Guía de procedementos e servizos

PR925A

Axudas económicas individuais.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2023 - Prazo pechado: 01/04/2023 00:00 - 12/05/2023 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

TRAMITAR PRESENCIALMENTE

Establecer un programa de axudas económicas individuais e de carácter extraordinario, non periódico e social, para o ano 2023, en réxime de concorrencia non competitiva, dirixido ás persoas emigrantes de nacionalidade española e de orixe galega, e a determinados familiares, residentes nos países do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria e que se encontren en situación de precariedade económica. Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas:

1. As persoas emigrantes galegas e os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos (coa excepción prevista para o caso das axudas por violencia de xénero) que posúan a condición de persoas galegas residentes no exterior, de acordo co establecido no parágrafo seguinte deste punto, e que o acrediten segundo o establecido no artigo 9 desta Resolución.

Para os efectos da presente convocatoria, terán a condición de persoas galegas residentes no exterior aquelas persoas emigrantes que nacesen en Galicia ou ben acrediten ter residido en Galicia de forma continuada durante dez anos con nacionalidade española, así como tamén os/as seus/súas fillos/as con dezaoito (18) anos feitos que teñan nacionalidade española e que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE).

2. Os/as netos/as de persoas emigrantes galegas, con dezaoito (18) anos feitos, que teñan a condición de persoas galegas residentes no exterior, con nacionalidade española, que se encontren vinculados/as a calquera concello galego no PERE e que acrediten un ano de residencia continuada en Galicia.

3. No caso de falecemento das persoas indicadas nos números 1 e 2, poderán ser, por unha vez, persoas beneficiarias as seguintes:

a) para as axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante, o/a seu/súa cónxuxe viúvo/a ou parella de feito ou relación análoga de afectividade ou os/as fillos/as da persoa falecida, sempre e cando non transcorresen máis de quince meses desde o pasamento e a persoa falecida fose beneficiaria nalgunha das dúas últimas convocatorias deste programa.

b) para as axudas por situacións de precariedade no seo da unidade familiar, un dos membros desa unidade familiar, sempre e cando o falecemento do solicitante se produza en data posterior ao día en que finalice o prazo para a presentación das solicitudes e anterior á formulación da proposta de resolución do programa polo órgano instrutor, e o solicite dentro dese período á Secretaría Xeral da Emigración, con indicación expresa do seu compromiso de asumir as obrigas dispostas nesta convocatoria para os beneficiarios.

4. Os/as fillos/as e netos/as de persoas emigrantes galegas deberán ter a nacionalidade española, cando menos, cun ano de antigüidade na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Coordinación Administrativa, Económica e de Programas Sociais

Servizo de Programas Sociais

Praza de Mazarelos, núm. 15

15703  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981545882/ 981547291

Email: acción.social.emigracion@xunta.gal

https://emigracion.xunta.gal

Secretaría Xeral da Emigración

Acceso exclusivamente para os centros colaboradores https://ccgg.xunta.gal/ccgg

Prazo de presentación: PECHADO

01/04/2023 00:00 - 12/05/2023 23:59

Segundo a Resolución do 25 de abril de 2023 (DOG nº 82 do 28 de abril de 2023), amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o día 12 de maio de 2023.

1. Sen prexuízo da necesidade de cumprir e acreditar os requisitos específicos que se indican para cada un dos supostos de axuda nos seguintes artigos, para acceder a estas axudas as persoas solicitantes deben reunir os requisitos xerais que se sinalan a seguir:

a) A condición de persoas beneficiarias de acordo co disposto no artigo 2.

b) Estar inscritas como residentes no Rexistro de Matrícula Consular nun país do estranxeiro en que o Estado español teña fixada unha base de cálculo para a prestación económica por razón de necesidade no ano anterior ao da convocatoria, e vivir nese país polo menos desde 3 meses antes ao día de remate do prazo de presentación das solicitudes.

c) Carecer de rendas ou ingresos suficientes.

Considerarase que existen rendas ou ingresos insuficientes cando aqueles de que dispoña a persoa solicitante ou se prevexa que vai dispoñer en cómputo anual sexan iguais ou inferiores a 1,7 veces a base de cálculo da prestación económica por razón de necesidade establecida polo Estado español para o país de residencia, nas contías que se determinen para o ano desta convocatoria.

Malia o disposto no parágrafo anterior, se a persoa solicitante carece de rendas ou ingresos suficientes segundo o previsto nel pero convive con outra ou outras persoas nunha mesma unidade económica familiar, a contía anterior virá determinada pola suma do límite máximo de ingresos persoais máis o resultado de multiplicar o 70 % da dita cifra polo número das persoas que convivan menos unha.

Para os efectos do establecido neste punto, consideraranse rendas ou ingresos computables todo tipo de rendas, mesmo as axudas públicas ou privadas, os bens ou dereitos de que dispoña anualmente a persoa beneficiaria ou a unidade económica familiar, derivados tanto do traballo coma do capital, así como calquera outro substitutivo daqueles.

d) Carecer de patrimonio suficiente.

Considerarase que existe patrimonio mobiliario suficiente cando na unidade económica familiar existan bens mobles cun valor superior ás contías previstas no punto anterior en cómputo anual. Así mesmo, considerarase que existe patrimonio inmobiliario suficiente cando o valor patrimonial ou equivalente dos inmobles, na unidade económica familiar, agás a vivenda habitual, supere en 2,5 veces as contías previstas nese punto en cómputo anual.

e) Non pertencer a organizacións, comunidades ou institucións que, polas súas regras ou estatutos, estean obrigadas a prestarlles asistencia.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase como unidade económica familiar a integrada pola persoa solicitante e, de ser o caso, polo seu cónxuxe, parella de feito ou relación análoga de afectividade, así como polos/as fillos/as e parentes por consanguinidade, afinidade ou adopción ata o segundo grao, sempre que convivan coa persoa solicitante.

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

As persoas solicitantes que non posúan certificado electrónico e así o desexen poderán dirixirse ás entidades colaboradoras que se indican a seguir, nas cales existen persoas habilitadas para o efecto para a presentación electrónica das súas solicitudes:

* En Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

* En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

* En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa solicitante lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora para que remita a súa solicitude vía electrónica, incluída no modelo normalizado de solicitude.

2. Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No caso de que a persoa solicitante estea incapacitada, a solicitude farase ao seu nome e será asinada polo seu representante legal.

Acreditación da condición de persoa galega residente no exterior.

A condición de persoa galega residente no exterior deberase acreditar mediante a presentación da seguinte documentación:

a) A nacionalidade española, mediante o pasaporte español en vigor ou certificado de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular ou outro documento xustificativo que a acredite. No documento presentado debe constar a dilixencia de inscrición no Rexistro de Matrícula Consular, agás en casos de imposibilidade de obtención.

b) A orixe galega xustificarase mediante calquera documento oficial que acredite un dos dous requisitos seguintes:

1. Nacer en Galicia ou que a última veciñanza administrativa en España fose en Galicia de forma continuada durante dez anos.

2. Ter vinculación con calquera concello galego no PERE e ser descendente ata o segundo grao de consanguinidade dunha das persoas descritas no número 1 da letra b). A vinculación cun concello galego no PERE deberá estar acreditada de forma actualizada para o ano da convocatoria e non se exixirá no caso de que a persoa solicitante estea incapacitada legalmente, sempre que a dita incapacidade impida a inscrición no dito padrón.

Documentación complementaria.

1. Para acreditar o cumprimento dos requisitos xerais, as persoas solicitantes achegarán coa solicitude, segundo o modelo do anexo I, a seguinte documentación (salvo que resultasen beneficiarias do programa en 2022, suposto en que esta poderá ser substituída, para os casos das alíneas d), e), f), g) e h), por unha declaración responsable segundo o anexo II, nos termos establecidos no artigo 69 da LPACAP):

a) Documento acreditativo da representación legal, actualizado para o ano da convocatoria, se é o caso.

b) Certificación ou xustificante acreditativo dos ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza que perciba a persoa solicitante e/ou os membros da súa unidade económica familiar ou, de non percibirse, declaración responsable da persoa solicitante de que ningún membro da súa unidade económica familiar, incluída ela, percibe ingresos, rendas ou pensións de calquera natureza.

c) No caso de que a persoa solicitante resida nun centro asistencial ou similar deberá presentar, ademais, un xustificante do custo mensual do dito centro.

d) Documentación xustificativa oficial na cal conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

De non existir no país de residencia a posibilidade de obter a documentación xustificativa oficial mencionada, abondará con presentar unha declaración responsable en que conste o valor patrimonial dos bens mobles e inmobles, agás a vivenda habitual, de que dispoñan os membros da unidade económica familiar da persoa solicitante.

e) Se é o caso, documentación que acredite a convivencia familiar.

f) O libro de familia, se procede. Na súa falta, achegarase documentación xustificativa do matrimonio, da unión de feito ou relación análoga de afectividade e do nacemento do resto de membros da unidade familiar. As relacións maritais análogas ao matrimonio terán que acreditar que levan convivindo polo menos un ano e tal circunstancia poderase probar por medio da inscrición no rexistro ou mediante constancia en documento público. No caso de teren fillos/as en común, abondará con acreditar a convivencia, segundo o que se establece na Lei 2/2006, do 14 de xuño, do dereito civil de Galicia.

g) No caso de separación legal ou divorcio, achegarase unha copia da correspondente sentenza xudicial firme ou da certificación rexistral.

h) Se presenta solicitude como emigrante galego/a ou fillo/a de emigrante galego/a (artigo 2.1) ou presenta solicitude como neto/a de emigrante galego/a (artigo 2.2):

– Pasaporte español ou outro documento de identidade en que consten os seus datos persoais e a nacionalidade española.

