Guía de procedementos e servizos

TR301P

Accións formativas con compromiso de contratación dirixidas prioritariamente ás persoas traballadoras desempregadas.

Procedemento dirixido a: Empresas e profesionais

Convocatoria 2018 - Prazo pechado: 05/07/2018 00:00 - 06/08/2018 23:59

Esta orde ten por obxecto proceder á segunda convocatoria de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva e no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para o financiamento das accións formativas para o emprego con compromiso de contratación en unidades formativas nas empresas e da actividade laboral asociada, dirixidas ás persoas traballadoras desempregadas, a través do programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (TR301P).

As bases reguladoras desta convocatoria son as que constan na devandita Orde do 31 de decembro de 2017 coas especificacións que se establecen nesta orde.

1. Poderán ser entidades beneficiarias as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, e as agrupacións temporais de empresas que presenten solicitude conxunta, mediante un convenio que acredite a correspondente agrupación.

No caso das agrupacións temporais de empresa que presenten solicitude conxunta, deberanse facer constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar para cada un deles, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberán nomear unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle correspondan á agrupación. Cada empresa que forme parte desta agrupación temporal deberá reunir os requisitos exixidos para acceder ás axudas.

2. De conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, poderán ser beneficiarias desta convocatoria as entidades de formación acreditadas e/ou inscritas pola Administración pública competente para impartir formación profesional para o emprego no ámbito laboral en Galicia, caso en que poderán asumir o compromiso de contratación mediante acordos ou convenios con outras empresas que efectuarán a contratación laboral. Nestes supostos, será a entidade de formación beneficiaria a que asuma a responsabilidade da execución da actividade formativa subvencionada e do cumprimento do compromiso de contratación.

3. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

4. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declaradas insolventes en calquera procedemento, acharse declaradas en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estar suxeitas a intervención xudicial ou ser inhabilitadas conforme a Lei concursal, sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da cal fosen declaradas culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionada mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

i) Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.

j) En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, mentres non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.

5. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria as persoas solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

6. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 4 e 5 anteriores para obter a condición de entidade beneficiaria, así como do número de persoas traballadoras con que conten no momento de presentar a súa solicitude, realizarase mediante declaración responsable.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral de Emprego e Relacións Laborais

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Subdirección Xeral de Formación para o Emprego

Servizo de Planificación da Formación para o Emprego

Edificios Admvos. San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545640 / 981545644

Fax: 981544604

Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego

Prazo de presentación: PECHADO

05/07/2018 00:00 - 06/08/2018 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

- Só poderán acudir a este procedemento aquelas empresas e entidades que cumpran os requisitos do artigo 4 desta orde e do resto da normativa aplicable, en concreto a normativa de subvencións e a que regula o sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral.

- Ademais da acreditación dos requisitos formais exixidos para o compromiso de contratación inmediata nesta orde e no resto da normativa aplicable, o órgano competente da Consellería de Economía, Emprego e Industria poderá facer as indagacións e comprobacións necesarias e solicitar da entidade solicitante ou dos organismos públicos competentes a documentación que considere adecuada para garantir a viabilidade da acción formativa, en concreto o grao de cumprimento de contratación e mantemento do emprego en proxectos formativos impartidos anteriormente, de ser o caso, balances da empresa e documentación da Seguridade Social.

  • As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude referida ao programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (anexo I-A) a seguinte documentación:

    • a) Ficha do curso de formación profesional para o emprego (anexo I-B).

    • b) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar a solicitude, en nome e representación da entidade.

    • c) Compromiso de contratación do alumnado, asinado pola persoa ou persoas representantes da empresa ou empresas vinculadas inicialmente no proxecto presentado, no cal se detalle/n categoría/s profesional/ais e localidade/s en que serán obxecto de contratación laboral. Este compromiso, de conformidade co artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, deberano adquirir a/as empresa/s beneficiaria/s con respecto a si, salvo que se trate de entidades de formación, caso en que serán estas as que asumirán a responsabilidade do cumprimento do compromiso da contratación, así como da execución da actividade formativa subvencionada.

    • d) Cando as especialidades formativas que se solicitan correspondan a certificados de profesionalidade, as entidades deberán, ademais, achegar un convenio ou acordo coa empresa ou empresas en que realizarán o módulo de prácticas profesionais non laborais en empresas incluídas no certificado de profesionalidade, ou declaración de dispoñibilidade para que se fagan nas instalacións da solicitante. Nos termos do artigo 28.1 do Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, se as empresas beneficiarias son entidades de formación, asumirán a responsabilidade, entre outros, do cumprimento deste convenio.

    • e) Para todas as especialidades, e salvo no caso de que a formación se desenvolva en centros xa inscritos para esa especialidade, relación detallada de dotacións e equipamentos, medios materiais que se van utilizar no seu desenvolvemento e unha descrición das aulas e talleres, con indicación dos metros cadrados e xuntando planos oficiais das instalacións onde se imparta a formación que, nos casos de certificados de profesionalidade, deberán estar visados polo técnico do colexio oficial competente.

