Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA803A
Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario. Os devanditos programas están destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas ao alcoholismo, alcoholismo e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.
A súa finalidade é aumentar a autonomía, paliar as posibles limitacións e favorecer a rehabilitación e integración das persoas que compoñen os ditos colectivos.
Actividades e gastos subvencionables.
1. As actividades subvencionables desagréganse nas seguintes liñas de axuda:
Liña A. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas con especiais necesidades de atención sociosanitaria asociadas á ludopatía, ao alcoholismo e/ou ao alcoholismo e outras adiccións sen substancia:
a) Ludopatía:
Programas sociosanitarios de rehabilitación en persoas afectadas por ludopatía.
b) Alcoholismo e/ou alcoholismo e outras adicións sen substancia:
1º. Programas sociosanitarios de apoio á abstinencia en persoas non sometidas a tratamento ambulatorio.
2º. Programas sociosanitarios de prevención de recaídas dirixidos a pacientes que se atopen en tratamento ambulatorio.
Liña B. Orientada a desenvolver programas de carácter sociosanitario destinados á realización de actividades no proceso de atención e rehabilitación de persoas afectadas por dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson:
1º. Programas de rehabilitación fisioterápica.
2º. Programas de rehabilitación logopédica.
3º. Programas de rehabilitación cognitiva.
4º. Programas de terapia ocupacional.
5º. Programas de apoio psicolóxico.
2. Enténdese por programa o conxunto de actividades ordenadas e dirixidas a unha poboación definida, empregando os recursos necesarios durante un período determinado e coa finalidade de acadar uns obxectivos concretos.
3. As entidades só poderán concorrer a unha liña de axuda, á liña A ou á liña B, e solicitar axuda para un único programa.
4. As federacións que reciban subvención non poderán xustificar os gastos do programa a través de calquera outra entidade que reciba axuda mediante esta orde.
5. Os programas obxecto de subvención deberán levarse a cabo ao longo de 2017.
6. Consideraranse gastos subvencionables os destinados a sufragar os gastos correntes e de persoal en que dun xeito indubidable incorra a entidade beneficiaria como consecuencia do desenvolvemento do programa subvencionado, e non pola súa actividade asistencial, e se realicen dentro do prazo establecido pola presente convocatoria. Para estes efectos, serán gastos subvencionables os realizados desde a entrada en vigor da orde ata o 31 de outubro de 2017.
Entidades privadas sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de carácter sociosanitario.
As entidades beneficiarias das axudas terán as seguintes obrigas:
1. Cumprir o obxectivo, executar o programa e realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.
2. Xustificar ante a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade determinante da concesión da subvención.
3. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente para comprobar o cumprimento do fin para o cal se destina esta subvención, así como a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
4. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.
5. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria, así como cantos estados contables e rexistros sexan exixibles de conformidade co disposto nas presentes bases, coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control.
6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
7. Incluír en todos os documentos e accións de difusión e información do programa subvencionado o logotipo da Xunta de Galicia (Consellería de Sanidade) e do Servizo Galego de Saúde, en consonancia coa obriga de publicidade do carácter público do financiamento do programa.
8. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 16, así como nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 xuño.
9. Así mesmo, sen prexuízo do cumprimento das demais obrigas dispostas neste artigo, as entidades beneficiarias estarán obrigadas a:
a) Cumprir as directrices e instrucións de coordinación e programación dispostas polo Servizo Galego de Saúde a través da Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial.
b) Comunicar á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación, suspensión ou vacante no cadro de persoal.
c) Comunicar, en todo momento, á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial calquera modificación nas datas, no horario e nos lugares previstos para a realización de cada programa.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Servizo Galego de Saúde (SERGAS)
Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria
Subdirección Xeral de Integración Asistencial e Innovación
Edificio Administrativo San Lázaro, s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881541824 / 881542860
Fax: 881542897
Prazo de presentación: PECHADO
17/06/2017 00:00 - 17/07/2017 23:59
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
a) Ser unha entidade privada sen ánimo de lucro cuxos fins estatutarios principais sexan a realización de actividades de apoio e axuda ao colectivo a que se dirixen os programas de atención sociosanitaria para os que se solicita subvención: alcohol, alcohol e outras adicións sen substancia, ludopatía, dano cerebral adquirido, enfermidades raras, trastorno do espectro autista, trastornos da conduta alimentaria, parálise cerebral e enfermidade de párkinson.
Para estes efectos, considerarase enfermidade rara aquela que ten unha prevalencia menor de 5 casos por cada 10.000 habitantes na nosa Comunidade Autónoma.
b) Estar legalmente constituídas, polo menos con dous anos de anterioridade con respecto á data de publicación desta convocatoria, coa excepción das federacións recentemente constituídas que estean integradas maioritariamente por asociacións cunha antigüidade que sexa superior aos dous anos. Así mesmo, deberán estar inscritas no rexistro administrativo correspondente.
c) Dispoñer dunha sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia; entendendo como tal a presenza física e o domicilio social nela, e comprometerse, así mesmo, a desenvolver as actividades subvencionadas dentro do seu territorio.
d) Ter un horario mínimo de atención ao público de 20 horas semanais, destinadas a dar información e prestar axuda dun xeito prioritario aos colectivos afectados.
e) Dispoñer de estrutura técnica e capacidade suficiente para garantir o cumprimento dos obxectivos propostos no programa presentado, así como experiencia operativa na súa implementación.
No desenvolvemento do programa participarán técnicos/as e o persoal cualificado necesario, e a dirección e coordinación terá que levala a cabo un/unha técnico/a coa titulación universitaria axeitada para o desenvolvemento das actividades previstas, o cal será o seu responsable.
Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Todos os requisitos deberán acreditarse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e manterse durante todo o período de execución do programa subvencionado.
a) Documentación que acredite a representación legal da entidade.
b) Copia da escritura de constitución, estatutos da entidade solicitante e certificación de estar inscrita no rexistro administrativo competente.
c) Balance ou xustificación dos ingresos e gastos da entidade referido ao exercicio económico do ano 2016.
d) Documentación acreditativa da calidade técnica do programa segundo o modelo do anexo II, en que se recolla:
d.1) Memoria descritiva do programa, en que conste, como mínimo:
1º. Denominación.
2º. Indicación da tipoloxía que corresponda segundo a clasificación recollida no artigo 3
3º. Colectivo específico a que vai dirixido o programa.
4º. Cronograma (número de horas dedicadas ao programa, datas concretas de realización e horario previsto).
5º. Fundamentación teórica e pertinencia do programa.
6º. Criterios de inclusión.
7º. Obxectivos: xerais e específicos.
8º. Metodoloxía.
9º. Indicadores de proceso e resultado de acordo cos obxectivos definidos. Enténdese por indicador de proceso aquel que permita avaliar a realización dunha actividade independentemente do resultado e por indicador de resultado, o que avalía o grao en que a actividade acadou os obxectivos propostos.
d.2) Recursos humanos que a entidade dedicará para o desenvolvemento do programa, indicando o nome e apelidos, a titulación académica, o posto de traballo e as funcións que vai desenvolver. Deberase indicar a persoa responsable da dirección e coordinación do programa, de acordo co previsto no artigo 2.1.e).
d.3) Medios materiais con que conta a entidade para a realización do programa.
d.4) Valoración económica do programa e desagregación dos custos previstos para a súa realización.
d.5) Concello ou concellos onde se desenvolverá o programa.
d.6) Lingua en que se desenvolverán as actividades.
e) Anexo II e anexo VII debidamente cubertos e asinados.
Comprobación de datos.
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
a) NIF da entidade solicitante.
b) DNI da persoa representante.
c) Titulación académica do persoal que vai levar a cabo o programa.
2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes (anexos I e VII).
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.
Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Calquera cambio que se produza nos datos contidos na documentación que se achegue coa solicitude deberá comunicarse á Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, quen poderá solicitar da entidade solicitante todos cantos documentos e aclaracións considere necesarios para completar o expediente.
Prazo de resolución: Cinco meses
Sentido do silencio: Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 1 de xuño de 2017 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, ás entidades privadas sen ánimo de lucro para a realización de programas de carácter sociosanitario (DOG nº 114 do 16 de xuño de 2017).
-
Outros procedementos relacionados
Autorización de veterinario/a para expedición de autorizacións de traslado de animais
Aberto todo o ano
Fusións de agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.
Aberto todo o ano
Integración de explotacións pertencentes a un concello diferente daquel onde unha ADSG estea recoñecida.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás asociacións inscritas no rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59