Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
SA645A
Subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Sanidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar no ano 2022, en réxime de concorrencia competitiva, a concesión de subvencións a proxectos de saúde pública relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xullo de 2022 e o 30 de xuño de 2025.
O código do procedemento regulado a través desta orde é o SA645A.
Os proxectos subvencionados deben desenvolver as súas actividades un mínimo de 3 meses no período comprendido entre o 1 de xullo e o 31 de decembro de 2022, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024, xunto cun mínimo de 3 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2025.
Como máximo subvencionaranse os dez proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 15 desta orde.
Conceptos subvencionables.
1. Consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 1.
2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.
3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:
a) Gastos de persoal. Subvencionarase ata un máximo de dous mil cincocentos euros (2.500,00 €) mensuais por importe total de nómina. Para os efectos de cálculo dos gastos de persoal subvencionables, ao importe bruto que resulte para cada nómina sumaránselle os custos de seguridade social que van con cargo á empresa.
Soamente terán consideración de subvencionables os custos en que incorran as entidades beneficiarias respecto ao persoal en situación de incapacidade laboral temporal cando:
1) A baixa non supoña a paralización da actividade, mediante substitución da persoa de baixa, reasignación das súas tarefas ou subcontratación puntual. Este feito deberá ser informado á Dirección Xeral de Saúde Pública.
2) A baixa, aínda supondo a paralización da actividade, non supere os trinta días para un mesmo contrato laboral durante o período de execución do programa.
b) Axudas de custo por desprazamento (aloxamento, manutención, quilometraxe, debidamente xustificadas en relación co proxecto), cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.
c) Gastos de vehículos, cuxa titularidade corresponda á entidade privada que reciba a subvención, empregados para desenvolver o proxecto: imposto de circulación, ITV, seguro, mantemento, reparacións, consumo de combustible, peaxe, garaxe e aparcadoiro. As facturas incluirán a matrícula do vehículo.
d) Gastos de material de oficina, preventivo, divulgativo e de visualización social do proxecto.
e) Gastos vinculados ao local: alugueiro, electricidade, gas, auga, lixo, comunidade, limpeza, seguros, imposto sobre bens inmobles. Os gastos en reparacións e mantemento do local serán ata un máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano. Quedan excluídos os gastos de investimento inmobiliario.
f) Telefonía e tecnoloxías da información e comunicación (TIC), correos e mensaxaría.
g) Gastos de publicidade e xestión de redes sociais e/ou app de contactos.
h) Gastos de formación continuada do persoal que participa no proxecto en áreas relacionadas co obxectivo do proxecto. Inclúense gastos de cursos de formación continuada, xornadas e congresos, cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.
i) Gastos de xestión e administración directamente relacionados coa actividade desenvolvida ao abeiro do correspondente programa.
Poderán imputarse os derivados de auditorías externas sobre a xestión do programa por parte da entidade e da revisión da conta xustificativa, de ser o caso, ata un máximo do 5 % do importe da subvención.
j) Gastos de xestoría, gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.
k) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade/s beneficiaria/s desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptibles de recuperación ou compensación.
l) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.
4. As dúbidas ou controversias en relación coa subvencionabilidade dos gastos serán resoltas pola Dirección Xeral de Saúde Pública, por propia iniciativa ou por petición de calquera das entidades solicitantes.
5. Considerarase gasto realizado o que fose efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente e os pagamentos deberán acreditarse a través de xustificantes de pagamento. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación. Queda obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.
En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 28, números 1, 2, 3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.
Xunta de Galicia
Consellería de Sanidade
Dirección Xeral de Saúde Pública
Centro Galego para o Control e Prevención das Enfermidades (Cegace)
Servizo de Prevención e Control de Enfermidades
San Lázaro s/n
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 881542960
Prazo de presentación: PECHADO
25/08/2022 00:00 - 26/09/2022 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Presentar un proxecto de saúde pública de actuación no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual para os anos 2022, 2023, 2024 e 2025.
2. O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá ter como área xeográfica de actuación, polo menos, unha das seguintes áreas sanitarias:
a) Área Sanitaria da Coruña e Cee.
b) Área Sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.
c) Área Sanitaria de Ferrol.
d) Área Sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.
e) Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.
f) Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
g) Área Sanitaria de Vigo.
3. Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia, como mínimo, de:
a) Un local con capacidade para levar a cabo o proxecto.
b) Unha persoa contratada para desenvolver o proxecto, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade, e que deberá estar dispoñible durante todo o período subvencionable.
4. O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.
5. Para cumprir os obxectivos do proxecto poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo Ministerio con competencias en materia de sanidade. Calquera outro material divulgativo que se pretenda usar e/ou distribuír deberá presentarse previamente no Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, para que neste servizo se valore a súa idoneidade e se realice a validación e autorización previa do seu uso e/ou distribución.
Os materiais e publicacións (en formatos impresos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde deberán incorporar de forma visible o seu financiamento público e axustarse ademais aos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia. Así mesmo, estarán libre de mensaxes e imaxes que reproduzan estereotipos de xénero e roles sexistas.
6. Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
7. Cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado.
8. Presentar a solicitude no prazo e na forma que establece o artigo 8.
Solicitudes
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Unha memoria técnica do proxecto que se estea realizando, ou se pretenda realizar, cunha extensión máxima de 10 páxinas, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante. O formato da memoria técnica debe ser:
1. Tipo de letra: Arial.
2. Estilo: normal.
3. Tamaño de letra: 11.
4. Interliñado: 1,15 puntos.
5. Marxes laterais: 1,5-3,0 cm.
6. Marxe superior: 2,5-4 cm.
7. Marxe inferior: 2,5-3 cm.
8. O formato do arquivo será de texto ou PDF.
b) Copia do material divulgativo que se pretenda empregar no proxecto e que non fora editado por administracións públicas nin recibira o informe favorable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da consellería competente en materia de Sanidade.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) NIF da entidade solicitante.
b) NIF da entidade representante.
c) DNI/NIE da persoa representante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).
e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia (Atriga).
g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
h) Concesión de subvencións e axudas.
i) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Cinco meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 160 do 24 de agosto de 2022).
-
Extracto da Orde do 4 de agosto de 2022 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 160 do 24 de agosto de 2022).
-
Resolución do 24 de novembro de 2022 pola que se procede á publicación das subvencións concedidas e denegadas en virtude da Orde do 4 de agosto de 2022, pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (DOG nº 234 do 12 de decembro de 2022).
-
Outros procedementos relacionados
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG - GPC
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG - GRC.
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nas universidades públicas do SUG-Proxectos de excelencia.
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59
Axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i - GRC.
Prazo aberto: 20/01/2026 00:00 - 19/02/2026 23:59