Guía de procedementos e servizos

TR341R

Axudas para a conciliación por causa de maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2021 - Prazo pechado: 25/09/2021 00:00 - 25/10/2021 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas a persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, unha vez finalizada a súa baixa por maternidade ou paternidade, contraten unha persoa para ampliar a súa conciliación da vida familiar e laboral.

2. Mediante esta axuda permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa durante un período máximo dun ano, para favorecer a conciliación da súa vida persoal e laboral e facilitar a continuidade e consolidación do seu proxecto empresarial, contribuído a mitigar os graves prexuízos que nos traballadores e traballadoras autónomas provocou o gromo da COVID-19 en Galicia.

3. Igualmente, mediante esta orde permitirase que a persoa traballadora por conta propia obteña unha compensación para a contratación dunha persoa, durante o período subvencionable, para o coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III), ao seu cargo.

4. Tamén se subvencionarán os gastos dos servizos de coidado de menores e/ou maiores e dependentes (graos I, II e III), realizados no período subvencionable, sempre e cando estean ao seu cargo.

Acción subvencionable e importe da subvención.

1. Bono autónomo concilia I.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano unha vez rematada a súa baixa por maternidade ou paternidade, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

2. Bono autónomo concilia II.

a) Será subvencionable a contratación realizada por unha persoa traballadora autónoma durante un período máximo dun ano, durante o período subvencionable, para o coidado de menores, maiores ou dependentes, sempre que a persoa beneficiaria cumpra os requisitos establecidos nesta orde.

b) Serán subvencionables as contratacións que se realicen cunha duración mínima de seis meses que, cumprindo cos requisitos enumerados no parágrafo anterior, se inicien entre o 1 de outubro de 2020 e o 30 de setembro de 2021.

c) O importe da subvención para compensar a dita contratación será de 500 € por mes completo, segundo a duración indicada na comunicación da contratación, cun máximo de doce meses de contratación. Nos casos de duración incerta, a subvención será polos meses indicados no anexo I, que serán os que se comprometa a persoa autónoma a ter a contratación vixente. Polo tanto, o importe máximo que se pode percibir será de 6.000 €.

d) Canto se trate de contratacións cunha xornada a tempo parcial, a contía será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, na xornada máxima legal.

3. Bono autónomo coidado de menores.

a) Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de menores, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que o beneficiario do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, quen indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado do fillo ou filla polos cales obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2020 ao 30 de setembro de 2021. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

4. Bono autónomo coidado de persoas maiores ou dependentes.

a) Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras, concederase unha subvención do 75 % do custo do centro ou do servizo de coidado de persoas maiores e/ou dependentes das cales acredite a súa relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou, de ser o caso, a acreditación da convivencia no mesmo domicilio, ata un máximo de 3.000 €, para aquelas persoas autónomas que obteñan a subvención polo bono autónomo concilia I ou II nesta convocatoria.

b) No caso de que o beneficiario do bono autónomo concilia for unha sociedade ou comunidade de bens, a solicitude deste bono debe realizala a persoa autónoma societaria pola cal tivo dereito á axuda, quen indicará no anexo da solicitude a sociedade ou comunidade de bens que foi beneficiaria.

c) Serán subvencionables os gastos dos servizos de coidado de persoas maiores ou dependentes polos cales obtivo o bono autónomo concilia I ou II, realizados no período subvencionable, que comprende do 1 de outubro de 2020 ao 30 de setembro de 2021. A contía máxima será a indicada no anexo I pola persoa solicitante.

5. As axudas por servizo de coidado de menores e de coidado de maiores e dependentes serán compatibles entre si.

1. Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas traballadoras que estean dadas de alta no réxime especial da Seguridade Social de persoas traballadoras por conta propia ou autónomas que, segundo o anexo I, teñan o seu centro de traballo (ou domicilio social, no caso de careceren deste) na Comunidade Autónoma de Galicia, que gozasen dunha baixa por maternidade ou paternidade e que no prazo dos quince días seguintes ao da súa finalización contraten unha persoa traballadora por conta allea.

2. Tamén serán beneficiarias as sociedades e comunidades de bens que realicen unha contratación nas mesmas condicións que no parágrafo anterior con respecto ás persoas autónomas societarias

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego Autónomo

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545625

Fax: 981544678

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

25/09/2021 00:00 - 25/10/2021 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Para ter dereito á subvención, previamente a persoa traballadora autónoma tivo que estar de baixa por maternidade ou paternidade.

2. No prazo dos quince días naturais seguintes ao da finalización da baixa por maternidade ou paternidade débese realizar un contrato de calquera modalidade co compromiso dunha duración mínima de seis meses.

3. A contratación debe realizarse cunha persoa desempregada, entendendo como tal unha persoa sen ocupación segundo a vida laboral e inscrita na oficina de emprego. Non é necesario que cumpra estes requisitos se a contratación se realiza coa mesma persoa que estaba contratada por interinidade por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma.

4. A persoa ou entidade beneficiaria deberá manter no seu cadro de persoal a persoa traballadora contratada por un período mínimo do tempo polo cal se lle concedeu a subvención desde a alta do contrato subvencionado, e manter, como mínimo, a xornada pola cal se concedeu a subvención.

5. No suposto de extinción da relación laboral da persoa traballadora que se contrata pola cal se concedeu a subvención, a persoa ou entidade beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante cunha nova contratación, cunha persoa desempregada polo menos cunha xornada de traballo igual ou superior á da persoa substituída. Para cumprir esta obriga, a empresa ten de prazo ata o último día do mes seguinte ao da baixa. Esta nova contratación debe serlle comunicada ao órgano que concedeu a axuda xunto cun novo anexo III referido á nova contratación, e non dará lugar, en ningún caso, a unha nova subvención. A suma do tempo do contrato da persoa traballadora e da substituta debe ser, como mínimo, igual ao tempo polo cal se lle concedeu a subvención.

6. Estar ao día nas obrigas tributarias coa Administración do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, así como coa Seguridade Social.

7. Realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Cumprir as obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

9. A persoa beneficiaria estará obrigada a comunicar, de xeito inmediato, calquera variación ou extinción das condicións que lle deron dereito a percibir estas axudas.

10. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos segundo o artigo 10 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia (DOG do 26 de xullo).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. Para garantir que as persoas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, poidan presentar no Rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, a persoa solicitante poderá contar, entre outros, coa asistencia efectiva da Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Emprego e Igualdade.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, que figura como anexo I a esta orde, a seguinte documentación xeral e específica que se relaciona:

1.1. A documentación xeral.

a) No suposto de actuar mediante representante, poder suficiente de actuar en nome da persoa ou entidade solicitante.

b) Resolución da Seguridade Social en que indique o período de baixa por maternidade ou paternidade.

1.2. Documentación específica bono autónomo concilia I e/ou II:

a) Informe de vida laboral do Código conta de cotización correspondente ao mes en que se realiza a contratación da persoa traballadora que se contrata, pola cal se solicita subvención.

b) Anexo III, debidamente cuberto e asinado.

c) Contrato de traballo no caso do bono autónomo concilia II.

1.3. Documentación específica bono autónomo coidado de menores.

a) Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro ou do servizo correspondente.

1.4. Documentación específica bono autónomo coidado de persoas maiores ou dependentes.

a) Documento acreditativo do custo da mensualidade do centro específico para o coidado de persoas maiores ou dependentes, ou do servizo.

b) Acreditación da relación de parentesco ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade.

c) Certificado de discapacidade non recoñecido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Anexo III, debidamente cuberto e asinado.

2. De acordo co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa solicitante ou da representante.

c) Vida laboral das persoas traballadoras autónomas dos últimos cinco (5) anos.

d) Presentación do contrato que se vai subvencionar no Servizo Público de Emprego.

e) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

g) Consulta de concesións pola regra do Marco nacional temporal.

h) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

i) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

j) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Salvo que as persoas traballadoras contratadas se opoñan a esta consulta, o cal deberán indicar no cadro sinalado no anexo III e, neste caso, achegar os documentos correspondentes, consultaranse tamén os seguintes datos da persoa traballadora que se contrata:

a) DNI ou NIE.

b) Informe de períodos de inscrición no Servizo Público de Emprego.

c) Vida laboral dos últimos cinco (5) anos.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación desta solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 10 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 185 do 24 de setembro de 2021).

    • Extracto da Orde do 10 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas para a conciliación por maternidade ou paternidade da persoa traballadora autónoma e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (DOG nº 185 do 24 de setembro de 2021).

Outros procedementos relacionados

PE621F

Curso para a expedición da certificación profesional para extracción de recursos específicos con técnicas de mergullo.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR330A

Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340A

Cualificación iniciativas de emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340D

Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano