Guía de procedementos e servizos

TR349U

Subvención para ao financiamento do Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 03/01/2022 00:00 - 03/02/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Sobre o procedemento

1. A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a convocatoria pública en réxime de concorrencia non competitiva das subvencións do Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas para o exercicio 2022 (código de procedemento TR349U).

Constitúe unha actuación incluída no investimento 1, Emprego Xove, comprendida no compoñente 23 Novas políticas públicas para un mercado de traballo dinámico, resiliente e inclusivo do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 27 de abril de 2021, e pola decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID), do 13 de xullo de 2021.

Será obxecto das subvencións reguladas na presente norma, a contratación de persoas mozas desempregadas, maiores de 16 e menores de 30 anos, na modalidade de contrato en prácticas por parte das entidades que integran o sector público autonómico de Galicia, segundo o disposto no artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e o funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia,no que respecta a os custos laborais, co alcance previsto no artigo 4.2.

A Xunta de Galicia, como administración executora, impulsará e subvencionará o Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas, do que se beneficiarán persoas mozas desempregadas cuxa etapa formativa estea completada e acreditada no que a coñecementos se refire, co obxectivo de proporcionar a estas persoas primeiras experiencias no emprego no seo dos servizos prestados polas entidades do sector público autonómico.

2. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o sector público autonómico de Galicia.

3. Esta orde regula e establece as bases para a concesión de subvencións do Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas financiado mediante os recursos financeiros derivados do Instrumento Europeo de Recuperación (NextGenerationEU), a través do Mecanismo de recuperación e resiliencia establecido polo Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia. Á tramitación e concesión destas subvencións financiables con fondos europeos seralles de aplicación o previsto no Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes para a modernización da Administración pública e para a execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

Así mesmo, as subvencións reguladas nesta orde están suxeitas, en todo caso, ao cumprimento, execución e realización dos obxectivos fixados no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, de conformidade coa decisión de execución do Consello relativa á aprobación da avaliación do Plan de recuperación e resiliencia de España (Council Implementing Decision-CID) e estarán sometidas á plena aplicación dos procedementos de xestión e control que se establezan para o Mecanismo de recuperación e resiliencia da UE e demais normativa da Unión Europea aplicable á xestión, así como as obrigas específicas relativas á información e publicidade, verificación e demais impostas pola normativa da Unión Europea.

4. As axudas previstas nestas bases reguladoras non constitúen unha axuda de Estado, nos termos previstos nos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), pois a súa concesión non falsea nin ameaza falsear a competencia, favorecendo a determinadas empresas ou producións, ao ser as entidades beneficiarias de subvención os órganos da Administración pública autonómica e os seus organismos autónomos, segundo o disposto no artigo 3.

Poderán ser entidades beneficiarias da subvención os órganos da Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos autónomos, así como as demais entidades que integran o sector público autonómico de Galicia segundo o artigo 3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, sempre que se obriguen á contratación de persoas mozas traballadoras desempregadas, maiores de 16 e menores de 30 anos, segundo o disposto na presente convocatoria.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego por Conta Allea

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981544690

Email: contaallea.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

03/01/2022 00:00 - 03/02/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 3 de xaneiro de 2022 e remata o 3 de febreiro de 2022.

Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Presentación de solicitudes.

1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade.

Presentarase unha única solicitude por entidade para todas as contratacións que se van realizar.

As solicitudes presentadas fóra do prazo previsto na convocatoria darán lugar á inadmisión destas.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras, así como a aceptación da axuda.

4. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Unha memoria coa descrición dos postos a desempeñar, especificando se estes teñen a consideración de empregos verdes ou de empregos en competencias dixitais, conforme o artigo 2.6, as características das actividades para realizar e a súa vinculación coa titulación requirida, a duración e o número de contratos, así como as previsións dos custos do programa, distinguindo entre subvención solicitada e, se é o caso, achega da entidade beneficiaria, segundo o modelo do anexo III

En todo caso, na memoria deberase facer mención expresa a que se cumpre coas previsións do artigo 5.1.g).

b) Anexo II: referencia ao Diario Oficial de Galicia (DOG) no que figure o nomeamento da persoa representante da entidade; ou certificación do/da representante da entidade na que conste a representación que desempeña quen asina a solicitude cando o nomeamento da persoa representante non precisara de publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

c) Anexo IV de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 6 desta orde.

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén e na que se fan constar os aspectos seguintes:

a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especificamente de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención, se fose o caso.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE da persoa traballadora contratada.

d) Informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social da persoa traballadora contratada.

e) Contrato laboral da persoa traballadora pola cal se solicitou a subvención

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal/portada

Despois de presentar

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas, de contratación de persoas mozas desempregadas no seo dos servizos prestados pola Administración pública galega, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 250 do 30 de decembro de 2021).

    • Extracto da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de primeira experiencia profesional nas administracións públicas, de contratación de persoas mozas desempregadas no seo dos servizos prestados pola Administración pública galega, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2022 (DOG nº 250 do 30 de decembro de 2021).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

TR301V

Bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 01/11/2025 00:00 - 02/11/2026 23:59

TR340A

Cualificación iniciativas de emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340D

Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR361A

Subvencións ao abeiro do Real Decreto 196/2010, do 26 de Febreiro: axuda especial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano