Guía de procedementos e servizos

PR809A

Bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Procedemento dirixido a: Cidadáns

Convocatoria 2024 - Prazo pechado: 11/05/2024 00:00 - 10/06/2024 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Estas bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, teñen por finalidade complementar a formación académica das persoas tituladas universitarias con estadías na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou nas Oficinas da Cooperación Española (OCE)  dependentes da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento, de acordo co previsto no convenio subscrito entre esta Axencia e a Xunta de Galicia.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Persoas expertas en cooperación internacional.

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Subdirección Xeral de Cooperación Exterior

Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación ao Desenvolvemento

Rúa do Horreo, nº 62

15701  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981541021

Email: cooperacion.exterior@xunta.gal

Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea

Prazo de presentación: PECHADO

11/05/2024 00:00 - 10/06/2024 23:59

O prazo para a presentación da solicitude e da documentación requirida na base cuarta será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter veciñanza administrativa en Galicia.

b) Estar en posesión dun título universitario oficial de grao, licenciatura, diplomatura, arquitectura, enxeñaría ou equivalente. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os ditos estudos no ano 2015 ou posterior.

c) Non ter desfrutado anteriormente doutra bolsa de formación no eido da cooperación para o desenvolvemento da Xunta de Galicia, excepto que nalgunha convocatoria anterior fose chamado da lista de reserva e desfrutase da bolsa por un período de tempo non superior a tres (3) meses.

d) Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa, calquera que sexa esta ou, no caso de ter emprego remunerado ou desfrutar doutra bolsa, presentar un compromiso expreso de renunciar a eles con anterioridade á aceptación da bolsa.

e) Non padecer enfermidade nin estar afectadas por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas para as cales se convocan as bolsas.

f) Non estar incursas en ningunha das prohibicións para obter a condición de persoa beneficiaria sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 xuño).

Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado, anexo II, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

Debido á capacidade técnica das persoas beneficiarias desta bolsa, que deben reunir a condición de tituladas universitarias, considérase que teñen acceso e dispoñibilidade suficiente dos medios electrónicos necesarios para realizar todos os trámites electronicamente neste procedemento, de acordo co establecido no artigo 14.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que a persoa solicitante actúe por medio de representante, deberá acreditar a representación por calquera medio válido en dereito. Na sede electrónica está dispoñible un modelo xenérico de representación.

Documentación complementaria.

1. As persoas solicitantes deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de presentar un título estranxeiro, validación pola Administración educativa española. De non se achegar esta validación en España, estes títulos non serán tidos en conta no proceso de valoración.

b) Na falta do título universitario, xustificación do pagamento dos dereitos de expedición da titulación correspondente.

c) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario establecido como requisito na base segunda. Deberase presentar certificación expedida pola universidade correspondente, na cal necesariamente deberá incluír a nota media simple obtida.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante, xunto coa documentación acreditativa dos méritos alegados. Os méritos que non estean acreditados documentalmente, de acordo co sinalado na base décima, non serán tidos en conta, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base oitava.

e) Memoria sobre a materia de cooperación para o desenvolvemento, a acción humanitaria e/ou o sistema galego de cooperación, na cal a persoa solicitante expoña os seus coñecementos e intereses neses ámbitos. A dita memoria deberá ter no seu corpo de texto unha letra de tamaño 12 puntos, cun interliñado de espazo e medio ou dobre espazo, e unha extensión total mínima de dez páxinas, excluída a portada. A non presentación desta memoria suporá a exclusión da persoa candidata, sen que proceda facer o requirimento a que se refire o punto dous da base oitava.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Os documentos presentados en lingua distinta ao español, galego, inglés, francés ou portugués deberán ir acompañados dunha tradución xurada.

Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante.

• NIF da entidade representante.

• Datos de residencia da persoa solicitante con data da última variación do padrón.

• Titulación oficial universitaria.

• Certificado do Celga 4, Celga 3 ou equivalente, só no caso de estaren expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

• Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias á AEAT.

• Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

• Certificado de estar ao día no pagamento das débedas á Administración pública da Comunidade Autónoma.

• Inhabilitación para obter subvencións e axudas.

• Concesión de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Prazo de resolución:

Catro meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 91 do 10 de maio de 2024).

    • Extracto da Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 91 do 10 de maio de 2024).

    • Resolución do 21 de novembro de 2024, da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, pola que se fan públicas as bolsas concedidas ao abeiro da Orde do 29 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas para a formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (DOG nº 231 do 29 de novembro de 2024).

Outros procedementos relacionados

PR804B

Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 08/05/2025 00:00 - 09/06/2025 23:59

PR805A

Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805B

Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

PR805C

Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano