Guía de procedementos e servizos

TR353A

Subvención a obradoiros duais de emprego

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Segunda convocatoria 2026 - Prazo aberto: 27/05/2026 00:00 - 26/06/2026 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

Realizar a segunda convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, concibidos como programas de formación, práctica profesional e para incentivos á contratación en empresas, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade.

As bases reguladoras desta convocatoria están recollidas na Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 228 do 25 de novembro de 2025) (código de procedemento TR353A).

Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.

1. Os proxectos de obradoiros duais de emprego poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este.

Poderán concorrer agrupacións de concellos, sempre que todos eles pertenzan á mesma provincia, nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertence a ela.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos. Ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2025 superior a 300 persoas no ámbito territorial do proxecto, entendendo como tal o territorio do concello solicitante ou, se é o caso, a suma dos territorios dos concellos que concorran agrupados. No caso de solicitudes por parte dun concello que, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles á data de publicación da convocatoria, teña un número igual ou inferior a 2.000 habitantes, a media de paro no ano 2025 deberá ser superior a 100 persoas. Aplicarase esta mesma media de paro mínima se se trata dunha agrupación de dous concellos na que ambos reúnan esa característica.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe cando menos a tres concellos da mesma provincia, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

3. As entidades promotoras non poderán presentar máis dunha solicitude; en caso contrario, só se terá en conta a primeira solicitude realizada.

Cada concello ou entidade pública vinculada a este poderá participar unicamente nun proxecto, computando igualmente para estes efectos que sexa individual, colectivo, en condición de promotor ou como parte dunha agrupación. A participación dun concello ou entidade nun proxecto exclúe a posibilidade de participar noutro proxecto, sendo unicamente compatible coa presentación de solicitude polas mancomunidades. Para a comprobación deste requisito xuntarase con cada solicitude de subvención unha declaración individual de cada un dos concellos implicados en que conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nese proxecto concreto, sexa como entidade promotora ou como asociada (anexo VI). Se aínda así se dá o caso de que un concello ou entidade vinculada concorra en máis dunha solicitude, rexeitaranse en primeiro lugar aquelas en que actúe como promotor. Se participa en máis dun proxecto como asociada terase en conta unicamente a solicitude que entrase en primeiro lugar e poñerase de manifesto á entidade promotora das seguintes solicitudes esta circunstancia para que no prazo máximo de dez días poida presentar un cambio do seu proxecto, de forma que a entidade ou agrupación resultante cumpra o requisito regulado neste parágrafo, e quedará inadmitida en caso de non emendar esta deficiencia.

4. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais, no caso de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, cumprisen coa súa obriga de remisión das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas ao Consello de Contas con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitude.

6. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que, ou ben como promotoras ou ben como asociadas, resultaran beneficiarias das axudas convocadas ao abeiro da convocatoria realizada pola Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento TR353A) publicada no Diario Oficial de Galicia nº 228, do 25 de novembro.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Vigo

Rúa Concepción Arenal 8, 2º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817022-33

Email: escolas.obradoiro.ctr.vi@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Lugo

Ronda da Muralla, 70

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294257-905

Email: obradoiros.emprego.lugo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego de Ourense

Avda da Habana, 79, 6º

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386820/27

Email: obradoiros.emprego.ourense@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Formación e Cualificación para O Emprego da Coruña

Rúa Gregorio Hernández, 2-4 Espazo Amizar

15011  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881597-79

Email: obradoirosdeemprego.traballo.coruna@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego

Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego

San Lázaro s/n

15801  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547224/25/27

Email: obradoiros.emprego.santiago@xunta.gal

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: ABERTO

27/05/2026 00:00 - 26/06/2026 23:59

Un mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo I) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante ou, se é o caso, de cada un dos concellos asociados. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicado no correspondente diario oficial, ou mediante certificación expedida para o efecto.

b) Os concellos, as mancomunidades ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos, así como o resto de entidades a que alude o artigo 3 da Orde do 14 de novembro de 2025, deberán presentar certificación expedida pola persoa titular da Secretaría ou órgano equivalente da entidade promotora, na cal se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, adoptado polo órgano competente, e, no caso das agrupacións de concellos, as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e o convenio de colaboración asinado entre eles para estes efectos.