Cando as especialidades formativas solicitadas non estean incluídas no catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal a que se refire o artigo 20.3 da Lei 30/2015, do 9 de setembro, as entidades solicitantes deberán achegar a seguinte documentación:

  • f) Programa formativo elaborado pola propia entidade seguindo a maqueta que figura como anexo IV da Resolución do 12 de marzo de 2010, do Servizo Público de Emprego Estatal, pola que se establece o procedemento para a inclusión de novas especialidades no entón denominado Ficheiro de especialidades formativas (actualmente denominado Catálogo de especialidades formativas). Os programas deberán ser remitidos inescusablemente en soporte informático editable, e virán redactados en lingua galega e castelá, para o seu posterior envío ao Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa, seguindo o procedemento establecido na antedita resolución.

  • g) Informe motivado da necesidade de impartición da especialidade formativa solicitada. Deberá ser remitido inescusablemente en soporte informático e virán redactados en lingua galega e castelá, para o seu posterior envío ao Servizo Público de Emprego Estatal, para a súa aprobación previa ao inicio da acción formativa.

  • h) Importe da subvención económica solicitada en función do número de persoas alumnas para as cales se solicita o proxecto formativo.

No caso de solicitudes conxuntas de agrupacións temporais de empresas deberá achegarse:

  • i) Convenio entre as partes que fan a solicitude conxunta.

  • j) Comprobación de datos para pluralidade de solicitantes (anexo I-C).

  • k) Documentación acreditativa da capacidade legal suficiente para asinar o convenio, en nome e representación da entidade, para cada unha das entidades que formen parte da agrupación.

Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente sempre que a persoa interesada expresase o seu consentimento para que sexan consultados ou obtidos eses documentos. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Comprobación de datos.

1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

  • a) DNI/NIE da persoa representante.

  • b) NIF da entidade solicitante.

  • c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.

  • d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

  • e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Atriga.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberano indicar no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

  • De conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, para o programa de financiamento de accións formativas con compromiso de contratación inmediata (procedemento TR301P) a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos, a través do formulario electrónico normalizado dispoñible na aplicación SIFO, accesible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal ou no enderezo directo https://emprego.xunta.es/sifo-solicitudes.

Para presentar a solicitude será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • A documentación complementaria, tanto a presentada na solicitude como noutras fases do procedemento e en ambos os procedementos, presentarase electronicamente, mediante a presentación do documento orixinal, de se tratar dun documento dixital, ou da imaxe electrónica do documento orixinal, de se tratar dun documento en papel. Neste último caso, a imaxe electrónica adaptarase ao previsto no Real decreto 4/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema nacional de interoperabilidade no ámbito da Administración electrónica, e na Resolución do 19 de xullo de 2011, da Secretaría de Estado para a Función Pública, pola que se aproba a Norma técnica de interoperabilidade de dixitalización de documentos.

As imaxes electrónicas aplicarán os formatos establecidos para ficheiros de imaxe na Norma técnica de interoperabilidade do Catálogo de estándares; o nivel de resolución mínimo para imaxes electrónicas será de 200 píxeles por polgada, tanto para as imaxes obtidas en branco e negro, cor ou escala de grises; a imaxe electrónica será fiel ao documento de orixe (respectará a xeometría do documento orixe en tamaños e proporcións, non conterá caracteres ou gráficos que non figurasen no documento de orixe e a súa xeración realizarase por un medio fotoeléctrico).

As imaxes electrónicas que acheguen as entidades interesadas ao procedemento administrativo terán eficacia, exclusivamente no ámbito da actividade das administracións públicas.

As imaxes electrónicas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para estes efectos, a entidade interesada deberá conservar o documento orixinal por un prazo de 5 anos desde a presentación da imaxe electrónica.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar por parte da persoa solicitante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderao realizar de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número do expediente e o número ou código único de rexistro.

  • Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase a persoa solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

  • A documentación complementaria deberase presentar electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

  • Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

  • No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no paragrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución: Tres meses

Sentido do silencio: Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á primeira convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas e dos incentivos á contratación (DOG nº 25 do 5 de febreiro de 2018).

    • Orde do 26 de xuño de 2018 pola que se procede á segunda convocatoria das subvencións para o financiamento das accións formativas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (DOG nº 127 do 4 de xullo de 2018).

    • Resolución do 26 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, pola que se publican as subvencións concedidas en virtude da Orde do 31 de decembro de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para o financiamento de accións formativas dirixidas con compromiso de contratación en unidades formativas das empresas (DOG nº 150 do 8 de agosto de 2019).

Outros procedementos relacionados

IG402A

Axudas a servizos modulares de asesoramento especializado a empresas galegas prestados por entidades colaboradoras (Programa Re-acciona), cofinanciadas pola Unión Europea no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027

Prazo aberto: 21/01/2025 09:00 - 17/11/2025 14:00

IN612A

Rexistro de entidades recoñecidas para impartir cursos teórico-prácticos no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IN612B

Memoria anual de actividades realizadas por entidades de formación no ámbito da seguridade industrial.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR462A

Homologación de cursos pola Academia Galega de Seguridade Pública

Tramitar en liña

Aberto todo o ano