Guía de procedementos e servizos

TR332A

Subvención a entidades colaboradoras para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Entidades locais

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 12/06/2024 00:00 - 11/07/2024 23:59

O financiamento de programas de emprego dirixidos á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha de programas integrados de emprego con intermediación laboral, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e durante un período de 12 meses.

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Cualificacións e Capacidades para o Emprego

Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981547224

Email: programas-integrados.traballo.santiago@xunta.gal

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Prazo de presentación: PECHADO

12/06/2024 00:00 - 11/07/2024 23:59

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

1. Poderán ser beneficiarias das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados nesta orde:

a) Os concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, cuxa titularidade corresponda integramente a este. No caso dos concellos ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a un concello, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2023 superior a 500 persoas no ámbito territorial do proxecto.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude agrupe, cando menos, tres concellos, ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos.

Poderán concorrer agrupacións de concellos nos seguintes casos:

• Concellos limítrofes que conformen unha área xeograficamente continua.

• Concellos que pertenzan todos eles á mesma comarca, aínda que non sexan limítrofes entre si.

• Agrupacións de concellos que reúnan os requisitos do punto anterior aos cales se poden unir outros concellos que, non pertencendo á mesma comarca, limiten xeograficamente con algún dos concellos da agrupación que si pertencen a ela.

b) As entidades con personalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro.

2. As entidades mencionadas nos parágrafos anteriores non poderán ser beneficiarias das axudas establecidas nesta orde cando teñan a condición de axencia de colocación e perciban como tales financiamento público a través de contratos, subvencións, axudas, convenios ou calquera outro instrumento xurídico destinado á promoción da inserción laboral para o mesmo ámbito territorial e período temporal.

3. Para poder ser beneficiarias das axudas as entidades deberán facer constar na epígrafe de recursos humanos que contarán, cando menos, cunha persoa cunha dedicación mínima ao programa do 60 % dunha xornada completa na data de inicio que figure no anexo de resolución. Esta exixencia implica que, desde o momento da concesión da subvención, a entidade ten que contar cun mínimo dun efectivo coa imputación mencionada anteriormente, capaz de levar a cabo a selección de persoas demandantes e, unha vez seleccionadas, poñer en marcha o resto das accións do programa nun prazo máximo de tres meses contado desde a data de inicio que figure no anexo de resolución.

En ningún momento as persoas demandantes poden estar desatendidas á espera de que a entidade seleccione e contrate persoal específico para levar a cabo o programa. O efectivo anteriormente mencionado manterá a súa imputación como mínimo ata o momento, se é o caso, da contratación de persoal especificamente para o programa.

4. Para os efectos de lograr unha mellor e máis ampla distribución do importe da convocatoria, unha mesma entidade non poderá presentar máis dunha solicitude.

5. Todas as entidades que non fosen beneficiarias nos últimos 5 anos de programas integrados de emprego deberán acreditar experiencia, durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores á data de publicación desta orde, na realización de accións dirixidas ao acompañamento ás persoas en situación de desemprego en procesos de inserción laboral por conta allea ou propia.

6. Non poderán ser entidades beneficiarias aquelas en que concorra algunha das causas expresadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. Será requisito para a concesión da subvención que a entidade local solicitante ou entidades locais no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos cumprisen coa súa obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Forma parte da solicitude a declaración responsable que se contén nela e que fai constar os aspectos seguintes:

a) Cumprimento dos requisitos establecidos para obter a condición de entidade beneficiaria, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, incluído estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Que a entidade local solicitante ou entidades locais, no caso de solicitudes presentadas por agrupación de concellos, cumpriron coa súa obriga de remisión ao Consello de Contas das contas xerais do último exercicio a que estean obrigadas.

c) Conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas competentes.

d) A declaración do emprego da lingua galega na realización da totalidade das accións do programa integrado para o emprego, no caso de marcar este recadro no anexo I da solicitude.

e) A veracidade da documentación presentada xunto coa solicitude. A entidade solicitante terá a obriga de presentar ante a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego a documentación acreditativa dos aspectos a que se refire a declaración responsable, se se lle solicita.

Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar, coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Memoria explicativa do proxecto, empregando obrigatoriamente o modelo que se publica como anexo II, tamén dispoñible en formato odt na páxina web dos programas integrados, e que constará dun máximo de 25 páxinas. A memoria deberá adecuarse ás particulares necesidades da poboación desempregada destinataria e do territorio onde se vai desenvolver o programa. Non serán admisibles memorias idénticas presentadas por entidades diferentes. No suposto de presentarse dúas ou máis solicitudes con memorias explicativas iguais ou moi similares, solicitaranse as modificacións pertinentes para cumprir coa exixencia exposta anteriormente. As memorias deberán facer referencia, de xeito obrigatorio, aos seguintes aspectos:

No suposto de que se tratase dun programa tipo A) dirixido, exclusivamente, a mulleres (artigo 3), deberá aparecer reflectido na primeira liña da memoria especificando textualmente: «Programa integrado tipo A dirixido exclusivamente a mulleres».

