Guía de procedementos e servizos

TU200A

Bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) (bolsas ordinarias).

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 21/06/2024 00:00 - 18/07/2024 23:59

Presidencia da Xunta de Galicia

A concesión dun desconto do 80 % ou 50 % do prezo de matrícula ordinaria e do 100 % no aloxamento na residencia do Centro Superior de Hostalería de Galicia en cuarto compartido con pensión completa para o alumnado que curse as titulacións que imparte o CSHG. Nas bolsas ordinarias a renda familiar non debe superar os límites de renda que veñen establecidos na resolución de convocatoria.

Bolsas de nova adxudicación para novos/as alumnos/as do CSHG (anexo II, TU200A).

a) Bolsas ordinarias Tipo I : Supoñen un desconto do 80 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido por titulación e aloxamento:

- 10 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

- 1 bolsa Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería.

b) Bolsas ordinarias Tipo II: Supoñen un desconto do 50 % do prezo da matrícula ordinaria e desconto do 100 % no prezo do aloxamento na residencia do CSHG en cuarto compartido:

- 15 bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras.

- 3 bolsa Curso Superior de Chef de Cociña e Pastelería.

Alumnado do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG).

Xunta de Galicia

Presidencia da Xunta de Galicia

Axencia Turismo de Galicia

Dirección de Profesionalización

A Barcia. Estrada Santiago-Noia Km.3

15896  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981542559/ 981542593

Email: info@cshg.es

https://www.turismo.gal

http://www.cshg.gal

Axencia Turismo de Galicia

Prazo de presentación: PECHADO

21/06/2024 00:00 - 18/07/2024 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 18 de xullo de 2024.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Requisitos xerais.

Para poder optar á concesión dunha bolsa de nova adxudicación ou renovación deberán cumprirse as seguintes condicións:

a) Para as bolsas ordinarias tipo I, bolsas ordinarias tipo II e bolsas de excelencia académica:

1. Ter nacionalidade española, ou posuír a nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Neste último caso requirirase que o/a propio/a estudante ou os seus proxenitores/titores ou representante legal se encontren traballando en España. De conformidade co disposto na Lei 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España e a súa integración social, na redacción dada pola Lei orgánica 8/2000, do 22 de decembro, os/as estudantes estranxeiros/as non comunitarios/as deberán acreditar a súa condición de residentes, quedando excluído de concorrer a estas bolsas quen se encontre en situación de estadía.

2. Ter solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG (formulario dispoñible en www.cshg.gal).

3. Non ter unha exención de matrícula establecida normativamente.

4. Non estar incurso/a en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Para as bolsas para persoas galegas residentes no exterior:

1. Estar en posesión da nacionalidade española.

2. Residir fóra de España.

3. Acreditar un mínimo de dous anos de residencia fóra de España inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

4. Estar vinculado/a a Galicia dalgún destes xeitos:

• Ser persoa emigrante nacida en Galicia.

• Ser persoa emigrante non nacida en Galicia, pero ter residido en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos con nacionalidade española antes de emigrar.

• Ser descendente por consanguinidade dunha persoa nacida en Galicia.

5. Ter solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

6. Non estar incursa en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Requisitos específicos segundo o tipo de bolsas.

Bolsas ordinarias tipo I e bolsas ordinarias tipo II:

1. Para estudos de grao en Xestión de Empresas Hostaleiras:

• Acreditar unha cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica, igual ou superior a 5 puntos antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas.

• A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 11 desta resolución.

2. Para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría:

• Titulación de ciclo medio ou superior na rama da hostalaría antes de que remate o prazo de solicitude destas bolsas, certificado de profesionalidade en cociña ou 6 meses de experiencia laboral en hostalaría.

Renovación das bolsas ordinarias de tipo I e tipo II:

• Cumprir os requisitos para matricularse no curso completo 2024/25.

• A renda familiar non debe superar os límites de renda establecidos no artigo 23.

Presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II, anexo III ou anexo IV) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Debido á capacidade técnica das persoas físicas beneficiarias das presentes bolsas, que deben reunir a condición de alumnado que reúne os requisitos para o acceso á universidade ou xa é alumnado universitario, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente aos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electrónicamente no presente procedemento.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. As persoas solicitantes deberán declarar responsablemente, consonte o cadro de declaración do anexo II, anexo III ou anexo IV:

a) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

b) Que se compromete a cumprir a normativa estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

c) Que, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, solicitaron e/ou se lle concederon outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos que financien o custo da matrícula solicitada, ou non.

d) Que non está incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Que non está incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Que está ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

h) Que ten solicitada a pre-admisión no curso 2024/25 nalgunha das titulacións que imparte o CSHG.