O convenio de colaboración deberá reunir o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e incluír a mención expresa á realización conxunta do proxecto, con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, a repartición do alumnado-traballador entre as distintas entidades e as actuacións que se realizarán en cada concello. Cada un dos concellos asociados deberán contar, polo menos, cunha persoa alumna-traballadora.

c) Certificación expedida pola persoa titular da Intervención ou cargo equivalente da entidade promotora, das achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras. cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

d) No caso dunha asociación de concellos, cada unha das persoas representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na cal se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo II.

e) Declaración asinada polas persoas representantes de cada unha das entidades asociadas, no caso dunha asociación de concellos, de que se dispón da experiencia, aptitude e capacidade administrativa, financeira e operativa necesarias para cumprir as condicións da axuda, que se recolle no anexo VI.

f) Declaración responsable, que se recolle no anexo VI, pola cal cada un dos concellos asociados, de ser o caso, asume a parte do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, especificando o importe que asume no número 4.2 do anexo III.

g) Declaración responsable individual de cada un dos concellos asociados implicados, no caso de agrupación de concellos, na cal conste que con cargo á orde de convocatoria vixente só participa nun proxecto concreto, sexa como entidade asociada ou como promotora (anexo VI).

h) No caso dunha agrupación de concellos, cada unha das entidades asociadas presentará unha declaración responsable na cal faga constar que cumpre con todos os requisitos para ser beneficiaria desta axuda, así como as circunstancias indicadas nas letras e), f) e g) deste punto (anexo VI).

2. De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros duais de emprego deberán achegar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora, que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos contados desde o ano de inicio do programa, excepto no caso de montes veciñais en man común onde se vaian desenvolver obradoiros duais forestais, no cal abondará co permiso outorgado polo órgano competente das comunidades propietarias de veciños e veciñas para realizar as correspondentes actividades. Tampouco será necesario o documento de cesión por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos no caso de obradoiros duais forestais nos cales non se vaian realizar obras ou servizos que impliquen un aumento significativo de valor para a propiedade, no cal abondaría cunha simple autorización ou permiso para a realización das actividades cando estas teñan vinculación ou afecten especificamente un predio ou predios determinados.

b) Certificado expedido pola persoa titular da Secretaría ou cargo equivalente da entidade promotora, que conteña a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto ou, se é o caso, que faga constar que non son necesarias.

c) Autorizacións administrativas relacionadas no certificado descrito no punto anterior. A falta dalgunha autorización non impide que o expediente sexa valorado e aprobado sempre que se acredite que se presentou a solicitude ante o organismo competente antes da fin do prazo de presentación da solicitude de subvención. Neste caso, a adxudicación da subvención quedará condicionada á efectiva obtención das ditas autorizacións, con carácter xeral, antes do inicio do obradoiro, e sempre antes do inicio das actuacións, con obriga do envío aos departamentos territoriais correspondentes da dita documentación.

d) Unha única memoria do proxecto para o cal se solicita a subvención, segundo o modelo que se xunta como anexo III, e que constará, como regra xeral, dun máximo de 15 páxinas. Esta memoria, que será única mesmo no caso de que a solicitude sexa presentada por varios concellos asociados, recollerá os seguintes aspectos:

• Data prevista de comezo da actividade do proxecto.

• Información básica sobre o tecido empresarial da contorna e compromisos de inserción laboral asumidos no proxecto.

• Descrición das obras ou servizos que se van realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior e a relación de todas as autorizacións administrativas que sexan exixibles. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Xustificación da relación entre as obras e servizos que se van realizar e o plan formativo definido no anexo I de solicitude.

• Importe do proxecto, no cal se detallan as achegas que diminúen o importe da subvención e outras achegas que cubran os gastos non subvencionables e que aumentan o importe total do proxecto.

• De ser o caso, compromisos de solicitude de incentivos á contratación por parte de empresas para ocupacións do ámbito da formación do obradoiro dual de emprego, seguindo o modelo do anexo IV.

e) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación, ou documentación acreditativa equivalente. Para obter puntos por esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

f) De ser o caso, declaración responsable da entidade solicitante ou dalgunha das entidades asociadas ao respecto de ter sido afectada por incendios forestais no ano 2025, para efectos do indicado no artigo 21.1.e).ii da Orde do 14 de novembro de 2025.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achege.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no anexo I, e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados de xeito electrónico accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 228 do 25 de novembro de 2025).

    • Extracto da Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2026 (DOG nº 228 do 25 de novembro de 2025).

    • Orde do 12 de maio de 2026 pola que se modifica parcialmente a Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se efectúa a súa segunda convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).

    • Extracto da Orde do 12 de maio de 2026 pola que se modifica parcialmente a Orde do 14 de novembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros duais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, e se efectúa a súa segunda convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 96 do 26 de maio de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

TR301L

Inscrición/acreditación de centros de formación para o emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR301M

Mantemento da inscrición / acreditación por cambio de titularidade dun centro de formación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR350D

Habilitación do Libro de subcontratación para o sector da construción

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR353D

Bono remuda das persoas traballadoras autónomas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 11/02/2026 09:00 - 30/09/2026 20:00