Guía de procedementos e servizos

PR486F

Subvencións a concellos para a adquisición de vehículos e maquinaria destinada a actuacións de prevención de incendios forestais.

Procedemento dirixido a: Entidades locais

Convocatoria 2026 - Prazo pechado: 16/06/2026 00:00 - 15/07/2026 23:59

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Sobre o procedemento

A concesión de subvencións para a adquisición de maquinaria, vehículos lixeiros e especiais e as súas adaptacións destinados ás brigadas de protección do ambiente e do espazo natural para a execución de tarefas específicas de prevención de incendios forestais:

a) Vehículos e as súas adaptacións para mantemento e limpeza preventiva dos contornos de vías e camiños municipais

b) Maquinaria forestal lixeira eléctrica

c) Vehículos complementarios para as tarefas forestais de prevención e as súas adaptacións

Concellos de Galicia

Xunta de Galicia

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

Dirección Xeral de Administración Local

Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais

Servizo de Xestión e Cooperación Económica

R/ Madrid 2-4, 2º andar - As Fontiñas

15897  Santiago de Compostela  (Coruña, A)

Teléfono: 981546579

Email: administracionlocal@xunta.gal

Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais
Requisitos e documentación

Prazo de presentación: PECHADO

16/06/2026 00:00 - 15/07/2026 23:59

 O prazo de presentación de solicitudes será dun(1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2024 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude. Xa que logo, se o órgano tramitador observa que un concello ten presentadas dúas ou máis solicitudes, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, entenderase que desiste da presentada en primeiro lugar.

b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto. Para os efectos desta orde, considerarase proxecto a solicitude integrada por unha ou varias unidades de vehículos, das súas adaptacións e/ou de maquinaria, do mesmo ou de distintos tipos ou modelos, elixibles conforme a presente orde, destinadas á execución de actuacións de prevención de incendios no seu termo municipal, que se presenta mediante unha única solicitude e que constitúe a unidade básica de avaliación, concesión, execución e xustificación da subvención, para as cales se solicita subvención e que veñen definidas na correspondente memoria detallada e valorada.

c) O orzamento elixible total do proxecto non poderá ser inferior a 15.000,00 € (IVE incluído).

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para os investimentos que se pretenden realizar ao abeiro desta orde e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.

3. Constituirá causa de inadmisión da solicitude o incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Solicitudes

1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, acompañada da documentación que se establece no artigo 6 desta orde.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

5. Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante do concello solicitante para facer constar que:

a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c) Que o concello asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito da xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.

d) Que o investimento non está iniciado na data de presentación desta solicitude de subvención.

e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.

f) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións.

Documentación complementaria

Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:

1. Declaración responsable, asinada electronicamente pola persoa representante do concello, do cumprimento do principio DNSH, segundo o modelo establecido no anexo II.

2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a) O acordo do órgano competente do concello polo cal se solicita a subvención para os investimentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.

b) A remisión da conta xeral do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.

No certificado quedará acreditado que esta remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.

c) Que, segundo informe da intervención municipal, o proxecto imputarase ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

3. Memoria detallada e valorada do equipamento que se vai adquirir, asinado electronicamente pola persoa representante da entidade local e/ou por persoa con competencia técnica, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado e desagregado, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.

4. Memoria técnica, asinada electronicamente por persoa con competencia técnica, que acredite a relación dos equipamentos propostos coas actuacións de prevención de incendios forestais no termo municipal. A memoria describirá, de forma clara e suficiente, os vehículos, as súas adaptacións e a maquinaria e os seus accesorios, o destino previsto e a forma de emprego. Constitúe un requisito de elixibilidade do proxecto e servirá como base para a avaliación conforme os criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.

Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Trámites administrativos posteriores 

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Despois de presentar

Prazo de resolución:

Tres meses

Sentido do silencio:

Negativo

Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"

Normativa
  • Ámbito Autonómico
    • Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 110 do 15 de xuño de 2026).

    • Extracto da Orde do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas a concellos de Galicia para a adquisición de vehículos, as súas adaptacións e maquinaria vinculada a actuacións de prevención de incendios forestais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 110 do 15 de xuño de 2026).

Descargar o contido desta ficha en formato PDF

Outros procedementos relacionados

IN229A

Declaración de concello emprendedor.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT200A

Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano

MT811A

Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.

Tramitar en liña

Prazo aberto: 04/12/2025 00:00 - 11/09/2026 23:59

PR402A

Declaración urxente de ocupación de bens de expropiación.

Tramitar en liña

Aberto todo o ano