– Documentación acreditativa da condición de persoa galega residente no exterior, de conformidade co establecido no artigo 9: documento oficial que acredite o lugar de nacemento en Galicia; certificado de nacemento que acredite a nacionalidade española; documento oficial que acredite que a última veciñanza administrativa en España foi en Galicia de forma continuada durante dez (10) anos; certificado ou acreditación de ter un ano de residencia continuada en Galicia (neto/a).

– Documentación que acredite que é descendente ata o primeiro grao de consanguinidade (fillo/a) ou segundo grao (neto/a) de emigrante galego/a ou da persoa residente en Galicia máis de dez (10) anos.

i) Se presenta solicitude como cónxuxe viúvo/a, parella de feito ou relación análoga ou como fillos/as (no caso de falecemento do/da emigrante galego/a, do/da seu/súa fillo/a ou do/da seu/súa neto/a) (artigo 2.3.a):

– Documento público que acredite a identidade da persoa solicitante.

– Documentación acreditativa dos requisitos da persoa falecida (emigrante galego/a, fillo/a de emigrante ou neto/a galego/a).

– Certificado ou outros documentos xustificativos da filiación ou matrimonio, parella de feito coa persoa falecida.

– Certificado oficial de defunción.

j) Se é o caso, outros documentos xustificativos que fundamenten a solicitude de axuda, completen e faciliten a gradación do estado de necesidade.

2. Para os efectos de acreditar o cumprimento dos requisitos específicos dos distintos supostos de axuda, as persoas solicitantes presentarán a seguinte documentación:

2.1. Para acceder ás axudas orientadas a paliar a situación de precariedade no seo da unidade familiar do artigo 4.2: un informe social emitido por un organismo oficial de ampla traxectoria no eido asistencial ou sanitario que detalle os ingresos percibidos pola unidade familiar, describa as súas condicións de vida e conclúan cunha valoración concreta acerca da suposta situación de precariedade. Se nalgún país resulta imposible ou moi difícil dispoñer dun informe oficial dese estilo, o órgano instrutor arbitrará outro medio alternativo que permita acreditar a situación de precariedade.

2.2. Para acceder ás axudas previstas no artigo 5.1: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da dependencia ou enfermidade grave emitido polo sistema público do país de residencia, ou un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo III, expedido polos servizos médicos dun centro de saúde público oficial do país de residencia ou dunha entidade galega ou española que preste servizos na área de saúde. Será causa de exclusión a presentación de certificados médicos en modelos distintos ao normalizado do anexo III.

2.3. Para poder obter ás axudas previstas no artigo 5.2: un documento oficial en que se acredite o recoñecemento da invalidez ou enfermidade permanente, emitido polo sistema público do país de residencia ou un certificado médico segundo o modelo normalizado do anexo IV, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.

2.4. Para os casos de enfermidades crónicas previstos no artigo 5.3: un certificado médico, segundo o modelo normalizado do anexo V, nos mesmos termos que os descritos no número 2.2.

2.5. Para os casos de violencia de xénero do artigo 6: unha sentenza, orde xudicial de protección, informe do Ministerio Fiscal ou informe social emitido por un organismo oficial que acredite o padecemento da situación de violencia no ano anterior e/ou no mesmo ano da convocatoria.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que deberán ser solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria de forma presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

A falsidade ou ocultación de datos na documentación presentada para obter a axuda comportará a exclusión do proceso de valoración e, polo tanto, a imposibilidade de ser persoa beneficiaria das axudas establecidas nesta resolución.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– Padrón de españois residentes no estranxeiro.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo I e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude.

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, as persoas interesadas tamén poderán realizar os ditos trámites de xeito presencial en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (DOG nº 64 do 31 de marzo de 2023).

    • Extracto da Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (DOG nº 64 do 31 de marzo de 2023).

    • Corrección de erros. Extracto da Resolución do 22 de marzo de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e se convocan as subvencións do programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (DOG nº 71 do 13 de abril de 2023).

    • Resolución do 25 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 22 de marzo de 2023, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (DOG nº 82 do 28 de abril de 2023).

    • Extracto da Resolución do 25 de abril de 2023, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 22 de marzo de 2023, pola que se regulan e se convocan as subvencións do Programa de axudas económicas individuais para persoas residentes no exterior para o ano 2023 (DOG nº 82 do 28 de abril de 2023).

Outros procedementos relacionados

PR905A

Axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 20/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR935A

Axudas de emerxencia social.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/03/2025 00:00 - 06/10/2025 23:59

PR937A

Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes galegas retornadas na Comunidade Autónoma galega

Tramitar en liña

Prazo aberto: 07/02/2025 00:00 - 30/09/2025 23:59

PR940A

Recoñecemento/adaptación á Lei 7/2013 da galeguidade.

Aberto todo o ano