Guía de procedementos e servizos
Ir á sección pai
Detalle procedemento
PR486D
Subvencións a concellos para a mellora da eficiencia enerxética nos edificios e infraestruturas municipais.
Procedemento dirixido a: Entidades locais
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
O establecemento das bases reguladoras e a convocatoria de subvencións, de carácter plurianual (2025-2026) e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
Concellos de Galicia.
Xunta de Galicia
Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes
Dirección Xeral de Administración Local
Rúa Madrid, nº 2-4, 2º andar
15781 Santiago de Compostela (Coruña, A)
Teléfono: 981546579
Email: administracionlocal@xunta.gal
Prazo de presentación: PECHADO
14/02/2025 00:00 - 13/03/2025 23:59
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que reúnan os seguintes requisitos:
a) Ter unha poboación igual ou inferior a 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes publicadas polo Instituto Galego de Estatística.
b) Ter remitida a conta xeral do concello correspondente ao exercicio orzamentario de 2023 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.
2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Cada concello poderá presentar unha única solicitude. Xa que logo, se o órgano tramitador observa que un concello ten presentadas dúas ou máis solicitudes, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.
De non se ter recibido a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, entenderase que desiste da presentada en primeiro lugar.
b) Cada solicitude corresponderase cun único proxecto, aínda que nel se poderá incluír máis dunha actuación. Para os efectos desta orde, considerarase proxecto aquela actuación ou conxunto de actuacións, susceptibles de definición individualizada, para as cales se solicita subvención e que veñen definidas no correspondente documento técnico (anteproxecto, proxecto ou memoria valorada).
O orzamento elixible total da solicitude será o resultado da suma dos orzamentos parciais das actuacións que o integran, incluído o imposto sobre o valor engadido (IVE) cando sexa subvencionable.
c) O orzamento elixible total do proxecto non poderá ser inferior a 60.000,00 € nin superior a 150.000,00 €.
d) A entidade solicitante terá a plena dispoñibilidade sobre os terreos ou predios en que se pretende realizar as actuacións antes do remate do prazo de presentación de solicitudes. Este requisito acreditarase mediante a certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.
Para os efectos desta orde, entenderase que existe plena dispoñibilidade cando as actuacións para as cales se solicita subvención non estean pendentes de ningunha autorización ou licenza urbanística ou sectorial tanto municipal como por parte doutros organismos ou administracións públicas en materia de dominio público hidráulico, patrimonio cultural ou estradas, entre outras, ben por dispoñer dela ou por non ser preceptiva.
e) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III.
3. Constituirá causa de inadmisión da solicitude o incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.
Solicitudes.
1. Os concellos que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán unha solicitude dirixida á Dirección Xeral de Administración Local, segundo o modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras, xunto coa documentación que se establece no artigo 6 desta orde.
2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
4. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
5. Están incluídas no anexo I desta orde as declaracións da persoa representante do concello solicitante para facer constar que:
a) O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.
b) Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.
Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que o concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nin é debedor por resolución de procedemento de reintegro.
c) Que o concello asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito da xestión e a obriga de comunicar ao órgano xestor calquera caso de sospeita de fraude.
d) Que o investimento non está iniciado na data de presentación desta solicitude de subvención.
e) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso.
f) Que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións, así como a normativa vixente sobre accesibilidade de persoas con discapacidade.
Documentación complementaria.
Os concellos interesados deberán achegar co anexo I de solicitude, debidamente cuberto, a seguinte documentación:
1. Declaración responsable, asinada electronicamente pola persoa representante do concello, do cumprimento do principio DNSH, segundo o modelo establecido no anexo II.
2. Certificación emitida e asinada electronicamente pola persoa secretaria do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:
a) O acordo do órgano competente do concello polo cal se solicita a subvención para as obras concretas que se pretenden executar ao abeiro desta orde e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.
Este acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e nel constará expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde.
b) A remisión da conta xeral do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondente ao exercicio orzamentario de 2023, á cal fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde.
No certificado quedará acreditado que esta remisión se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de envío ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar esta data de remisión.
c) A plena dispoñibilidade do concello sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa ten a dispoñibilidade sobre eles, nos termos establecidos no segundo parágrafo do artigo 3.2.d) desta orde.
d) Que, segundo informe da intervención municipal, o proxecto imputarase ao capítulo 6 do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.
3. Proxecto ou memoria valorada da obra que se vai realizar, asinado electronicamente polo técnico ou pola técnica que o redacte, co seguinte contido mínimo:
– Memoria explicativa.
– Orzamento detallado, desagregado a nivel de partida, con indicación das unidades e prezos de cada unha. En ningún caso se admitirán orzamentos a tanto global.
– Calendario de execución do proxecto e distribución do orzamento por anualidades.
– Planos a escala e detalle suficientes para describir as actuacións.
– Planos do Sixpac que indiquen as coordenadas UTM de cada unha das actuacións que integran a solicitude.
4. Memoria técnica na que se consignen os datos e se xustifique a mellora da eficiencia enerxética para conseguir coa execución do proxecto, con relación aos indicadores consignados no anexo II do certificado enerxético do edificio (cualificación enerxética), para os efectos de establecer a súa elixibilidade e, de ser o caso, a súa valoración conforme os criterios establecidos no artigo 11 destas bases reguladoras.
5. Auditoría enerxética do edificio ou infraestrutura co seguinte contido mínimo:
– Recompilación de información básica e descrición do estado actual do edificio.
– Estudo dos datos e diagnóstico sobre consumo enerxético real e parámetros de maior incidencia.
– Análise de mellora enerxética e económica. Proposta de posibles medidas de mellora para implantar e xustificación das solucións escollidas.
– Certificación enerxética actual e a prevista coas medidas de mellora que se pretendan implantar.
Cada actuación debe constar desagregada no anexo III (Recomendacións para a mellora da eficiencia enerxética) da certificación enerxética do edificio que, á súa vez, incorporará o respectivo Informe descritivo da medida de mellora, incluída a análise técnica da actuación e demais datos que sustenten a certificación enerxética prevista despois da reforma.
Forma de presentación da documentación complementaria para a tramitación do procedemento.
1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas achega a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
2. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia dun documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento en cuestión ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Prazo de resolución:
Tres meses
Sentido do silencio:
Negativo
Unha vez presentado este trámite pode consultar o seu expediente en "A miña sede"
-
Ámbito Autonómico
-
Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual (2025-2026) e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2025).
-
Extracto da Orde do 27 de xaneiro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións, de carácter plurianual (2025-2026) e en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (DOG nº 30 do 13 de febreiro de 2025).
-
Outros procedementos relacionados
Declaración de concello emprendedor.
Aberto todo o ano
Colaboración entre a Xunta de Galicia e as corporacións locais para a realización de obras con cargo ao financiamento extraordinario para o plan HURBE.
Aberto todo o ano
Axudas para actuacións encamiñadas á protección dos animais de compañía abandonados en Galicia destinadas ás entidades locais.
Prazo aberto: 22/01/2025 00:00 - 12/09/2025 23:59
Axudas a entidades locais de Galicia para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en espazos urbanos e periurbanos.
Prazo aberto: 25/02/2025 12:00 - 31/03/2025 23:59