Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR804A
Axudas ás ONGD para execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais, Entidades locais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Concesión de subvencións para a realización de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento nalgunha das catro dimensións seguintes (código de procedemento administrativo PR804A):
a) Sensibilización e concienciación da opinión pública en materia de cooperación para o desenvolvemento e causas da pobreza.
b) Formación sobre o desenvolvemento e difusión nos ámbitos educativos do coñecemento da realidade dos países empobrecidos e da cooperación para o desenvolvemento.
c) Investigación sobre o desenvolvemento.
d) Incidencia, participación e mobilización social para crear redes de solidariedade na nosa sociedade.
As entidades beneficiarias da concesión de subvencións serán as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento que estean inscritas na sección A do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e as agrupacións lideradas por ONGD cos outros axentes de cooperación definidos na lexislación vixente de cooperación para o desenvolvemento.
Non se considerará agrupación de entidades a aquela que estea formada por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita organización, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do proxecto, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Servizo de Fomento da Cooperación ao Desenvolvemento
Hórreo 61 2º
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Fax: 881999029
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
20/06/2025 00:00 - 21/07/2025 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran algún dos requisitos seguintes:
1. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e/ou agrupadas:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, un ano de antelación ao día de publicación da convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral da Emigración e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.
b) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia para as anualidades de 2023 e anteriores doutros proxectos en materia de educación para o desenvolvemento antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso nos casos nos que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
c) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Requisitos dos proxectos:
a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2025, sendo necesario que o seu inicio sexa no propio ano 2025. Nos supostos nos que o proxecto teña carácter anual, deberá executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano de concesión da subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, deberán executarse, como máximo, ata o 30 de decembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.
b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo fóra de Galicia (resto de España, Europa e países prioritarios) sempre que os gastos destas actividades sexan realizados para achegar ás intervencións información e perspectiva dos países do sur e/ou a participación en redes.
c) O orzamento dos proxectos deberá cumprir co que establece o artigo 9. Gastos do proxecto desta convocatoria, en especial, o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
d) O cofinanciamento do proxecto correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, ten que existir nalgún caso achega financeira ao proxecto.
e) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.
Solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos, ben sexan individuais ou ben en agrupación con outras entidades.
Os proxectos presentados por unha agrupación de entidades contan como un proxecto presentado por cada unha das entidades agrupadas. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento ou entidade dependente.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación:
Carpeta 1: información relativa á entidade solicitante que, en caso de agrupación de entidades, se deberá xuntar de cada unha das agrupadas.
a) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades no caso das agrupacións de entidades.
b) Memoria da organización en Galicia na que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención aos proxectos de educación para o desenvolvemento realizados, así como aos proxectos levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas.
c) Plan/estratexia de educación para o desenvolvemento en Galicia e/ou plan/estratexia específica nas áreas de educación, formación, sensibilización, investigación, ou incidencia e mobilización social da organización en Galicia para os seguintes anos na que se enmarca o proxecto presentado ou, no seu caso, o Plan continuo de mellora ou de fortalecemento da entidade.
d) A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberán xuntar unha declaración de que se atopa ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e non estar incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.
e) No caso de agrupación de entidades deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que ostenten a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que ostente a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:
– Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias para executar por cada unha delas en cada anualidade.
– Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado do proxecto e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos do proxecto.
A agrupación non poderá disolverse, con respecto ás responsabilidades adquiridas da axuda concedida polo proxecto subvencionado pola presente convocatoria, ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do proxecto. No caso das universidades o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.
f) No caso de agrupación de entidades na que participen as universidades, estas incluirán unha certificación, expedida pola persoa que ostente a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a participación no proxecto e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.
g) No caso de agrupación de entidades na que participen os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación. O devandito documento estará asinado pola persoa que ostente a representación legal da entidade.
Carpeta 2: información sobre o proxecto de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.
A información sobre o proxecto presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega https://cooperacion.xunta.gal/
– Formulario de presentación do proxecto, en formato PDF, Word/ou o correspondente en Libreoffice.
– Orzamento do proxecto, en formato Excel/ ou o correspondente en Libreoffice.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/o información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirán a avaliación do proxecto se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 da presente orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato os documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2 non incorporados coa solicitude inicial.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/s entidade/s agrupada/s no seu caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante e agrupada, se é o caso.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día do pagamento das obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Concesión de subvencións e axudas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 30 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa/s en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento, e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro, declaración que se considerará suficiente para os efectos de concesión e pagamento da subvención, se é o caso.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar logo da presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaración artigo 10 Lei de Subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante - xustificación (Anexo III)
- Xustificación económica e de resultados (Anexo VII)
- Xustificación técnica final (Anexo VI)
- Xustificación da 1ª anualidade (Anexo V)
- Solicitude de pagamento anticipo (Anexo IV)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 5 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 116 do 19 de xuño de 2025).
-
Extracto da Orde do 5 de xuño de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (DOG nº 116 do 19 de xuño de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Inscricións no Rexistro de Asociacións.
Aberto todo o ano
Declaración de utilidade pública de asociacións e presentación de contas.
Aberto todo o ano
Inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego
Aberto todo o ano
Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.
Aberto todo o ano