Guía de procedementos e servizos

TR349W

Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 19/07/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Favorecer a contratación de mulleres desempregadas na empresa ordinaria en ocupacións masculinizadas, coa finalidade de contribuír a incrementar as baixas taxas de ocupación feminina nas ditas ocupacións.

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten mulleres por conta allea en ocupacións masculinizadas, para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

No caso de sociedades civís, comunidades de bens e unións temporais de empresas, deberá facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. No suposto de unións temporais de empresas, cada empresa que forme parte desta unión deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

As empresas que teñan cincuenta ou máis persoas traballadoras deberán cumprir a cota de reserva para persoas con discapacidade, conforme se dea ocupación, polo menos, ao 2 % de traballadores e traballadoras con discapacidade sobre o total das persoas traballadoras ou, na súa falta, as medidas de carácter excepcional establecidas no artigo 42 do texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e reguladas no Real decreto 364/2005, do 8 de abril (BOE núm. 94, do 20 de abril). Para o cómputo do número de persoas traballadoras da empresa teranse en conta as regras previstas na disposición adicional primeira do devandito real decreto.

2. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas, e as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46.bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego por Conta Allea

San Lázaro, s/n

15711  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544719/ 981544690/ 981957731/ 981544610

Email: contaallea.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

19/07/2024 00:00 - 30/09/2024 23:59

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2024.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, mediante o formulario normalizado dispoñible (anexo I).

Deberán cubrirse, necesariamente, todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, e serán válidas unicamente as solicitudes que se presenten no modelo establecido.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e que fai constar os aspectos seguintes:

a) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

b) As axudas concedidas en réxime de minimis.

c) Que ten domicilio fiscal e/ou centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

e) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

f) Non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Que cumpre os requisitos establecidos para obter a condición de persoa empregadora ou empresa beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Que coa presentación da solicitude acepta a subvención.

3. A presentación das solicitudes implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras e supón a aceptación das obrigas reguladas nesta orde para ser beneficiarias da axuda.

4. Será causa de desestimación da solicitude non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I), a seguinte documentación:

a) Cando se actúe mediante representación, deberá anexarse acreditación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna dela. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas empregadoras ou empresas inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller con discapacidade, documentación acreditativa da discapacidade recoñecida fóra de Galicia, se for o caso, da muller contratada.

c) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller emigrante retornada, documentos xustificativos do nacemento en Galicia da muller contratada e ademais, no caso de alegar algunha relación de parentesco coa persoa nacida en Galicia, documentación que acredite o vinculo con esta.

d) No caso de solicitar a axuda para contratar unha muller emigrante retornada, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno, baixa consular ou calquera outra documentación que acredite fidedignamente a residencia no exterior e a data de retorno a España.

e) No caso de solicitar a axuda por persoa trans, documentación que xustifique ter obtido ante o Rexistro Civil a rectificación da mención relativa ao sexo ou ben o cambio de nome para a asignación dun diferente ao do sexo rexistrado ao nacer.

2. No caso de solicitar a axuda prevista no artigo 1.2 para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa presentarán ademais:

a) Memoria explicativa da reforma para a adaptación dos espazos ou dos postos de traballo na empresa.

b) Proxecto de obra para a adaptación, asinado por unha persoa profesional ou entidade especializada na materia, no que se incluirán as distintas actuacións para as que se solicita a subvención.

c) Fotografías ou documentos gráficos do espazo antes de iniciar as actuacións.

d) Facturas ou outros documentos acreditativos e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polas persoas provedoras e acredoras dos gastos necesarios para a realización da adaptación. Non terán a consideración de orzamento as meras estimacións de gastos efectuadas pola persoa ou entidade solicitante e que carezan do soporte da oferta da persoa provedora ou da tarifa oficial do gasto.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (TR349W) e o órgano responsable, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento, o órgano xestor da axuda consultará automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa ou empresa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Consulta de todos os códigos conta de cotización.

e) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

g) Certificado de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións.

k) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

l) Informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos últimos 12 meses da persoa traballadora contratada.

m) Certificado de inscrición da persoa traballadora contratada como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación.

n) Contrato de traballo da persoa traballadora contratada.

2. Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade recoñecida pola Xunta de Galicia da persoa traballadora contratada.

b) Consulta de datos de residencia con data da última variación padroal da persoa traballadora contratada.

3. No caso de que as persoas empregadoras ou empresas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Do mesmo xeito se actuará no caso de oposición á comprobación de datos das mulleres traballadoras contratadas.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa ou empresa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas empregadoras ou empresas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

5. A persoa ou a entidade beneficiaria someterase ás actuacións de comprobación e control que correspondan e facilitará toda a información requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa estatal ou comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

6. A persoa ou entidade solicitante asinará na declaración responsable que forma parte da solicitude que dispón dos documentos asinados pola persoa ou persoas contratadas, en que autorizan ou se opoñen á comprobación dos seus datos, conforme o modelo do anexo III. O devandito documento poderá ser requirido pola Administración pública en calquera momento.

Así mesmo, no caso de que algunha persoa contratada pola cal se solicita subvención se opoña á comprobación de datos, farase constar na dita declaración responsable e consecuentemente presentaranse os documentos que os acrediten.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Dous meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 139 do 18 de xullo de 2024).

    • Extracto da Orde do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 139 do 18 de xullo de 2024).

    • Resolución do 18 de decembro de 2024, da Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais, pola que se dá publicidade ao esgotamento de crédito do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas (código de procedemento TR349W) da Orde do 9 de xullo de 2024 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de apoio para a contratación de mulleres en ocupacións masculinizadas e para a adaptación de espazos nas empresas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (Diario Oficial de Galicia número 139, do 18 de xullo) (DOG nº 249 do 27 de decembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano