cando non sexa recuperable conforme a lexislación estatal.
4. Os proxectos non poderán estar iniciados na data de presentación da solicitude da axuda e só serán subvencionables os custos efectuados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda en tempo e forma ao abeiro desta convocatoria.
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os requisitos establecidos nestas bases, e de conformidade co establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as empresas do sector turístico de Galicia que se agrupen para colaborar e que, polo menos unha delas, estean inscritas conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, que teñan a condición de microempresas e sexan entidades privadas autónomas, constituídas baixo calquera forma xurídica admisible, co obxecto de practicar de xeito efectivo a colaboración, con domicilio social ou sede na Comunidade Autónoma de Galicia, e desenvolvan a actividade para a cal se solicita a subvención no ámbito rural de Galicia.
Tamén poderán ser persoas beneficiarias das subvencións os consorcios, asociacións e calquera outra forma de personificación xurídica xa constituídas, en que se atopen asociadas as empresas ou entidades do sector turístico de Galicia, e que polo menos unha delas estea inscrita no REAT.
2. A definición das zonas rurais realizarase por eliminación daquelas zonas consideradas densamente poboadas (urbanas) no seu territorio. No caso de Galicia, só teñen esa consideración os 7 concellos dos núcleos de poboación máis grandes da comunidade autónoma (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Ferrol e Santiago de Compostela).
3. Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.
Así mesmo, terán a consideración de empresa, para os efectos de poder ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.
Xunta de Galicia
Presidencia da Xunta de Galicia
Axencia Turismo de Galicia
Dirección de Competitividade
Área de Fomento e Desenvolvemento Empresarial
A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3
15703 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547404/ 981546364
Fax: 981546371
Email: xerencia.turismo@xunta.es
Prazo de presentación: PECHADO
01/02/2018 00:00 - 28/02/2018 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.
- As empresas obxecto de subvención non deberán estar vinculadas entre si. Considéranse vinculadas as empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración e dirección ou o control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito por ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.
d) Unha empresa accionista doutra ou asociada a outra controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos votos dos seus accionistas ou socios.
e) Así mesmo, consideraranse empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se tales empresas exercen a súa actividade ou parte dela no mesmo mercado de referencia ou mercados contiguos.
f) Consideraranse «mercados contiguos» o mercado dun produto ou servizo situado na posición inmediatamente anterior ou posterior do mercado en cuestión.
- En relación con estas bases reguladoras a definición de «pequenos operadores» enténdese conforme o disposto no PDR de Galicia 2014-2020, que dispón que serán beneficiarias desta submedida as microempresas, tal e como aparecen definidas no artigo 2 do anexo I do Regulamento 651/2014, do 14 de xuño de 2014, polo que declaran diversas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.
Así, microempresa é aquela que ocupa menos de 10 traballadores e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
Para optar a estas axudas será necesaria a colaboración entre dúas ou máis empresas.
No caso de que o beneficiario sexa unha asociación, consorcio ou calquera outra forma xurídica que agrupe varias empresas, enténdese cumprida a colaboración establecida no parágrafo anterior.
- No caso de solicitarse a axuda polas agrupacións do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada empresa, así como o importe de subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En todo caso, deberá nomearse un líder que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
- As agrupacións rexeranse por calquera instrumento xurídico válido en dereito que as regule, onde se acredite un acordo de vontades de todas as empresas participantes na agrupación. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, e un dos socios, o líder, asumirá a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no instrumento xurídico válido que se realice para ese efecto. O líder recibirá a axuda concedida e será o responsable da súa distribución entre os socios participantes, de acordo coa repartición establecida no orzamento aprobado na resolución de concesión da axuda, conforme os seus compromisos de participación nel e coa resolución de pagamento tras a xustificación finalmente admitida pola Axencia Turismo de Galicia.
O instrumento xurídico de regulación da agrupación deberá prever, como mínimo, o seguinte:
a) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocutor con ela e perceptor da axuda, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que como beneficiario lles correspondan ás empresas agrupadas.
b) Orzamento desagregado por conceptos do investimento que se vai realizar. De ser o caso, achegaranse tres orzamentos de diferentes provedores, co obxecto de atender á moderación de custos propostos conforme o previsto no artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2013, da Comisión, do 17 decembro de 2013.
c) Compromisos de execución asumidos por cada empresa e o importe de subvención que se aplicará por cada unha delas.
d) Compromiso de distribución da axuda percibida polo líder entre todos os participantes da agrupación conforme o gasto aprobado e a resolución de pagamento da Axencia Turismo de Galicia tras a xustificación finalmente admitida.
e) Acordos de confidencialidade.
f) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.
g) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.
- Esta agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da citada lei.
- Os requisitos para ser persoas beneficiarias deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
- Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable das empresas solicitantes.
As persoas interesadas achegarán a seguinte documentación:
a) Solicitude de axuda, presentada pola empresa líder do proxecto, cos datos de identificación das empresas participantes segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución.
b) Memoria explicativa completa da actuación que se vai desenvolver, que comprenderá os obxectivos que se pretende acadar, fases de execución e os recursos involucrados. A memoria deberá incluír un orzamento desagregado dos custos da actuación.
c) Copia do instrumento xurídico regulador da agrupación establecido no artigo 4.6 destas bases reguladoras.
d) En todo caso deberán solicitarse, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, prestación do servicio ou entrega do bien, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.
e) Declaracións de conformidade de participación no proxecto, asinadas polos representantes legais de cada unha das empresas da agrupación, en que se outorgue ao líder do proxecto a autorización para presentar a solicitude de axuda no seu nome e canalizar a súa relación coa Administración, segundo o modelo normalizado anexo III.
f) Declaración responsable do representante legal de cada membro da agrupación segundo o anexo IV.
g) Acreditación, de ser o caso, de que o IVE non se recupera ou compensa, para os efectos de poder ser gasto subvencionable.
Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se non o fai, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
– NIF en vigor da entidade líder que solicita a axuda.
– NIF en vigor das entidades membros da agrupación.
– Acreditación de que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas, no caso de denegar expresamente que a solicite o órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dean como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.Todo isto sen prexuízo de que se solicite documentación complementaria aclaratoria dos datos que figuren na solicitude.
A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á cooperación entre pequenos operadores para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).
-
Extracto da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2018 (DOG nº 22 do 31 de xaneiro de 2018).
-
Resolución do 3 de outubro de 2018, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións á cooperación entre pequenos operadores turísticos para organizar procesos de traballo conxunto e compartir instalacións e recursos, así como para o desenvolvemento e a comercialización do turismo, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, e se anuncia a convocatoria para o ano 2018 (Diario Oficial de Galicia número 22, do 31 de xaneiro) (DOG nº 195 do 11 de outubro de 2018).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Subministración electrónica dos cartóns de bingo autorizados na Comunidade Autónoma de Galicia e a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo do bingo.
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano