Guía de procedementos e servizos

TR341Q

Bono das persoas autónomas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2019 - Prazo pechado: 03/07/2019 00:00 - 02/08/2019 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas do programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento TR341Q) e se procede á súa convocatoria para o ano 2019.

Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

As bases do programa regulado nesta orde establecen un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva.

Subvención do bono das persoas autónomas.

1. Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial ou profesional das persoas beneficiarias desta orde, mediante pagamento anticipado, unha subvención dun 80 % da actividade por subvencionar cun límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

2. Esta axuda terá dúas liñas de actuación:

Liña 1 mellora da competitividade a través dos seguintes servizos:

– Investigación de mercado.

– Plan de márketing.

– Plan de comunicación do negocio.

– Plan estratéxico do negocio.

– Plan de crecemento: constitución da sociedade.

– Plan de reorientación do negocio.

– Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio.

– Plan de refinanciamento.

Tamén se poderán subvencionar outros estudos e plans que teñan como fin aumentar a competitividade da empresa.

Así mesmo, poderá ser computable como gasto subvencionable o pagamento do importe do cofinanciamento privado dos servizos contratados co Igape a través do programa Re-Acciona, na súa convocatoria para o exercicio de 2019 e sucesivas, por parte das persoas traballadoras autónomas.

Liña 2 mellora da competitividade a través dos seguintes investimentos:

– Compra de maquinaria.

– Compra de útiles e ferramentas.

– Reforma do local do negocio.

– Equipamentos informáticos.

– Rótulos.

– Aplicacións informáticas e páxinas web.

– Creación de logotipo do negocio.

– Mobiliario.

Na solicitude de axudas, as liñas 1 e 2 non son excluíntes nin entre elas nin entre os distintos servizos e investimentos que as configuran. No caso de solicitar axudas da liña 1 e da liña 2, atenderase en primeiro lugar a liña 1 e despois a liña 2, co límite máximo de 3.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

3. Definicións:

Investigación de mercado. A investigación de mercados é o proceso que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing.

Plan de márketing. O plan de márketing é un documento en formato texto ou esquemático onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que se queren conseguir, as estratexias que se implementará e a planificación que se seguirá.

Plan de comunicación do negocio. Trátase dun documento que recolle as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio. Contar cunha axuda para organizar os procesos de comunicación e guía do traballo comunicativo.

Plan estratéxico do negocio. Documento que recolle as principais liñas de acción, é dicir, a estratexia, que unha organización se propón seguir a medio e longo prazo. O plan estratéxico redáctase en función dos principais obxectivos que o negocio pretende e nel especifícanse as políticas e liñas de actuación concretas orientadas á consecución dos obxectivos e os intervalos de tempo precisos que deben ser cumpridos para cada unha das accións propostas.

Plan de crecemento: constitución de sociedade. Planificación da conversión do negocio individual dun ou varios autónomos nunha sociedade.

Plan de reorientación do negocio. Estudo e planificación da reorientación do negocio dun autónomo situado en mercados maduros e á baixa.

Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio. Estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

Plan de refinanciamento. Planificación da reestruturación do pasivo do negocio e de fontes de financiamento para novos proxectos de investimento.

Maquinaria: conxunto de máquinas ou bens de equipamento mediante as cales se realiza a extracción ou elaboración dos produtos.

Útiles e ferramentas: conxunto de utensilios ou ferramentas que se poden utilizar autonomamente ou conxuntamente coa maquinaria, incluídos os moldes.

Equipamentos informáticos: considéranse equipamentos informáticos para efectos desta orde as tablets ou similares, ordenadores persoais de sobremesa e ordenadores portátiles.

Reforma do local do negocio. Refírese a obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica. Consisten normalmente en pequenas obras de simple reparación, decoración ou ornato, que non modifican a estrutura construtiva. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Rótulos para negocios. Carteis físicos identificativos dos negocios e da súa localización.

Aplicacións informáticas e páxinas web. Importe satisfeito pola propiedade ou polo dereito ao uso de programas informáticos tanto adquiridos a terceiros como elaborados pola propia empresa. Tamén inclúe os gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

Creación de logotipo do negocio. Creación de símbolo formado por imaxes ou letras que serve para identificar un negocio e as cousas que teñen relación con el.

Mobiliario. Conxunto de mobles que sirvan para a actividade normal da empresa como mesas, cadeiras, andeis, mostradores e vitrinas.

4. A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o día seguinte ao da publicación desta orde e durante o período subvencionable, efectivamente xustificados, mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo caso, ata o 31 de decembro do exercicio en curso.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. Os investimentos deben ser contratados con provedores que se dediquen a actividade obxecto da subvención.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde:

1. As persoas traballadoras autónomas que estean de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que teñan domicilio fiscal en Galicia, que teñan unha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses e que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual inferior a 30.000 euros e unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, declarados no ano anterior ao da convocatoria.

2. As sociedades de calquera clase e comunidades de bens con domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional de maneira ininterrompida na data da solicitude da axuda por un prazo superior a 42 meses.

b) Ter a empresa unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na última declaración realizada.

c) Ter a empresa unha base impoñible no imposto de sociedades da última declaración realizada inferior a 30.000 euros. No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas, este importe de 30.000 euros referirase ao rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declaradas no IRPF.

3. Quedan excluídos desta orde:

a) Os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea, conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas que cobrasen a axuda do bono das persoas autónomas (código de procedemento TR341Q) nalgunha das dúas anteriores convocatorias.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Subdirección Xeral de Emprego

Servizo de Emprego Autónomo

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545625 / 981957729

Fax: 981544678

Email: autonomos.emprego@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Coruña

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social da Coruña

Avda. Salvador de Madariaga, 9-1º - Centro comercial de Elviña

15008  Coruña, A  (Coruña, A)

Teléfono: 881881582

Email: axudasautonomos.traballo@xunta.gal

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Lugo

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Lugo

Ronda da Muralla nº 70 baixo

27071  Lugo  (Lugo)

Teléfono: 982294259 / 982294274

Fax: 982294258

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Ourense

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Ourense

Avda. da Habana, nº 79 - 7ª

32071  Ourense  (Ourense)

Teléfono: 988386822 / 988386810

Fax: 988386770

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Departamento Territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración de Pontevedra (Vigo)

Servizo de Emprego, Relacións Laborais, Traballo Autónomo e Economía Social de Vigo

Rúa Concepción Arenal, nº 8 - 2º

36201  Vigo  (Pontevedra)

Teléfono: 986817695 / 986817073

Fax: 986817010

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Prazo de presentación: PECHADO

03/07/2019 00:00 - 02/08/2019 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia; estará dispoñible a aplicación informática da sede electrónica desde as 9.00 horas do día seguinte á súa publicación no DOG ata as 23.59 horas do día de finalización do prazo.

  • En relación coa presentación de solicitudes, as persoas beneficiarias ás cales vai dirixida esta orde de subvencións son as persoas autónomas que xa teñen a obriga de relacionarse por medios electrónicos coa Seguridade Social (artigo 2.2.b) da Orde ESS/484/2013, do 26 de marzo), exercen unha actividade económica e dispoñen de ferramentas informáticas cun coñecemento básico do seu funcionamento en calquera actividade comercial que realicen, polo que a presentación electrónica suporá un importante aforro de tempo e recursos materiais na súa tramitación, tanto para a persoa solicitante como para a propia Administración. Polo tanto, as solicitudes deberanse presentar obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na cal fose realizada a emenda.

Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento.

  • As solicitudes deberanse presentar nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañadas da documentación que se relaciona:

    • a) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada.

    • b) Certificación da entidade prestadora do servizo na cal conste a súa idoneidade para a súa prestación e o contido da dita prestación para axudas da liña 1.

    • c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, factura pro forma.

    • d) Documentación xustificativa do volume de facturación; no caso das persoas traballadoras autónomas que tributen por módulos, será unha declaración responsable da facturación realizada no ano 2018.

    • e) Imposto de sociedades, de ser o caso.

    • f) Documentación xustificativa de que a persoa autónoma societaria o é da entidade que solicita a subvención, de ser o caso.

    • g) Anexo II coa relación de servizos ou investimentos realizados ou que se van realizar.

    • h) Anexo III, debidamente cuberto e asinado no caso de solicitudes realizadas por unha sociedade.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a persoa interesada deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

  • Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

  • b) Vida laboral da persoa traballadora autónoma solicitante.

  • c) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

  • d) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Tributaria de Galicia.

  • e) Certificación de estar ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

  • f) Domicilio fiscal.

  • g) Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.

  • h) Consulta de concesión de subvencións e axudas.

  • i) Consulta de concesións pola regra de minimis.

  • j) IRPF da persoa solicitante correspondente ao exercicio do ano anterior ao desta convocatoria de subvención, de ser o caso.

  • k) NIF da entidade solicitante ou representante, de ser o caso.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro indicado no anexo I e achegar os documentos correspondentes.

3. Salvo que as persoas traballadoras autónomas societarias se opoñan a esta consulta, o que deberán indicar no recadro sinalado no anexo III e achegar os documentos correspondentes, consultaránse os seguintes datos:

  • a) DNI ou NIE da persoa autónoma pola que se solicita a subvención.

  • b) Vida laboral da persoa autónoma pola cal se solicita a subvención.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 19 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 124 do 2 de xullo de 2019).

    • Extracto da Orde do 19 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (DOG nº 124 do 2 de xullo de 20199.

    • Resolución do 3 de febreiro de 2020, da Secretaría Xeral de Emprego, pola que se dá publicidade do esgotamento de crédito da Orde do 19 de xuño de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa do bono das persoas autónomas e se procede á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento TR341Q) (Diario Oficial de Galicia número 124, do 2 de xullo) (DOG nº 31 do 14 de febreiro de 2020).

Outros procedementos relacionados

PR485A

Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aberto todo o ano

TR340A

Cualificación iniciativas de emprego.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340D

Cualificación de iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT).

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

TR340E

Incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica-IEBT.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 21/04/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59