Documentación complementaria.

1. No caso das bolsas ordinarias tipo I e tipo II que se solicitan por primeira vez, as persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:

– Anexo V, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– No caso de bolsas para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, a certificación que inclúa a cualificación na proba de acceso á universidade (ABAU) ou noutras ensinanzas que lle permitan o acceso, con exclusión da cualificación da fase específica.

– No caso de bolsas para o curso superior de Chef de Cociña e Pastelaría, a titulación de ciclo medio ou superior na rama da hostalaría, o certificado de profesionalidade en cociña ou vida laboral que acredite 6 meses de experiencia laboral en hostalaría.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal; incluirase ademais unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

– Copia do Libro de familia.

Adicionalmente, de ser o caso, deberán achegar:

– Certificación académica de estar a cursar estudos universitarios, dos membros da unidade familiar menores de 25 anos e residentes fóra do domicilio familiar, durante o curso 2023/24.

– Documentación acreditativa da independencia familiar e económica.

– Xustificante de orfandade absoluta da persoa solicitante.

– Título oficial de familia numerosa (Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas), no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante da condición de persoa con discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, no caso de que non fose expedido pola Xunta de Galicia.

– Xustificante de viuvez, de ser solteiro/a, separado ou divorciado do/da pai/nai da persoa solicitante.

2. No caso das persoas solicitantes que aspiren á renovación da bolsa ordinaria para o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras ou 4º de diploma superior en Xestión Hoteleira deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:

– Anexo V, destinado á comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto e asinado.

– Certificado municipal de convivencia ou de inscrición múltiple dos membros da unidade familiar.

– No caso de que non exista información en poder das administracións tributarias da persoa solicitante e dos compoñentes da súa unidade familiar, achegarase unha declaración responsable na que se detallarán os ingresos e gastos anuais da unidade familiar correspondentes ao último exercicio fiscal, incluíndo ademais unha relación de bens mobles e inmobles, acompañadas dun extracto cos saldos medios mensuais de contas bancarias que posúan os membros da unidade familiar.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación destes procedementos consultaranse automaticamente para todas as persoas solicitantes, excepto para os galegos residentes no exterior, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante e do resto de membros da unidade familiar.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

– Certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

– Certificacións catastrais literais da persoa solicitante e de todos os membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Seguridade Social.

– Certificación de que a persoa solicitante está ao día no pagamento coa Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).

– Certificado de concesión de subvencións e axudas.

– Certificado de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

– Nivel de renda da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade familiar, no caso das bolsas ordinarias.

2. No caso das bolsas ordinarias que se solicitan por primeira vez, consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle son de aplicación as circunstancias que acreditan os seguintes documentos, e sempre que fosen expedidos pola Comunidade Autónoma de Galicia:

– Título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

– Certificado de discapacidade, con indicación do grao, da persoa solicitante e dos outros membros da unidade familiar, expedido pola Xunta de Galicia.

3. No caso das bolsas para as persoas galegas residentes no exterior, consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante.

– DNI ou NIE da persoa representante.

– NIF da entidade representante.

4. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

5. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 11 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D) (DOG nº 119 do 20 de xuño de 2024).

    • Extracto da Resolución do 11 de xuño de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalería de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D) (DOG nº 119 do 20 de xuño de 2024).

    • Resolución do 26 de setembro de 2024 pola que se lles dá publicidade ás bolsas concedidas ao abeiro da Resolución da Axencia de Turismo de Galicia, do 11 de xuño de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas para a realización de estudos no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o curso 2024/25 (códigos de procedemento TU200A, TU200C e TU200D) (DOG nº 193 do 7 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

ED441B

Bolsas destinadas ao alumnado das universidades públicas do SUG que participa en programas de mobilidade con países extracomunitarios, fóra do programa "Erasmus+".

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/06/2025 00:00 - 07/07/2025 23:59

SA655B

Formación práctica de alumnos en centros asistenciais dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

ED415A

Premios fin de carreira da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado universitario.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 28/02/2025 23:59

ED416A

Axudas ao alumnado das universidades públicas para estadías noutros países co obxecto de coñecer a súa lingua durante o verán.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 04/02/2025 00:00 - 03/03/2025 23:59