Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TU500B
Subvencións a empresas titulares de orquestras
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Presidencia da Xunta de Galicia
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a regulación da concesión de subvencións a empresas titulares de orquestras.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables os derivados daqueles programas ou actividades que promovan o desenvolvemento e execución de verbenas, festas populares ou eventos con actuacións de orquestras que se van desenvolver na Comunidade Autónoma de Galicia ou fóra da nosa comunidade autónoma para a promoción do Xacobeo 2021, entendendo estas últimas como accións de especial promoción noutras CCAA.
2. En calquera caso, para os efectos previstos nestas bases, son gastos subvencionables os que respondan á natureza e obxecto da actividade subvencionada e se realicen desde o 1 de outubro de 2020 ata o 31 de outubro do 2021, en concreto terán a consideración de gastos subvencionables:
– Alugamento de equipos, locais, salóns, carpas e similares, e os relacionados coa organización das actuacións das orquestras como servizos audiovisuais, iluminación e megafonía, contratacións artísticas e de presentadores/condutores, traslados dos equipos e compoñentes das orquestras e similares; e os de produción e edición de materiais relacionados coa difusión e promoción dos eventos, tales como rotulación xeral, carteis, folletos, memorias, publicidade, material audiovisual, CDs, DVDs ou similares, difusión na internet e redes sociais.
– Gastos directos dos artistas, tales como salarios, viaxes, axudas de custo, manutención e aloxamento, así como gastos directos para a organización da programación.
– Calquera outro gasto relativo ás actividades e servizos incluídos no programa do evento.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as entidades titulares de orquestras que teñan o seu domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo, poderán ser beneficiaras das subvencións as agrupacións de entidades titulares de orquestras que teñan o seu domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Obrigas das persoas beneficiarias
As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:
a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada, de conformidade co proxecto presentado ou, se é o caso, ao modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.
b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o beneficio da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. No caso de agrupacións todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.
e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.
f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma. Para tales efectos, o solicitante deberá achegar certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de denegar expresamente que se soliciten polo órgano xestor, de conformidade co disposto no artigo 5.1. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado. No caso de agrupacións todos os integrantes presentarán cadansúa declaración.
g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
h) Igualmente a persoa beneficiaria deberá incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 2021. No vinilado dos vehículos que se utilicen durante a xira, vídeos, proxeccións, bandeirolas, folletos e outras publicacións deberá incluír a marca Xacobeo 2021, seguindo as indicacións dos manuais de identidade corporativa das citadas marcas previstas nas páxinas web https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/marca-galicia e https://www.xunta.gal/identidade-corporativa/xacobeo-2021.
i) Subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia, das obrigas previstas no título I da citada lei.
j) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:
– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.
– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.
– Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.
– Incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.
En caso de incumprimento total o parcial por causas de forza maior debidamente xustificada, poderán ser aboados aqueles gastos preparatorios da actividade subvencionada en que teña incorrido o beneficiario.
– Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.
– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.
Prazo de presentación: PECHADO
10/10/2020 00:00 - 09/11/2020 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.
Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
Requisitos das entidades beneficiarias:
a) Estar constituídas de conformidade coa normativa vixente e ao día nas súas obrigas tributarias (facenda estatal e autonómica) e de Seguridade Social.
b) Non poderán obter a condición de beneficiario aqueles nos cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursos nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable do interesado.
c) Os requisitos para ser beneficiario deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.
Presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. No caso de que a solicitude sexa presentada por unha agrupación, de conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, deberán achegarse xunto coa solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se aplicará por cada un deles. Deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación.
Así mesmo, e para os efectos das declaracións contidas na solicitude, no caso das agrupacións, estas declaracións emitiranse con base nas emitidas polos respectivos representantes de cada unha das entidades que a integran. Estas declaracións orixinais deberán quedar en poder da entidade representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha proposta en firme da programación para o 2021, en que deberán detallar aquelas actuacións que teñan comprometidas para o período subvencionable, así como as actuacións que dedicarán á promoción en exclusiva do Xacobeo 2021 nun mínimo dunha.
b) Orzamento desagregado por partidas do custo das accións que inclúan na proposta.
c) Memoria explicativa sobre o cumprimento dos criterios de valoración sinalados no artigo 12.
e) No caso de agrupacións, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que deberá incluír, en todo caso, os compromisos de execución asumidos por cada membro, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles e a designación da persoa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
5. Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
6. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
7. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.
8. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– DNI/NIE da persoa representante.
– NIF da entidade solicitante.
– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que o solicitante ou o beneficiario ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase o solicitante ou beneficiario para que regularice a situación e presente por si mesmo o correspondente certificado.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar as certificacións de estar ao día nas citadas obrigas.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo II)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de cobramento da subvención (Anexo IV)
- Declaración (Anexo V)
- Renuncia (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (DOG nº 205 do 9 de outubro de 2020).
-
Extracto da Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (DOG nº 205 do 9 de outubro de 2020).
-
Resolución do 9 de febreiro de 2021 pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021.(DOG nº 33 do 18 de febreiro de 2021).
-
Resolución do 28 de outubro de 2021 pola que se amplía o prazo de execución e se reaxustan as anualidades previstas na Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (DOG nº 209 do 29 de outubro de 2021).
-
Resolución do 5 de maio de 2022 pola que se amplía o prazo de execución establecido na Resolución do 6 de outubro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a empresas titulares de orquestras, e se procede á súa convocatoria para os anos 2020 e 2021 (DOG nº 91 do 11 de maio de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración responsable de inicio da actividade, prestación de servizos de actividades ao aire libre .
Aberto todo o ano
Autoprestación do servizo ó pasaxe, que comprende o embarque e desembarque de pasaxeiros e pasaxeiras, así como a carga e descarga de equipaxes e vehículos.
Aberto todo o ano
Permiso de apertura e inscrición da autorización de instalación dunha sala de bingo en Galicia.
Aberto todo o ano
Autorización modificación de sala de bingo.
Aberto todo o ano