Guía de procedementos e servizos

TR880A

Xempre empredemento.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 04/10/2022 13:00 - 04/11/2022 23:59

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública das subvencións Xempre Emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (código de procedemento TR880A).

A finalidade é facilitar as iniciativas de emprendemento, contribuíndo ao incremento da súa actividade económica, a súa competitividade e, en definitiva, manter os empregos de calidade, a través do apoio ao financiamento do investimento realizado e pagado entre o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

Conceptos subvencionables.

1. Serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial que iniciou a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020. En concreto:

1º. Equipamento informático.

2º. Activos intanxibles: activos que no teñen unha materialización física ou financeira.

3º. Investimentos en eficiencia enerxética.

4º. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario.

5º. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio.

6º. A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipamento de segunda man serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos:

– Que os activos sexan adquiridos a unha persoa terceira non relacionada coa persoa compradora.

– Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

– Que o prezo non sexa superior ao valor do mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares; estes aspectos acreditaranse mediante certificación de taxador/a independente.

Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas a que se fai referencia no artigo 11.e).

Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora.

A simple adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

2. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos en propiedade pola persoa beneficiaria, admitiranse expresamente, a estes efectos, as reformas de instalacións en inmobles alugados. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes do remate do prazo de execución do proxecto, neste momento deben constar o vencemento e o pagamento das cantidades aprazadas.

3. Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xaneiro de 2022 ata a data da presentación da solicitude.

4. O investimento en bens inscritibles nun rexistro público terá que ser mantido, vinculado á actividade económica subvencionable, no centro de traballo en Galicia, durante os 5 anos seguintes á data do pagamento final á persoa beneficiaria, e o resto do investimento, durante 3 anos desde a devandita data.

5. O investimento subvencionado poderá ser substituído no caso de obsolescencia, sempre e cando a actividade económica da beneficiaria se manteña en Galicia durante este período. Neste caso, deberá quedar constancia contable e no inventario da empresa da substitución efectuada.

6. Quedan expresamente excluídos do ámbito de aplicación destas bases os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación e os impostos persoais sobre a renda, xuros e gastos financeiros, e as taxas.

7. Os bens obxecto de investimento deberán ser adquiridos a terceiros.

8. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades.

9. En ningún caso o custo dos investimentos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas e as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, e as sociedades cooperativas e laborais de entre as previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, que estean de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2020, segundo se establece no artigo 1 desta orde.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Complexo Administrativo de San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 900815600

Email: dxemprendemento.emprego@xunta.gal

https://empregoeigualdade.xunta.gal

Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social

Prazo de presentación: PECHADO

04/10/2022 13:00 - 04/11/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 13.00 horas do 4 de outubro de 2022 e será dun mes (tendo en conta o disposto na disposición derradeira segunda), agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor a partir do día seguinte hábil ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

As persoas interesadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter o domicilio fiscal en Galicia.

b) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Ter presentado, de ser o caso, as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil ou no Rexistro de Cooperativas, segundo corresponda á súa forma xurídica.

d) Ter iniciada a súa actividade económica no período que transcorre entre o 1 de xaneiro de 2020 ata a data de presentación da solicitude.

e) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

f) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

g) Non teren sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Solicitudes.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e no Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

b) Contrato ou documento de creación da comunidade de bens, sociedade civil ou entidades sen personalidade xurídica onde conste a porcentaxe de participación das persoas socias ou comuneiros, se é o caso.

c) Censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), no que debe figurar a data da alta, o domicilio fiscal e a localización do establecemento da actividade.

d) Declaración responsable de ter depositado no rexistro correspondente ou aprobadas pola Asemblea Xeral, segundo corresponda, as contas anuais do último exercicio.

e) Facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, –sempre que o investimento non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do investimento subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 €, no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben, e importe igual ou superior a 40.000 €, no caso de execución de obra, no momento de publicar estas bases) no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, as persoas interesadas deberán solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes persoas físicas ou xurídicas provedoras, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos investimentos subvencionables non exista no mercado suficiente número de persoas que a presenten, ou salvo que o investimento se realizase con anterioridade á data da publicación da convocatoria.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente no anexo de solicitude cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A persoa solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas coa mesma ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade, sen prexuízo do establecido no artigo 6.1.6. in fine desta orde.

De conformidade co establecido no artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente polas persoas interesadas ante calquera Administración. Neste caso, as persoas interesadas deberán indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa das persoas interesadas.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en a que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas polas persoas interesadas, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos para presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deberán realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Consulta da vida laboral nos últimos 12 meses.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Atriga.

e) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

g) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

h) Consulta de concesións pola regra de minimis.

i) Consulta da alta no imposto de actividades económicas da persoa solicitante (IAE).

j) NIF da entidade solicitante, se é o caso.

k) NIF da entidade representante, se é o caso.

l) Certificación de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

m) Certificado do domicilio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Prazo de resolución:

Un mes

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).

    • Extracto da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (DOG nº 187 do 30 de setembro de 2022).

    • Orde do 2 de novembro de 2022 pola que se modifica parcialmente a Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (DOG nº 210 do 4 de novembro de 2022).

    • Orde do 7 de decembro de 2022 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (DOG nº 233 do 9 de decembro de 2022).

    • Resolución do 20 de marzo de 2023, da Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións Xempre Emprendemento para apoiar iniciativas de emprendemento, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2022 (DOG nº 62 do 29 de marzo de 2023).

Outros procedementos relacionados

FA901A

Alegacións no Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (TACGAL).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IG302A

Avais do Igape.

Aberto todo o ano

IG408A

Axudas a proxectos de investimento empresarial, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 12/02/2025 09:00 - 30/09/2025 14:00

IG422B

Axudas FOEXGA, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027.

Prazo aberto: 22/04/2025 09:00 - 31/10/2025 14:00