Guía de procedementos e servizos

SI427D

Subvencións a entidades locais para a mellora do equipamento dos Centros de Información ás Mulleres (CIM).

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 28/01/2023 00:00 - 27/02/2023 23:59

Consellería de Política Social e Igualdade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2023 as subvencións dirixidas ás entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM).

O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI427D.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

3. As subvencións recollidas na presente resolución teñen por obxecto o financiamento de actuacións de rehabilitación e mellora do equipamento dos CIM realizadas con posterioridade á publicación das presentes bases reguladoras.

Poderán ser beneficiarias das subvencións previstas nesta resolución as entidades locais de Galicia titulares de centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento.

Xunta de Galicia

Consellería de Política Social e Igualdade

Dirección Xeral de Loita Contra a Violencia de Xénero

Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero

Servizo de Planificación e Mellora da Coordinación

San Lázaro, s/n

15781  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545361

Fax: 981957690

Email: vx.igualdade@xunta.es

http://igualdade.xunta.gal/es

Dirección Xeral de Promoción da Igualdade

Prazo de presentación: PECHADO

28/01/2023 00:00 - 27/02/2023 23:59

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Para poder acceder ás subvencións, as entidades beneficiarias deberán cumprir os requisitos e condicións establecidos nesta resolución e na normativa xeral de subvencións.

2. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para poder acceder ás subvencións, as entidades beneficiarias deberán ter presentado a memoria anual do CIM correspondente ao ano 2021 ante a Secretaría Xeral da Igualdade, segundo os termos e prazos establecidos no artigo 14 do Decreto 130/2016, do 15 de setembro.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas, a entidade local deberá ter cumprido o requisito de ter remitido as contas do exercicio orzamentario 2021 ao Consello de Contas de Galicia.

5. No suposto previsto no artigo 2.6 do Decreto 130/2016, cando se trate da prestación conxunta do servizo de CIM por varias entidades locais, todas elas teñen que cumprir os requisitos indicados nos puntos anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta resolución, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Neste caso, as entidades locais que presten conxuntamente o servizo de CIM nomearán unha persoa como representante única, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Secretaría Xeral da Igualdade e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome do CIM de xestión compartida.

6. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes ou ben na data en que remate o prazo para a constestación do requirimento para a documentación sinalada nos puntos 4 e 5 do artigo 3 desta Resolución.

Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta resolución, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das presentes bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II: orzamento desagregado do proxecto de rehabilitación ou para o equipamento do CIM, asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade solicitante.

b) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2021 ao Consello de Contas.

c) Memoria descritiva das actuacións que se van realizar. No caso dos CIM con xestión compartida, deberán indicar con que concellos comparten os servizos.

d) Calquera outra documentación pertinente para unha mellor valoración da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario de inicio, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).

    • Extracto da Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 19 do 27 de xaneiro de 2023).

    • Corrección de erros. Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 28 do 9 de febreiro de 2023).

    • Resolución do 5 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 5 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (DOG nº 173 do 12 de setembro de 2023).

    • Resolución do 5 de xaneiro de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se dá publicidade das axudas concedidas ao abeiro da Resolución do 5 de xaneiro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 132/2016, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D) (Diario Oficial de Galicia número 19, do 27 de xaneiro), así como da Resolución do 5 de setembro de 2023, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se amplía a dotación orzamentaria da Resolución do 5 de xaneiro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades locais de Galicia para a rehabilitación e mellora do equipamento dos centros de información ás mulleres (CIM) acreditados ao abeiro do Decreto 130/2016, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento SI427D), (Diario Oficial de Galicia número 173, do 12 de setembro) (DOG nº 11 do 16 de xaneiro de 2024).

Outros procedementos relacionados

IF206B

Informe de usos especiais da estrada

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

IF505A

Acceso, modificación e baixa, ás instalacións portuarias controladas por barreiras físicas e para uso de puntos de fornecemento de auga e electricidade.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR870A

Outorgamento de licenzas para a prestación do servizo público de comunicación audiovisual radiofónica por entidades locais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

FA500A

Subvencións para a prestación de servizos bancarios básicos.

Tramitar en liña

Prazo pechado: 23/06/2021 00:00 - 22/07/2021 23:59