Guía de procedementos e servizos

PR924C

Subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás comunidades galegas no exterior.

Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Cidadáns

Convocatoria 2025 - Prazo pechado: 29/01/2025 00:00 - 14/03/2025 23:59

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Establecer as bases que regularán o procedemento de concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, ás entidades galegas no exterior, para a realización dos seguintes programas:

Programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural.

Programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable.

Así mesmo, esta resolución ten por obxecto convocar as devanditas subvencións para o ano 2025.

Poderán ser beneficiarias das subvencións establecidas para estes programas as entidades galegas inscritas no Rexistro da Galeguidade en calquera das categorías que figuran da Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade. No caso de federacións de comunidades e/ou entidades deben contar con local social diferenciado do das entidades asociadas.

Xunta de Galicia

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

Secretaría Xeral da Emigración

Subdirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas

Servizo de Promoción das Entidades Galegas

Praza de Mazarelos, nº 15

15704  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981957160/ 981545833

Fax: 981957179

Email: emigracion.subvencions@xunta.es

Secretaría Xeral da Emigración

Prazo de presentación: PECHADO

29/01/2025 00:00 - 14/03/2025 23:59

De conformidade coa Resolución do 26 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración (DOG nº 40 do 27 de febreiro de 2025), amplíase o prazo de presentación de solicitudes ata o 14 de marzo de 2025, inclusive.

Para os efectos do previsto no artigo 10.2.f) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dada a natureza das subvencións reguladas na presente convocatoria e que as beneficiarias son entidades galegas sen fin de lucro, quedan exceptuadas da prohibición de recibir as ditas axudas as entidades que teñan a residencia fiscal nos territorios identificados regulamentariamente como paraísos fiscais, sempre que acrediten o cumprimento dos requisitos exixidos para acceder á condición de beneficiarias da subvención de que se trate.

Forma e lugar de presentación das solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude de xeito presencial, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Excepcionalmente, as entidades con sede en América do Sur poderán dirixirse ás delegacións da Xunta de Galicia en Bos Aires (A Arxentina) e en Montevideo (O Uruguai) ou a unha entidade colaboradora das que se indican a seguir para a presentación electrónica da súa solicitude:

• No Brasil:

– Peña Galega da Casa de España de Río de Janeiro.

– Sociedade Española de Río de Janeiro.

– Sociedade Hispano-Brasileira de Socorros Mutuos e Instrución de São Paulo.

– Sociedade de Socorros Mutuos e Beneficencia Rosalía de Castro en Santos.

– Asociación Cultural Hispano-Galega Cabaleiros de Santiago en Salvador de Bahía.

• En Cuba:

– Federación de Sociedades Galegas na Habana.

• En Venezuela:

– Irmandade Galega de Venezuela en Caracas.

A utilización desta vía requirirá unha autorización que a persoa que posúe a representación legal da entidade lle outorga á persoa responsable da entidade colaboradora ou da delegación da Xunta de Galicia para que remita a súa solicitude vía electrónica.

3. As entidades só poderán presentar a solicitude para un dos dous programas previstos no artigo 1 desta resolución, agás nos casos das resultantes de procesos de unión ou fusión que estivesen finalizados na data de remate de prazo de presentación de solicitude, ou cando pediran a través do programa B para a adquisición das aplicacións informáticas ás que se refire o artigo 29.b) desta convocatoria; nestes casos, o importe máximo da suma das axudas que se concedan nos dous programas será inferior a 30.000 €, sen que superen os límites establecidos para cada un no artigo 4.

4. Os importes dos orzamentos e da distribución do seu financiamento que se fagan constar nas solicitudes (anexo I) deberán figurar en euros. Cando se presenten orzamentos en moeda distinta ao euro aplicaráselle o cambio de compra vixente o día da publicación da convocatoria.

Documentación complementaria.

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Documentación común aos dous programas:

1º. Certificado de residencia fiscal para as entidades solicitantes que non teñan a súa residencia fiscal en territorio español, emitido en 2025 polas autoridades competentes do seu país de residencia.

2º. Declaración na que conste que a entidade solicitante se atopa ao día nas súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e de Seguridade Social, e que non ten débedas pendentes coa Comunidade Autónoma de Galicia, incluída no anexo I desta resolución.

b) Documentación específica para o programa A. Axudas para obras, adquisición de instalacións e conservación do patrimonio cultural:

1º. Memoria descritiva das obras que se vaian realizar. Detallaranse polo miúdo as obras proxectadas, a situación xurídica das instalacións (en propiedade, aluguer, cesión ou outros) e os motivos e finalidades que xustifiquen a súa realización, e, sempre que sexa posible, incluiranse fotografías que permitan unha mellor identificación da obra que se vai executar.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas nos que se detalle o custo das obras referidas na memoria para as que se solicita a subvención. O importe máximo dos investimentos non poderá superar a contía prevista na convocatoria. No caso de que o proxecto presentado superase ese importe, non se terá en conta o exceso.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 40.000 € nalgunha das obras deberanse achegar tres orzamentos de diferentes empresas, salvo que polas especiais características dos gastos non exista no mercado número abondo de entidades que subministren ou presten os investimentos proxectados, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberase achegar unha memoria que xustifique tal decisión.

4º. No caso de adquisición da sede social, de instalacións ou de créditos, memoria xustificativa, copia da escritura pública da adquisición e/ou copia do contrato do crédito concertado xunto co cadro de amortización.

5º. No caso de restauracións, memoria xustificativa, informe asinado por persoal técnico competente que inclúa o diagnóstico sobre o estado de conservación da obra ou documento, fondo ou colección que se vai restaurar, así como a súa necesidade de restauración e a correspondente proposta de intervención e o seu valor histórico, artístico, bibliográfico ou documental e orzamento detallado do custo da restauración.

6º. No caso de non ser propietarias das instalacións da sede social, documento de cesión de uso ou copia do contrato oficial vixente de aluguer do local que sirva de sede habitual e permanente da entidade solicitante, a non ser que xa conste copia na Secretaría Xeral da Emigración, e se faga constar así expresamente. Na documentación achegada debe constar a data do seu vencemento e que o local alugado ou cedido é a sede social da entidade.

c) Documentación específica para o programa B. Axudas para a mellora de dotacións e equipamentos de carácter inventariable:

1º. Memoria descritiva dos equipamentos que se pretenden adquirir, na que consten os motivos e/ou necesidade da adquisición e a súa finalidade que deberá constar entre as regulamentarias da sociedade.

2º. Orzamento ou orzamentos realizados por empresas provedoras nos que se detalle o custo dos equipamentos para os que se solicita a subvención.

3º. Cando o importe dun proxecto de investimento subvencionable sexa igual ou superior a 15.000 € nalgún dos equipamentos, deberanse achegar tres orzamentos de diferentes provedores, referidos a cada un dos equipamentos que superen o dito importe, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado número abondo de entidades que subministren os equipamentos, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. No suposto de que a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa de entre as ofertas presentadas, deberá achegarse unha memoria que xustifique tal decisión.

Todas as solicitudes poderán ir acompañadas de calquera outra documentación complementaria que se considere adecuada para unha mellor valoración (informes, memorias, fotografías, etc.).

Cando os documentos achegados ao expediente polas entidades solicitantes estean redactados nun idioma distinto do galego ou do castelán, deberase presentar tradución a calquera destes idiomas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola entidade interesada ante calquera Administración. Neste caso, a entidade interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados de xeito electrónico a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da entidade interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á entidade interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse de xeito electrónico.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria de xeito presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. A solicitude e a documentación complementaria que se presente deberá ser asinada polo/a presidente/a ou polo/a representante legal da entidade solicitante.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a entidade interesada se opoña á súa consulta:

a) Datos incluídos no Rexistro da Galeguidade previsto na Lei 7/2013, do 13 de xuño.

b) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da entidade interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as entidades deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da entidade interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Cinco meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Resolución do 27 de decembro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2025).

    • Extracto da Resolución do 27 de decembro de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 18 do 28 de xaneiro de 2025).

    • Resolución do 26 de febreiro de 2025, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se amplía o prazo de presentación de solicitudes da Resolución do 27 de decembro de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións correspondentes aos programas de apoio infraestrutural e adquisición de equipamentos ás entidades galegas no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 40 do 27 de febreiro de 2025).

Outros procedementos relacionados

BS103D

Autorización para a creación /construción de centros de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103E

Autorización de inicio de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103F

Autorización de cesamento de actividades de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

BS103K

Autorización de modificación substancial de centros e programas de servizos sociais.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano