Orientámolo/a, paso a paso, para presentar unha solicitude no rexistro electrónico
TR332E - Subvención para o financiamento do programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano
Concesión de subvencións para a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de diferente natureza, tales como orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, que faciliten a inserción laboral e acompañamento no emprego, e teñan por obxecto a súa capacitación e inserción laboral, nos ámbitos que se establecen nos artigos 4 e 5, fortalecendo ao tempo a igualdade efectiva e a non discriminación no acceso ao emprego.
Actuacións subvencionables
1. As subvencións reguladas nesta norma teñen por obxecto o financiamento dos itinerarios individualizados indicados no artigo 1, que desenvolvan as mulleres participantes no Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano durante o seu período de execución plurianual entre os anos 2023 e 2024, que poden estar integrados polas seguintes actuacións:
a) Diagnóstico de empregabilidade e itinerario personalizado de inserción que, logo de acordo persoal de emprego, identificará as actuacións que as participantes desenvolverán ao longo da súa participación no programa e vertebrará a atención que se lles preste, incluíndo o seu calendario de realización, o seu sistema de seguimento e o resultado da súa realización respecto da evolución da súa empregabilidade.
b) Accións de orientación laboral e para facilitar a procura de emprego das participantes: actuacións de sensibilización e para o desenvolvemento de aspectos persoais para a ocupación; técnicas, recursos e ferramentas de procura activa de emprego: procura activa de emprego e preparación de entrevistas de traballo e probas de selección; confección do currículo; información xeral sobre o mercado de traballo e, particularmente, sobre tendencias, oportunidades profesionais, alternativas laborais vinculadas ao territorio prioritariamente nos ámbitos indicados no artigo 5 desta orde; información, asesoramento e motivación para o autoemprego e o emprendemento e a economía social.
c) Accións formativas de cualificación e recualificación profesional, que principalmente versarán sobre contidos relacionados cos ámbitos e actividades profesionais sinalados no artigo 5, que permitan a adquisición de coñecementos técnicos e habilidades adecuadas e suficientes para desempeñar un traballo, formación para o emprego preferentemente neses ámbitos laborais, ou a reciclaxe e actualización de coñecementos, procedementos, tecnoloxías ou novas tendencias, prioritariamente, nos ámbitos indicados.
d) Obradoiros de competencias transversais (alfabetización dixital, traballo en equipo, xestión eficaz do tempo, orientación ao logro, entre outras) e de empoderamento para a integración laboral e social das participantes e o reforzo da igualdade no acceso ao emprego, atendendo ás singulares características do colectivo destinatario do programa.
e) Acompañamento durante o desenvolvemento do itinerario personalizado realizado polas participantes coa finalidade de efectuar o seu impulso e seguimento respecto da mellora da súa empregabilidade, así como acompañamento ao comezo da incorporación laboral.
f) Incentivos para a participante atendida pola contía e condicións regulados nesta orde.
g) Prospección do mercado laboral do territorio en que se desenvolva o programa, que permita a obtención de información actualizada sobre a situación económica e laboral da contorna, a identificación das necesidades de persoal do seu tecido empresarial e perfís laborais requiridos.
h) Captación de ofertas de emprego, así como a difusión do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano e a proposta da candidatura das participantes para cubrir as vacantes detectadas nas empresas, todo iso coa finalidade de cumprir o obxectivo de inserción laboral previsto no artigo 5.
2. O desenvolvemento das accións, individuais ou colectivas, que conformen os itinerarios personalizados indicados no artigo 1 realizarase preferentemente de acordo cos protocolos previstos no anexo da Orde ESS/381/2018, do 10 de abril, pola que se aproba a Guía técnica de referencia para o desenvolvemento dos protocolos da Carteira común de servizos do Sistema Nacional de Emprego.
3. A duración do programa, así como o prazo de execución das actuacións previstas nel, será de 12 meses. Tanto a data de inicio do programa como a da súa finalización estableceranse na resolución de concesión da subvención.
4. Non obstante o anterior, e só para o suposto do cómputo da inserción das mulleres participantes no programa, teranse en conta os tres meses posteriores á data de finalización do programa.
5. Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as accións previstas nas alíneas c) e d).
a) Entenderanse por subcontratación os gastos derivados da contratación con terceiros da execución da formación dirixida ás persoas desempregadas participantes no programa nos termos establecidos nesta orde. Cando as entidades beneficiarias teñan que recorrer á subcontratación, deberán cumprir co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Non se considera subcontratación a contratación directa por parte da entidade beneficiaria do persoal docente para a impartición da formación subvencionada. Por contratación de persoal docente enténdese exclusivamente a contratación de persoas físicas (por conta propia ou allea).
c) Poderán ser obxecto de subcontratación unicamente as actividades de formación incluídas no artigo 4.1.c) e 4.1.d) e ata o límite do 40 % do custo final da actividade subvencionada.
d) A/as entidade/s subcontratada/s deberán presentar unha declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo» (principio Do No Significant Harm-DNSH) no sentido establecido no punto 6) do artigo 2 do Regulamento (UE) 2021/241, do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de febreiro, segundo o anexo V da orde de convocatoria.
En todo caso, a entidade beneficiaria asume a responsabilidade da execución da actividade subvencionada fronte á Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Poderán ser beneficiarias da subvención as entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro que acrediten experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento de persoas desempregadas axustado ao seu perfil de empregabilidade en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.
1. Non poderán obter a condición de beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As entidades beneficiarias das subvencións reguladas na presente orde deberán cumprir as obrigas que se establecen no artigo 23 desta orde.
Xunta de Galicia
Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Subdirección Xeral do Servicio Público de Emprego de Galicia
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981547224
Email: programas-integrados.traballo.santiago@xunta.gal
Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego
Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (DOG nº 159 do 23 de agosto de 2023).
Extracto da Orde do 1 de agosto de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2023 (DOG nº 159 do 23 de agosto de 2023).
Orde do 5 de outubro de 2023 pola que se modifica a Orde do 1 de agosto de 2023, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas, destinadas ao financiamento do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria para o exercicio de 2023 (DOG nº 198 do 18 de outubro de 2023).
Prazo de presentación: PECHADO
24/08/2023 00:00 - 16/10/2023 23:59
O prazo para a presentación de solicitudes comprenderá dende o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 16 de outubro de 2023.
Presentación de solicitudes
1. As solicitudes de concesión de subvencións dirixiranse á Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade dentro do prazo establecido. As solicitudes presentadas fóra de prazo darán lugar á súa inadmisión.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
Estes formularios só terán validez se están debidamente asinados por quen represente legalmente a entidade correspondente ou persoa debidamente acreditada.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365).
3. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.
4. Forma parte da solicitude a declaración responsable que contén, en que se fan constar os aspectos seguintes:
a) O cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído o de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
b) O conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.
c) Que se compromete a dedicar os recursos persoais e materiais apropiados para o desenvolvemento das actuacións previstas no programa.
d) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude.
A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Formación para o Emprego e Orientación a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable, se se lle solicita.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria coa descrición do proxecto que pretenden desenvolver no marco do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano, empregando obrigatoriamente o modelo que se publica como anexo II e cun máximo de 25 páxinas e que fará referencia, polo menos, aos seguintes puntos:
– Descrición do proxecto que se desenvolverá no marco do Programa de apoio a mulleres do ámbito rural e urbano e actuacións subvencionables que compoñen o itinerario personalizado para a atención das participantes do programa
– Ámbito territorial do programa.
– Medios persoais, materiais e técnicos que se van dedicar ao programa.
– Metodoloxía e ferramentas para levar a cabo as accións (metodoloxía para realizar o diagnóstico e deseño dos itinerarios personalizados, ferramentas e variables que se considerarán, modelos de itinerarios, entre outras).
– Actividades, sectores, familias profesionais en que se pretende actuar, xustificando as necesidades do mercado laboral territorial que pretenden cubrirse e indicando de forma diferenciada os orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes, os orientados a competencias e empregos dixitais e os orientados ao desenvolvemento doutras competencias e empregos.
– Cronograma completo do programa e modelo base de calendarización dun itinerario tipo coa ordenación, distribución e periodificación das súas posibles accións.
– Obxectivos de atención previstos que especifiquen o número de mulleres participantes que se atenderán, o número e porcentaxe das participantes en itinerarios individualizados orientados ao desenvolvemento de competencias e empregos verdes e/ou dixitais.
– Obxectivos de inserción laboral previstos, que non poderá ser inferior ao 20 % das participantes redondeado por defecto.
– Previsión do orzamento total do programa diferenciando entre subvención solicitada e, de ser o caso, achega da entidade beneficiaria con indicación do orzamento destinado, respectivamente, a competencias e empregos verdes e dixitais. Os cálculos deben realizarse tendo en conta que o custo unitario por muller atendida é de 1.715 euros, e o importe adicional que se aboará por muller inserida de 2.500 euros financiará un máximo do 20 % das mulleres participantes que se insiran no mercado laboral.
