Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR804B
Axudas ás ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
A regulación da concesión de subvencións para a realización de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que vai executar individualmente algunha das entidades recoñecidas como axentes de cooperación para o desenvolvemento pola Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia.
– As organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Os outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento que estean inscritos na sección D do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Servizo de Fomento da Cooperación ao Desenvolvemento
Rúa do Hórreo, nº 61 - 2º andar
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Fax: 981541003
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
08/05/2025 00:00 - 09/06/2025 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:
1. Requisitos das entidades solicitantes:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, na sección A: organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, e na sección D: outros axentes sociais ou entidades que teñan entre os seus fins a realización de actividades de cooperación para o desenvolvemento.
b) Que non recibisen ningunha subvención nas convocatorias para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que van desenvolver os axentes de cooperación ao desenvolvemento (código de procedemento PR803D) nos últimos cinco anos.
c) Que, durante os tres anos anteriores, a suma das subvencións recibidas a través da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID), as administracións das comunidades autónomas e administracións locais do Estado español non supere anualmente os 200.000 euros.
d) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Cada entidade solicitante só poderá presentar un microproxecto.
2. Requisitos dos microproxectos:
a) Que non se iniciase a execución do microproxecto antes do 1 de xaneiro de 2025 e que estea finalizada antes do 31 de decembro de 2025.
b) Que se identifiquen as contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do microproxecto e na xestión dos recursos, e que conste expresamente o seu compromiso no proxecto. Non terán a consideración de contrapartes ou socios locais as delegacións de entidades españolas distintas da entidade solicitante, aínda que estean legalizadas no país de execución do proxecto. As contrapartes ou socios locais deben estar legalmente constituídos e inscritos no rexistro correspondente no país de intervención, de ser o caso, con anterioridade á publicación desta convocatoria.
c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regrada ou a investigación oficial.
d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e das liberdades das poboacións beneficiarias, é dicir, que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto, que non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe, que fomente a igualdade entre homes e mulleres e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.
e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e dos intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das fendas de xénero, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.
f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte ou socio local, co fin de asegurar a súa viabilidade.
g) O orzamento dos microproxectos deberá cumprir co que establece o artigo 8. Gastos do microproxecto; desta convocatoria, en especial, o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
h) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados a esta convocatoria.
Solicitudes.
1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades solicitantes só poderán presentar un microproxecto individual.
Documentación complementaria.
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante.
a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, no caso de dispoñer delas.
b) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos, no caso de dispoñer dela, xunto co anexo III de proxectos de cooperación exterior subvencionados nos tres últimos anos pola AECID e a cooperación descentralizada. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio local.
c) Planificación/estratexia de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos, na cal se enmarca o proxecto presentado, no caso de dispoñer dela.
Carpeta 2: información relativa á contraparte ou socio local (no caso de seren varias entidades, deberase achegar de cada unha delas).
a) Carta de compromiso de participación no microproxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que exerza a representación legal da entidade.
b) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.
c) Declaración da persoa que exerza a representación legal da entidade, en que se especifiquen a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade, o seu organigrama e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.
d) Copia dos estatutos da entidade.
e) Copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local.
f) Copia do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.
g) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade, no caso de dispoñer delas.
h) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos, no caso de dispoñer dela. Recoméndase achegar unha listaxe dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo en anos anteriores, financiados por entidades públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona e sector do proxecto que se presenta, coas mesmas persoas destinatarias e co mesmo socio.
i) Planificación/estratexia da entidade para os seguintes anos, en que se enmarca o microproxecto presentado, no caso de dispoñer dela.
j) No caso de que a contraparte ou socio local sexa unha Administración, universidade ou outra entidade pública, deberá presentar:
– Carta de compromiso de participación.
– Copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que exerza actualmente a representación legal. Esta documentación será coincidente coas sinaturas do resto dos documentos relacionados nesta epígrafe.
– Memorias, informes, plans, estratexia e/ou relación de proxectos ou actividades de cooperación para o desenvolvemento e outros traballos relacionados co microproxecto presentado, en caso de dispoñer delas.
Carpeta 3: información relativa ao microproxecto de desenvolvemento.
A información sobre o microproxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que se poderán descargar da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/:
– Formulario de presentación do proxecto, en formato pdf ou Word.
– Orzamento do proxecto, en formato Excel.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do microproxecto se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 10 desta orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 3.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou o seu representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos.
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente da entidade solicitante os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no anexo II e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Solicitude de pagamento do anticipo (Anexo IV)
- Presentación da xustificación final (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 21 de abril de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 86 do 7 de maio de 2025).
-
Extracto da Orde do 21 de abril de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 86 do 7 de maio de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro, modificación de datos ou baixa dunha persoa intermediaria de crédito inmobiliario presentada por unha persoa prestamista única.
Aberto todo o ano
Inscrición, modificación de datos ou baixa no rexistro de persoas representantes designadas por unha persoa intermediaria de crédito inmobiliario.
Aberto todo o ano
Recoñecemento e inscrición no rexistro dunha persoa prestamista inmobiliaria, modificación de datos ou baixa.
Aberto todo o ano