Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR803E
Axudas para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que excutarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong, Empresas e profesionais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
A concesión de subvencións para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social a executar polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, ben individualmente ou ben mediante unha agrupación de entidades.
Os programas son instrumentos que pretenden aumentar o impacto das accións que desenvolven no exterior ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento, a través de accións complementarias a estas no territorio galego e cun horizonte temporal máis amplo.
1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que estean inscritas na sección A, Organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento, do Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento e que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de cooperación para o desenvolvemento no exterior e que demostren contrastada experiencia neste sector.
No caso das entidades agrupadas, estas deberán estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación en calquera dos seus puntos, agás aquelas entidades que, sendo axentes de cooperación segundo o disposto na Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia, estean excluídas da dita obriga.
2. Non se considerará agrupación de entidades a aquelas que estean formadas por unha asociación ou federación á que pertenza a devandita entidade, ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas. Así mesmo, non terá a condición de entidade agrupada aquela que non participe economicamente na xestión do programa, ben con cargo á subvención ou ben con achegas propias.
3. Poderanse incorporar como aliadas outras entidades legalmente establecidas que participen de forma activa no programa, sexan ou non axentes de cooperación. Estas non poderán ter a condición de entidade solicitante ou agrupada, aínda que poderán formar parte do acordo de agrupación como entidades aliadas. Estas aliadas poderán imputar gasto na medida da súa participación na intervención, pero non xestionar parte da subvención, agás o previsto no segundo parágrafo do artigo 9.1. 2º f).
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea
Subdirección Xeral de Cooperación Exterior
Servizo de Fomento da Cooperación ao Desenvolvemento
Rú do Horreo, 61, 2º
15701 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981541015
Email: cooperacion.exterior@xunta.gal
Prazo de presentación: ABERTO
26/05/2026 00:00 - 25/06/2026 23:59
As solicitudes poderán presentarse no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Non pasarán á fase de valoración as solicitudes presentadas que non cumpran os requisitos seguintes:
1. Requisitos das entidades solicitantes e agrupadas:
a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento con, polo menos, cinco anos de antelación á data da publicación desta convocatoria. As comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas, dependente da Secretaría Xeral da Emigración, e as universidades quedan exentas de cumprir este requisito.
b) Ter realizado nos últimos sete anos un mínimo de cinco proxectos financiados con cargo á convocatoria de proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento (código de procedemento PR804A) ou por outras convocatorias de administracións públicas do estado español de similar natureza.
c) Ter correctamente xustificadas as axudas recibidas por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento para a anualidade 2024 e anteriores antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, agás no caso de ter concedida a oportuna ampliación do prazo de xustificación. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as entidades beneficiarias de axudas económicas, recaese unha resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.
d) Non estar incursa/s en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
e) Contar, a lo menos, cunha persoa contratada en Galicia durante os últimos 5 anos contados desde a data da publicación desta convocatoria. Entenderase por persoal contratado aquel vinculado por contrato laboral por conta allea coa entidade solicitante ou agrupada.
2. Requisitos dos programas:
a) Non estar iniciada a súa execución con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026. Os programas terán unha duración mínima de 25 meses e máxima de 36 meses, debendo estar executada en todo caso a totalidade do programa antes do 31 de decembro de 2028.
b) Que se leven a cabo no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, os proxectos poderán considerar traballo e gastos fóra de Galicia necesarios para a realización das intervencións que inclúan a participación de actores dos países do sur ou a participación en redes.
c) Nos proxectos que impliquen intervención nas aulas dos centros educativos de ensinanza obrigatoria, será necesario contar con documentación que demostre o coñecemento previo da proposta pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional ou os seus centros educativos.
d) O orzamento deberá cumprir co que establece o artigo 9, «gastos subvencionables», desta convocatoria, en especial o relativo aos límites máximos establecidos nalgunha das partidas e a imputación adecuada dos gastos.
e) O cofinanciamento correspondente á entidade solicitante e a outros financiadores diferentes á Xunta de Galicia non pode ser o 100 % valorizado, tendo que existir nalgún caso achega financeira ao programa.
f) O emprego dos documentos de formulación normalizados (tanto o técnico como o económico) adaptados á presente convocatoria.
3. Requisitos específicos para os programas da liña de acción de programas de innovación e comunicación social:
a) Incorporar significativamente en calidade de aliados e/ou destinatarios a axentes non tradicionais como centros tecnolóxicos, colexios profesionais, movementos sociais (feminista, ecoloxista, internacionalista...), organizacións culturais, deportivas, de lecer, de mocidade, de dereitos humanos, diversidade sexual, ambientais, organizacións de persoas migrantes, medios de comunicación, sector produtivo social e universidades, entre outros das mesmas características.
b) Ter intervencións de cooperación no exterior, incluíndo a acción humanitaria, en cinco programas ou proxectos
Solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades poderán presentar un programa, como máximo, independentemente da súa condición de entidade solicitante ou agrupada. Polo que respecta ás universidades, esta limitación aplicarase por departamento.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo II), a seguinte documentación:
Carpeta 1: Información relativa á entidade solicitante. No caso de agrupación de entidades deberase achegar tamén de cada unha das entidades agrupadas.
a) Copia das contas anuais da entidade das dúas últimas liquidacións do orzamento rendidas e aprobadas polo órgano competente da entidade, con excepción das universidades.
b) Memoria da organización en que se inclúan as accións nos últimos dous anos.
c) Listaxe dos proxectos de educación para o desenvolvemento e a cidadanía global (código de procedemento PR804A) e, aqueloutros financiados por entidades públicas ou privadas nos últimos sete anos da mesma natureza. No caso de que a resolución sexa doutras administracións públicas ou entidades privadas, deberán achegarse as correspondentes resolucións de concesión.
d) Planificación/estratexia de Educación para a Cidadanía Global (ECG) e/ou de cooperación para o desenvolvemento da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o programa presentado. No caso de empresas ou agrupacións empresariais deberán incluír, de ser posible, o plan de responsabilidade social corporativa en que se insire o programa.
e) Contrato/s laboral/ais da persoa contratada en Galicia durante os últimos 5 anos, para os efectos do disposto na base 4.1.e).
f) No caso de agrupación de entidades, deberá xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que teñan a representación legal das entidades polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do programa e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.
No contrato ou acordo de colaboración entre as entidades agrupadas designarán unha persoa que teña a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberán facer constar, como mínimo, os seguintes aspectos:
Compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como os importes da subvención e as achegas propias que executará cada unha delas en cada anualidade.
Compromiso da entidade solicitante de responsabilizarse do control financeiro e contable unificado e de comunicación perante a Xunta de Galicia de todos os ingresos e gastos.
A/as entidade/s agrupada/s distinta/s da solicitante deberá/n xuntar unha declaración de que se atopa/n ao día nas súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e coas obrigas de reintegro de subvencións e de que non está/n incursa/s en ningunha das restantes circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo o modelo do anexo III.
A agrupación non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a finalización da execución do programa. No caso das universidades, o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado pola persoa que teña a súa representación legal.
g) En caso de establecemento de alianzas, deberá facerse constar o compromiso das entidades aliadas co desenvolvemento do programa.
h) Os axentes de cooperación que, pola súa natureza xurídica, posúan ánimo de lucro achegarán un documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo o establecido no artigo 97.2 da Lei 10/2021, do 9 de marzo, reguladora da acción exterior e da cooperación para o desenvolvemento de Galicia. O devandito documento estará asinado pola persoa que teña a representación legal da entidade.
i) As universidades incluirán unha certificación, expedida pola persoa que teña a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a presentación do programa á convocatoria e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.
j) Documento de comunicación previa á Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, da execución do proxecto nas aulas dos centros educativos de ensinanza obrigatoria, segundo o disposto no punto 4.2.c).
Carpeta 2: Información relativa ao programa.
A información presentarase nos seguintes documentos normalizados que poderán descargarse da páxina web da Cooperación Galega, https://cooperacion.xunta.gal/:
– Formulario de presentación do programa, en formato PDF, Word ou o correspondente en libre Office.
– Orzamento do programa, en formato Excel ou o correspondente en libre Office.
Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico cooperacion.exterior@xunta.gal
2. A falta de documentación e/ou información nalgunha das carpetas 1 e 2 impedirán a avaliación do programa se non se emenda dentro do prazo establecido no artigo 11 da presente orde. Quedará excluído de emenda o non envío ou envío noutro formato dos documentos normalizados de formulación técnica e económica da carpeta 2.
3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número do expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
Para a tramitación deste procedemento poderán consultarse automaticamente, tanto da entidade solicitante como da/das entidade/s agrupada/s, de ser o caso, os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
– NIF da entidade solicitante.
– NIF da entidade agrupada, de ser o caso.
– DNI ou NIE da persoa representante.
– Certificado da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias para a solicitude de axudas e subvencións.
– Certificado da Tesouraría Xeral da Seguridade Social de estar ao día nos pagamentos.
– Certificación da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia de non ter débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
– Vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
– Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
– Comprobación de subvencións e axudas públicas concedidas.
No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo II e III, de ser o caso, e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Non obstante o anterior, e en aplicación do establecido no artigo 31.7.i) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da anterior, no caso de entidades sen fins lucrativos, bastará coa declaración responsable da persoa solicitante de non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na súa normativa de desenvolvemento e no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, para acreditar atoparse ao día nas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro; declaración que se considerará suficiente para os efectos da concesión e pagamento da subvención, de ser o caso.
Trámites administrativos posteriores
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Presentación da xustificación económica e de resultados final (Anexo VIII)
- Declaración artigo 10 lei de subvencións para entidades agrupadas distintas da solicitante (Anexo III) (Xustificación)
- Solicitude de pagamento do anticipo da 2ª/3ª anualidade (Anexo VI)
- Solicitude de pagamento do anticipo da 1ª anualidade (Anexo IV)
- Presentación da xustificación técnica final (Anexo VII)
- Presentación da xustificación da 1º/2ª anualidade (Anexo V)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 11 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 95 do 25 de Maio de 2026).
-
Extracto da Orde do 11 de maio de 2026 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de programas de educación transformadora e de innovación e comunicación social que executarán as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (DOG nº 95 do 25 de Maio de 2026).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no rexistro galego de axentes de cooperación para o desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Modificación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.
Aberto todo o ano
Axudas aos axentes de cooperación para execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior.
Prazo pechado: 06/02/2026 00:00 - 05/03/2026 23:59