Non se aceptarán memorias que non se presenten segundo o modelo normalizado.
b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante.
c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación (anexo III).
d) Anexo IV de declaración responsable de adecuación ao principio de «non causar prexuízo significativo», segundo o establecido no artigo 16 desta orde.
e) Acreditación de experiencia na realización de accións dirixidas ao acompañamento de persoas desempregadas axustado ao seu perfil de empregabilidade en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores á data de publicación desta orde.
2. Cada entidade só poderá presentar unha solicitude e soamente para un único proxecto. Os itinerarios individualizados en que se concrete cada proxecto, así como as actividades subvencionables que os configuren, organizaranse de forma que, cando menos, o 35 % das participantes desenvolvan competencias e empregos verdes, e outro 35 % competencias e empregos dixitais. O importe total solicitado por cada entidade beneficiaria non poderá superar o 20 % da dotación dispoñible para a convocatoria establecida no punto 2 do artigo 3 desta orde. Ademais, cada proxecto debe incluír como obxectivo de inserción profesional a colocación por conta propia ou allea de, polo menos, o 20 % do total de mulleres participantes que pretende atender, tendo presente que só se aboará o módulo económico por inserción a un número máximo igual ao dito 20 %.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas, responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) Certificacións de estar ao día nas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) DNI/NIE da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención.
d) DNI/NIE, certificación de residencia e vida laboral das mulleres participantes no programa.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario respectivo e achegar os documentos.
Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Máis información
Localice o procedemento ou servizo na guía de procedementos e servizos, consulte a información do trámite e revise a documentación obrigatoria para presentar a solicitude que figura na pestana "Presentación" no apartado "Documentación para a presentación".
No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles modelos en formato PDF para aqueles documentos para os que se precisan. Se os necesita:
- Primeiro descargue no seu equipo os modelos PDF (asegúrese de que están descargados, non abertos no navegador).
- A continuación cubra os modelos. Se algunha táboa ten filas e non son suficientes pode engadilas nese documento descargado.
- Por último garde ou imprima en versión PDF un arquivo electrónico de cada modelo cuberto.
- Asine o documento, se así se require.
- Para finalizar anexe o modelo ou modelos en PDF na súa presentación.
No caso de que o procedemento non figure na guía, poderá empregar a solicitude xenérica.
Prema en "Tramitar en liña" para iniciar o trámite electrónico.
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Agora xa está dentro do seu espazo persoal "A miña sede".
Cubra o formulario e lembre que pode gardalo para recuperalo máis adiante desde o apartado "Os meus borradores" de "A miña sede".
Cando o teña cuberto, prema en "Continuar".
Anexe a documentación que queira presentar xunto co formulario. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Pode consultar como enviar ficheiros que non teñen o tamaño ou o formato aceptados por esta sede.
Asine o formulario e a documentación que quere entregar.
Pode facelo cun certificado electrónico empregando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá no seu móbil.
Descargue o xustificante da presentación.
Poderá tamén acceder a este documento desde o apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede".
Consulte como proceder cos documentos de gran tamaño e en distintos formatos
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Lembre que este servizo soamente estará disponible desde o espazo "A miña sede" da sede electrónica e naqueles procedementos que teñan habilitados trámites electrónicos posteriores á solicitude cando así o estableza a súa norma reguladora.
Prepare os arquivos electrónicos necesarios e comprobe que utiliza formatos compatibles coa sede: .bmp, .ce3, .cex, .csv, .cte, .dbf, .doc, .docx, .dwg, .dxfn, .gpx, .hexhash, .inp, .jpg, .kml, .kmz, .ods, .odt, .pd2, .pdf, .pdl, .png, .prj, .shp, .shx, .tgd, .tiff, .txt, .xls, .xlsx, .xml, .xsig, .mp4, .avi, .mov e .wmv
O tamaño máximo do conxunto de documentos achegados a unha presentación en esta sede é de 100 MB, e non se admiten arquivos comprimidos.
Comprobe o tamaño total do conxunto de documentos que precisa achegar:
- Se é inferior a 100 MB pode achegar todos os documentos á solicitude
- Se é superior a 100 MB separe os arquivos de máis de 100 MB, agrupe o resto en subconxuntos de documentos que non superen os 100 MB e proceda segundo os seguintes pasos
- Presente a solicitude achegando un subconxunto de documentos de menos de 100 MB.
- Repita o trámite de achega de documentación separada da solicitude para cada un dos subconxuntos restantes de documentos, seguindo estes pasos:
- Unha vez finalizada a presentación acceda ao apartado "Os meus expedientes" de "A miña sede", seleccione o expediente da solicitude que acaba de realizar, pulse na opción "Accións" e seleccione "Achega de documentación separada da solicitude".
- Cubra o formulario e pulse en "continuar"
- Achegue o seguinte subconxunto de documentos
- Asine e complete a achega de documentación separada
- Repita este proceso para cada subconxunto de documentos de menos de 100 MB
Se algún arquivo supera individualmente os 100 MB:
- Proceda segundo se explica nos pasos anteriores para o resto de arquivos
- Descargue no seu equipo o modelo xenérico para a achega de documentación separada
- Cubra o modelo, indicando o expediente ou número de rexistro de entrada da solicitude electrónica realizada e a unidade responsable do procedemento
- Imprima o modelo e presénteo de forma presencial, xunto coa documentación en formato físico -CD, DVD, USB-, en calquera das oficinas de rexistro
Prazo de resolución:
Dous meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de Xustificación
- Solicitude do anticipo da subvención (Anexo VI)
- Ficha de participación (Anexo V)
Máis información
Consulte como responder a un requirimento de emenda de documentación
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos. Na pestana "Presentación", no apartado "Documentación para a presentación" figura o listado de documentos requiridos para a presentación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos. Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede". Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365. Busque o expediente relacionado co requirimento e seleccione no menú "Acción" da dereita a opción "Emenda ao requirimento".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Emenda ao requirimento" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a emenda utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario indicando os datos ou documentos achegados para a emenda.
Anexe os documentos que queira presentar. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a emenda.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da emenda.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Coñeza como achegar documentación xustificativa a un expediente en curso
Revise a documentación obrigatoria para o trámite que vai realizar na ficha do procedemento na Guía de procedementos e servizos.
Na pestana "Despois da presentación", no apartado "Xustificación" figura o listado de documentos requiridos para a xustificación. No apartado "Anexos asociados" ten dispoñibles os modelos en formato .pdf para aqueles documentos para os que se precisan.
Descargue no seu equipo os modelos que deba presentar e cúbraos.
Garde ou imprima a un arquivo electrónico cada modelo cuberto para anexalo posteriormente na presentación.
Acceda ao seu espazo persoal "A miña sede".
Identifíquese empregando un certificado electrónico ou Chave365.
Busque o expediente para o que precisa achegar documentación xustificativa. No menú "Acción" que aparece á dereita seleccione a opción "Achega de documentación xustificativa".
* No caso de que o expediente non apareza no seu espazo persoal, ou a opción "Achega de documentación xustificativa" non estivese dispoñible para ese expediente, poderá realizar electronicamente a xustificación utilizando a solicitude xenérica.
Cubra o formulario.
Indique os documentos que achega para a xustificación.
Anexe os documentos que queira presentar para a xustificación. Inclúa os modelos cubertos no paso 1.
Asine o formulario e os documentos que vai entregar para a xustificación.
Pode facelo con certificado electrónico utilizando a aplicación Autofirma ou, se emprega Chave365, coa clave de sinatura que recibirá nunha mensaxe no seu móbil.
Descargue o xustificante de presentación da xustificación.
Poderá acceder en calquera momento aos seus xustificantes electrónicos desde o seu espazo persoal "A miña sede".
Todos os seus expedientes, presentacións e borradores en "A miña sede"
Para xestionar os seus expedientes o primeiro que debe facer é acceder o seu espazo persoal premendo en "A miña sede" e, a continuación, identificarse empregando calquera dos certificados admitidos nesta sede ou Chave365.
Poderá ver na súa bandexa de entrada os seus últimos expedientes, presentacións e borradores.
Verá en pantalla información detallada de cada expediente ou presentación (número de expediente/rexistro, código e nome do procedemento etc.).
Se desexa ver todos os seus expedientes e presentacións, prema no botón "Ver todos/Buscar".
Ao acceder á pantalla de busca, pode buscar expedientes ou borradores por distintos criterios ou localizalos directamente se coñece o código de acceso.
Poderá realizar accións concretas sobre un expediente (achegar documentación adicional, mellorar unha solicitude, modificar os seus datos de notificación etc.) desde:
- A bandexa de entrada dos seus últimos expedientes, presentacións e borradores, premendo o botón "Acción" da columna "Que podo facer?"
- O detalle do expediente electrónico, premendo directamente nas accións dispoñibles da columna "Que podo facer?"
Outras convocatorias ou publicacións
Procedementos e servizos relacionados
Recoñecemento da condición de entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego de Galicia en captación de ofertas.
Subvencións a entidades para a contratación de persoal técnico de orientación laboral.