Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA803A
Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario no ano 2021, ao longo do período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021. Os ditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.
A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.
Habilítase na sede electrónica da Xunta de Galicia o código SA803A para este procedemento administrativo.
Programas subvencionables.
1. Os programas subvencionables serán programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas, incluíndo:
Programas de rehabilitación fisioterapéutica.
Programas de rehabilitación logopédica.
Programas de rehabilitación cognitiva.
Programas de terapia ocupacional.
Programas de apoio psicolóxico.
2. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de outubro de 2021.
3. As entidades só poderán solicitar axuda para un único programa.
4. A contía solicitada non poderá superar os 12.000 € nin ser inferior a 4.000 €.
Entidades privadas sen ánimo de lucro.
Obrigas das entidades beneficiarias.
1. As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:
a) Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
b) Xustificar ante a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.
c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, incluíndo a visita aos centros de desenvolvemento do programa subvencionado, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
d) Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.
e) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.
f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g) Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa. Segundo o establecido no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a entidade beneficiaria deberá dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento do programa subvencionado, nos termos regulamentariamente establecidos. En concreto, deberán manter no espazo dedicado á realización das actividades, de xeito visible un cartel coa lenda «Proxecto cofinanciado» acompañado do logotipo da Xunta de Galicia e do Servizo Galego de Saúde.
h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 19, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.
2. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:
a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Atención Primaria.
b) Comunicar á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.
c) Comunicar, en todo momento, á Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares previstos para a realización de cada programa. Os gastos derivados destas variacións soamente serán subvencionables desde a data da comunicación efectiva e, en ningún caso, terán efecto retroactivo.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Atención Primaria
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541824/ 881540258
Fax: 881542897
Prazo de presentación: PECHADO
16/06/2021 00:00 - 15/07/2021 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
1. Para seren beneficiarias das axudas publicadas nesta orde, as entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro que teña explicitamente entre os seus fins estatutarios a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral, linfedema, epilepsia e enfermidades neurodexenerativas.
Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa comunidade autónoma, de acordo cos informes que elabora periodicamente Orphanet.
b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.
c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; entendendo como tal a existencia de local/locais e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
d) Ter un horario mínimo de atención ao público de vinte (20) horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa posta en funcionamento.
No desenvolvemento do programa participará o persoal técnico e o persoal cualificado necesario, entendéndose como tal aquel que dispón da cualificación profesional adecuada para a realización do programa. A dirección e a coordinación terá que levala a cabo persoal técnico coa titulación universitaria adecuada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
Solicitudes.
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento
1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) A documentación que acredite a representación legal da entidade.
b) A copia auténtica da escritura de constitución, con referencia, de ser o caso, da inscrición no rexistro que corresponda.
c) Os estatutos da entidade.
d) O balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2020.
e) A memoria técnica do proxecto asinada electronicamente segundo o modelo do anexo II cos seguintes puntos:
1º. Denominación do programa.
2º. Cronograma detallado das datas e horario previstos.
3º. Número de horas do programa.
4º. Número de persoas beneficiarias do programa.
5º. Fundamentación teórica e pertinencia do programa.
6º. Descrición dos criterios de inclusión no programa. Deberase indicar cales son os criterios que deben cumprir as persoas potencialmente beneficiarias para poder formar parte do programa e cal é o procedemento que se debe seguir no caso de que o número de persoas solicitantes para formar parte deste sexa superior ao número de prazas dispoñibles.
7º. Obxectivos xerais e específicos definidos para o programa.
8º. Proposta metodolóxica para o desenvolvemento do programa.
9º. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos. Enténdese por indicador de proceso aquel que permita avaliar a realización dunha actividade independentemente do resultado e por indicador de resultado o que avalía o grao en que a actividade acadou os obxectivos propostos. Estes indicadores deberán coincidir cos que se acheguen no informe de resultados final (artigo 19.4).
10º. Innovación. Indicarase a incorporación de novas tecnoloxías ou de novos sistemas de xestión ou organización que proporcionen valor ao programa, cobertura de necesidades emerxentes ou non cubertas polos recursos públicos.
f) O anexo de información para a valoración dos programas (anexo III), asinado electronicamente, cos seguintes puntos:
1º. Os recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).
2º. Os medios materiais con que conta a entidade para a realización do programa.
3º. A valoración económica do programa e desagregación dos custos previstos para a súa realización.
4º. O concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.
5º. A indicación de se o programa se desenvolve nunha área de dispersión xeográfica.
6º. A lingua en que se desenvolverán as actividades.
g) O anexo de comprobación de datos (anexo IV) asinado electronicamente.
h) O certificado de posuír certificados de calidade en vigor con base na norma ONG con calidade, ISO 9001:2015, EFQM ou outros sistemas de calidade que garantan o control de procesos e programas, de ser o caso.
i) O plan de igualdade actualizado, de ser o caso.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesa, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento (código DIR GE0011027), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.
5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
6. Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Atención Primaria, quen poderá demandar á entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) O NIF da entidade solicitante.
b) O DNI/NIE da persoa representante.
c) A titulación universitaria de licenciado ou grado e/ou título oficial non universitario das persoas participantes no desenvolvemento do programa.
d) O certificado de estar ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
e) O certificado de débedas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
f) O certificado de débedas coa consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia.
g) O certificado de estar inscrito no rexistro administrativo competente.
h) Consulta de concesións e subvencións de axudas.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e IV).
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2021 (DOG nº 112 do 15 de xuño de 2021).
-
Extracto da Orde do 27 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2021 (DOG nº 112 do 15 de xuño de 2021).
-
Resolución do 29 de xullo de 2021 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas en virtude da Orde do 27 de maio de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario no ano 2021 (DOG nº 160 do 20 de agosto de 2021).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59