Guía de procedementos e servizos

TR341Q

Bono das persoas autónomas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2022 - Prazo pechado: 14/01/2022 00:00 - 14/02/2022 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia europeo.

Subvención do bono das persoas autónomas.

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade que se vaia subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, e o resto do gasto será por conta da persoa beneficiaria.

2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1, mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

• Plan estratéxico do negocio.

• Plan de reorientación do negocio.

• Plan de refinanciamento.

• Plan de márketing.

• Plan de eficiencia enerxética.

• Plan de biodiversidade.

• Plan de comunicación do negocio.

• Plan de transformación dixital.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona na súa convocatoria para o exercicio de 2021 e sucesivas por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2, mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

• Compra de maquinaria.

• Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.

• Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.

• Compra de utensilios e ferramentas.

• Reforma do local do negocio.

• Equipamento informático.

• Equipamento de oficina e/ou negocio.

• Rótulos.

• Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais.

• Deseño de marca.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. O importe máximo que se pode percibir por ambas as liñas é de 3.000 €.

No caso de reforma do local do negocio, exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

3. Definicións:

Plan estratéxico do negocio. Documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia, que unha organización se propón seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que deben ser cumpridos para cada unha das accións propostas.

Plan de reorientación do negocio. Estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.

Plan de refinanciamento. Planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.

Plan de márketing. O plan de márketing é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se pretende conseguir, as estratexias que se implementarán e a planificación que se seguirá.

Plan de eficiencia enerxética. Documento que recolla as melloras destinadas a fomentar a eficiencia enerxética para reducir as emisións e o consumo final de enerxía.

Plan de biodiversidade. Documento que recolla garantías para un desenvolvemento sustentable, establecendo mecanismos que aseguren a protección e a conservación dos valores ambientais, especialmente en zonas naturais sensibles, para reducir o impacto negativo do desenvolvemento da actividade sobre o ambiente.

Plan de comunicación do negocio. Trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.

Plan de transformación dixital do negocio. Estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

Compra de maquinaria. Conxunto de máquinas ou bens de equipameto mediante os cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.

Compra e/ou instalacións para a mellora da eficiencia enerxética. Toda aquela compra de produtos e instalacións que reduzan o consumo enerxético, o que vai desde o cambio de sistemas de iluminación a cambios de maquinaria ou instalacións.

Investimentos para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos. Enténdese por tal o cambio de máquinas e instalacións de enerxías fósiles a enerxías limpas.

Compra de utensilios e ferramentas. Conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.

Reforma do local do negocio. Refírese a obras de técnica sinxela e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de mellora e reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas.

Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Equipamento informático. Considérase equipamento informático para efectos desta orde as tabletas ou similares, ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, equipamentos de rede, escáneres e similares.

Equipamento de oficina e/ou mobiliario. Considerarase equipamento de oficina todo aquel elemento susceptible de ser usado nun contorno de traballo, tales como impresoras, destrutoras de papel e outros similares, e por mobiliario, o conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

Rótulos para negocios. Carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización, ou cuxa actividade sexa o comercio retallista fóra de establecementos comerciais permanentes, e outras actividades vencelladas a feiras e verbenas.

Aplicacións informáticas, páxinas web, apps e redes sociais. Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web que a empresa adquira, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios, a creación e desenvolvemento de A¡apps, así como os gastos de creación e mantemento, e coa condición da previsión de utilización ao longo de varios exercicios, así como o apoio aácreación e deseño de participación nas redes sociais.

Deseño de marca. Creación de símbolo formado por imaxes ou letras/caracteres que serve para identificar un negocio e todo o relacionado con el.

En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones. Exclúense a adquisición de bens e servizos que poidan ser considerados como mercadoría pola que a empresa obteña beneficios segundo a súa actividade.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2022 e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 5 de decembro de 2022.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os servizos e os investimentos deben ser contratados con provedores que se dediquen á actividade obxecto da subvención.

6. As administracións laborais competentes, nos seus respectivos ámbitos de xestión, garantirán o pleno cumprimento de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») e a etiquetaxe verde e dixital, de acordo co previsto no Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aprobado polo Consello de Ministros do 27 de abril de 2021 e no Regulamento (UE) número 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, en todas as fases de deseño e execución de proxectos.

Ás solicitudes deberá xuntarse unha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», no sentido establecido no número 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241 do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro de 2021, polo que se establece o Mecanismo de recuperación e resiliencia, conforme o formulario que se recolla na convocatoria debidamente cuberto pola entidade solicitante. A dita declaración responsable do principio de «non causar prexuízo significativo» (principio «do no significant harm-DNSH») realizarase atendendo ao modelo que se recolle no anexo III, seguindo as directrices recollidas na Comunicación da Comisión Europea (2021/ C 58/01), Guía técnica sobre a aplicación do principio de «non causar un prexuízo significativo» en virtude do Regulamento relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia.

1. As persoas traballadoras autónomas.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego Autónomo

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545625/ 981957729

Fax: 981544678

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña

Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º - Centro comercial de Elviña

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 900815600/ 881881577/ 881881586

Email: axudascontratacionallea.traballo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo

Ronda da Muralla nº 70 baixo

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 900815600/ 982294259/ 982294910

Fax: 982294258

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense

Avda. da Habana, nº 79 - 7ª

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 900815600/ 988386822/ 988386810

Fax: 988386770

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 900815600/ 986817695/ 986817073

Email: autónomos.emprego.vigo@xunta.gal

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

14/01/2022 00:00 - 14/02/2022 23:59

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 14 de xaneiro de 2022 e remata o 14 de febreiro de 2022.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan o domicilio fiscal en Galicia, que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2020.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2020 inferior a 30.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto de sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF da suma de todos os membros da sociedade ou comunidade de bens.

3. Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (procedemento TR341Q) nalgunha das anteriores convocatorias.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A Rede de técnicos de emprego de Galicia da Consellería de Emprego e Igualdade poderá prestar asistencia efectiva ás persoas solicitantes para garantir que aquelas que carecen de medios para relacionarse telematicamente coa Administración poidan presentar no rexistro electrónico a solicitude referente a este procedemento, de acordo co previsto no artigo 13.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co establecido no artigo 10.1.a) da Lei de administración dixital de Galicia.

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

1. As solicitudes deberanse presentar no modelo normalizado que figura como anexo I desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada. Quedan exceptuadas da dita presentación as persoas ou entidades inscritas no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia que garantan representación para este procedemento.

b) Certificación da entidade prestadora do servizo na cal conste a súa idoneidade para a súa prestación e o contido da dita prestación para axudas da liña 1. Poderase utilizar para isto o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na web https://oficinadoautonomo.gal

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma ou orzamento ou calquera outro documento que identifique de xeito claro as características e o custo do servizo ou do investimento.

d) Documentación xustificativa do volume de facturación: IVE ou imposto de sociedades, segundo o caso. No caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos será unha declaración responsable da facturación realizada no último exercicio económico (anexo I); importe da facturación realizada no último exercicio económico.

e) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria identificada no anexo I o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.

f) De ser o caso, certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

g) De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

h) Relación de servizos ou investimentos realizados ou que se van realizar (anexo I).

i) No caso das persoas societarias, declaración responsable de que ningunha outra persoa societaria fixo unha solicitude da presente axuda.

j) Anexo III, debidamente cuberto.

k) Anexo IV, debidamente cuberto e asinado, no caso de solicitudes realizadas por unha sociedade.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

b) Vida laboral da persoa traballadora autónoma solicitante dos últimos 5 anos.

c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

f) Domicilio fiscal.

g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

j) IRPF da persoa solicitante correspondente ao exercicio 2020.

k) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro indicado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos correspondentes, consultaranse os seguintes datos:

a) DNI ou NIE da persoa autónoma pola que se solicita a subvención

b) Vida laboral da persoa autónoma pola que se solicita a subvención nos últimos 5 anos.

c) IRPF do ano 2020 da persoa autónoma pola que se solicita a subvención

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 250 do 30 de decembro de 2021).

    • Extracto da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 250 do 30 de decembro de 2021).

    • Resolución do 6 de febreiro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade do esgotamento do crédito da aplicación 11.04.322C.770.0 prevista na Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (Diario Oficial de Galicia número 250, do 30 de decembro de 2021) (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 16 de outubro de 2023, da Secretaría Xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, pola que se dá publicidade ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (DOG nº 203 do 25 de outubro de 2023).

Outros procedementos relacionados

PR485A

Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano

TR340A

Cualificación iniciativas de emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340D

Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340E

Incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/04/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59