Descrición do proxecto, que inclúa unha enumeración detallada de cada unha das accións que o compoñen.

Cronograma completo do proxecto indicando a data de inicio e fin prevista de cada unha das accións propostas.

Actividades, sectores e ámbito territorial en que se pretende actuar. Para o caso de que o programa inclúa a atención de colectivos procedentes de expedientes de regulación de emprego de carácter extintivo, deberá detallarse a empresa ou empresas afectadas e a forma de selección e perfil do colectivo que se vai atender.

Xustificación das accións do programa en relación cos colectivos a que se dirixe en función das particularidades do territorio, das necesidades do mercado de traballo, dos novos xacementos de emprego ou calquera outra circunstancia que se considere relevante para estes efectos.

Relación actual de medios materiais e recursos humanos propios de que dispón a entidade solicitante en que se especifiquen as condicións daqueles, con indicación dos que se van afectar para levar a cabo as accións propostas.

Cando os medios materiais destinados ao proxecto non sexan propiedade da entidade promotora, deberá acreditarse, no momento de formalizar a solicitude, a súa disposición de uso.

Un documento co resumo detallado de todos os aspectos da memoria que afectan as persoas demandantes: listaxe das accións que teñen previsto levar a cabo, aspectos innovadores do programa, dereito a percibir unha bolsa por asistencia ás accións do programa, existencia de medidas de conciliación, se as houber, obrigatoriedade da realización de cuestionarios de satisfacción de todas as accións, etc. Este resumo coincidirá co exposto na memoria explicativa e incluirá os datos de contacto tanto da entidade como do Servizo de Promoción de Competencias para o Emprego, e deberá ir asinado pola persoa responsable do programa.

Experiencia da entidade solicitante en actuacións de acompañamento da inserción laboral e mellora da ocupabilidade das persoas demandantes de emprego (só se deberá especificar no caso de que a entidade solicitante non fose beneficiaria nos últimos 5 anos de programas integrados de emprego). A entidade deberá acreditar a dita experiencia durante un mínimo de 1 ano dentro dos 5 anos anteriores á data de publicación desta orde.

Orzamento do programa, desagregado por concepto de gastos.

b) Documentación acreditativa da personalidade xurídica da entidade solicitante mediante copia da escritura de constitución e dos estatutos da entidade solicitante, onde conste que dispón de personalidade xurídica e carece de fins lucrativos. Quedan exceptuadas da presentación destes documentos as entidades locais recollidas no artigo 4, agás que concorran en agrupación de concellos constituída a través dun convenio de colaboración, suposto en que deberán achegar copia do devandito convenio.

c) Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.

d) Para o caso de agrupacións de concellos baixo calquera modalidade: copia do convenio de colaboración, que reúna o contido recollido no artigo 49 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e inclúa mención expresa á realización conxunta do proxecto con indicación das achegas económicas e doutra índole dos concellos agrupados, así como o nomeamento da persoa representante ou apoderada única da agrupación, de acordo co exixido no artigo 8.3 in fine da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, cada un dos concellos da agrupación, agás a entidade promotora solicitante, deberá presentar unha declaración, asinada pola persoa representante legal de cada un deles, en que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se xunta como anexo V.

e) De ser o caso, resolución da consellería competente en materia de economía pola que se declare a condición de concello emprendedor tanto do concello promotor como dos concellos que formen parte da agrupación ou documentación acreditativa equivalente. Para obter puntos por esta condición, regulada no título VI da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, deberá estar adquirida con anterioridade ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) Certificacións de estar ao día das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

d) DNI/NIE da/das persoa/s que xestiona/n as accións do programa.

e) DNI/NIE, datos de residencia con data da última variación padroal e vida laboral das persoas demandantes participantes no programa integrado.

f) Alta na Seguridade Social a data concreta.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado nos anexos I, III e IV.Bis, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 28 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 112 do 11 de xuño de 2024).

    • Extracto da Orde do 28 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 112 do 11 de xuño de 2024).

    • Orde do 23 de outubro de 2024 pola que se amplía o crédito orzamentario existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 28 de maio de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica de programas integrados de emprego de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 209 do 29 de outubro de 2024).

Outros procedementos relacionados

DE500A

Remisión da declaración responsable para o inicio da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

DE500B

Remisión da documentación necesaria para o recoñecemento oficial da formación de persoal adestrador en período transitorio (Orde ECD/158/2014)

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MR701H

Actuacións dos GDR Programa LEADER PEPAC 2023-2027.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59

MR701I

Actuacións de animación, formación e cooperación (ICE).

Tramitar en liña

Prazo aberto: 31/10/2024 00:00 - 05/11/2027 23:59