Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
TR802R
Es-Transforma.
Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento TR802R).
Conceptos subvencionables.
1. Asesoramento legal para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral, así como para a transformación nunha destas entidades de economía social. Os gastos de rexistro, notaría e os informes legalmente preceptivos para o proceso de transformación.
2. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.
3. Obtención de certificacións de calidade.
4. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.
5. Plan de protección de datos.
6. Equipamento informático.
7. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.
8. Mellora na eficiencia enerxética.
9. Adquisición de equipamento.
10. Reforma do local de negocio.
11. Mobiliario.
Os servizos descritos nos números 1, 2, 3, 4 e 5 deberán estar implantados no período de execución.
Contía das axudas.
1. A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes:
• 6.000 € para os gastos incluídos no concepto 1 do artigo 6.
• 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.
O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados no artigo 6 establécese en 50.000 € por entidade beneficiaria. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase o importe de axuda de acordo coa orde de prelación dos gastos establecida no artigo 6 desta orde.
2. A contía da axuda do punto 1 deste artigo poderá incrementarse en 3.000 € por cada unha das condicións que se cumpra das que se sinalan a continuación, cun máximo de 24.000 euros por entidade beneficiaria:
a) 3.000 € no caso de que a sede social da entidade beneficiaria estea situada nun concello rural.
b) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por mulleres.
c) 3.000 no caso de que na actividade económica da nova entidade beneficiaria as mulleres contratadas nos grupos ocupacionais se atopen subrepresentadas.
d) 3.000 € no caso de que as entidades estean formadas maioritariamente por persoas menores de 30 anos na data de solicitude da axuda.
e) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas emigrantes retornadas.
f) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas maiores de 45 anos.
g) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas con discapacidade.
h) 3.000 € no caso de que as entidades beneficiarias estean formadas maioritariamente por persoas trans.
3. A axuda total para cada entidade beneficiaria polos conceptos recollidos nos números 1 e 2 deste artigo non poderá exceder os 74.000 euros.
Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas que xurdan dalgún dos procesos que se detallan a continuación:
a) Constitución por ausencia de remuda xeracional:
Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).
b) Constitución por persoas autónomas:
Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.
c) Constitución por transformación:
c.1) Transformación de todo tipo de sociedades en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.
Esta transformación será acordada pola xunta xeral, ou mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral, ou logo de adopción, elevación a públicos e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.
A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente inscrita no rexistro correspondente na data da solicitude.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social
Subdirección Xeral de Economía Social
Servizo de Promoción da Economía Social
Edificios Administrativos de San Lázaro, s/n
15707 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981544784
Email: economiasocial.emprego@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
30/06/2022 00:00 - 30/09/2022 23:59
1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.
2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgotase o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.
1. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:
a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.
b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.
c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.
d) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas á presentación de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes desde o momento de presentación da solicitude.
e) Acreditación da formalización da constitución ou da transformación segundo a documentación complementaria requirida no artigo 11.1.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades que se atopen nalgún dos seguintes supostos:
a) Que as persoas promotoras ou integrantes das cooperativas ou sociedades laborais fosen condenadas en sentenza firme por delito contra o patrimonio, contra a orde socioeconómica, de falsidade documental, contra a Facenda pública, a Seguridade Social ou contra os dereitos das persoas traballadoras.
b) Que as persoas promotoras ou integrantes das cooperativas ou sociedades laborais fosen condenadas por sentenza firme como persoa afectada pola cualificación de procedemento concursal declarado culpable.
c) Que estean incursas nalgunha das prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades solicitantes deberán presentar unha única solicitude, que deberá estar acompañada da documentación complementaria sinalada nesta orde.
3. A presentación da solicitude supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiaria da axuda, así como a aceptación da axuda.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo III de comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
b) Cando se actúe mediante representación, achegarase un poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.
c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, achegaranse as facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.
De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.
A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.
A entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas con ela ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.
d) Así mesmo, a persoa solicitante deberá achegar os seguintes documentos en función do suposto en que incorra respecto dos relacionados no artigo 5.1:
d.1) No caso do artigo 5.1.a) de ausencia de remuda xeracional:
i. Soporte documental acreditativo de despedimento ou extinción por outras causas dos contratos laborais das persoas socias promotoras da entidade de nova constitución ou cooperativistas coa persoa ou entidade empregadora, por algún dos seguintes medios:
(a) Documentación acreditativa do despedimento ou extinción da relación laboral das persoas socias integrantes da sociedade laboral ou cooperativa, por causas alleas á vontade da persoa traballadora, a través dalgún dos seguintes medios: comunicación escrita do empresario extintiva da relación laboral conforme o artigo 55.1 do Estatuto dos traballadores, acta de conciliación ou resolución xudicial con declaración de firmeza.
(b) Ademais, para o caso de peche de feito, sen remisión de carta de despedimento ou en situación pendente de declaración xudicial de extinción do contrato de traballo: testemuño de presentación de demanda ante o xulgado do social por falta de pagamento de salarios por prazo superior a tres meses, acreditación de peche do establecemento e incumprimentos do empresario mediante acta da Inspección de Traballo).
ii. Escritura pública de constitución e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
d.2) No caso do artigo 5.1.b) de constitución por persoas autónomas: alta no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria (modelo 036 ou 037), así como documentación acreditativa do período de alta no réxime especial de autónomos ou na mutualidade do colexio profesional das persoas promotoras. Achegarase tamén a escritura pública de constitución da nova entidade e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
d.3) Nos casos do artigo 5.1.c) de constitución por transformación: achegarase a escritura pública de transformación e a acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
e) No caso de que a entidade solicitante estivese formada maioritariamente por emigrantes retornados, achegaranse os documentos xustificativos do nacemento en Galicia da persoa solicitante e, ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, a documentación que acredite o vínculo con esta. Tamén se achegarán os certificados de emigrante retornado, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.
f) No caso de que a entidade solicitante estivese formada maioritariamente por persoas trans, achegarase a documentación que xustifique a obtención ante o Rexistro Civil da rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun sexo diferente ao rexistrado ao nacer.
g) No caso de que a entidade beneficiaria estivese formada maioritariamente por persoas con discapacidade, a documentación acreditativa da discapacidade ou dependencia recoñecida fóra de Galicia, de ser o caso.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI ou NIE da persoa representante.
c) NIF da entidade representante.
d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.
e) Vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias da entidade solicitante.
f) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.
g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.
h) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
i) Consulta de concesións de subvencións e axudas.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis.
l) Informe dos períodos de inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego das persoas socias da entidade solicitante.
Consultaranse, ademais, os seguintes datos dos socios da entidade solicitante cando se faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:
a) Certificado de discapacidade ou dependencia recoñecida pola Xunta de Galicia.
b) Consulta de datos de residencia con data de última variación do padrón.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.
Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes do procedemento regulado nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).
Prazo de resolución:
O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2022.
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento (Anexo II)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 123 do 29 de xuño de 2022).
-
Extracto da Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 123 do 29 de xuño de 2022).
-
Resolución do 23 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laboráis, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (DOG nº 26 do 7 de febreiro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano