Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR487A
Subvencións en réxime de concorrencia competitiva dentro do plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia.
Procedemento dirixido a: Asociacións e ong
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto o outorgamento de axudas específicas para investimentos destinadas ás entidades a que se refire o número 3 deste artigo, coa finalidade de contribuír a mellorar a calidade da vida local e fomentar e dinamizar o asociacionismo veciñal (código de procedemento PR487A).
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, mediante a comparación das solicitudes presentadas segundo os criterios de valoración establecidos no artigo 10, co fin de establecer unha prelación entre elas.
Adxudicaráselles a subvención a aquelas entidades que obteñan a máxima puntuación, sen superar, en ningún caso, o importe da dotación orzamentaria fixada no artigo 2 destas bases reguladoras.
Poderán ser beneficiarias das subvencións convocadas as asociacións de veciños, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas debidamente inscritas no rexistro público correspondente e asociacións de mulleres rurais de Galicia (en diante, entidades), para realizar investimentos, tanto de obra como de equipamentos, en inmobles da súa titularidade ou dos cales lles corresponda o dereito de uso, e traídas de auga veciñais, coa finalidade de mellorar a calidade de vida local e fomentar e dinamizar a participación veciñal e a cohesión social, contribuíndo deste xeito a satisfacer as necesidades e aspiracións da veciñanza.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
R/ Madrid, 2-4 (Fontiñas)
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546579
Fax: 981546569
Email: administracionlocal@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
18/01/2023 00:00 - 17/02/2023 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.
1. As entidades deberán estar, en todo caso, debidamente inscritas no correspondente Rexistro de Asociacións da Comunidade Autónoma de Galicia (central ou provincial), dependentes da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, e conter na súa denominación a identificación como asociación de veciños, federación, confederación ou unión de asociacións de veciños ou como asociación de mulleres rurais, segundo o caso.
2. As comunidades de usuarios de augas deberán estar legalmente constituídas e inscritas no libro do Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía como titulares do aproveitamento de augas para o cal solicitan subvención.
3. Non se admitirán as solicitudes das entidades non inscritas na data en que remate o prazo de solicitudes.
Forma de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. As entidades que presenten solicitude para obras e para equipamentos poderán formular unha única solicitude á cal lle xuntarán a documentación complementaria que se relaciona no artigo 5.
Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria da entidade solicitante no modelo do anexo II, en que faga constar:
– O acordo do órgano competente da entidade solicitante polo cal se aproba participar nesta convocatoria de subvencións e do nomeamento da persoa representante para as súas relacións coa Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
– O número de membros da entidade: número de persoas asociadas (asociacións veciñais e asociacións de mulleres rurais) ou número de persoas comuneiras (comunidades de usuarios de augas).
b) Memoria valorada das obras para as cales solicitan subvención (liña 1), que estará asinada electronicamente pola persoa representante da entidade, co seguinte contido mínimo para posibilitar a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 10:
– Memoria descritiva das obras que inclúa a explicación da necesidade do proxecto, os obxectivos que pretenden conseguir coa súa execución e a data de construción do inmoble ou da traída, segundo proceda.
– Planos e/ou fotografías que evidencien a situación da instalación antes da execución da obra.
– Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación.
No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.
c) Nas solicitudes para equipamento (liña 2), presentarase unha memoria valorada co contido mínimo necesario para a valoración da solicitude con relación aos criterios establecidos no artigo 10 destas bases:
– Relación do equipamento ou mobiliario que se vai adquirir.
– Necesidade da adquisición deste equipamento ou mobiliario e obxectivos que se pretenden conseguir con estas dotacións.
– Fotografías do inmoble que se vai equipar ou amoblar.
– Orzamento detallado, que describirá con claridade os conceptos e cantidades e o seu prezo unitario, e incluirá o imposto sobre o valor engadido (IVE) que sexa de aplicación.
– No caso de que o IVE sexa deducible, deberá indicarse expresamente.
d) Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante da entidade para facer constar que:
– A entidade solicitante non está incursa en causas de incompatibilidade para percibir subvencións da Administración pública e de aceptación das bases da convocatoria.
– O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas que financien o investimento que se vai subvencionar e compromiso de comunicarlle á Dirección Xeral de Administración Local as que obteñan nun futuro.
– A entidade solicitante coñece e acepta as bases reguladoras da subvención.
– A entidade solicitante posúe a titularidade ou ten dereito de uso por calquera título válido sobre os terreos ou inmobles nos cales se vai desenvolver o proxecto subvencionado.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no punto anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Comprobación de datos
1. Para tramitar este procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificación de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.
b) Certificación de estar ao día nas obrigas fronte á Seguridade Social.
c) Certificado de non ter pendente de pagamento ningunha débeda coa Facenda da Comunidade Autónoma.
d) NIF da entidade solicitante.
e) Inscrición da entidade no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.
f) Inscrición no Rexistro de Augas do correspondente organismo de bacía.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
- Fase de solicitude
- Certificación en fase de solicitude (Anexo II)
- Solicitude (Anexo I)
Prazo de resolución:
Catro meses
Sentido do silencio:
Negativo
- Fase de xustificación
- Declaracións de gastos e outras axudas en fase de xustificación (Anexo III)
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2023).
-
Extracto da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG nº 11 do 17 de xaneiro de 2023).
-
Orde do 9 de outubro de 2023 pola que se modifica o artigo 15 da Orde do 29 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2023, en réxime de concorrencia competitiva, dentro do Plan específico de acción comunitaria destinado a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños de Galicia, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia (DOG nº 195 do 13 de outubro de 2023).
-
Outros procedementos relacionados
Inscrición no rexistro de plans de autoprotección da Comunidade Autónoma de Galicia.
Aberto todo o ano
Axudas relativas aos compromisos forestais de xestión de servizos ecosistémicos.
Prazo pechado: 18/01/2025 00:00 - 17/02/2025 23:59
Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva a concellos.
Prazo pechado: 07/02/2025 00:00 - 06/03/2025 23:59
Fondo de compensación ambiental. Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva a concellos asociados ou agrupados.
Prazo pechado: 07/02/2025 00:00 - 06/03/2025 23:59